Aconteceu o Día das Letras Galegas no programa ‘O País dos Pequenos’. O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, e a presentadora Belén Regueira, conversaban animadamente sobre os estereotipos que hai arredor do carácter galego. E saíu o ‘bueno’, como non! Tan claro ten o conselleiro que o bueno é galego que asegura que é necesario traducilo para que a xente entenda o seu verdadeiro significado no noso idioma. O documento non ten desperdicio.
Vaia, vaia. Parece que os días que hai Eurovisión hai unha manchea de noticias que comentar. Imos por partes.
1) Feijóo nomea a Anxo Lorenzo, un sociolingüista independente de recoñecido prestixio e comprometido co galego, para dirixir a política lingüística da Xunta. A Mesa e o BNG cualifícano de “verdugo” do galego, nada menos. En Galicia Bilingüe tamén están que adoecen. O dos galegófobos enténdoo. O presidente da Xunta nomeou alguén que loitou polo que eles cualifican de “imposición do galego”. O que non entendo é a saña da Mesa. A quen querían que se nomease? Callón respóndeme que non é un ataque persoal, e que a alternativa é un cambio de política. Nomeando o señor Lorenzo, non é logo un cambio de rumbo polo que hai que felicitarse? Cal é logo o candidato ideal da Mesa?
Paréceme algo precipitado xulgar de antemán sen saber cales son os compromisos aos que chegou Feijóo con Lorenzo para que aceptase o posto. Hai que esperar. É certo que hai declaracións de dirixentes do PP que causan certo desacougo (a pretensión de resucitar, por exemplo, a polémica de ‘La Coruña’), pero é certo tamén que de momento as cousas non pasaron de aí, dunhas declaracións. E volvo reiterar o que dixen noutras ocasións: para recuperar os consensos hai que ter mesura, prudencia, siso… e iso vai por todos. Dun lado e do outro. Todos a pechar esas boquiñas e a poñerse a traballar.
Apúntanme que a reacción da Mesa pode deberse a un intento por manter “a tensión” con vistas á manifestación do 17 de maio. Eu creo que é unha estratexia errada. O aspecto reivindicativo dunha manifestación non implica ter que perder os papeis. O normal sería recoñecer a traxectoria do novo secretario xeral, reclamar que sexa coherente co seu traballo anterior e esperar acontecementos. E unha vez dito iso, pode manter con elegancia que seguen vivos os motivos polo que convoca a manifestación do domingo e a outra cousa. O cortés non quita o valente.
2)Os da Gentalha conseguiron o seu elevador(ascensor, en galego). Recadan pasta a velocidade do raio: 10.000 euros en 3 días. Parabéns para eles. Agora, o que podían era organizar unha coletadoutros 120.000 para comprar o famoso dicionario da RAG e colgalo na internet.
3) Este ano, o actor Quico Cadaval vai ser o patrón dos reintegratas no Día do Orgulho Lusista e Reintegrata, que se celebra o 25 de maio. [Por certo: que pensará o novo secretario xeral de Política Lingüística sobre os reintegratas? Non pararei ata descubrilo].
4) TVE destitúe o xefe de Deportes por non ofrecer os apupos do público ao himno de España. A quen hai que cesar por emitir tenis en vez da 2ª semifinal de Eurovisión?Vergonzoso. Menos mal que nos quedou Portugal (e Andorra) para seguir a retransmisión. Como castigo a rtve, negueime a sentouciñar o festival por rtve.es, que para máis inri estivo colgado media hora.
5) A raíz da idea dun colega, institúo desde hoxe a Igrexa Alemista do Primeiro Bueno, a única igrexa onde todos os crentes son practicantes. Remember. Bueno é galego. Xa asinamos 1.281
A raíz dos comentarios nun artigo no blog do ‘Voto con Botas’, coñecín unha opinión cualificada sobre o escándalo do Mapa Sociolingüístico Galego (MSG): a de Mauro Fernández. Este catedrático de Lingüística Xeral na Universidade da Coruña foi responsable científico do primeiro MSG e polo tanto coñece ben ata que punto se poden comparar ou non os datos de estudos elaborados en 1992 e en 2004 e se son acertadas ou non as interpretacións que fixo recentemente o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística en conferencia de prensa. Mauro Fernández, ex-director do Instituto Cervantes nas Filipinas e experto nos crioulos dese arquipélago, non ve o panorama tan negro como describe Carlos Callón e, tal e como interpreto eu a resposta á primeira pregunta, tamén discrepa con el sobre a consideración do ‘bueno’ como parte do galego.
