En solidariedade cos pobriños aos que Ryanair [Rallan-er] deixou tirados en Ciampino, hoxe voulle tirar das orellas á compañía de voos baratos. E é que esta empresa pasa olimpicamente do galego… e do portugués… a pesar de que opera en aeroportos galegos (Santiago de Compostela) e portugueses (O Porto e Faro). O colmo dos colmos é que podes seleccionar como país Portugal, pero o idioma que ten para el é o ingles internacional de Inglaterra! Iso si que me parece forte, forte. Sobre todo, cando existe a opción de escoller catalán internacional de Cataluña elixindo como país España. Demasié.
E digo eu… Manda carallo! Que estea o catalán antes ca o portugués, que é unha lingua oficial na Unión Europea e propia dun estado feito e dereito! E pregúntome. A que se lle pode atribuír iso? Á (gran) capacidade de presión dos cataláns? A que galegos e portugueses somos uns miñaxoias e que non protestamos como é debido? Que está pasando? Como é que ninguén fixo nada?
Pero a traca final está por chegar. Na web de Ryanair non só non está presente nin o galego nin o portugués, é que o catalán esta por diante (enriba) do castelán nalgunhas páxinas, como a que informa que petou o sistema de reservas. Podes clicar na imaxe de abaixo un par de veces para comprobalo.

Flipo en cores. Non nos teñen respecto nin consideración e creo eu que algo haberá que facer, que tampouco é tan difícil traducir catro chuminadas! 
Novembro 11th, 2008
Recordades a entrevista na que Carod-Rovira anunciou que ía facer unha campaña para que os catalanfalantes non cambiasen ao castelán? Si, ho… do que falamos hai un par de días… Bueno, pois vaia sorpresa cando por medio do amigo mourullo coñezo que tamén falaron sobre a posibilidade de que se admita a interxección “bueno” en catalán. As reflexións que fan son interesantísimas; só vos adianto que non se condena en absoluto o seu uso. Os que falan son vicepresidente da Generalitat, Josep Lluís Carod-Rovira (que é filólogo, por certo), o presentador de ‘El dia a la COM’, Joan Duran, e o lingüista do programa, Rudolf Ortega.
Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. Download the latest version here. You also need to have JavaScript enabled in your browser.
Interpretacións que fago eu deste fragmento:
1) O debate de “bueno” tamén existe na lingua catalá. Eles falan de “pues” e “desde luego” pero esas expresións nós ben que as temos plenamente galegas (”pois“, “desde logo“)
2) O lingüista e o locutor do programa cren que “bueno” acabará admitíndose en catalán, aínda que Carod-Rovira cre que non será así (dous contra un, hehe).
3) O lingüista do programa di que non é grave utilizalas porque os principais barbarismos da lingua catalá xa se están erradicando, mentres que hai outros que non se dan eliminado (caso de “bueno”). Considero que existe un paralelismo claro co galego a este respecto.
4) O lingüista do programa comenta que os medios de comunicación practicamente non poden facer nada para “corrixir” barbarismos como “bueno”; e recorda que eses medios mesmo permiten que se empreguen porque son de uso universal, por dicilo dalgunha forma.
5) Carod-Rovira recorda que todos os idiomas acaban por aceptar palabras doutras linguas, e di que os barbarismos cambian cos anos… e que algúns pasan a ser “normais” nas linguas receptoras (caso de “maco/maca” procedente do “majo/maja” castelán).
E eu engado: existe algunha posibilidade de erradicar o “bueno” da fala dos galegos? A miña resposta é un “non” rotundo. Por iso avogo, xunto con outra moita xente, pola súa inclusión nos dicionarios de lingua galega… e catalá tamén, claro! 
Setembro 13th, 2008
Leo por aí que a Generalitat de Catalunya vai lanzar unha campaña destinada aos catalanfalantes para que non pasen ao castelán se o seu interlocutor se dirixe a eles en español internacional de España e variantes. E home, salvando as distancias que temos con Cataluña, pregúntome que carallo custará aplicar o sentido común…
Explícome… Eu son galegofalante 24 horas. Falo sempre galego con todo o mundo, mesmo con estranxeiros e inmigrantes, veñan de Cymru, Suramérica ou Romanía… ata falo galego cos chineses dos bazares. E cando o meu interlocutor non presenta sinais de dificultade para entender, non hai problema. Eu sigo falando galego e o outro continúa falando castelán. E todos contentos.
Ora ben, cando vexo que o meu interlocutor non entende, polas razóns que sexan, o que lle estou dicindo, mudo ao español internacional de España. E dáme igual queimarme no inferno. Eu creo que é un sinal de verdadeira boa educación aquí e en Pequín/Beixín/Beijing. Se eu podo falar castelán, por que non o vou facer se o meu interlocutor me dá mostras de que non entende? O mesmo acontecería cun francés ou cun inglés que me viñese preguntando información turística. Cambio de lingua e punto. Sen complexos. Por que co castelán había ser distinto, se tamén o sei falar?
Os nosos amigos portugueses para iso sen exemplares… ás veces demasiado exemplares. Cantas veces en Portugal pasan ao castelán mesmo cando lles falas en portugués (non en galego) mesmo intentando imitar o seu acento, por outra parte tan difícil de copiar! Ti queres ser fixe con eles, e eles empezan a falar deseguido en portunhol… A min faime moita coña, sobre todo, cando traducen o artigo “o” por “lo” (en vez de dicir “el coche” din “lo coche”
, por exemplo).
Eles devecen por facerse entender. E non comprendo por que nós non habemos facer o mesmo. Ou é que eles tamén son vítimas do españolismo? E iso por non falarmos do nivel de inglés que teñen os cabritos, en boa medida grazas aos programas de televisión que ven en versión orixinal. É curioso pero eles non teñen a vergonza que adoita haber neste lado da fronteira á hora de falar idiomas estranxeiros. Alá non hai medo ao ridículo. Como ten que ser!
