A Liga Nacional de Billarda, primeira entidade deportiva que apoia o bueno

Xa temos un alto representante do mundo editorial (o xefazo de Xerais), un medio de comunicación (Radiofusiòn)… e agora tamén unha entidade deportiva que apoia formalmente a inclusión da interxección “bueno” como plenamente galega. A Liga Nacional de Billarda (en reintegrata, Bilharda :D ) acaba de publicar un artigo no seu blog O Varal aplaudindo a campaña, a que cualifica de “espectacular e moi necesaria”, e animando os seus visitantes a sumarse en facebook. Desde aquí non podemos facer outra cousa que darlles as grazas. Por certo, o número de adhesións en facebook creceu nos últimos días de forma espectacular… No momento de escribir isto andabamos polos 866 apoios. Os mil están a un paso! :D

12 comments Xaneiro 21st, 2009

Radiofusiòn, primeiro medio de comunicación que apoia o ‘bueno’

Non paran de producirse adhesións á causa ‘bueno é galego‘. A última máis significativa é do grupo de emisoras Radiofusiòn. Son unha trintena de radios de ámbito local que fan unha programación integramente en galego e cuxos locutores tamén padecen o estigma de non poder dicir o ‘bueno’ a vontade, como debería de ser. O apoio dos medios de comunicación é fundamental para o triunfo da nosa campaña e este é o primeiro que aplaude a nosa causa! Cada día que pasa está máis próxima a meta, non hai dúbida.

Por outra parte, teño que volver ao tema do outro día. Segue a campaña de acoso por parte dun lector de alema.org para que NON se publique a entrevista máis agardada, a dun ex-reintegracionista que denuncia ameazas, insultos, etc. despois de abandonar a norma nh. Este é o último capítulo desta truculenta historia.

4 comments Xaneiro 19th, 2009

O xefazo de Xerais, fan de alema, apoia “iniciativas realistas” como a do bueno

Os que defendemos a causa do ‘bueno’ acabamos de recibir un apoio fundamental. O director xeral de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado, publicou un artigo en que aplaude esta campaña, que chega a cualificar de “realista”. “Apoio con convicción” -di Bragado no seu blog Brétemas- “a iniciativa de recoñecemento de «bueno»”.

A ninguén lle escapa que se trata dun empuxón do mundo editorial que pode ser definitivo para a consecución do noso obxectivo. Quen nos verá axiña, podendo consultar no Dicionario Xerais da Lingua un ‘bueno’ que non teña un asterisco deses que sinalan as entradas incorrectas. Bueno, nese e en todos os dicionarios do noso idioma… Estou seguro de que ese día non ha tardar.

Por outro lado, e para alimentar un pouco o ego despois de varias labazadas recibidas neste longo período no desemprego, estou marabillado con que Bragado se proclame fan deste humilde blog con palabras tan cariñosas como

Gústame a súa declaración de principios como galegofalante urbano (condición coa que me identifico, eu que nunca tiven aldea).”

En fin… que podo dicir? Estou realmente emocionado e só lle podo dar as grazas a Bragado por este apoio. Dentro duns anos, cando dicir bueno sexa plenamente legal en galego ou cando acabe ese estigma que aínda pesa sobre os galegofalantes urbanitas, quedará constancia do seu xesto valente.

Pero hoxe non todo son boas noticias. Recordades que hai pouco vos anunciei que habería unha entrevista cun ex-reintegrata ao que ameazaron, insultaron, etc. despois de abandonar a grafía nh/lh/ç? Pois ben, a historia deu unha reviravolta bastante desagradable ao recibir eu esta tarde un e-mail cun arquivo de son que non reproduzo na súa totalidade para non ferir sensibilidades. A min só se me ocorre responderlle a este individuo mediante este vídeo.

