Hoxe, día do orgullo friqui reintegrata, aproveito para analizar un artigo que aparece no PGL asinado por José Paz Rodríguez (que non Rodrigues) e no que se inclúe unha ‘tabela comparativa‘ entre os dous modelos ortográficos para o galego. Sempre sostiven que entre as filas reintegracionistas hai unha tendencia a nadar nos estereotipos e a recorrer a tácticas de propaganda, e para mostra, o citado artigo.
Para empezar, hai que fixarse en como denomina o señor Paz os modelos ortográficos. O primeiro deles, no que escribe a maioría esmagadora dos galegos, é “foneticista-isolacionista-castelhanista-castrapista-espanholista“. Toma castaña. Todo un profesor numerario considera que ao escribir pola forma oficial un pasa a ser iso: castrapista, españolista, castelanista, isolacionista… Pero que hai en fronte deste modelo? Un modelo “etimológico-lusista-universalista-lusófono-internacional (acorde coa romanística)“. Ou sexa, chachi piruli. “Españolistas e castrapistas” fronte a “universalistas e internacionais”.
O señor Paz non é obxectivo. Se o fose tamén podía describir a normativa (ou normativas) B desde outros puntos de vista: submisa á lusofonía, incoherente coa tradición literaria galega, afastada da realidade social,… Pero non. Sempre é máis sinxelo recorrer ao estereotipo fácil para gañar “adeptos”. Os que escriben en galego oficial son “españolistas” e “castrapistas”. Os reintegratas, pola contra, son “universalistas” e “internacionais”. Oh yeah.
Pero a “tabela comparativa” non queda aí. A continuación ofrece unha serie de trazos de cada unha das normas (en moitos casos descritos con bastante inexactitude) onde volve saír a matraca de sempre arredor do galego ILG-RAG. Que o ñ é español (falso), que a acentuación é ‘castelhana‘ (falso), que o topónimo é só Galicia (falso), que segundas formas do artigo ou contracción ‘ó’ (actualmente en desuso), etc. etc.
Tamén di que o galego é oficial só “nas catro provincias”, mentres que o reintegrata é oficial en oito países e en varios organismos internacionais. Cumpriría recordar que a norma AGAL, por exemplo, non é oficial en ningunha parte salvo no PGL e pouco máis. E que a(s) norma(s) reintegracionista(s) hardcore -lembremos que non existe un único modelo- tampouco están recoñecidas, dado que as “peculiaridades galegas” -por moita propaganda que faga a AGLP- non aparecen en ningún manual de lingua portuguesa.
Por último, agárrense con algúns dos “representantes do reintegracionismo”, en opinión de José Paz: “Castelao, Bouça-Brei, Risco, Dieste, Otero, (…) Diaz Pardo (…)“. No outro lado, entre os representantes do “espanholismo-castrapismo” están nas catro primeiras posicións “Constantino García (asturiano) [sic], Ramón Piñeiro, Filgueira Valverde e García Sabell”. Como se pode observar, non hai vontade ningunha de manipular burdamente por parte do señor Paz.
A orde de factores si que é importante porque na listaxe de medios que empregan o galego oficialista están: “La Voz, A Nosa Terra, Grial, Tempos Novos, El Correo Gallego, Galicia Hoxe, Xornal Galego, El Progreso, El País (suplemento galego), DOG e Revista Galega do Ensino”. Na parte das publicacións reintegratas, como son catro, o autor do artigo enche cun “todos os jornais e revistas dos 8 países lusófonos“. En fin. Lamentables comparacións odiosas (por falsas e manipuladas). Se o reintegracionismo quere respecto, debería predicar co exemplo.
Feliz día do orgullo friqui reintegrata. 
Maio 25th, 2009
De todos é sabido que os extremos se tocan e que mesmo poden mesmo converterse en compañeiros de viaxe. Agora resulta que a wikipedia española, famosa entre os internautas galegos pola deturpación de topónimos ata niveis inverosímiles, é aliada do reintegracionismo ao (mal) definir o que é “castrapo”.
O castrapo é, para entendérmonos, un castelán con moitos trazos (e nunca ao revés), e unicamente o reintegracionismo utiliza esa palabra para referirse a un suposto galego mal falado, que por extensión sería o da norma actual do galego. E a wikipedia española dálle cobertura a esa definición única dos reintegratas, con exemplos erróneos incluídos.
Existe otra acepción, empleada informalmente por los sectores reintegracionistas, para referirse a la actual normativa del idioma gallego, considerado contaminado irremisiblemente por el castellano.
Vai vir o jueves (castrapo) - Va a venir el jueves (castellano) - Vai vir o xoves (gallego).
E o mellor de todo: o artigo sobre “castrapo” recomenda a lectura, “en gallego reintegrado” (eu diria máis ben en galego reintegrata hardcore), dun texto asinado por un tal José Luis Valinha Reguera, que entre as súas conclusións sinala que en Galicia en realidade se falan catro idiomas (e non dous, que é o que cabería pensar).
