Hoxe quedei cunha amiga miña superpija e supercastelanfalante ela coa que me reúno para tomar café un par de veces ao ano ou así. É polo xeral unha tipa bastante tolerante dentro do seu círculo, pero esta tarde sorprendeume -e moito- cando abordamos a cuestión da enquisa esa que lles están facendo aos pais co tema do galego, do castelán, etc. etc. Bueno. O caso é que, cando me contou a súa postura ao respecto, quedei bastante flipado coa defensa que fai do galego, ela que rara vez a escoitei pronunciar unha simple frase no meu idioma materno. Deixoume ler o cuestionario que estes días vai entregar no colexio e sorprendeume tanto, que lle pedín que me deixase publicalo. Pois aquí está. Isto é o que puxo no apartado “observacións”:
“Aprender es enriquecer. Las lenguas se aprenden hablándolas. Creo que la utilización de las lenguas tiene que hacerse de una manera ecuánime, utilizándose en este caso en un 50% para cada una de ellas. Y lo más importante: creo que lo adecuado es que los niños aprendan el galego como una lengua nuestra, no como extranjera. Todo cabe en el saco. No utilicemos la lengua para hacer política y sí para entendernos.“
A miña amiga, a diferenza de min, aprendeu o galego como unha lingua estranxeira e non quere que ao seu fillo lle aconteza o mesmo. Eu creo que, por veces, sente que lle gustaría ter a fluidez en galego para falar con xente coma min, que nunca nos pasamos ao castelán con persoas galegas. O seu fillo é afortunado. Polo menos súa nai é consciente de que a el tamén lle pode pasar o mesmo. Oxalá moitas nais e moitos pais castelanfalantes o teñan presente cando cubran o famoso formulario.
Sen querer facer moito sangue, porque son plenamente consciente de que se cocen cousas realmente máis importantes e porque algúns dos interfectos son colegas e tal, só quería facer algúns pequenos apuntamentos:
- A gran maioría dos novos directivos da AGAL son neo-falantes, educados en castelán internacional da Galiza, que tras tomar contacto coa lingua propia do país, e xeralmente tras pasar por Santiago -berce do reintegracionismo- decidiron pasar ao nh. Algún día habería que facer un estudo do carácter compostelán do reintegracionismo (por que non haberá reintegratas en Tui, na Guarda, en Vigo,… xustamente nos lugares onde máis próximo está o portugués?).
- A gran maioría dos novos directivos da AGAL, como xa dixen, son firmes partidarios da AGLP, a academia que promove que o galego é unha variedade dialectal do portugués, a academia que acabará por fagocitar a AGAL, cuxa normativa -om style está en horas baixas entre os reintegratas. Cómpre recordar que o novo presidente da AGAL, o profe de portugués Valentim R. Fagim, é académico-fundador da AGLP.
- A gran maioría dos novos directivos da AGAL teñen pirola, constatando outra das máximas do reintegracionismo: “poucas tías, non?”. O reintegracionismo, meus amigos, adoita ser, coma o brandy Soberano, “cosa de hombres“.
Con respecto ao tema do día Do Orgullo Lusista e Reintegrata, do que xa hai vídeos, só unhas cantas cousas (aínda que con certo atraso):
- Suso Sanmartim, o presentador do evento, fala galego coma os locutores da TVG
- Quico Cadaval non tivo o que hai que ter para falar galego reintegrata con gheada cando traballou na tele portuguesa. :D (Saberá o Quico que moitos reinteghratas reneghan da gheada posto que é un fenómeno castelanizador para eles?)
- Francamente, esperaba algo máis de Comba Campoy. Demasiado calada. Non foi posible avaliar o seu nível de reintegrata
Ah! Para terminar, e aproveitando o terrible formulario que a Consellería de Educación vai distribuír polos colexios para coñecer as preferencias lingüísticas dos pais, e dado que seguimos sen estatísticas fiables sobre os reintegratas, propoño unha cousa: que todos os reintegratas se poñan de acordo e escriban no apartado “observacións”:
QUERO QUE O MEU FILHO / A MINHA FILHA SEJA REINTEGRATA!
Unha vez comprobado que as autoridades académicas portuguesas non inclúen o ensino do galego nos plans de estudo da carreira equivalente a Filoloxía Portuguesa, fago unha visita virtual por algúns dos campus universitarios españois onde tamén se imparte esta titulación… E sorpresa! A diferenza do que acontece en Portugal, o galego si que aparece como materia de estudo no Reino de España, ese reino tan billy-pendiado polos reintegracionistas e do que os reintegratas -recordan eles mesmos continuamente- son súbditos.
