O bipartito saínte aínda nos pode facer un “regalo” antes de marchar

Leo unha interesante entrevista ao presidente da RAG en xornal.com e quedo alucinando cunha das respostas. Pregúntalle o xornalista por que non está na rede o dicionario da Real Academia Galega e Xosé Ramón Barreiro responde textualmente.

Agora sae unha nova edición do dicionario. Sabe canto custa facelo? Vinte millóns de pesetas. Haberá que darlle tempo á editorial que o publica para recuperar o investimento, non si? Eu non teño eses vinte millóns. Se a min a Real Academia Española me dá eses cartos, mañá mesmo está na rede.

E digo eu… Tan difícil é xuntar 20 quilos de nada para que este idioma teña na rede un dicionario con xeito en lingua galega? Francamente, paréceme unha cantidade completamente ridícula. E é máis: creo que debería de ser un regalo que podería facernos aos galegos o bipartito, agora que xa está en funcións e que sabe con certeza que vai deixar o poder.

20 millóns de vellas pesetas… 120.000 míseros euros ben os vale a nosa cultura, a nosa lingua… e máis agora, que parece que se achegan ameazas de nubeiros á normalización lingüística. Propoño facer unha campaña no facebook ou algo.  Que son 120.000 euros para a administración? Seguro que se gastaron cantidades meirandes en cousas máis superfluas.

——————————————————

PD: Encantoume tamén como Barreiro despacha os reintegratas. Cito: “Beneficiarse do mundo da lusofonía é algo que podemos facer xa. O malo é que se o facemos oficialmente corremos o risco de que o galego desapareza automaticamente. Non quero reabrir aquí vellas liortas, pero unha cousa é a utilidade e outra perdernos nun magma. Nunca vas conseguir que se lle chame galego a todo iso, aínda que o diga Castelao ou o Espírito Santo. Hai que conservar as fronteiras ou desaparecemos.“. Eu só digo. Bravo! :D

7 comments Marzo 5th, 2009

Incrible: o castelán recorre ao galego para ensinar chinés internacional da China

Os Reis Magos trouxéronme un manual de chinés titulado ‘Aprende chino en un pispás (chino mandarín para principiantes)‘. Moi riquiño o libro, a verdade. Inclúe un CD e todo coas pronuncias e a ver se algún día me decido… O caso é que, mirando nas follas do libro así por riba, encontrei unha cousa que me pareceu moi curiosa. Os autores do manual de chinés recorren ao galego (si, si… ao galego!) para que a xente aprenda as pronuncias chinesas. Fixádevos nesta foto que lle saquei a unha das páxinas (e perdoade de antemán a malísima calidade; a instantánea foi feita cun teléfono móbil).

Pois xa vedes. O son aproximado en español para o /ou/ chinés é, segundo o libro, o /ou/ de… Ourense! O caso é que estiven dándolle voltas ao asunto e, claro, os castelanfalantes non deben de ter pobriños esa secuencia ‘ou’ nas súas palabras. A min así de súpeto non se me ocorre ningunha palabra en español internacional de España que leve ‘ou’ no comezo, no medio ou no final. A vós si? :D

Bueno, aproveito tamén para fachendear que me regalaron o Dicionario de Fraseoloxía Galega, de Xerais, que non o tiña. Gustoume moito. Inclúe “Diola” para horror de moitos e alegría miña. Agora só falta que na próxima edición traia tamén un “bueno” coma un mundo.

4 comments Xaneiro 7th, 2009

Seis meses, unha adiviña
e unha ʀəkumẽdɐ’sɐ̃w

Ai, mimadriña, como pasa o tempo! Hoxe fanse seis meses desde que naceu alema.org, este blog que tanto choio me dá pero que tantas cousas boas me achega! Medio ano posteando día a día, sen parar nin un só… En fin… Hoxe como é festa, e dado que tiven unha fin de semana bastante movida co tema da Radio Galega, aparco a miña maldade para traervos unha adiviña e unha ʀəkumẽdɐ’sɐ̃w.