Vostede acusa a Carlos Callón de “actitude tramposa” á hora de interpretar os datos do segundo volume do Mapa Sociolingüístico de Galicia… Onde se producen os principais erros de interpretación do presidente da Mesa?
Bueeeno! [= marcador discursivo do galego, claro] Isto empeza con bala. Os erros e os problemas están xa no texto do MSG 2004, de aí os toma o presidente da Mesa. Cales son eses erros? O máis relevante para a súa pregunta procede de que no MSG 2004 faise unha comparación entre conxuntos de datos que non se deben comparar. Os datos recollidos polo Seminario en 2004 compáranse cos recollidos en 1992. Esa comparación crea a aparencia dun enorme retroceso do galego, de 30 puntos na lingua habitual, en tan só 12 anos; e ese retroceso leva a considerar que houbo un fracaso total das políticas de normalización. Pero o quid do asunto está en que as mostras son tan diferentes que a comparación perde sentido. Vou poñer un exemplo na dirección contraria do que realmente pasa, para que se vexa mellor a diferenza que hai entre comparacións válidas e non válidas. Imaxinemos que na enquisa do 2004 participaran só individuos maiores de 50 anos. É ben sabido (por moitos traballos anteriores) que hai unha clara asociación entre o galego e a idade dos individuos: hai máis galego-falantes iniciais e habituais entre a xente vella ca entre a xente nova. E isto non pasa porque vaiamos falando máis galego a medida que envellecemos, senón porque se dá unha quebra que empezou hai moito tempo na transmisión da lingua de pais a fillos.
Pois ben, se eliminamos a xente nova das nosas enquisas, os menores de 50 anos por exemplo, teremos como resultado porcentaxes moi altas de galego-falantes. Se esa enquisa, sesgada cara á xente máis vella, a tomamos como representativa de toda Galicia, e a comparamos con outra anterior na que había xente de todas as idades, está claro cal vai ser o resultado da comparación: na segunda vai haber moitos máis galego-falantes que na primeira. Poderíamos entón convocar á prensa, e anunciar que nos últimos doce anos produciuse un aumento espectacular do galego? Iso sería uso erróneo da estatística, e se sei de antemán que é erróneo, pois é facer trampas.
No caso que comentamos o que sucedeu realmente foi o contrario: na enquisa do 2004 matáronnos (simbolicamente, claro) a todos os maiores de 54 anos, e iso invalida a comparación. Hai ademais outros problemas, algúns deles moi técnicos, pero paréceme que aquí chega con este. Isto non quere dicir que todo o que está no MSG 2004 sexa malo; hai bastantes cousas aproveitables. Só estou a falar desas comparacións non válidas entre os datos do 2004 e os de 1992.
A que responde a actitude de Callón, ao seu entender, logo? Por que tería a Mesa interese en presentar os datos máis negativos sobre o futuro do galego?
É o alemamalo quen fai esta pregunta? Espero que non teña vostede nada persoal contra o presidente da Mesa. Eu pensaba que el estaba ao tanto destas eivas do MSG 2004, e por iso dixen que aínda que me parecía comprensible a súa actitude, era facer trampas. Estas trampas na interpretación dos datos prodúcense moitas veces; un vello chiste do gremio dos estatísticos di que se vostede come un polo enteiro e eu non como nada, a media estatística indicaría que cada un dos dous comeu medio polo.
Cabe a posibilidade de que o presidente da Mesa non tivera lido as críticas que se publicaron a finais de 2007, cando apareceu o primeiro volume, ou que as tivera esquecido. Nese caso, non procedería falar de actitude tramposa, obviamente.
Cal pode ser razón da insistencia nos datos máis desfavorables? Tal vez se deba a que a MNL é unha entidade de promoción do galego, e como tal é normal que nos alerte dos perigos para o galego e que trate de axitar conciencias. Pero iso debe facerse con rigor.