Ah! E unha cousa non quita a outra. O feito de que sexa partidario de cambiar de idioma cada vez que alguén non me entende non implica que non crea necesario reivindicar os meus dereitos lingüísticos. Considero que empresas e institucións teñen que garantirme que eu poida facer a miña vida normal no meu idioma, neste caso, o galego internacional de Galicia.
Setembro 11th, 2008
“Sonche unha gominola, a túa gominola, osiño gomi-gomi-gomi-gomi-gominola”… A canción está xa a piques de converterse no éxito do verán, pero segue habendo críticas á inclusión da palabra “gominola” na letra. Pois ben, amiguiños, chegou o momento de ir ao miolo da cuestión e afondar na polémica.

En primeiro lugar, gustaríame aclarar que a palabra “gominola” non é unha palabra en ningún idioma… é unha palabra inventada a finais dos anos 60 por unha empresa española chamada Pastor y Canals para designar esas famosas lambetadas. A palabra fórmase a partir de “goma” á que se lle engade unha terminación -ola, moi habitual en catalán (Ferrussola, Collserola,…) e en galego tamén (cachola, camisola, cirola, pirola…).
E é curioso porque, a pesar de que o inventor da palabra seguro que non pensou no catalán ou no galego, o caso é que non é unha palabra que “desentoe” en ningún destes dous idiomas. Só hai que fixarse na cantidade de resultados que dá o google para “gominoles” (plural en catalán de “gominolas”)… E chama a atención que o euskera tamén absorbeu a palabra: obsérvense os resultados de “gominolak” (plural de “gominola” en euskera).
A revista ‘Consumer’, coñecida polo súa aposta polas linguas minoritarias, elaborou recentemente un artigo en que a palabra “gominola” aparece indistintamente en castelán, galego, catalán e euskera. É dicir, é unha palabra viva nas catro linguas oficiais de España a pesar de que non aparece en ningún dicionario. Todo o mundo sabe o que é unha gominola.
Fronte a isto temos a proposta portuguesa “gummy“, que de portuguesa ten máis ben nada, posto que é un calco talmente do inglés, aínda que na lingua de Shakespeare o nome corrente das gominolas é “winegums”.
E xorde o dilema: Que é preferible? Empregar unha palabra inventada (gominola) por unha empresa? Ou recorrer ao anglicismo portugués conscientes de que o auditorio galego non o vai entender? Evidentemente, eu opto pola primeira opción.
Moitos serían partidarios de instalar unha barreira de metacrilato nas fronteiras lingüísticas do galego para impedirlle o paso a calquera palabra que teña o mínimo cheiriño a castelán… Pero esa é, ao meu entender, unha estratexia equivocada… Unha pretensión inútil porque é imposible de levar a cabo.
Houbo alguén que tamén argumentou que as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (NOMIG) din que “para o arrrequecemento do léxico culto, nomeadamente no referido aos ámbitos científico e técnico, o portugués será considerado recurso fundamental, sempre que esta adopción non for contraria ás características estruturais do galego”. Pois ben, “gominola” non é nin léxico culto, nin léxico científico, nin léxico técnico. É unha palabra da rúa.
E xa para terminar… Projecto Mourente, grupo que se declara reintegrata (e que a min me encanta por certo), escribiu unha canción titulada “Chuliboy” (para min, o ghit do verán)… Alguén protestou porque na lusofonía descoñecen esa palabra? A que ninguén dixo que ‘chuliboy’ era unha palabra en “castrapo”? Normal: hai palabras que forman parte da nosa cultura queiramos ou non e así debemos aceptalo.
Xullo 22nd, 2008
Amigos defensores do ‘bueno’ como palabra plenamente galega… Non estamos sós. Tamén en Cataluña hai quen non ve mal que se admita esa interxección como propia do catalán, xa que tamén nos Países Cataláns a xente a utiliza habitualmente.
Se tedes un anaco, lede este interesante artigo da bitácora El Vigilant del Far. Nel faise unha reflexión sobre unha serie de castelanismos que o catalán “importou” ata darlles un sentido diferente ao que teñen en castelán, entre os que se inclúen palabras que deixaron de existir no propio castelán e que perviven na lingua catalá. Pois ben, nese artigo citan o caso de “bueno”, unha palabra que tamén utilizan habitualmente os cataláns na súa lingua coloquial.
Chamoume especialmente a atención este anaco do artigo, que redacta un amigo do autor do blog:
La nostra normativa ha de ser, per definició, més prescriptiva que el que són les normatives de llengües “normals”. En el nostre cas la gent, com a molt, aprèn a (…) no dir “bueno” quan s’hi fixa, però la realitat acaba sempre sortint a la llum… I, paradoxalment, la necessitat que té la normativa de ser tan sancionadora de la realitat, la fa antipàtica a molts parlants i, en conseqüència, allò que fem bé en un sentit ens perjudica en l’altre…
A mi no m’escandalitza, des del punt de vista estrictament lingüístic, l’admissió de tal o tal altre castellanisme. M’escandalitza que no puguem tenir cap criteri objectivable per a fer-ho…
Non podo estar máis de acordo. A normativa do galego debería ser, por veces, máis transixente, menos “antipática”… e admitir palabras de uso corrente dos galegofalantes. Non se trata de que pasen pola peneira unha rea de castelanismos e barbarismos… Non, non se trata diso. O estupendo sería que as institucións académicas desen máis mostras de complicidade cos falantes para gañar terreo tamén na normalización do idioma.
Xullo 17th, 2008