* A adiviña. Ao mellor xa a coñecedes. Contouma un amigo esta fin de semana. Disque o galego é unha das poucas linguas onde é posible conseguir palabras escritas en maiúsculas que se len igual do dereito e virando a folla 180 graos (ou facendo o pino, que todo vale). En concreto, este amigo meu di que hai cinco palabras con estas características no galego. Seredes capaces de encontralas?

* ɐ ʀəkumẽdɐ’sɐ̃w. ‘iʃtu ɛ ‘pɐrɐ uʃ ɐ’mɐ̃təʃ dɐ fun’ɛtikɐ (i dɐ prə’sjɔzɐ fun’ɛtikɐ purtu’gezɐ, ividẽtə’mẽtə). a ũ disju’narju ‘mũj̃tu bõ nɐ ‘ʀədə ‘õdə ɐʃ pɐ’lavrɐʃ trazɐ̃j ɐ ’sua trɐ̃ʃkrizɐ̃w fun’ɛtikɐ. ‘mũj̃tu ‘util ‘pɐrɐ kõpru’var difə’rẽsɐʃ… i səmə’ʎɐ̃sɐʃ tɐ̃’bɐ̃j! ɛ a’ki http://pt.thefreedictionary.com/. nɐ ‘nɔsɐ ‘lĩgwɐ nɐ̃w a ‘nadɐ simi’lar. ɛ umɐ ‘penɐ…! :(

[Tradución do último parágrafo: A recomendação. Isto é só para os amantes da fonética (e da fonética portuguesa, evidentemente). Há um dicionário muito bom na rede onde as palavras trazem a sua transcrição fonética. Muito útil para comprovar diferenças... e semelhanças também! É aquí (...). Na nossa língua não há nada similar. É uma pena...! :( ]

12 comments Decembro 1st, 2008

Dúas razóns de peso a prol do ‘bueno’:
1) Os bocadillos de tortilla
2) A expresión “bueno, carallo, bueno…!”

A campaña a favor da legalización da interxección ‘bueno’ (causes.com/bueno) segue indo de marabilla en facebook. Xa case nos achegamos aos 500 apoios na que xa é sen dúbida a principal causa sobre un asunto concreto do idioma galego que se desenvolve na rede social máis famosa do momento. Pois ben, hoxe temos dous novos argumentos de peso para engadir á nosa causa. Son dous motivos que veñen explicados nos seguintes spots publicitarios.


Efectivamente, estes anuncios denuncian a dobre moral que existe con respecto aos castelanismos nos dicionarios de galego. Por que se aceptan palabras como “tortilla”, “bocadillo”, “habanera”, etc. e con “bueno” non acontece o mesmo? Por que se fai esa discriminación, a pesar de que “bueno” é unha palabra moitísimo máis empregada? Francamente non se entende esa dobre vara de medir.

E por outro lado está a vixencia de certas expresións construídas con “bueno”. Estou pensando sobre todo nese “bueno, bueno” como sinónimo de “non te pases” que non ten a mesma equivalencia en castelán. E logo está o super-galeguísimo “bueno, carallo, bueno…!”. Alguén me pode dicir que esa expresión non é plenamente galega? Alguén me pode dicir cal é o equivalente a esa frase en castelán?

Cada día está máis claro. Bueno é galego.

12 comments Novembro 24th, 2008

Traxe, paxe, garaxe… e bricolaxe?

Seguro que, coma min, medrastes recordando a norma do xénero das palabras terminadas en -axe. Si, si, iso de que son do xénero feminino agás “traxe, paxe, personaxe e garaxe”. Pois ben, preparádevos porque hai que ampliar a lista. Todo xurdiu a raíz dunha publicidade que recibín na casa de Bricoking… o famoso “rei do bricolaxe“. “O bricolaxe?”, pensei. Pois si. É correcto, Gayoso. “O bricolaxe”.