Insisto: martes, ás 22.00 horas. Ti non sabes con quen estás falando… ¬¬

42 comments Xaneiro 18th, 2009

Anxo Quintana anúnciase con dous buenos

Acumúlanse as probas contundentes da galeguidade da interxección ‘bueno’. A última vén da man do último spot publicitario de Anxo Quintana. O candidato do BNG á presidencia da Xunta aparece rodeado de cidadáns que repiten un detrás doutro ‘Eu son Anxo Quintana’ e nun momento determinado chega a escoitarse, e ata por dúas veces, a palabra máxica. Por se queda algún simpatizante ou militante do Bloque que aínda tiña dúbidas de que bueno é galego…

Con todo, non quixera terminar este artigo sen solidarizarme cun dos actores que participan no anuncio. É un suposto mariñeiro que podiamos encadrar dentro da categoría 1 na escala de alema [recorden: os que falan galego oral bastante chungo, sen distinguir enes velares e sen saber pronunciar ben o x]. Hoxe todos debemos ser pijos e mariñeiros!

12 comments Xaneiro 17th, 2009

Cazador de buenos

Que mellor para constatar a galeguidade do ‘bueno’ que un programa de televisión dedicado integramente a divulgar a lingua galega? Velaquí unha adaptación do programa ‘Cazador de Palabras’, acabado de estrear na TVG. Como ía faltar o ‘bueno’ na boca de presentador e convidados!? Convénzanse, señores. Non hai volta atrás. Bueno é galego. Legalización xa!

11 comments Xaneiro 16th, 2009

Os lectores do Xornal de Galicia
premian o Osiño Gominola

O Osiño Gominola segue acaparando galardóns e a atención dos medios de comunicación “convencionais”. A piques de superar as 3.000 reproducións en YouTube, o verdadeiro ghit do verán pasado foi elixido “o descubrimento friqui” polos lectores do suplemento de lecer Exit do Xornal de Galicia, tal e como se pode apreciar neste escaneo… [O texto di, por se non o ledes ben: "O DESCUBRIMENTO FRIQUI / OSIÑO GOMINOLA / Unha grande sorpresa a que nos levamos ao ver este vídeo. Poñede "osiño gominola" en YouTube e veredes"].

O Osiño Gominola tamén aparece na portada do suplemento

En realidade, o Osiño Gominola está no número 3 do ránking do máis friqui do ano 2008, xusto por detrás de Rodolfo Chiquilicuatre e do propio suplemento Exit, que debe ser moi friqui tamén a xuízo dos seus lectores.  :D  Sexa como for, desde aquí non podemos máis que felicitar o Osiño Gominola por este novo éxito (que non “sucesso“  :-P  :D ).

Por certo, e xa que estamos con auto-bombos varios, saiban que a causa de “bueno é galego” xa chegou aos 800 asinantes. Axiña seremos 1.000! :D

6 comments Xaneiro 9th, 2009

Incrible: o castelán recorre ao galego para ensinar chinés internacional da China

Os Reis Magos trouxéronme un manual de chinés titulado ‘Aprende chino en un pispás (chino mandarín para principiantes)‘. Moi riquiño o libro, a verdade. Inclúe un CD e todo coas pronuncias e a ver se algún día me decido… O caso é que, mirando nas follas do libro así por riba, encontrei unha cousa que me pareceu moi curiosa. Os autores do manual de chinés recorren ao galego (si, si… ao galego!) para que a xente aprenda as pronuncias chinesas. Fixádevos nesta foto que lle saquei a unha das páxinas (e perdoade de antemán a malísima calidade; a instantánea foi feita cun teléfono móbil).

Pois xa vedes. O son aproximado en español para o /ou/ chinés é, segundo o libro, o /ou/ de… Ourense! O caso é que estiven dándolle voltas ao asunto e, claro, os castelanfalantes non deben de ter pobriños esa secuencia ‘ou’ nas súas palabras. A min así de súpeto non se me ocorre ningunha palabra en español internacional de España que leve ‘ou’ no comezo, no medio ou no final. A vós si? :D

Bueno, aproveito tamén para fachendear que me regalaron o Dicionario de Fraseoloxía Galega, de Xerais, que non o tiña. Gustoume moito. Inclúe “Diola” para horror de moitos e alegría miña. Agora só falta que na próxima edición traia tamén un “bueno” coma un mundo.

