Con alegría leo hoxe en La Voz de Galicia que temos dous grandes apoios na causa ‘bueno é galego’ (1357 membros xa): por un lado a poeta e presentadora Yolanda Castaño e por outro o programa ‘Cifras e Letras’ da TVG no seu conxunto. Sabémolo grazas a unha entrevista do xornalista Nacho Mirás a YC, onde di o seguinte:
-[...] «Bueno» é galego?
-No programa temos unha plataforma para reivindicalo. O noso guieiro espiritual é o defunto Manuel María, que dicía «bueno»; iso si, con «e» aberto [ri].
Tooooma castaña! Cada día un pasiño máis cara á oficialización do bueno! E cada día con apoios máis relevantes! Arrrrrriba o bueno e abaixo o repugnantismo! A vitoria está máis próxima!
A raíz da eliminación da publicidade en TVE, o presidente da Xunta di que se vai “estudar” retirala tamén na TVG. Creo que non debería facerse. Ou desde logo non debería retirarse toda a publicidade. Na miña opinión, non se debería eliminar en ningún caso a publicidade que temos en galego nos medios de comunicación públicos.
Se finalmente se leva a cabo a retirada dos anuncios en TVE, tamén desaparecerán os ’spots’ en galego que emitía a canle estatal a través da súa desconexión para Galicia. E se se quitasen tamén na TVG, a publicidade audiovisual en galego sería completamente residual. Unicamente podería haber algún anuncio en Antena 3 para Galicia e pouco máis.
Na Radio Galega, anos atrás retiraran a publicidade en galego pero logo decidiron volver poñela “por servizo público”… para que a xente se acostumase a escoitar anuncios no noso idioma. Non se fixo por diñeiro (seica os ingresos polas cuñas radiofónicas non son estratosféricos); fíxose como unha maneira de promover o galego, principal motivo polo que se creou a CRTVG.
No caso da tele, os anuncios en galego tamén desempeñan un “servizo público” que non asumen outras canles. As canles autonómicas privadas de televisión (concedidas a ‘La Voz’ e á ‘Cope‘) aínda non empezaron a traballar e aínda que por lei teñen que emitir unha serie de horas en galego, moito me temo que o tempo de publicidade escaparía a esas cotas.
Por ese motivo, creo que estaría ben que se reducise a publicidade na TVG, pero tamén considero que no panorama actual debería de manterse toda aquela que estea en galego. É outro factor máis de normalización.
Hoxe traio tres polémicas para debater, e todas de rabiosa actualidade (bueno, todas menos a última). Arf, arf!
Polémica A)
‘Vieiros’ entrevista a Feijoo e transcribe a conversa poñendo “Galiza” en vez “Galicia” e “compatíbel” como “compatible”
É iso lexítimo? Eu creo que non. Entendo que todo medio de comunicación ten que ter un libro de estilo e mesmo que lles dea prioridade a unhas formas sobre outras para darlles unha unidade aos seus escritos. Ata aí todo OK. O que non me parece ben é que, se un entrevistado emprega unha fórmula totalmente válida en galego RAG, os que transcriban esa conversa muden esa palabra por outra igualmente válida. Se eu digo “accesible”, non quero que poñan na miña boca “accesíbel”, se eu non o digo. Eu non uso a forma “Galiza”, pero tampouco me gustaría que a alguén lle transcribisen “Galicia” cando di “Galiza”, que quede claro. Creo que debe predominar o respecto ao entrevistado cando hai dúas formas válidas. Unha cousa é o que faga o medio e outra cousa o que fagan as persoas que aparecen nel.
Creo que non debería facelo. Era mellor que empregase subtítulos, sen dúbida ningunha.Igual que fan as televisións portuguesas cando entrevistan persoas que falan galego. As legendas axudan a comprender e non distorsionan o discurso. Pero tamén hai que dicir que, contrariamente ao que moitos pensan, a maioría da poboación galega ou non sabe ou non ten por que saber exactamente e ao 100% o que di alguén que fala en portugués. De aí que, ao meu entender, se deba recorrer aos subtítulos nas partes que poidan dar máis problemas de comprensión para un galegofalante medio. Estou profundamente en desacordo co mito de que os galegos e os portugueses se entenden perfectamente os uns cos outros. Non debería ser así, pero é o que hai. Por outro lado, hei de dicir que tampouco estou totalmente en contra da dobraxe do portugués. Nunha noticia serviría un subtítulo, claro, pero se a TVG se decidise, poñamos o caso, programar unha telenovela brasileira en horario de tarde sería esixible que a dobrase, igual que dobra as telenovelas suramericanas.