Image and video hosting by TinyPic

Só hai que consultar no VOLG para comprobar que, efectivamente, bricolaxe é unha palabra do xénero masculino, a pesar de que en varios dicionarios de galego que consulto vén como palabra feminina (no digalego, nun pequeniño que teño de Santillana,…). E home, eu entendo que quen ten a última palabra é o VOLG que para iso é a listaxe (que non o listaxe) oficial da Real Academia Galega.

A non ser que sexa unha errata do VOLG, que todo pode ser… Non o sei… O caso é que Bricoking cando puxo “o rei do bricolaxe” nos seus rótulos e publicidades oficialmente non cometía ningún erro. Será cousa, pois, de facer unha amplación da regra das palabras terminadas en -axe.

20 comments Novembro 23rd, 2008

A RAE admite ‘USB’ e ‘pen drive’… A que c*** espera a RAG para aceptar ‘bueno’?!

A Real Academia Española acaba de demostrar unha vez máis que está á altura da sociedade que fala en castelán ao deixarse de purismos estúpidos e admitir no seu dicionario dúas palabras tan pouco hispanas como son USB e pen drive, aínda que esta último termo aparecerá en cursiva por tratarse dun “anglicismo puro” (”…e duro”, diría eu). A RAE mostra intelixencia. Tería sentido andar inventado un posible equivalente para algo que xa está implantado na sociedade? Pois claro que non! E xa vedes… o español non creba pola aceptación deses dous estranxeirismos, que por certo non son os únicos que se admiten no dicionario da Real Academia Española.

Esta noticia, aparecida con profusión nos medios de comunicación, non fai máis que constatar a necesidade de que os reguladores da lingua estean ao servizo da sociedade. Ou alguén cre que a lingua española é menos española por incluír palabras como ‘USB’ ou pen drive? Pois claro que non. Do mesmo xeito que o galego non será menos galego cando o dicionario da Real Academia Galega inclúa a interxección ‘bueno’, algo que esperamos que suceda o antes posible. O asunto [se non tes nin idea da cuestión mira isto, lendo os artigos de abaixo arriba] leva algún tempo aparcado, pero en absoluto está morto.

Xa pasaron catro meses desde que o secretario da RAG nos confirmou que a institución académica estudaría a inclusión da interxección ‘bueno’ no seu dicionario e se non hai noticias en breve os promotores desta iniciativa levaremos a cabo accións máis contundentes para que se escoite a voz dos galegofalantes sen complexos.

Ah! E outra cousa. Hai xente do mundo do reintegracionismo que espera con forza que sexa aceptada a interxección ‘bueno’ pola RAG porque, segundo din, quedaría demostrada unha suposta vinculación da oficialidade co españolismo. Que enganadiños están! Eles, os reintegracionistas, se fosen un pouco intelixentes e se realmente queixesen estar presentes na sociedade, deberían de admitir que é imposible erradicar a interxección ‘bueno’ do galego. Totalmente imposible. Demóstrao a teoría e a práctica. Pero, claro, xa sabemos que o reintegracionismo promove unha lingua totalmente de costas á sociedade galega. Alá eles. Nós continuaremos coa nosa loita. Bueno é galego!

55 comments Novembro 9th, 2008

O dicionario da RAE segue chamándonos parvos e o Priberam, ordinarios e de pouco valor

Vexo en Chuza! que hai xente moi cabreada porque o dicionario da Real Academia Española segue chamándonos “parvos”… bueno, máis ben o que fai a RAE é recoller un uso lamentable que se fai en Costa Rica da palabra “gallego”, pero vaia… O caso é que se organizou ata unha campaña de sinaturas.

O asunto paréceme moi ben… pero eu sigo esperando unha campaña similar para que o dicionario Priberam da lingua portuguesa elimine as definicións de “fraco”, “ordinario” e “de pouco valor” que lle atribúen ao adxectivo “galego”. Porque, a pesar de que aquí se denunciou hai tempo, que eu saiba ninguén protestou nin dixo nin mu.