4 comments Xaneiro 7th, 2009

alema.org, “web revelación” segundo o programa ‘Extrarradio’ da Radio Galega

Á espera de que esta noite vos poida ofrecer un documento, para min arrepiante, en relación coa Radio Galega, aquí vos traio outro pedazo de momento radiofónico que non vos debedes perder. Os dez minutos (10) que lle dedicou o programa ‘Extrarradio’, da Radio Galega, a falar de alema.org, unha web que se presenta, segundo din, como “unha das revelacións da rede” o ano pasado. Pero non só iso… O presentador do programa, Eduardo Herrero, é tamén un fervente partidario da inclusión de ‘bueno’ como palabra plenamente galega nos dicionarios! En fin… Espero que vos guste (polo menos, polo menos, como a min me gustou, vaia) :D .

 

 

12 comments Xaneiro 5th, 2009

Urxente:
Bueno é euskera (ou éuscaro) :D

Interrompemos o normal desenvolvemento deste blog para informarvos dun descubrimento casual e de última hora. A interxección ‘bueno’ é euskera, forma parte oficialmente do idioma vasco. A pista déunola o lehendakari Ibarretxe dicindo en reiteradas ocasións a palabra ‘bueno’ na conferencia de prensa que deu para anunciar a data das eleccións vascas. Pois ben, meus amigos… Tachán. Isto é o que di o dicionario de euskadi.net:

BUENO
lok. Heg. herr.
bueno
Bueno, zer moduz pasatu duzue?: bueno, ¿qué tal lo habéis pasado?

Comprobade vós mesmos. Eu non digo máis. Só canto e son feliz. Lalalalalalala.

23 comments Xaneiro 4th, 2009

Modesto: “Radicalidade hóuboa sempre; antes era marxinal e agora é ‘mainstream’”

De Modesto chamoume a atención a época na que se movía pola rede cun avatar que mostraba o chamado dedo da mala educación, en sinal de rebeldía total. Agora non. Anda literalmente á súa bóla. Coas súas cousas en modes.to, unha macroweb que inclúe pailan.org, unha plataforma, como di el, “revolucionaria de verdade”. Nótase ben que acabou ata o carallo dos revolucionarios…! :D . Pois ben, hoxe este seareiro das series de televisión e do festival de Eurovisión visita alema.org para dar o seu punto de vista arredor dos asuntos que realmente nos interesan nesta páxina…

alema: Antes de nada, benvido a alema.org. E xa que é vostede o primeiro entrevistado deste ano, permítame atacar coa que vai ser a pregunta recorrente do 2009: cre vostede que hai máis de 2.009 reintegratas?
Modesto: Se atendemos ás restricións que fai vostede no concepto “reintegratas”, penso que non. Son poucos, pero fan moito ruído.

alema: Que tal se leva vostede con eles?
Modesto: Eu lévome ben. En xeral, son boa xente. Hai algún spammer polo medio, tamén algún iluminado… pero supoño que como en todos os eidos da vida.

alema: En que aspectos discrepa (se é que discrepa) co reintegracionismo?
Modesto: Penso que a idea de aproximación entre o galego é o portugués é correcta, pero que hai que darlle tempo. Non se pode dar un paso tan difícil dun xeito tan precipitado, pois córrese o perigo de provocar rexeitamento. Se até hai xente que pensa que a normativa actual é moi aportuguesada! (Si, xa sei que son os usuarios de ‘El Correo Gallego’, pero algunha representatividade terán na sociedade galega). Tampouco estou en absoluto de acordo cos aires que algúns reintegratas se dan de posuidores da verdade absoluta e os demais, pobriños, non abrimos os ollos á realidade e seguimos en Matrix, polo que nos teñen que convencer unha e outra vez.

alema: Sendo como son, segundo vostede, menos de 2.009… Ve viable ou posible que algún día teñamos dúas normas (unha RAG e outra reintegrata) para o galego?
Modesto: Podería ser, pero non polo número de reintegratas, senón polo ensino da lingua portuguesa nas escolas, que penso se debería facer, e conseguir un uso “internacional” do galego para nos entendermos coa lusofonía, sen renunciar á nosa propia norma.