Sen coñecer moito da polémica, salvo o que conta o PGL, e deixando por diante que non aprobo supostas censuras sobre certas partes do libro, entendo perfectamente que un organismo galego se encargue de traducir ao galego unha obra gañadora dun certame, sexa en portugués, en castelán, en catalán ou en eslovaco. As estatísticas din que arredor do 80% da poboación sabe ler en galego e que algo máis do 50% sabe escribilo correctamente. Alguén pode imaxinar cales son as destrezas dos galegos á hora de ler e escribir en portugués? Evidentemente, ben, ben menores. E digo máis. Son un namorado da lingua portuguesa, e de feito fáloa sempre que podo, pero teño que recoñecer que ás veces ata a min, afeito como estou ao reintegrata, me parece ata cansativo ler textos escritos en portugués. Mesmo eu teño que facer un esforzo, que fago gratamente, pero non por iso deixo de facelo…. Imaxinen agora cantos galegos poden verse motivados cun texto en portugués.
Que mellor para constatar a galeguidade do ‘bueno’ que un programa de televisión dedicado integramente a divulgar a lingua galega? Velaquí unha adaptación do programa ‘Cazador de Palabras’, acabado de estrear na TVG. Como ía faltar o ‘bueno’ na boca de presentador e convidados!? Convénzanse, señores. Non hai volta atrás. Bueno é galego. Legalización xa!
A falsa retirada de Gayoso do Luar, espallada pola rede coma a pólvora, fixo que papase por primeira vez en moito tempo boa parte do programa estelar dos venres na TVG. E iso conseguiu tamén que reparase na participación dos dous portugueses colaboradores máis ou menos fixos do espazo: o mago Luís de Matos e a apresentadoraSónia Araújo.
Debo de dicir de antemán que sempre me pareceu un acerto que a TVG convidase unha estrela portuguesa da televisión, como é Sónia, para que fixese de condutora dun programa en Galicia. Iso que quede por diante. O que xa non me parece tan ben é que a Sónia non fixese un esforzo por falar en galego no tempo que estivo aquí (leva case dous anos traballando para a Galega). Se fose unha colaboración esporádica, entenderíao… Non vería motivos para que presentase en portugués. Pero creo tamén que, pasado un tempo, non estaría mal que a rapariga se adaptase um bocadinho á lingua dos telespectadores, á lingua da cadea para a que traballa.
Porque… Imaxinades un presentador galego falando en galego durante un tempo prolongado nunha televisión portuguesa ou brasileira ou de calquera país lusófono? A que non? A que ese presentador, antes ou despois, acabaría facendo un esforciño (que a Sónia parece que non fai) por adaptarse á maneira de falar da súa audiencia? O galego é logo menos idioma ca o portugués e non merece tal esforzo? Deixando claro que o portugués debe de ser para nós unha lingua estranxeira especial (diso que non caiba dúbida), entenderiamos unha Sónia Araújo á española, á francesa, á inglesa ou á italiana? É dicir, aceptariamos unha presentadora, por exemplo, que falase en español e que non fixese o esforzo de aprender galego?
No polo oposto de Sónia está o seu compatriota Luis de Matos. O mago comezou a súa andaina na TVG cometendo un dos erros máis comúns entre os portugueses. Pasar directamente ao castelán diante de interlocutores galegos. Por aí ía mal, francamente. Menos mal que corrixiu esa tendencia e no programa que vin o venres si que se lle notaba un esforzo por falar galego, con palabras galegas, con fonética galega… mellor ou peor… pero polo menos había vontade, ou iso notei eu.
En fin, oxalá que a Sónia siga o exemplo e tamén se anime a soltarse no noso idioma. Máis que nada para dar a entender que o galego é unha lingua que merece ser aprendida tamén para os que falan portugués, e non só sempre á inversa.
Non. Hoxe non lle vou dar caña ao señor Martinho Monte(i)ro Santalha, presidente da Academia Galega da Língua Portuguesa, polo seu xeito de falar. Empezaría a ser repetitivo se digo que o máximo representante dos reintegratas non sabe falar en reintegrata (na súa entrevista na TVG, empregou palabras tan pouco reintegratas como “denominación”, “dicir”, “dificultades”, “cambios, “gracias”, “presión”, “dice”… ata dixo “academia” en vez de “academía” algunha vez).