E xa sei que a RAE é unha entidade pública, pagada cos cartos de todos, etc. etc. pero os insultos son os mesmos nun lado e no outro. Tamén os de Priberam, e se cadra doutros dicionarios, merecen unha cartiña de desagravio, non?

10 comments Agosto 6th, 2008

O dicionario da RAE non inclúe os usos galegos de “bueno”

Pasan os días e seguen aparecendo máis argumentos a favor de que se inclúa a interxección “bueno” dentro do dicionario da Real Academia Galega. Unha palabra que moitos rexeitan contundentemente só pola súa orixe castelá, sen sequera analizar os usos que ten dentro do noso idioma. Aquí xa comentamos que “bueno” se emprega en galego con outros significados distintos aos que ten en español. Agora traemos probas.

Só hai que botarlle unha ollada ao dicionario da Real Acedemia Española. Ímonos centrar, por suposto, nas definicións que lle dá á interxección e non ao adxectivo.

bueno.

1. interj. Denota aprobación, contentamiento, sorpresa, etc.

2. interj. basta.

3. interj. Méx. U. para contestar al teléfono.

Nós tamén empregamos “bueno”, efectivamente, para expresar aprobación (-”vés comigo?” -”bueno”), alegría (-”bueno [pronunciado buenó], que sorte tiveches!”), sorpresa (-”bueno, non me digas!”) ou incluso ese “basta”.

É evidente que aquí non empregamos o “bueno” para contestar ao teléfono como fan en México… [E xa postos... pregúntolles aos reintegratas: vós como dicides cando colledes o teléfono? "Diga" coma todo o mundo ou empregades as formas portuguesas "tou", "tá", "tou sim", etc?. ;-) ]

Pero non nos desviemos do esencial. O “bueno” non se emprega en castelán como sinónimo de “nin ben nin mal” como facemos aquí, tal e como se recolle no vídeo da campaña de Gadis ‘Vivamos como galegos’.

Nótese que a campaña publicitaria resalta os nosos valores como galegos, o que nos distingue fronte aos outros… e “bueno” está aí coma outro signo identitario máis.

Pero é que ademais, “bueno” en galego serve para denotar máis sentimentos, como:

- indignación (”bueno, déixateme de lerias”)

- resignación (”bueno, se non queda outro remedio…”)

- contrariedade (”bueno, bueno… non me veñas con esas agora”)

- estrañeza (”pero bueno! que pasou aquí?”)

Como se pode apreciar, son trazos negativos ou dubitativos que en castelán non se dan coa forza coa que se dan en galego. Eliminalos do uso diario supoñería matar tamén unha parte importante do noso idioma. “Bueno” é galego… e cómpre que o admitamos como tal.

27 comments Xullo 8th, 2008

Asina aquí a favor da proposta para que ‘bueno’ sexa plenamente galego

A petición popular, habilito este artigo para que poidan deixar constancia do seu apoio todos aqueles que son partidarios de que a interxección ‘bueno’ sexa incluída dentro do dicionario da RAG como plenamente galega. Os abaixo asinantes somos conscientes da orixe castelá da interxección ‘bueno’, presente desde hai décadas na literatura galega, pero entendemos que foi totalmente absorbida polo galego, idioma que lle deu unha dimensión propia e diferenciada.

Dous avisos:

1- Os que estean en contra da iniciativa, que desbardallen noutros artigos, fagan o favor! Deixen este espazo reservado para os partidarios da proposta.

2- Warning: se hai algún reintegrata ou simpatizante que considere que ‘bueno’ se debe incluír tamén no E-Estraviz por favor póñase en contacto urxentemente co administrador (alemamalo[arroba]gmail.com).

28 comments Xullo 3rd, 2008

A RAG toma en consideración incluír ‘bueno’ no seu dicionario

A Real Academia Galega acaba de demostrar que é unha institución aberta ás propostas dos cidadáns. Moitos pensabades que non ía nin sequera tomar en consideración a nosa iniciativa para que se incluíse a interxección ‘bueno’ no seu dicionario… Pois estabades enganados, moi enganados.