alema: E por que non ensinar portugués directamente? ;-)
Modesto: Xa é o que digo, que se debería ensinar portugués nas escolas, do mesmo xeito ca castelán ou inglés.

alema: Daquela, para vostede, galego e portugués non son a mesma lingua…
Modesto: Fórono, pero xa non o son. Son linguas moi próximas, pero non a mesma lingua. Por motivos políticos, quizais, pero motivos políticos reais.

alema: Como ve vostede a creación da Academia Galega da Língua Portuguesa?
Modesto: Pois do mesmo xeito ca a Academia Galega da Lingua Inglesa ou do Romaní, unha institución necesaria para os falantes desa lingua en Galiza. Tamén daría pé a unha Academia Gallega de la Lengua Castellana.

alema: Falando do castelán… Que lle parece a vostede a campaña de “bueno”?
Modesto: É unha campaña que eu non apoio explicitamente no Facebook, como xa saberá, pero que pode ter a súa xustificación polo seu uso coloquial. De feito, tamén se usa en euskara. Esta mesma mañá [por onte], na comparecencia de Ibarretxe escapáronselle varios “bueno”.

alema: Parécelle que por usar “bueno” lle facemos unha “traizón” ao galego, ou?
Modesto: Non me parece unha traizón, aínda que, por ser unha palabra doutra lingua, debería pasar un tempo até a súa aceptación, como pasa con outros barbarismos.

alema: Cento e pico de anos de presenza na literatura galega non lle parecen dabondo!? :D
Modesto: Iso pregúntellelo aos académicos. :D

alema: Bueno, cambiando de tema… Como vostede saberá, eu nacín en Chuza!, aínda que agora estou no exilio. Como ve vostede o ambiente pola miña terra natal?
Modesto: Xa levo moito tempo sen pasar por aí, pero as veces que mirei estaba bastante botada a perder.

alema: E cre que ten solución o invento?
Modesto: Xa hai máis dun ano que Berto dixera que Chuza! acabaría morrendo. Non sei se é así, ou se se debe reinventar… Iso está na súa man.

alema: A min chegou a asustarme vostede un pouco… Recorda cando tiña un avatar que era talmente o dedo da mala educación? A quen mandaba vostede a tomar vento exactamente?
Modesto: A algúns individuos que tiñan como entretemento votar negativo a todos e cada un dos meus comentarios, entre outras cousas.

alema: Si, é perigoso iso de votar negativo os comentarios… É case como votar negativo as ideas… non?
Modesto: As ideas, ou as persoas…

alema: Vostede cre que acaba por facerse un xuízo directamente ás persoas…
Modesto: Nalgúns casos si, noutros a ideoloxías en xeral.

alema: Non sei se lle pasa o mesmo que a min… Pero eu ultimamente vexo moita radicalidade…
Modesto: Radicalidade hóuboa sempre, pero antes era marxinal e agora é mainstream, por dicilo dalgún xeito. Digamos que moita da xente moderada acabou abandonando o barco. Tamén me resulta moi curioso (acabo de mirar) que usuarios supostamente radicais chucen cousas de ‘La Voz de Galicia’, por exemplo… Supoño que é parte desa fase adictiva de ter que chuzar cousas a todo trapo.

alema: Concordo no que di vostede… Hai unha tendencia a responder con silencio ante certas bravuconadas… Pero non acerto a saber por que non hai máis reacción da xente…
Modesto: Non hai maior desprezo que a falta de aprezo… Ademais, considero iso como unha etapa superada. Xa non me interesa mobilizarme ou rebelarme, como xa fixera no seu momento.

alema: Falemos da súa actividade actual, das súas iniciativas na rede. Un blog, un pod… Por que o de “pailán”?
Modesto: Era o alcume que me puxo outro inesquecíbel da rede… Nemigo. Foi na súa honra -e o dominio estaba libre-.