Dada a distribución do galego por idades, é evidente que a medida que van morrendo os máis vellos, vai habendo menos galego-falantes. Isto é así aínda que ninguén máis abandone a súa lingua no futuro. Pero se ninguén máis abandona a lingua no futuro, do que procede falar en interpretación correcta é de “estabilización”, e non de “retroceso”, aínda que o saldo final sexa de menos galego-falantes. Imaxine estoutra “construción cuantitativa”: “tres de cada catro persoas que morren son galego-falantes”. Ten todos os visos de ser certa pero é irrelevante, morren por vellos, e non por falar galego. Se chamamos á prensa por iso e denunciamos as políticas lingüísticas, facemos trampas.
De todos os xeitos, non cre que a RAG debeu de facer unha presentación pública e que fosen os autores do estudo os que ofrecesen os datos que a eles lles parecen máis relevantes e que a cidadanía coñecese o estudo pola RAG e non pola Mesa?
Estou de acordo. Pero parécenme suspicaces as atribucións de intencionalidade política.Tampouco se presentou nunca na RAG o terceiro volume do MSG 1992, publicado no 96, que indicaba unhas actitudes favorables cara ao galego, especialmente na poboación máis nova. Querían ocultar algo? É inverosímil; eu sempre pensei que foi un asunto de axenda (sen descartar unha posible desidia) por parte de quen tiña a responsabilidade de organizar a presentación; e pasados varios meses xa estaba “amortizado” o traballo e non procedía presentalo. É moi posible que nesta ocasión pasase o mesmo.
Está o galego tan mal como se pinta desde algúns sectores? Cal cre vostede que son os nosos puntos fortes e fracos?
O MSG04 contén certos datos favorables, algúns deles que apuntan precisamente a esa estabilización da que falaba antes. Se nos fixamos nos datos correspondentes ao grupo de idade máis novo, e os comparamos co que lle sigue en idade, vemos que xa non hai ese descenso que se dá en cambio en todos os outros grupos de idade: as porcentaxes de galego-falantes son practicamente as mesmas nos dous grupos. Hai máis cousas positivas: xeneralizouse a competencia na lectura en na escritura, por exemplo.
As políticas lingüísticas dificilmente van converter aos castelán-falantes en galego-falantes, aínda que hai casos, naturalmente. Pero se o obxectivo é ese, estamos abocados á unha melancolía infinita. Os éxitos da normalización deben medirse pola normalidade con que os castelán-falantes aceptan introducir o galego en certas parcelas das súas vidas, por exemplo nas relación coa administración, no ensino, etc.; pero non é todas, pois… que gañarían facendo iso? Nestes asuntos a xente móvese por cálculos de coste-beneficio (non necesariamente económico, senón tamén emocional, manter a rede de amizades que xa se ten, etc.) E isto pásalles tanto aos que manteñen o galego como aos que manteñen o castelán. O máis importante é que os castelán-falantes consideren que o galego é tamén parte do seu capital lingüístico, unha parte esencial que é exclusivamente nosa, que nos liga co noso pasado e que nos permite ser diferentes, sen necesidade de exhibir permanentemente esa diferenza.
Coa nova etapa política que se abre, cal pensa que debe ser a actitude que tomen os axentes que traballan a favor da lingua?
A actitude, en calquera etapa política, debe ser a mesma: de defensa, de promoción, e de non agresión a ninguén, nin de palabra nin de obra. Preparo o escudo para protexerme das críticas que me van caer en riba polo que vou dicir, pero aí vai, pois os atacantes nese blog aportan polo xeral unha boa dose de humor. Eu diría que unha parte esencial da normalización consiste tamén en asumir que do feito que o galego sexa a lingua propia de Galicia, que o é sen dúbida, non se deriva que o castelán sexa unha lingua allea.
Que opinión ten sobre o reintegracionismo? Cre que ten algún futuro?
