Xa estou en Lisboa e vou continuar blogueando! :D :D :D

Estupendas noticias. Xa estou en Lisboa, ben instalado na casa do meu amigo Nuno, en pleno centro da cidade (que segue tan preciosa como a última vez que a visitei) Sigo mantendo que necesito un descanso e desconectar un pouco… Pero oh, sorpresa! O azar tróuxome dous regalos inesperados: por un lado, un ordenador libre na casa de Nuno (un vello trebello da súa irmá pero felizmente con conexión á internet) e por outro un plugin que me vai permitir publicar tuiteos. É dicir, todos os días publicarase automaticamente un artigo que recompila os meus tuiteos das últimas 24 horas (ou iso creo). E así, sen moito esforzo, podo ir recompilando cousas que vou vendo por aquí e seguimos en contacto. Agora mesmo non estou para escribir un post diario, pero penso que pode ser interesante ir recollendo as impresións desta viaxe, que aínda non sei canto vai durar. A ver o que me aguantan ou o que aguanto. Xa vos irei contando. Moitos beijinhos desde Portugal!

4 comments Febreiro 20th, 2009

Marcho de vacacións… a Portugal!
Ata loguiño! :D

Estou feliz. Esta mañá recibín a chamada dun vello amigo portugués que me convida a pasar un tempiño na súa casa de Lisboa, e como sigo no paro e sen encontrar nada con xeito, pois… decidín facerlle caso. Por que non? Agora mesmo estou preparando as maletas. Mañá saio en dirección á capital portuguesa. E como non vou poder atender o blog coa frecuencia que me gustaría, decidín tomar unhas vacacións… para recoller novas ideas e tal. Ou quen sabe, quizais non volva nunha boa  temporada. Ou quizais cando regrese, veño convertido nun reintegrata revirado… :D Eu que sei. Se cadra encontro un trabalhito fixe alí e esquezo isto de bloguear. Non sei. Necesito respirar un pouco. Entre mentres, deixo este fio aberto para que escribades o que vos apeteza. Mesmo para que me poñades a parir se queredes. Estrañar-vos-hey! Ata sempre e, bueno, sede bos na miña ausencia! ;-)

16 comments Febreiro 19th, 2009

Andressolo, ex-reintegrata:
“Insultáronme e ameazáronme ducias de veces polas miñas parodias”

Andressolo é todo un personaxe. E tanto é así, que ás veces se confunde o que conta nas súas parodias con quen é el na realidade. Igual que moitos de vós, souben de Andressolo polos seus sketches sobre o reintegracionismo, sen dúbida os seus vídeos máis populares. Con todo, hai cousas de Andressolo que moita xente non sabe. A primeira, que foi reintegrata ata os 19 anos. A segunda, que debaixo das súas barbas hai un tipo non nacionalista ao que ás veces “linchan” polo seu traballo. Señoras e señores. Ladies and gentlemen. Chegou o momento. Esta é a verdadeira cara de Andressolo. :D

Para moitos xa é vostede todo un referente do humor na rede, cunha cantidade inmensa de vídeos e en varios idiomas! Ata que punto é importante para vostede a lingua á hora de facer humor?

Para min a importancia da lingua á hora de facer humor só ten que ver co cómodo que me atopo eu nese idioma. Por iso o 90% son en castelán. Non é que fale mal o inglés ou o galego, pero cando se trata da espontaneidade que require a improvisación (e case todos os meus vídeos son improvisados) pois un pouco máis de soltura supón moito en canto a como queda a cousa. Despois está o tipo de humor, que depende moito da lingua que use. Caricaturizo os británicos en inglés mellor que en castelán, evidentemente. E danse xogos de palabras que non se poden facer noutras linguas. Tamén uso bastante o spanglish e galinglish. O galego só o uso en vídeos que o requiren, con moi poucas excepcións. Ou sexa,que case todos os meus vídeos en galego son parodiando o nacionalismo rancio, porque de entrada o que me sae é o castelán.

E eu que pensaba que case toda a súa produción era en galego…! :D

A maioría dos meus vídeos sempre foron en castelán. Non só cando empecei a facer vídeos (hai case tres anos) senón tamén cando empecei a subilos (cando me enteirei da existencia de Youtube, 10 meses máis tarde) e durante toda a miña traxectoria audiovisual. Podes comprobalo indo á miña canle de Youtube e mirando os meus primeiros vídeos. A relación de vídeos en galego sempre foi de 1 por cada 7-10 en castelán. O que pasa é que a maioría dos máis vistos son en galego. Foi o de parodiar o nacionalismo galaico o que me fixo máis “popular” (impopular para moitos), porque ate agora case os únicos que o parodiaban eran os españolistas fachas. Con isto deuse unha circunstancia graciosa, que é que gañei inimigos e amigos sen merecer nengún. Digo iso porque moitos pensan que son nacionalista (asombroso, con semellantes parodias!) e uns me poñen verde por iso mentras outros me animan a seguir promovendo a causa galaica. Eu non me canso de aclarar que non son nacionalista, pero parece que as barbas poden máis…

Si, moitos cren que as súas parodias son chiscadelas de ollo ao reintegracionismo… Eses Galizas con z marcados e palabras acabadas en -zón…

Eu fun reintegrata cando era nacionalista, que foi dende neno até os 19 anos. Despois non só o nacionalismo me resulta totalmente alleo senón que o reintegracionismo me parece unha opción elitista e absurda. Eu penso que o galego é o que falan os galegos, non o que din catro iluminados. As linguas evolucionan, e moitas veces sofren cambios pola influencia (imposta ou non) doutra cultura. En castelán dise “bistec”, que vén de “beef steak” en inglés. Paréceme absurdo loitar contra iso, aínda que se dea por unha expansión medioinvasiva da cultura anglosaxona.