1) Castelhano correcto em maior ou menor medida, falado pelas pessoas cultas. É a língua dominante.
2) Crioulo castelhano, falado por muitos galegos de baixo nível cultural, de fala materna galego portuguesa, ao pretenderem expressar-se em castelhano. (…)
3) Galego-português correcto em maior ou menor medida (também chamado “português da Galiza” ou “galego”); falado por pessoas muito conscientizadas da importância da sua língua (…), do perigo de desaparecimento dela que só julgam evitável partindo da sua consideração dentro do diassistema luso-brasileiro-africano de expressão portuguesa, e não como idioma independente do português. Costumam ser pessoas ligadas ao nacionalismo político galego.
4) Spanenglish do galego-português, quer dizer, galego-português mais ou menos castelhanizado; chamado também “portunhol”, “castrapo”, “patois”, falado por pessoas de baixo nível cultural cuja fala está mais ou menos influida pelo castelhano oficial. Algumas das suas variantes ou, melhor dito, uma mistura delas, tem sido estandarizada, oficializada e imposta como “galego” calificando este como “lingua irmá pero diferente” do português; e um sub-produto castelhanizado dela é falada como língua “solene ou litúrgica” pelas instituições oficiais da Autonomia Galega, as quais rejeitam, como é óbvio, para o “galego”, as denominações antes ditas de “galego-português” ou “português da Galiza” (…)
É dicir, en Galicia, segundo esta curiosa análise asumida pola wikipedia española, hai dous tipos de persoas “cultas”: os que falan castelán puro de Valladolid e os que falan en lingua reintegrata, persoas concienciadas e ligadas ao nacionalismo. O resto, os que falan “crioulo castelhano” ou “spanenglish do galego-portugués” (norma oficial) son parviños, de baixo nivel cultural, traidores, etc. Ou resumindo todo máis: para José Luis Valinha, citado como referencia na wikipedia española, os “cultos” son os falantes de castelán da Meseta ou de lingua reintegrata. O do medio, a inmensísima maioría da poboación, é todo morralla da boa.
Pois aí o teñen. Tanto o enlace a ese “documento” como a definición errónea de castrapo aparecen incesantemente na wikipedia española e de nada serviu que outros usuarios intentasen eliminar semellante análise. A edición do artigo mostra constantes “restitucións” da versión pro-reintegrata. Por suposto, semellante intoxicación non aparece na wikipedia en galego, aínda que si na wikipedia en lingua portuguesa.
Marzo 24th, 2009
Lección número 1 de todo reintegracionista: o galego que falan os outros é “castrapo”. E isto é de aplicación universal… aquí e na ‘quinta provincia’. Escandalizado leo, vexo e escoito a entrevista que lle fixeron en Vieiros a Antonia Luna, profesora de galego en Bos Aires e unha das mestras do reintegracionismo na Arxentina. Simplemente flipo. Como pode esta señora cualificar de “castrapo” a norma da RAG cando o máximo expoñente de castrapismo é ela mesma? Señora. Faga o favor. A partir de agora só conceda entrevistas escritas.
Esta señora critica o “castrapo”, o “galego arruinado”… cando non sabe distinguir entre vogais abertas e pechadas, cando fala de “cuestiones”, “nosotros”, “anduvimos” e outros castelanismos (por non dicir que emprega o tan denostado “bueno”),… cando emprega “escribir” (”castrapo” para os reintegracionistas), cando conxuga “sinten” (en vez de “senten”), cando di “gustoume moito” (”gostei moito” na norma AGAL), e así etcétera, etcétera, etcétera. E iso que ela é “profesora”! (como serán os alumnos). Os dous únicos trazos reintegratas da conversa: un “dizer” por aí solto, un “depois” e pouco máis.
Por certo, a señora -como era de esperar- recibiu innúmeros aplausos por parte dos reintegratas que comentaron a noticia. O máis forte, ao meu entender, o do amigo Galeguzo:
“Magnífico ouvir esta senhora, todo um exemplo de amor pola língua. Bem podiam aprender do seu exemplo alguns locutores e locutoras da CRTVG, que parece que falam galego com nojo”
Señores locutores e locutoras da CRTVG. Xa saben. A partir de agora… a falar como esta señora, todo un exemplo de corrección e galeguismo. Que forte! Este é o modelo lingüístico que apoia o reintegracionismo ou os aplausos son só polo simple feito de ser reintegracionista?
E digo eu ademais… Por que temos que soportar este tipo de aldraxes? E sobre todo, ninguén vai dicir nada? Canto temos que aturar o de “españolistas”, “castrapistas” e variantes sen que ninguén diga nada? Francamente, empezo a crer o dito: “Mexan por nós e din (dicimos) que chove”.