Si que me gustaría destacar, pola contra, algunhas das cousas que dixo nos algo máis de 10 minutos que lle dedicaron, cousas que ao meu entender entran algo en contradición co ideario reintegracionista.
Sobre todo dúas:
1) Cando lle preguntan os xornalistas pola fonética, o presidente da AGLP asegura que a nivel fonético “non hai que cambiar tanto porque en xeral é bastante correcta”. Isto é ben oposto ao que se nos vendeu ultimamente: penso sobre todo na cuestión do “yeísmo”, pecado mortal para algúns reintegratas, ou no seseo, cuestión que o reintegracionismo segue sen resolver (aínda que polo uso do ceceo do señor Monte(i)ro é de entender que podemos continuar ceceando libremente). Pero quedemos co importante: a fonética dos galegos é “bastante correcta”. Recálcoo para que nos nos colla nada de sorpresa cando a súa academia comece a establecer normas, que as acabará establecendo (ou iso se supón, vaia). Recordemos que non é a mesma fonética tampouco a dun reintegrata de nivel 7 da escala de alema que o dun de nivel 9 ou 10…
2) Cando lle preguntan os xornalistas a Monte(i)ro por se poden xerar confusión os cambios ortográficos, vén a resposta que máis me chamou a atención. Di o presidente da AGLP que os cambios que houbo na normativa (da RAG, sobreenténdese) non foron para tanto, e que se “esaxera” cando se di que foron moitos. Pois isto tampouco é o que nos di o reintegracionismo. A mensaxe que se reiterou nos últimos tempos é que a normativa da RAG é unha trapallada suxeita a moitas alteracións. En que quedamos? Aí o señor Monte(i)ro máis ben parecía un académico da RAG e non da AGLP.
Polo demais, máis do mesmo… poucas novidades nunha entrevista que culminou con Monte(i)ro recoñecendo que as autoridades políticas do noso país (neste caso, a Dirección Xeral de Política Lingüística) teñen que cumprir “as leis”. Non sei se entender logo que o señor Monte(i)ro comprende que as institucións públicas galegas acatan a lei cando non outorgan subvencións, por exemplo, a medios ou entidades que non empregan a norma ILG-RAG… É certo. E agora que o penso… Por que non haberá ningún grupo político que defenda no Parlamento a admisión dunha normativa diferente á oficial? Se a cousa fose tan “vital” para o noso idioma, por que ninguén lle botou valentía e presentou unha iniciativa no Parlamento?
Mira que me gustou un dos episodios que repuxeron onte na TVG de ‘Air Galicia‘. O fío condutor era unha suposta independencia de Galicia e a súa adhesión ao “Imperio” (así dicían eles) portugués. Ao final do capítulo, as augas volvían ao rego, pero vaia… a min o que máis simpático me pareceu foi este anaco.
Se o outro día me declarei fan de Projecto Mourente, hoxe preséntome ante vós como incondicional de Isi, que está estupendo facendo de muller (e de home tamén). Simplemente soberbio! (como é que non ten páxina web? eu non a dei encontrado, vaia).
Fixádevos que o sketch primeiro recorre a un dos falsos amigos do portugués: a palabra “espantoso”, con significados tan distintos a un e ao outro lado da fronteira. No segundo sketch unha das señoras que ve a tele di: “e agora que falan en portugués xa non sei nin o que din”. Síntoma de que non hai intelixibilidade mutua?
Os actores todos están moi ben imitando o sotaque portugués… pero tamén deixan en evidencia o dificilísimo que é articular con ese acento tan marabilloso que teñen alá baixo. Éche tan difícil ser galego e facerte pasar por portugués!
aita: hai alguén aquí? teño unha dúbida: cando se usa 'ó' e cando 'ao'
magnummare: ... un que funcione, porque xa vexo que o teu no vai moi ben... XD XD
magnummare: Señor alema!! com introduciu iso que ten ai de "este blog en portugues automatico"? grasias de antebraso!!
Yuji: Obrigado Aloquete. Vou colocar na minha lista pra quando pedir livros galegos! Ah sim, e achei um artigo seu sobre literatura galega em Portugal, [...]
Aloquete: Yuji, um romance magnífico é PAPAVENTOS, de Xavier Queipo. Cosmopolita, mas galego de cima a baixo.