alema: Mmm… Nemigo… que tempos…! :D Pero vostede identifícase co de pailán ou non? Mire que eu lle son moi pijo de nuestro señor:D
Modesto: Non, claro que non me identifico. Pero é un xeito de dicir que todos somos pailáns, incluído o que “abriu a veda” :D

alema: Por que se identifica sempre o galego ben falado co galego da aldea? E logo nas cidades non falamos ben galego?
Modesto: Digamos que se fala un galego máis contaminado polo castelán, entón, no aspecto fonético non é tan puro.

alema: Pero non é preferible que se fale un galego urbano a que non se fale nada galego nas cidades? É que se están todo o santo día dicindo que o galego urbano é unha merda, acabará por asociarse galego = pailanismo, con perdón. Non hai que fomentar que haxa máis pijos galegofalantes?
Modesto: Por suposto que si. Eu non dixen o contrario.

alema: Quen carallo fala ben galego? Cal é o seu modelo?
Modesto: Como penso que dixo vostede no seu blog, a dobraxe actual que se fai en galego segue un bo modelo, aínda que creo que o galego non estará completamente normalizado até que non sexamos capaces de falar sen complexos nas nosas formas dialectais correspondentes, como fan, por exemplo, os ingleses.

alema: Déame un par de ideas máis para normalizar este idioma, ande…
Modesto: Cando resulte inconcebíbel que exista xente como Galicia Bilingüe, por exemplo. Cando teñamos máis medios de comunicación…

alema: Fágame un prognóstico para as eleccións galegas… En que medida pode influír que Ibarretxe as convocase para o 1 de marzo tamén?
Modesto: Eu penso que nun país normal iso non debería influír.

alema: Faga a súa aposta, veña… Como quedará o parlamento galego nas próximas eleccións?
Modesto: Aínda que son moi malo para as apostas, voume fiar máis ou menos das enquisas. Poñamos 35 PP, 25 PSdeG, 15 BNG, con números “redondos”. Pero non se fíe das miñas previsións.

alema: Bueno… e xa para terminar… Dime un confidente que a vostede non lle gusta a tortilla (castelanismo evidente, por certo). Como é posible? :D
Modesto: Pois non me gusta a tortilla (o soño de todo independentista) do mesmo xeito que hai xente á que non lle gusta o chocolate, algo que se supón que lle gusta a todo o mundo.

Próxima entrevista, coming up soon: Prosciutto

12 comments Xaneiro 3rd, 2009

Síntome como Halle Berry
Calidonia entregoume un ‘Razzie’

Quedan poucas horas para que termine este nefasto 2008 e, á espera de que o ano que vén sexa mellor, recibo a grata noticia de que me conceden un premio… á peor iniciativa blogueira. :( :D E todo por cometer o pecado mortal de intentar que se recoñeza unha interxección tan nosa, tan galega como é “bueno” como iso precisamente, como plenamente galega. Co seu galardón, o amigo Calidonia conseguiu facerme sentir como cando Halle Berry, co Óscar na man, foi recoller o seu premio ‘Razzie’ á peor actriz.

Pois eu, igual que Halle Berry, recollo o premio con humildade e con bo humor, sendo consciente tamén de que a campaña ‘bueno é galego, da que seica se falará en breve outra vez nos medios de comunicación convencionais, é todo un triunfo para o meu idioma.

De feito, é a causa non xenérica arredor do galego que máis triunfa en facebook. O ano pecharase con case 800 asinantes e é ben probable que cheguemos axiña á cifra máxica dos 1.000.

Establecendo algunhas comparativas (con datos do 30 de decembro de 2008) do éxito dalgunhas iniciativas do facebook relacionadas con Galicia e co galego, os datos son ben reveladores:

- Eu falo galego!!: 897 membros
- Bueno é galego: 784 membros
- O Apalpador quer ser o teu amigo: 505 membros
- Adiante BNG!: 182 membros
- Manifesto a prol da convivencia lingüística: 174 membros
- Ana Kiro, premio nacional de Música: 150 membros
- Fans do caldo galego: 58 membros
- Gay-liza: 30 membros
- Instituto da Lingua Galega (USC): 25 membros
- Rouco Varela, papa galego: 18 membros
- Associaçom Galega da Língua: 12 membros (bueno, agora 13, que acabo de sumarme ao grupo :D )

