As aparencias enganan. Quen nos ía dicir que o arquiprestixioso entre os reintegratas dicionario Estraviz inclúe bastantes máis castelanismos ca o dicionario da RAG? Incrible pero certo. Tanto criticar todo o que cheira a español e ao final vai resultar que a biblia reintegrata tamén peca… e como peca! Só hai que facer unha comparación, por exemplo, entre as palabras que terminan en -illa (ou -ilha) nos dous vocabularios. Gaña o Estraviz por goleada.
Antes de comezar co experimento e antes de que o digades vós, xa o digo eu. Evidentemente, non todas as palabras terminadas en -illa son castelanismos (exemplo: illa, quilla, filla, etc.), pero a maioría delas si que son. Feita esta aclaración, poñemos a comparar.
En primeiro lugar, pedímoslle ao VOLG que nos mostre as súas palabras ten terminadas en -illa e saen todas estas:
Total: 71 palabras terminadas en -illa, ás que hai que restar as 9 que están subliñadas (no VOLG aparecen en vermello por seren consideradas incorrectas) fan un total de 62 palabras acabadas en -illa. Isto contrasta cos 171 verbetes acabados en -ilha (case o triplo) que recolle o Estraviz. A saber:
Marea, a que si? Pois ben, de todo isto eu saco unha gran conclusión. O reintegracionismo só critica os castelanismos cando proceden de Castela, porque cando proceden do portugués, de Portugal ou da lusofonía, non hai problema ningún. Hai dúas varas de medir. Os reintegracionistas poden usar a vontade “ventaninha” ou “silha“, mentres que para os independentistas segue sendo pecado mortal dicir “ventanilla” (portelo) ou “silla” (cadeira).
Tamén flipo con que o reintegracionismo admita as palabras que marquei en negrita (ou debía dicir negrilha ?). Pola contra, as que aparecen subliñadas si que me parecen un acerto: tetilha e, sobre todo, pepetilha. Iso matoume, confésoo.
——————————————————————————–
PD1: Para todos aqueles integristas da lingua que non dabades un peso polo “bueno”, hei de anunciarvos que xa superamos as 500 sinaturas en facebook Estou seguro de que se en Portugal ou no Brasil penetrase no seu momento a interxección ‘bueno’, seguro que moitos xa non lle poñían tantos atrancos… pero como é un castelanismo que vén por outro lado pois xa non vale… Pois iso é unha incoherencia! Se cadra, había que cambiar de estratexia e pelexar para que fose o Estraviz o primeiro en aceptar o ‘bueno’. Se o Estraviz admite ventanilha, silha e pacotilha, terá que admitir bueno con máis razón aínda.
PD2: A palabra ‘coadeiro‘ que vén no titular aparece só no dicionario Estraviz. Para o VOLG, esa palabra n’existe pas. :D A min sóame a tradución literal de ‘coladero’… A vós non?
A campaña a favor da legalización da interxección ‘bueno’ (causes.com/bueno) segue indo de marabilla en facebook. Xa case nos achegamos aos 500 apoios na que xa é sen dúbida a principal causa sobre un asunto concreto do idioma galego que se desenvolve na rede social máis famosa do momento. Pois ben, hoxe temos dous novos argumentos de peso para engadir á nosa causa. Son dous motivos que veñen explicados nos seguintes spots publicitarios.
Efectivamente, estes anuncios denuncian a dobre moral que existe con respecto aos castelanismos nos dicionarios de galego. Por que se aceptan palabras como “tortilla”, “bocadillo”, “habanera”, etc. e con “bueno” non acontece o mesmo? Por que se fai esa discriminación, a pesar de que “bueno” é unha palabra moitísimo máis empregada? Francamente non se entende esa dobre vara de medir.
E por outro lado está a vixencia de certas expresións construídas con “bueno”. Estou pensando sobre todo nese “bueno, bueno” como sinónimo de “non te pases” que non ten a mesma equivalencia en castelán. E logo está o super-galeguísimo “bueno, carallo, bueno…!”. Alguén me pode dicir que esa expresión non é plenamente galega? Alguén me pode dicir cal é o equivalente a esa frase en castelán?