A miña opinión coincide bastante coa súa. Non son partidario, pero tampouco hostil. En canto a se ten futuro, vexo improbable que a corto prazo se converta en norma oficial. Pero seguirá tendo usuarios; neste momento paréceme que se usa como un signo de distinción. Por fortuna, hai vida máis alá da norma oficial, ou non?
Con abraio leo hoxe un artigo de Carlos Callón no Galicia Hoxe e no seu blog no que afonda no tristemente famoso segundo volume do Mapa Sociolingüístico Galego. E faino para incidir en dúas variables nas que, segundo el, non incide o estudo: por un lado, o que el cualifica de “hibridización”, e por outro, a perda de “espontaneidade”. E cando fala da “hibridización” o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística exemplifica dunha maneira, ao meu entender, desastrosa e altamente demagóxica.
Atención a frase do Callón… para poñela nun marco:
“A perda do galego é un continuum, que non se dá só a través da mudanza directa polo castelán, senón tamén de diferentes escollas que se aproximan a esa lingua: bueno, enero, lunes, siempre, costilleta, desayuno, a leite, etc.”
Fíxense que Callón coloca o ‘bueno’ de primeiro nunha desafortunadísima lista de palabras. Non só renega da galeguidade do ‘bueno’ senón que chega a comparar esa interxección galega con aberracións do tipo *enero, *lunes, *siempre (!), *a leite,… En fin.
E saben que é o peor de todo? Que Callón sabe perfectamente que non se pode comparar o caso de ‘bueno’ (unha interxección -de orixe castelá, si- pero á que o galego lle deu dimensión propia e que empregan, mal que lle pese, TODOS os galegofalantes) con *siempre ou con *a leite, erros descomunais que ningún defensor do ‘bueno’ nin emprega nin xustifica.
Pero vaia, xa se sabe que ultimamente o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística lle colleu gustiño a iso de comparar realidades diferentes para resaltar os datos que a el lle interesan. Só hai que ler o que opinan algúns sociolingüistas noutros foros sobre as comparacións que establece Callón entre os dous Mapas Sociolingüísticos para elaborar a súa análise apocalíptica sobre o futuro do galego. Eu, pola miña parte, sigo esperando que me responda un cuestionario que lle mandei hai máis de catro meses e que lle reenviei actualizado hai poucas datas dados algúns ‘cambios’ que se produciron ultimamente.
Máis que meterse coa galeguidade do ‘bueno’, penso que o señor Callón debería reflexionar noutras cousas. Ata que punto é beneficioso para o galego estar soltando todo o santo día mensaxes apocalípticas arredor do seu futuro? A Mesa pode abstraerse da autocrítica dado o resultado electoral (retroceso de todas as forzas máis “defensoras” do galego e irrupción de UPyD como cuarta forza e case 24.000 votos)?
Son algunhas preguntas que eu lle deixei ao Callón na caixa de correo. Sigo esperando respostas.
Esta mañá levei unha desagradable sorpresa ao comprobar que o usuario de facebook chamado “Concha Rousia” (único que ten ese nome e unha foto dunha persoa que se parece incriblemente a Concha Rousia) desapareceu de entre os asinantes da causa ‘bueno é galego’. Estou triste. Concha borrouse. Eu pensaba que o reintegracionismo estaba decidido a facer unha aproximación á sociedade do galego real pero estaba equivocado. E dígoo con moita tristura, certamente.
A esta hora, descoñezo as causas polas que a señora Rousia (ou o seu alter-ego en facebook) decidiu abandonarnos, pero espero que a cousa non quede aquí. Acabo de enviarlle unha mensaxe á usuaria de facebook chamada Concha Rousia para pedirlle explicacións. Pero moito me temo que posiblemente non as haberá. Unha persoa chamada Concha Rousia que asina nos foros da AGAL dixo esta mesma mañá:
De seguro que tem de haver alguma explicação embora eu não atino a saber qual… talvez como outra vez que apareceu um comentário com meu nome em Vieiros… que era obvio que não era feito por mim…
(…) à merda (desculpa a palavra) não se lhe deve fazer apreço… mesmo que apareça debaixo de uma pedra ou nem que no alto dum outeiro
Sempre o brigada !
E olha, já sabes meu lema, que nem é meu, “que falem de mim mesmo que seja bem”…
_________________
“Eu quase que nada não sei. Mas desconfio de muita coisa.”