Na Universidade de Estremadura, o galego está presente en dúas materias de primeiro e segundo curso. Na Universidade de Salamanca, tamén hai disciplinas exclusivas de galego: en segundo curso (lingua) e en terceiro (literatura). Todo isto contrasta, volvo insistir, coa ausencia case total das “falas galegas” que hai nos estudos da Licenciatura em Estudos Portugueses e Lusófonos que se imparte nas universidades dos nosos veciños de abaixo.
Pero hai outro aspecto que me deixou perplexo [lido "perplekso"] nesta investigación. Na Universidade de Barcelona hai dous títulos de segundo ciclo, separados. Un é Filoloxía Galega e outro é Filoloxía Portuguesa… E o máis curioso de todo é que en Filoloxía Galega non se estuda nada de portugués, e en Filoloxía Portuguesa non se aprende nada de galego. É dicir, esta universidade catalá marca aínda máis as distancias entre un idioma e outro. E estamos falando de Cataluña, onde lles sabe mal que lle chamen ao valenciano unha lingua diferente do catalán.
Un dos aspectos onde se demostra máis claramente a falta total de interese polo galego na lusofonía en xeral e de Portugal en particular vén do sistema educativo e, máis concretamente, da Universidade. Un desprezo que, por outra parte, contrasta cos achegamentos que dá o chamado “isolacionismo” coa aprendizaxe do portugués, a pesar das proclamas que algúns se encargan de espallar. E para iso só hai que comparar dúas variables:
1) O galego que estudan os futuros filólogos portugueses
2) O portugués que estudan os futuros filólogos galegos
Atendan ben a este artigo, meus queridos amigos reintegratas e simpatizantes, porque se cadra van quedar de pedra… tanto ou máis como quedei eu.
Empecemos a responder a primeira cuestión. Que estudan os que fan o equivalente a Filoloxía Portuguesa en Portugal? Acudimos á web da Universidade do Porto para consultarmos o programa de estudos da chamadaLicenciatura em Estudos Portugueses e Lusófonos e comprobamos que non existe nin unha soa materia, nin unha soa, dedicada en exclusiva ao estudo do galego (ou do dialecto galego, como lle chamarían algúns). Nada. É máis: os alumnos desa facultade teñen como obrigatoria unha materia de Literatura Angolana(6 créditos), pero non existe nin sequera a posibilidade de ter como optativa unha triste áula de literatura galega.
Vendo o programa de estudos, demóstrase que se lles dá máis importancia por exemplo ás Literaturas Orais e Marginais (12 créditos), onde se analizan, iso si, os graffiti, ese tema que dominan tan ben algúns reintegracionistas galegos. Cabería pensar que no interior dalgunha materia si se trata o tema galego, pero non… En ningunha disciplina se inclúe o galego como unha variedade do portugués. En ningunha. Unicamente se trata a cuestión galega e, de pasada, cando se estuda Literatura Portuguesa Medieval (o de Galego-Portuguesa non aparece nin sequera no título da materia). Da Idade Media para adiante non existe nin a nosa literatura nin a nosa lingua. Nada de nada. Un escándalo que, por certo, se repite noutras universidades portuguesas.
Moi ben… Comparemos isto agora co portugués que estudan os alumnos da Facultade de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela, carreira tan denostada polos reintegracionistas. O programa déixao ben clariño. No primeiro curso, hai que facer obrigatoriamente 12 créditos de Lingua Portuguesa, e no segundo curso, outros 12 créditos obrigatorios de Introdución á Literatura Portuguesa. Como optativa, hai tamén a opción de estudar Lingüística Contrastiva Galego-Portuguesa.
Aí o tedes. Queda clara unha vez máis que o interese entre o galego e a “lusofonía” non é recíproco, nin de lonxe. A canción volve repetirse, coma noutros moitos ámbitos. Os galegos, como non pode ser doutro xeito, interesándose e afondando na lingua irmá. E os portugueses, como queda patente, ignorando case completamente todo o que ten que ver co galego. Esa é parte da realidade que seguro que moitos non queren afrontar.
Leo por aí que a Generalitat de Catalunya vai lanzar unha campaña destinada aos catalanfalantes para que non pasen ao castelán se o seu interlocutor se dirixe a eles en español internacional de España e variantes. E home, salvando as distancias que temos con Cataluña, pregúntome que carallo custará aplicar o sentido común…
Explícome… Eu son galegofalante 24 horas. Falo sempre galego con todo o mundo, mesmo con estranxeiros e inmigrantes, veñan de Cymru, Suramérica ou Romanía… ata falo galego cos chineses dos bazares. E cando o meu interlocutor non presenta sinais de dificultade para entender, non hai problema. Eu sigo falando galego e o outro continúa falando castelán. E todos contentos.