Setembro 23rd, 2008
Moito coidadiño á hora de utilizar a palabra máis empregada polos que detestan a actual normativa oficial do galego. Aquí todo o mundo fala de “castrapo” para referirse ao galego de rúa, inzado de castelanismos, o gallego de pueblo do que falabamos o outro día. E hai tamén quen emprega a palabriña do demo ata para cualificar as normas da RAG… Pois nada diso é correcto nin desde a óptica da RAG nin desde a oficial-reintegracionista.
O castrapo é un castelán mal falado inzado de galeguismos e non ao contrario. Así o define a propia RAG no seu dicionario:
castrapo s.m. Variante do idioma castelán falado en Galicia, caracterizada pola abundancia de palabras e expresións tomadas do idioma galego. Fala o castrapo que dá xenio oílo.
E o que son as cousas. O E-Estraviz coincide na definición.
Castrapo s. m. pop. (1) despect. Espanhol, muito influído polo galego, que se fala na Galiza. Var. Castrápio. (2) Linguagem complicada e difícil de entender.
Daquela, os que falan castrapo son aqueles que din “voy ir“, “no doy hecho“, etc. e non os que falan un galego con castelanismos, que sería un galego “chapurrado” (palabra horrorosa, por outra parte).
Quedan claras, pois, as definicións practicamente idénticas que dan tanto a RAG como a AGAL para o mesmo termo, pero non deixa de ser curioso consultar a wikipedia, onde na versión portuguesa alguén escribiu isto:
Acepção reintegracionista
Existe mais uma acepção desta palavra, empregada informalmente pelos grupos reintegracionistas galegos para se referirem (de um jeito despectivo) à actual norma promovida oficialmente da língua da Galiza. O reintegracionismo afirma que o português galego (para eles, galego é sinônimo de “português da Galiza”, mas não língua independente) foi muito contaminado pelo castelhano (sobretudo no lêxico, mas também na fonética) desde finais da Idade Média (século XV e começos do XVI), e sua atual co-oficialidade, longe de supôr um melhoramento da situação, está a dar cabo com ela. As causas são uma normativa oficial para o galego deturpada, castelhanizadora e sem alicerces científicos sérios (ao consagrar como normalidade as patologias do galego), junto com a negação da pertença galega à lusofonia.
Queda claro que existen dúas visións do “castrapo”: a oficial-reintegracionista e a informal-reintegracionista, polo que sería desexable que fosen unha soa, máis que nada para non enredar máis a cousa…
Por certo: a palabra “castrapo” non existe en castelán nin en portugués, é outro termo xenuíno galego.
Xullo 10th, 2008
Consultando a páxina ciberdúvidas da língua portuguesa descubro un documento único e excepcional. Agora resulta que ata os reintegratas da AGAL son “espanholistas”, ese cualificativo que tan frecuentemente se utiliza para desprezar a actual normativa oficial do galego.
O autor do artigo ao que me refiro é o “professor universitário galego” José Luis Fontenla, quen despois de despotricar, como podía ser previsible, contra a normativa da RAG, di o seguinte sobre a proposta da AGAL.
Ainda AGAL (Associação Galega da Língua) cria, também por elaboração (ausbau), outra norma do portunhol 2, em que, plagiando gramática portuguesa, verbos, léxico, etc., desnaturaliza a língua portuguesa, criando o portunhol 2, com traços medievais. Nos dois casos se o substracto é português, o adstracto é espanhol, e vinca o espanhol sobre o português em toda a parte, atentando-se conscientemente contra a unidade estrutural da língua portuguesa, tanto num sentido diacrónico como sincrónico. (…)
É nessa luta que andam os lusófonos galegos, contra o portunhol 1 e 2, que desnaturalizam e castelhanizam a nossa língua portuguesa, submetendo-a à órbita do espanhol.
Conclusión: a norma AGAL é, para este señor professor, un plaxio que castelaniza a lingua “portuguesa” que, segundo el, se fala na Galiza. A proposta del, por se non quedou claro, consiste en que falemos e escribamos igualiño, igualiño que se fala e escribe en Portugal: a submisión total, vaia…
Pero non nos enganemos. É a iso cara a onde camiña pouco a pouco o reintegracionismo. No hipotético e remotísimo caso de que acabase triunfando unha normativa como a da AGAL, axiña comezaría a carreira aloucada por ver quen é menos español (ou quen é máis portugués). E iso, antes ou despois, só conduciría ao exterminio da lingua galega.
Porque todo acabaría sendo sospeitoso do que eles lle chaman castrapo. O noso único n velar sería axiña portunhol, falariamos mal por ‘cecear’, por non empregar sibilantes, por non distinguir entre x e j/g,… Afortunadamente, a sociedade galega é intelixente e non está nin estará para esas gaitas.
Xuño 20th, 2008