A Real Academia Española acaba de demostrar unha vez máis que está á altura da sociedade que fala en castelán ao deixarse de purismos estúpidos e admitir no seu dicionario dúas palabras tan pouco hispanas como son USB e pen drive, aínda que esta último termo aparecerá en cursiva por tratarse dun “anglicismo puro” (”…e duro”, diría eu). A RAE mostra intelixencia. Tería sentido andar inventado un posible equivalente para algo que xa está implantado na sociedade? Pois claro que non! E xa vedes… o español non creba pola aceptación deses dous estranxeirismos, que por certo non son os únicos que se admiten no dicionario da Real Academia Española.
Esta noticia, aparecida con profusión nos medios de comunicación, non fai máis que constatar a necesidade de que os reguladores da lingua estean ao servizo da sociedade. Ou alguén cre que a lingua española é menos española por incluír palabras como ‘USB’ ou pen drive? Pois claro que non. Do mesmo xeito que o galego non será menos galego cando o dicionario da Real Academia Galega inclúa a interxección ‘bueno’, algo que esperamos que suceda o antes posible. O asunto [se non tes nin idea da cuestión mira isto, lendo os artigos de abaixo arriba] leva algún tempo aparcado, pero en absoluto está morto.
Ah! E outra cousa. Hai xente do mundo do reintegracionismo que espera con forza que sexa aceptada a interxección ‘bueno’ pola RAG porque, segundo din, quedaría demostrada unha suposta vinculación da oficialidade co españolismo. Que enganadiños están! Eles, os reintegracionistas, se fosen un pouco intelixentes e se realmente queixesen estar presentes na sociedade, deberían de admitir que é imposible erradicar a interxección ‘bueno’ do galego. Totalmente imposible. Demóstrao a teoría e a práctica. Pero, claro, xa sabemos que o reintegracionismo promove unha lingua totalmente de costas á sociedade galega. Alá eles. Nós continuaremos coa nosa loita. Bueno é galego!
A compañeira Luriña foi sorprendida falando en galego non reintegrata cunha veciña. Aquí están as probas.
Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. Download the latest version here. You also need to have JavaScript enabled in your browser.
Unha vez máis, queda demostrado que a naturalidade volve estar por riba de calquera corsé reintegracionista. Esta gravación mostra unha Lurinha falando en galego de verdade con xente do seu contorno. E cando digo de verdade, refírome a un galego afastado do modelo que propón o reintegracionismo.
Por exemplo, Lurinha di “xa o traio eu” mentres que en galego reintegrata sería “já o trago eu“. Pero, claro, a veciña pensaría que lle estaba falando de “tragar” e non de “traer” (de “trazer“, como diría un bo reintegrata). E non queda aí a cousa… Lurinha sorpréndenos cun “ai, bueno” coma un mundo, cuns cantos “verdá”… E ata chega a dicir “antiguamente”! (con preciosa gheada, iso si).
As conclusións logo volven ser as mesmas:
- Se a Lurinha lle falase en galego reintegrata, a veciña había pensar que lle estaba falando estraño e dificultaría a comunicación.
- A Lurinha non necesita o reintegracionismo para ser galega; xa é galega dabondo falando como fala. Non necesita buscar fóra (no portugués) o que xa ten dentro.
- A naturalidade ao poder! A Lurinha volve ser máis auténtica sen conservantes e colorantes reintegratas.
Bueno, é evidente que Lurinha non foi “sorprendida”; é unha gravación que me pasou ela mesma para que comentásemos un pouco do galego que fala a xente da súa zona e tal. O que si que me gustaría da Lurinha é que aprendese a escoitarse de verdade a si mesma. E non me refiro a que non se recoñeza a voz nunha gravación, cousa que nos acontece a todos.
Eu o que lle pido a Lurinha é que vexa que ese galego que empregan tanto ela como a súa veciña é o que hai que conservar. É posible que teña algúns castelanismos, pero a base é forte… ten bos alicerces. A Lurinha cumpriríalle deixar de auto-odiarse por empregalos e asumilos como naturais. Que algúns deles había que erradicalos? Pois claro! Pero iso é unha tarefa que non se fai de hoxe para mañá. Levará algún tempo e hai que ter paciencia.
O que non se pode facer, ao meu entender, é pretender mudar unha sociedade enteira de golpe; dicíndolles que o que falan é unha merda ou que son uns sometidos… simplemente porque non o é. E sobre todo non buscar fóra o que xa temos na casa. Na nosa casa temos unha historia que hai que respectar. Na nosa casa hai unha sociedade cun pasado que non se pode borrar pero que agora elixe democraticamente o seu futuro. E moito me temo que a maioría dos galegos non van mudar, por exemplo, o seu “traer” (castrapo seguro para os reintegratas) por “trazer“, que é outro estranxeirismo máis na lingua galega.