Ora ben, cando vexo que o meu interlocutor non entende, polas razóns que sexan, o que lle estou dicindo, mudo ao español internacional de España. E dáme igual queimarme no inferno. Eu creo que é un sinal de verdadeira boa educación aquí e en Pequín/Beixín/Beijing. Se eu podo falar castelán, por que non o vou facer se o meu interlocutor me dá mostras de que non entende? O mesmo acontecería cun francés ou cun inglés que me viñese preguntando información turística. Cambio de lingua e punto. Sen complexos. Por que co castelán había ser distinto, se tamén o sei falar?
Os nosos amigos portugueses para iso sen exemplares… ás veces demasiado exemplares. Cantas veces en Portugal pasan ao castelán mesmo cando lles falas en portugués (non en galego) mesmo intentando imitar o seu acento, por outra parte tan difícil de copiar! Ti queres ser fixe con eles, e eles empezan a falar deseguido en portunhol… A min faime moita coña, sobre todo, cando traducen o artigo “o” por “lo” (en vez de dicir “el coche” din “lo coche” , por exemplo).
Eles devecen por facerse entender. E non comprendo por que nós non habemos facer o mesmo. Ou é que eles tamén son vítimas do españolismo? E iso por non falarmos do nivel de inglés que teñen os cabritos, en boa medida grazas aos programas de televisión que ven en versión orixinal. É curioso pero eles non teñen a vergonza que adoita haber neste lado da fronteira á hora de falar idiomas estranxeiros. Alá non hai medo ao ridículo. Como ten que ser!
Ah! E unha cousa non quita a outra. O feito de que sexa partidario de cambiar de idioma cada vez que alguén non me entende non implica que non crea necesario reivindicar os meus dereitos lingüísticos. Considero que empresas e institucións teñen que garantirme que eu poida facer a miña vida normal no meu idioma, neste caso, o galego internacional de Galicia.
Xa sabedes que non son reintegracionista pero estou de acordo con eles nunha cousa: é absolutamente vergonzoso o espazo que ocupa a lingua portuguesa na educación en Galicia. Non é normal que outras comunidades, como a Estremadura española, lle dediquen máis esforzos ao achegamento á lingua portuguesa ca nós, sendo como somos fillos dunha mesma nai (lingüística). Con todo, hai outra materia que queda pendente e que se deberá resolver con urxencia: a esixencia de que os rapaces saian da ESO sabendo falar con fluidez o idioma o galego, non só memorizando unha serie de regras gramaticais que esquecen aos dous días.
A falta de destrezas en galego oral chega por veces a ser alarmante nos núcleos urbanos, con rapaces que falan sen colocar un pronome con xeito, sen pronunciar ben os fonemas propios do galego, sen distinguir entre vogais abertas e pechadas,… As patadas á lingua son tan fortes entre algúns mozos que conviría preguntarse que criterios tivo o profesorado para darlles o aprobado.
Falta esixencia co galego oral, ao meu entender. Se a administración non obriga os profesores a avaliar en serio a lingua falada dos rapaces, simplemente imos aviados. Porque o galego corre o risco de converterse nunha lingua estranxeira dentro da súa propia terra. É dicir, cada vez son máis os mozos que aprenden o galego coma o inglés ou o francés… e iso non se debería de permitir baixo ningún concepto.
Do mesmo xeito que tampouco é aceptable o pouco portugués que se ensina en Galicia. É unha auténtica aberración, ao meu entender. Como é posible que Estremadura sexa a comunidade que concentra o 70% dos estudantes de portugués en España? Esa porcentaxe debería ostentala Galicia e non Estremadura.
No noso país, igual que alá, o portugués dáse como lingua estranxeira, cando a ninguén se lle escapa que aquí é algo máis ca unha lingua estranxeira. E iso por non falarmos do grao de implicación do goberno estremeño, que se traduciu nunha chea de iniciativas (axudas, cursos, materiais didácticos,…).
Bueno, sexa como for, o que está claro é que os rapaces non poden terminar os seus estudos obrigatorios sen coñecer polo menos as cousas máis básicas do que se fala alén do Miño (e máis alá).
Non sei ben cal sería a fórmula correcta para solucionar este déficit de portugués nas escolas, pero se cadra poderían incluírse as ensinanzas de portugués dentro da materia de lingua galega (para mostrar o que pervive da nosa orixe común e o que nos distingue na actualidade), aínda que tampouco sería descartable crear unha materia obrigatoria de portugués… por que non? Non o sei. O que si que sei é que, tal e como están as cousas agora mesmo, estamos nunha situación intolerable.
Como intolerable me parece tamén que algúns profesores de galego lles ensinen aos cativos normativas do galego distintas á da ILG-RAG. Sinceramente, creo que non lles achega nada aos rapaces salvo confusión. É máis: tamén opino que esas actitudes mesmo deberían de ser sancionadas. Galicia necesita máis portugués, estamos de acordo, pero non por esa vía.