Guimarães Rosa
Non sei a que se refire a señora que asina nos foros da AGAL como Concha Rousia cando fala de “merda”. :( Eu, pola miña parte, se houbo alguén que utilizou a súa conta de facebook ilegalmente para darlle o apoio á causa ‘bueno é galego’, pídolle desculpas por pensar que era dos nosos… que formaba parte da iniciativa concreta a prol do galego con máis éxito no facebook.
A min o que máis me cadra é que, quizais por erro, a usuaria de facebook chamada Concha Rousia viu a palabra “galego” nunha causa e anotouse sen ler o contido da proposta. E que, despois de recibir algún toque por parte de alguén, decidiu recuar porque se cadra tamén o seu cargo dentro da AGLP é incompatible con afirmacións tan terribles coma que “bueno é galego”.
E unha última cousa: equivócase moito a usuaria dos foros da AGAL chamada isabelrei, cando di que isto “está feito a cousa está feita com má fé…“, para logo asegurar que lles estou facendo “propaganda”. Tamén di:
Dentro de pouco tempo poderemos ver palavras galegas nos dicionários portugueses e não será nem graças aos Alemas maliciosos de turno nem aos Joanes que lhes fazem propaganda mesmo na casa.
En que quedamos? Era boa ou mala a “propaganda”?Con respecto ao das palabras galegas nos dicionarios portugueses, en fin… Estou investigando, pero todo apunta a que non lles vai ser tan fácil como pensaban ou como nos aseguraron. Pero iso será motivo doutro artigo proximamente…
O que foi número 2 na Vicepresidencia da Xunta e actual comentarista político Antón Losada figura xa entre os asinantes do bueno, igual que Concha Rousia [lido 'Rousía'], escritora e líder de opinión reintegracionista coa que antano tiven algunha polémica, pero ante a que me quito o sombreiro pola súa valentía. Efectivamente, o bueno é tan galego que poden asumilo perfectamente os defensores da ortografía nh, que din “bueno” e non o artificioso “bom” a pesar da ‘doutrina oficial’. Pero hai máis asinantes relevantes: entre eles, a directora xeral do Servizo Galego de Igualdade, Ana Luísa Bouza, ou Luís Pardo, xornalista da SER e presentador do novo programa musical da TVG.
Por certo… Xa contactei coa asinante número 1.000 da iniciativa. Como xa vos dixen, chámase Noelinha e é unha tipa moi, moi simpática . Esta é a conversa que mantiven con ela.
- Como soubeches da campaña ‘bueno é galego’?
Estaba a procurar por Youtube vídeos de Ugio e Giana.
- E ese interese por Ugio e Giana…?
A versión guai é que estou a aprender a lingua ugiana, e precisaba de documentazom.
A versión case de verdade é que a plataforma “Que voltem a Casa” pasouse de spam comigo, e me fixo pensar que son uns tipos riquinhos. Unha compañeira miña quería montar a plataforma “Ugio e Giana na casa Ajora, Já e Sempres”.
A versóm reintegrata é que tu es um porco espanholista reformista do caralho que nom compreênde o sentir da nazóm.
A versión final é que penso que a vida non é para tomar en serio e un día vou acabar cun ollo morado, fixo :D.
- Coñeces moita xente que se sumou? Cres que é un debate que chegou á rúa?
Non coñezo ninguén que se sumara. Mais coñecerei. Cos millóns de euros que me regalastes por ser a número mil xa me encargarei de que chegue á rúa, cando menos ao meu bloque (de veciños).
- Por que te decidiches a apoiar ‘bueno é galego’?
Semellabades almas puras. E, bueno… ver que hai 999 persoas que a apoian sempre é unha tentación.
- Podías contarnos un pouco cales son os teus hábitos lingüísticos (que lingua(s) falas habitualmente, en que contextos, etc)?
Son pura diglosia. Adoito falar castelán e escribir en galego. Estou a aprender touriñés para encher currículo.