O secretario da RAG remitiunos unha carta na que responde aos nosos requirimentos. O académico Manuel González recoñece que se trata dun “asunto delicado”, pero asegura tamén que “a vitalidade na fala” da interxección ‘bueno’ “é incuestionable”.

Sexa como for, o señor González dinos que a proposta ha chegar aos órganos competentes da RAG para que dean un ditame definitivo. Polo seu interese, reproducimos íntegra a súa resposta.

Estimado amigo,

En resposta ao seu escrito no que nos informa da iniciativa para que se inclúa a interxección “bueno” dentro do dicionario da RAG, aínda recoñecendo a súa orixe castelá, teño que dicirlle que se trata dun caso bastante delicado. É certo que a súa vitalidade na fala é incuestionable, pero tamén o é o feito de que a súa forma ten trazos que nos están recordando claramente que se trata dunha voz castelá, e por iso ao mellor é perigoso darlle carta de natureza dentro da lingua galega.

En todo caso, farei chegar a súa carta aos órganos competentes da RAG, para que actúen segundo o seu entender, e comunicareille a decisión tomada.

Reciba un saúdo.

Manuel González

Secretario da RAG

E como é de ben nacidos ser agradecidos, velaquí o escrito que lle enviamos de volta ao señor González.

Estimado señor González,

Para o colectivo que defendemos a inclusión da interxección ‘bueno’ no dicionario da RAG, dános un gran satisfacción a resposta que nos acaba de ofrecer. Entendemos perfectamente os receos que poida suscitar a nosa iniciativa, pero para nós é xa un triunfo e un orgullo sabérmonos escoitados polos que nós consideramos a autoridade do noso idioma.

Neste mundo das novas tecnoloxías, onde proliferan aventuras lingüísticas que non van a ningures (bueno si… cara á nosa submisión total ao portugués), consideramos esencial a participación dos galegofalantes de verdade, da cidadanía que fala día a día esta lingua, na construción dunha norma en que nos sintamos aínda máis representados.

Esperamos que os argumentos presentados nos anteriores correos electrónicos sexan dabondo para a toma en consideración da nosa proposta. Saiba que para nós xa sería unha boa solución que a interxección ‘bueno’ fose considerada unha entrada “tolerada” polo dicionario, como xa acontece con outras palabras.

Reciba un cordial saúdo e saiba que agardamos con impaciencia calquera novidade que nos poida achegar.

Agora só toca esperar un pouco máis… pero que ninguén o poña en dúbida: ‘bueno’ é galego.

31 comments Xullo 2nd, 2008

Time goes by so slowly… for ILG & RAG

Pasaron xa 15 días desde que o ILG e a RAG recibiron unha petición de información formal para coñecer que pasos había que seguir para a admisión da interxección ‘bueno’ no seu dicionario [se chegas tarde ou non coñeces a proposta, le isto] e a resposta de momento é… silencio. Nin sequera o típico “recibimos a súa carta, estamos trabajando en ellou” (aínda que sexa mentira). Nada de nada.

E a verdade, empeza a ser inquietante. A RAG admitiu a palabra “greleiro” só catro meses despois do lanzamento da campaña de Gadis “Vivamos como galegos”. Cómpre pois non desesperar, pero bueno… que menos que unha respostiña de cortesía, non?.

Por se o asunto quedou arquivado nun caixón, este martes volvemos á carga. Velaquí a segunda carta que se lles envía á RAG e ao ILG para que tomen en consideración o asunto.

Estimados señores,

Hai cuestión de 15 días puxémonos en contacto con vostedes para informalos dunha iniciativa que estamos desenvolvendo na rede para que se admita a interxección “bueno” no dicionario da Real Academia Galega. Naquela misiva, expuxémoslles que a palabra “bueno”, empregada única e exclusivamente como retrouso e non como adxectivo, é plenamente galega a pesar da súa orixe castelá e preguntámoslles que pasos debiamos seguir para que a nosa iniciativa chegase a bo termo.