A long, long time ago, cando me examinei de galego oral na escola de idiomas, mandáronme ler unha poesía para controlar o meu nivel de conversa e cando por fin terminei, collen e pregúntanme: “A ver… Que é a malla?”. E eu, tan pouco rural, xa me coñecedes, o único que conseguín dicir foi: “É que non teño nin idea do que me está falando… Non podiamos conversar arredor doutro tema?”. Felizmente, a profe, que se vía bastante enrollada, así o fixo e permitiume demostrar o meu dominio de abertas e pechadas por medios máis urbanitas.
O malo é que, pelos vistos, esta técnica parece que non mudou co paso do tempo e, polo que me contan os usuarios de alema.org, a práctica de ir esixíndolles “ruralidades” aos alumnos de galego é algo que se practica con frecuencia sen que ninguén monte un escándalo.
Pois xa vai sendo hora de alzar a voz contra isto! Diversos estudos sociolingüísticos demostran que a xente nova segue asociando o galego con a) medio rural b) ideoloxía nacionalista. E está tamén demostrado que esa percepción dana claramente a expansión do galego alí onde menos se fala que é, por un lado nas cidades e por outro nos sectores non nacionalistas da poboación, onde cada vez impera máis o castelán.
E que facemos para borrar eses estereotipos? Algo tan simple como incentivalos ao ensinarlles aos rapaces as partes dun carro de vacas, dun muíño, etc. etc. E eu pregunto: a un mozo (sobre todo, de cidade) que carallo lle importan os carros de vacas ou os muíños? Non será mellor centrarse noutros aspectos do galego máis importantes, como por exemplo a fonética ou a boa colocación dos pronomes?
Eu non estou en contra de que nun colexio o profesor lles diga aos seus alumnos as partes dun carro ou dun muíño, sempre que o faga de pasada, de forma anecdótica… Facerlles chapar semellante estupidez aos rapaces o único que consegue é un maior rexeitamento ao galego.
Señores profesores, cambien de rollo e ensinen un galego realmente útil para os rapaces: o galego que se usa nas novas tecnoloxías, o galego que se debe usar nun banco, nun xuízo, nunha transacción comercial, o galego que deben empregar para falar en público, para redactar unha carta de protesta, un SMS ou unha carta de amor…
En parvadas coma esta é onde tamén se escaralla o futuro da lingua.
Por favor, se coñeces algún caso de “partes do carro” ou similares, indícao nos comentarios. Graciñas
Cando un quere alguén, sabe verlle as virtudes e os defectos… As cousas boas e as cousas malas, aínda que estas últimas, tamén hai que dicilo, tenden a perdoarse con máis facilidade. É dicir, un pode ser “malo” consciente de que, no fondo, o que se procura é un ben.
Porque, para sermos sinceros… o idioma portugués tende a ser un pouco ‘clasista’. Ou máis ca o idioma… os que utilizan ese idioma. Se algunha vez van a Portugal, non se sorprendan se escoitan algo así como ’sotor’ (e ’sotora’ por suposto). É a forma rápida e apocopada de dicir “senhor doutor” e “senhora doutora“, figuras de tratamento moi utilizadas por eses lares.
Os portugueses caracterízanse por ser, polo xeral, persoas cunha educación exquisita [e ollo que na lingua de Camões 'esquisito' quere dicir 'raro']. Empregan con menos frecuencia os palavrões ca nós [alí están peor vistos ca aquí], recorren máis ao você e ao senhor ca ao tu [atúan menos, vaia]… pero ás veces, hai que recoñecelo, pásanse de clasistas.
E só desexo unha cousa: de aproximármonos máis a eles, por favor que non sexa na teima do ’senhor doutor’, ’senhor engenheiro’, etc. E é que alí abaixo parece que están desexando sacar un tituliño universitario para que os chamen con esta fórmula de tratamento tan pasada de moda e tan típica de telenovela suramericana. Deseguido poñen nos seus cartões de visita, o nome completo co “Dr” ou “Engº” precedendo… Para que quede claro!
E postos a falar das fórmulas de tratamento… moito ollo coas ‘meninas’ porque non son só un cadro de Velázquez. Ao non teren o equivalente a ’señorito/a’, alí o que se emprega é ‘menino/a’. Ata niso somos diferentes.
aita: hai alguén aquí? teño unha dúbida: cando se usa 'ó' e cando 'ao'
magnummare: ... un que funcione, porque xa vexo que o teu no vai moi ben... XD XD
magnummare: Señor alema!! com introduciu iso que ten ai de "este blog en portugues automatico"? grasias de antebraso!!
Yuji: Obrigado Aloquete. Vou colocar na minha lista pra quando pedir livros galegos! Ah sim, e achei um artigo seu sobre literatura galega em Portugal, [...]
Aloquete: Yuji, um romance magnífico é PAPAVENTOS, de Xavier Queipo. Cosmopolita, mas galego de cima a baixo.