Gustaríame que a Lurinha vise que esa teima por ver unha sociedade radicalmente oposta á que é na realidade xera unha frustración que se vai alimentando día a día e que non conduce a ningunha parte, máis que a facerse dano a un mesmo. Hai que aprender a aceptarse un mesmo, a aceptar a sociedade na que un vive tal e como é, non como nos gustaría que fose… Dígollo con todo cariño e polo seu propio ben.
A raíz de presentarmos a proposta de “bueno” empezaron a xurdir voces que insisten en que, se aceptamos “bueno”, por que non “ghueves“, “ghuevos“, etc… E non, tranquilos, non vou repetir os argumentos que xa comentei antes (que se o “bueno” é unha excepción, un caso puntual e bla-bla-bla). Non. Hoxe o meu artigo é para reivindicar un pouco o “gallego do pueblo“.
Porque detrás das críticas a esta iniciativa en concreto, agáchanse moitos prexuízos cara aos galegofalantes de verdade… eses grazas aos cales a nosa lingua sobreviviu a pesar de tantas presións externas… E sinceramente, creo que en vez de analizar con lupa o que fala a xente, conviría antes que quitásemos o sombreiro ante eles. E só despois de darlles infinitas grazas e múltiples reverencias, empezar a ver cal é o modelo normativo ideal.
O galego da xente, o galego da rúa, o non-académico, pode que estea inzado de castelanismos que haberá que corrixir… pero que ninguén se equivoque: iso non é unha tarefa que se faga de hoxe para mañá, porque é algo que nin sequera se deu corrixido nas últimas décadas. É un proceso longo porque eses castelanismos son utilizados mesmo polos rapaces educados en galego e que teñen o galego como lingua inicial e case única.
E menos se corrixirá aplicando o teorema do fast-forward reintegracionista, que pretende a tarefa case imposible de depurar os castelanismos da lingua galega substituíndoos unicamente e exclusivamente baixo a óptica da lusofonía. Unha táctica que non entenderían eses galegofalantes de toda a vida, aos que xa lles custa asimilar ‘deus’ en vez de ‘dios’ e ‘pueblo’ en vez de ‘pobo’… Eses que repiten incesantemente -e erroneamente tamén- que o seu galego é “malo”… Ao contrario, ese galego espontáneo é un tesouro, un dos mellores legados que temos, na miña opinión.
Prefiro mil veces pola súa esponteneidade e viveza un gallego do pueblo inzado de castelanismos ca toda a lusofonía xunta e os seus 200 millóns de falantes, aos que -insisto- nos temos que aproximar pero sen deixarnos absorber. A descolonización, como lle chaman algúns, non se resolve con outra colonización. Resólvese, ao meu entender, aprofondando no propio, conscientes e orgullosos da nosa historia, do noso pasado… Non se soluciona, ao meu xuízo, estando todo o día laiándose do que puido ser e non foi.
Afiancemos o galego onde se está perdendo, animemos a que haxa máis novos galegofalantes pero sempre desde o bo rollo e onde a maioría se sinta cómoda. E cando isto estea conseguido, cando volvan ser maioría os nenos que teñen o galego como lingua inicial, cando a xente afaga o oído ao portugués (que non todo o mundo o ten afeito), empezaremos se tal a falar de normas.
Os castelanismos non son o que destrúen o galego, porque os alicerces do idioma está demostrado que foron e son sólidos. Aguantaron a presión a pesar de telo todo en contra. O que destrúe o galego é a perda de falantes. E contra iso debemos loitar todos.
aita: hai alguén aquí? teño unha dúbida: cando se usa 'ó' e cando 'ao'
magnummare: ... un que funcione, porque xa vexo que o teu no vai moi ben... XD XD
magnummare: Señor alema!! com introduciu iso que ten ai de "este blog en portugues automatico"? grasias de antebraso!!
Yuji: Obrigado Aloquete. Vou colocar na minha lista pra quando pedir livros galegos! Ah sim, e achei um artigo seu sobre literatura galega em Portugal, [...]
Aloquete: Yuji, um romance magnífico é PAPAVENTOS, de Xavier Queipo. Cosmopolita, mas galego de cima a baixo.