O caso é que, pasadas dúas semanas, non recibimos aínda ningún tipo de resposta da súa parte: nin sequera sabemos se están tomando en consideración o asunto, que, por certo, suscitou un gran debate entre os internautas (con opinións a favor ou en contra, como non podía ser doutro xeito). Para nós é unha cuestión importante e, aínda que poida parecer unha broma, non o é.

Na nosa opinión, “bueno” debe ser admitido como interxección porque:

1- Non encontramos unha expresión equivalente a outra do galego (nin ‘ben’, nin ‘bo’, nin ‘vaia’… son o mesmo ca ‘bueno’)

2- É de uso universal por parte dos galegofalantes (ninguén pode escapar dela)

3- O galego deulle unha dimensión diferente, mesmo maior á que ten en castelán

4- Ten presenza constante na nosa literatura (emprégase regularmente, segundo o TILG, desde hai 130 anos e ata Castelao usaba habitualmente “boeno”)

Entendemos que as institucións que traballan pola normativización do idioma deben pronunciarse cando o solicitan os cidadáns. Por ese motivo, seguimos esperando con impaciencia unha resposta.

Ata aquí a carta enviada. Admítense propostas para o caso de que siga imperando o “silencio administrativo”.

2 comments Xuño 25th, 2008

A interxección “bueno”, presente na literatura desde hai 130 anos, era empregada por Castelao

Aparece un argumento máis de peso para que a RAG acepte a interxección “bueno” como plenamente galega: o seu uso na tradición literaria deste país.

O republicano Benito Losada Astray foi o primeiro que empregou a palabra “bueno” como interxección nun escrito literario en galego, e fíxoo hai xa 130 anos. Na súa obra, ‘Poesías’ aparece neste contexto:

- (…) ¿E si cho roubo?

- Destonces, bueno; sendo roubado culpa non teño, tocant’a dar-cho, non fales deso.

Pero non foi o único, nin moito menos. Consultando o TILG, que recolle unha escolma ben ampla de textos literiarios desde o século XVII ata actualidade, o termo “bueno” aparece en 2.160 ocasións, e a expresión “boeno” outras 1.381 e o apócope ‘bue’, outras 28 veces.

E quen está entre os autores que máis empregan esta interxección? Pois o mesmísimo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Que non o cres? Pois mira dentro.

___________________________________________________________________

Mostro un par de exemplos.

Os vellos non deben de namorarse’ (1953)

Boeno, amiguiñas. A conversa é moi divertida; pero eu teño que deixá-las. A carabina chama por min.

Arte e galeguismo’ (1919)

Boeno, eu non quero pensar siquera nesto, pois non sei onde me levarían os meus comentarios.

…E así unha ducia de exemplos máis.

Burlarse dos que queremos que ‘bueno’ ou ‘boeno’ sexan admitidas como palabras galegas é burlarse tamén dos que a empregaron nos seus textos literarios e dos que, sen ser grandes literatos, teñen por costume usar estas expresións no seu día a día como galegofalantes.

3 comments Xuño 13th, 2008

Previous Posts


AVISOS

Últimos comentarios

E ti que galego falas na escala de alema? aquí

Mini-chat

Latest on Mon, 00:28

aita: hai alguén aquí? teño unha dúbida: cando se usa 'ó' e cando 'ao'

magnummare: ... un que funcione, porque xa vexo que o teu no vai moi ben... XD XD

magnummare: Señor alema!! com introduciu iso que ten ai de "este blog en portugues automatico"? grasias de antebraso!! :P

Yuji: Obrigado Aloquete. Vou colocar na minha lista pra quando pedir livros galegos! :) Ah sim, e achei um artigo seu sobre literatura galega em Portugal, [...]

Aloquete: Yuji, um romance magnífico é PAPAVENTOS, de Xavier Queipo. Cosmopolita, mas galego de cima a baixo.

» Escribe algo



Featured Advertiser

Artigos recentes

 

Marzo 2010
L M M X V S D
« Dec    
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
293031  

Categorí­as

Tags

Meta