- Asinas en facebook como Noelinha de la O… tendo en conta que o facebook acepta nomes con ñ… non serás reintegracionista? (:D)
Sei que tiñas ilusión, pero xa se intúe polo xeito de escribir que non :D. É costume, “Noeliña” lembrábame á miña nai e “Noelinha” dáme máis aire de gafapasta.
- Por certo… Que pensas do reintegracionismo?
Respectable e moderadamente razoable na teoría, complicado e difícil de aplicar na práctica.
- Cres que a RAG acabará aceptando a nosa proposta?
Teñen días… quizais si.
- Cres que o reintegracionismo tamén debería recoñecer a galeguidade do ‘bueno’?
Igual por gratitude. Do pouco que coñezo este blog, aquí vin dos debates sobre reintegracionismo máis completos e con menos insultos da rede.
- Ocórreseche algunha idea para facer máis visible aínda a nosa campaña?
Publicidade nos autobuses. Trollear foros. Rebentar actos de Galicia Bilingüe. E, sobre todo, sexo.
Saltou a noticia. Ás 0.28 do 2 de febreiro de 2009, a campaña ‘bueno é galego’ chegou ás mil sinaturas en Facebook. Unha usuaria chamada Noelinha -coa que teño que contactar- converteuse así na persoa que alcanzou a cifra máxica. Eu, pola miña parte, só podo dicir “graciñas mil”… e nunca mellor dito! Agora si que se sente o cheiro do triunfo… Bueno é galego!
Seguen producíndose adhesións importantes á causa ‘bueno é galego‘. Un dos últimos apoios a título persoal foi o do actual xefe de gabinete da Vicepresidencia da Xunta, Manuel Martínez Barreiro. É ata o momento o máis alto cargo do Goberno que se suma a esta iniciativa, que se aproxima perigosamente ás 1.000 sinaturas .
Aproveito para informarvos de que Alberte Núñez Feijoo, Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana teñen nas súas contas de facebook unha petición de alema para que se unan tamén. Quen dos tres o fará primeiro? Cal dos tres pasará á historia por apoiar primeiro unha causa xusta e nobre coma esta?
Alejandro Tobar é un mozo lugués de 25 anos que acaba de publicar a súa primeira novela, titulada “Cremalleiras“. Toda ela está escrita nun pulcro galego RAG, pero a proscrición do ‘bueno’ obrigouno a ter que dar algunha explicación ante os seus lectores. A continuación mostro por primeira vez un pedazo dunha novela onde figura un ‘bueno’ xenuíno galego, que -recordemos- segue sen ser recoñecido como galego polas nosas autoridades lingüísticas.
(…) A fe que si, non tardou en responder, pero de seguida rectificou: bueno… depende, a que película? Non sei, algunha que estea no cine, respondeu a moza. Ah, ben. Logo, si. E despedíronse: aburiño. (…) [Clica aquí para ver o documento]
O caso é que a pé de páxina, Alejandro Tobar opta por poñer a seguinte aclaración.
Bueno non é unha forma propiamente galega, malia que se emprega decotío na oralidade. Ao ser ademais unha forma da que se apropian tanto os vascos como os cataláns para as súas falas, non vexo por que non mantela no galego escrito, mesmo cando existiría a outra opción, máis lusista, do «bo[m]», que, amais lembra à gala «bon». Bebendo doutras fontes, se cadra tamén existiría aínda outra posibilidade, tomada da narrativa oteriana (véxase ‘Os camiños da vida’): Boeno. Así e todo, aquí queda «bueno». [Clica aquí para ver o documento]
A partir de aí, Tobar segue utilizando con toda naturalidade o ‘bueno’ galego… pero é necesario ter que recorrer a circunloquios absurdos para non recoñecer a galeguidade desta interxección? Por que ten que verse freada a expresividade dos personaxes dunha novela, do propio autor… por un estigma sen sentido? Por que ten que ser ‘bueno’ unha palabra indigna do galego? Cantos escritores reprimiron os seus ‘buenos’ para non caer nunha suposta incorrección?
Alejandro teno claro. Vai seguir utilizando ‘bueno’ nos seus textos literarios. Os galegos, di, “agregámoslle novas acepcións” á interxección, polo que na súa opinión a causa ‘bueno é galego’ debe triunfar. E non é o único escritor que o pensa e así o manifestou coa súa adhesión no facebook. A campaña, por certo, está a piques xa de alcanzar a cifra máxica dos mil asinantes.