A comunidade de galegofalantes apoia maioritariamente a inclusión de “bueno” como palabra galega. Ese é o meu Óscar, Calidonia. Thanks for your Razzie, anyway. ;-)

12 comments Decembro 30th, 2008

Ferrín apoia o “bueno”

Esclarecedora, moi esclarecedora foi unha mesa redonda que se organizou o xoves pasado en Vigo en que participaron Xosé Luís Méndez Ferrín, Camilo Nogueira e Xosé Manuel Beiras. O título do encontro era “presente e futuro da esquerda nacionalista”, pero a cousa (como non) foi derivando a materias lingüísticas. Desde logo, o máis destacado da mesa redonda foi o apoio claro e explícito de Xosé Luís Méndez Ferrín á galeguidade do “bueno”, tan defendida nestas páxinas e tan criticada noutros foros.

O escritor ourensán saíu en defensa do “bueno”, recalcando ben a expresión, despois de que un dos asistentes ao encontro fixera unha interpelación bastante desafortunada, tal e como recolle o PGL nesta páxina (onde tamén se pode escoitar o momento pro-bueno de Ferrín). De todos os xeitos, o que máis chicha ten para nós é onde o Portal Galego da Língua relata, co seu particular punto de vista, o apoio de Ferrín ao “bueno”.

O primeiro a responder foi o escritor ourensão Méndez Ferrin. Subindo o tom de voz e elevando a símbolo separador de línguas umha mínima diferença fonética, a pronúncia diversa do ‘e’ copulativo, manifestava a sua particular visom do idioma, implicando isto também umha crítica aberta à fala de algum dos intervenientes anteriores. Do público advertiam-lhe: «Com boeno nom se começa um discurso, boeno é palavra espanhola, todos temos que olhar para o nosso umbigo». Ferrin, longe de admitir a crítica, insistia no espanholismo: «-Boeno!», repetia.

O que non sei é por que o PGL opta pola grafía “boeno” en vez de “bueno”, pero en fin… O caso é que está claro que para Ferrín non hai dúbidas da galeguidade do “bueno”… nin tampouco do carácter singular da lingua galega fronte á portuguesa, aínda que iso non é unha novidade.

Polo demais, e sempre segundo o relato do PGL, a mesa redonda achegou poucos apoios claros dos intervinientes á causa reintegracionista. Camilo Nogueira rexeitou o termo “lusofonía” para referirse á suposta “unidade lingüística” do galego e do portugués, e mesmo cando foi criticado por ir de pro-reintegrata de portas para fóra e falar coma a xente de portas para dentro, asegurou que non quería sentirse “parte dunha minoría”. Tampouco Xosé Manuel Beiras lles deu moitos azos aos reintegratas ao asegurar que na relación entre Portugal e Galicia (termo defendido vivamente por Ferrín) “hai cousas moito máis importantes ca a norma ortográfica”, aínda que o PGL destaca xusto o contrario no seu titular.

18 comments Decembro 20th, 2008

Next Posts Previous Posts


AVISOS

Últimos comentarios

E ti que galego falas na escala de alema? aquí

Mini-chat

Latest on Mon, 00:28

aita: hai alguén aquí? teño unha dúbida: cando se usa 'ó' e cando 'ao'

magnummare: ... un que funcione, porque xa vexo que o teu no vai moi ben... XD XD

magnummare: Señor alema!! com introduciu iso que ten ai de "este blog en portugues automatico"? grasias de antebraso!! :P

Yuji: Obrigado Aloquete. Vou colocar na minha lista pra quando pedir livros galegos! :) Ah sim, e achei um artigo seu sobre literatura galega em Portugal, [...]

Aloquete: Yuji, um romance magnífico é PAPAVENTOS, de Xavier Queipo. Cosmopolita, mas galego de cima a baixo.

» Escribe algo



Featured Advertiser

Artigos recentes

 

Marzo 2010
L M M X V S D
« Dec    
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
293031  

Categorí­as

Tags

Meta