Xa temos un alto representante do mundo editorial (o xefazo de Xerais), un medio de comunicación (Radiofusiòn)… e agora tamén unha entidade deportiva que apoia formalmente a inclusión da interxección “bueno” como plenamente galega. A Liga Nacional de Billarda (en reintegrata, Bilharda ) acaba de publicar un artigo no seu blog O Varal aplaudindo a campaña, a que cualifica de “espectacular e moi necesaria”, e animando os seus visitantes a sumarse en facebook. Desde aquí non podemos facer outra cousa que darlles as grazas. Por certo, o número de adhesións en facebook creceu nos últimos días de forma espectacular… No momento de escribir isto andabamos polos 866 apoios. Os mil están a un paso!
Non paran de producirse adhesións á causa ‘bueno é galego‘. A última máis significativa é do grupo de emisoras Radiofusiòn. Son unha trintena de radios de ámbito local que fan unha programación integramente en galego e cuxos locutores tamén padecen o estigma de non poder dicir o ‘bueno’ a vontade, como debería de ser. O apoio dos medios de comunicación é fundamental para o triunfo da nosa campaña e este é o primeiro que aplaude a nosa causa! Cada día que pasa está máis próxima a meta, non hai dúbida.
Por outra parte, teño que volver ao tema do outro día. Segue a campaña de acoso por parte dun lector de alema.org para que NON se publique a entrevista máis agardada, a dun ex-reintegracionista que denuncia ameazas, insultos, etc. despois de abandonar a norma nh. Este é o último capítulo desta truculenta historia.
Os que defendemos a causa do ‘bueno’ acabamos de recibir un apoio fundamental. O director xeral de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado, publicou un artigo en que aplaude esta campaña, que chega a cualificar de “realista”. “Apoio con convicción” -di Bragado no seu blog Brétemas- “a iniciativa de recoñecemento de «bueno»”.
A ninguén lle escapa que se trata dun empuxón do mundo editorial que pode ser definitivo para a consecución do noso obxectivo. Quen nos verá axiña, podendo consultar no Dicionario Xerais da Lingua un ‘bueno’ que non teña un asterisco deses que sinalan as entradas incorrectas. Bueno, nese e en todos os dicionarios do noso idioma… Estou seguro de que ese día non ha tardar.
Por outro lado, e para alimentar un pouco o ego despois de varias labazadas recibidas neste longo período no desemprego, estou marabillado con que Bragado se proclame fan deste humilde blog con palabras tan cariñosas como
“Gústame a súa declaración de principios como galegofalante urbano (condición coa que me identifico, eu que nunca tiven aldea).”
En fin… que podo dicir? Estou realmente emocionado e só lle podo dar as grazas a Bragado por este apoio. Dentro duns anos, cando dicir bueno sexa plenamente legal en galego ou cando acabe ese estigma que aínda pesa sobre os galegofalantes urbanitas, quedará constancia do seu xesto valente.
Pero hoxe non todo son boas noticias. Recordades que hai pouco vos anunciei que habería unha entrevista cun ex-reintegrata ao que ameazaron, insultaron, etc. despois de abandonar a grafía nh/lh/ç? Pois ben, a historia deu unha reviravolta bastante desagradable ao recibir eu esta tarde un e-mail cun arquivo de son que non reproduzo na súa totalidade para non ferir sensibilidades. A min só se me ocorre responderlle a este individuo mediante este vídeo.
Insisto: martes, ás 22.00 horas. Ti non sabes con quen estás falando… ¬¬
Yuji: Mas pro caso de serem usuários (no sentido informático), acho que se usa mais utilizador (pt) ou usuário (br), não?
alema: "Os utentes podem utilizar estas normas em português"
O Peto Lareto: gracias alema, estou a pensar que sería moito mási claro algo asi como :
Os utentes podem solictar estas normas en Portugués.
¿É correcto? poñedelle os acentos [...]
alema: ,que são obrigatórias
alema: Os utentes podem solicitar a língua destas normas