Cando estaba no instituto escribía pasquíns en reintegrado que despois distribuía. Os estudantes (que eran galegos) preguntaban que lingua era aquelo. Para a maioría dos galegos e galegas un “ç” ou un “lh” resulta estraño. E dicir “reparaçom” tamén. Entón que carallo ten iso de galego? O feito de que no pasado o galego fose máis similar ao portugués non nos ten por que facer dar marcha atrás no tempo. Tamén antes era máis similar ao latín. E o latín foi imposto polos invasores romanos; así que se o problema co galego popular é que está influenciado pola imposición do castelán, por que non rexeitamos o uso de linguas romances na península?

Insisto, para min as linguas as definen os falantes, non os eruditos elitistas. Creo que queda claro o que penso do tema en vídeos coma “Galiza primitiva” ou “Conselhería de reintegraçom”.

Como acepta en xeral a xente, e os reintegratas en particular, os teus vídeos? Houbo algunha persoa que se rebotase contigo?

Pois depende moito. Por unha banda depende de como entendan o vídeo (na maioría dos meus vídeos buscar un significado é de tolos, porque é humor absurdo, pero en moitos dos galegos hai algo de ironía… ás veces, claro).

Os reintegratas reaccionan de diferentes xeitos, igual que os nacionatas. Hai quen me apoia pensando que penso coma eles, hai quen non se aburre de entrar nos meus vídeos “galeguistas” para me insultar e hai quen se decata de que non pensamos igual pero que acepta as diferenzas de pensamento e bota unhas risas cos vídeos sen moralizar máis.

Xente que se rebotara comigo, pois moita. O macho galaico é un ser rabudo e tan macho coma o macho ibérico. Xa me ameazaron ducias de veces. Acabarei hostiado por bromear e dicir “Galiza” en vano… E enriba esa xente vai de progre!

Por certo, este ano, a pregunta común a todos os entrevistados de alema.org é: Hai máis de 2.009 reintegratas? Vostede que pensa?

Pois dubido que os haxa, a verdade. Ou igual si, pero como eu xa non ando en círculos dese tipo non me decato. Creo que para a maioría dos galegos pasan bastante desapercibidos, agás nas pintadas nos carteis das estradas, con “correccións” que promoven tanto o galego como por exemplo convertir “San Xosé” en “Sam José”; o cal todos sabemos como len a maioría dos galegos. XD

Tamén me gustaría contarlle que estamos levando unha campaña en facebook para que a RAG admita a interxección “bueno” como plenamente galega… a vostede que lle parece?

A min sempre me parece ben que as normativas lingüísticas reflexen o xeito de falar do povo. E en Galicia todo cristo di “bueno” como interxección. De facer unha campaña eu me preocuparía máis dos animais que viven en granxas ou laboratorios, da xente que pasa fame ou da situación social das mulleres, pero bueno, cada tolo co seu tema ;D

En que se inspira para facer os seus vídeos? Como é o proceso desde que xorde a idea ata que se pon a gravar?

O proceso de produción adoita ser:

Fumarme un bong de hachís ou marihuana (non sempre é preciso, pero ocorre no 80% dos meus vídeos polo menos).

Ocórreseme un xogo de palabras, vexo algo na habita que me da unha idea, venme á testa unha parida calquera… e inmediatamente lle dou ao REC e empezo a improvisar.

Cando me sinto “inspirado” non agardo a ter unha idea. Pulso o REC directamente e coa presión de que estou gravando xa se me ocorren torrentes de ideas. Cando máis ocorre isto é cando tomo LSD, lorazepam e cannabis xuntos. Neses días (tristemente pouco frecuentes) podo pasar horas e horas improvisando. O 13 de Outubro de 2007 grabei 50 vídeos en 5 horas. E moitos pasaron a criba e foron subidos (13 enteiros e outros 13 en forma de videomix). De feito teño unha lista de reprodución adicada só aos vídeos gravados ese día.

Ás veces a primeira toma improvisada non me convence, pero a idea ou certas partes si; entón repito o vídeo inmediatamente despois, improvisando de novo pero incluindo cousas da toma anterior. Ás veces simplemente improviso varias veces e escollo a que máis me gusta, ou corto as mellores partes e as monto. Outras veces (poucas) repito tantas veces o vídeo que xa me aprendo de memoria o que dicía (case como ter guión). Isto pasou por exemplo con “Marea negra”, que repetín case 40 veces. Pero moitas veces ao repetir perde a chispa da primeira toma e queda unha merda tremenda. Eu aprecio moito a frescura que da a espontaneidade. Vese que me trabuco e que sigo, ou que precisamente dun erro saco ideas para seguir co vídeo, que toma un rumbo dictado pola inmediatez en troques de seguir unha pauta marcada.

Hai uns 4 vídeos que teñen guión. Considérome pouco dogmático e non me poño límites no xeito de facer vídeos. Case todos son improvisados, e é o que xeralmente prefiro, pero non me corto de escribir un guión se me apetece.

Despois está o traballo de selección, que é unha brasa. Fixen uns 4.000 vídeos, e xa ves que só un 10% está no Youtube. Improvisando poden saír cousas moi boas pero, como é comprensíbel, sae moita merda tamén.

Pódese vivir de ser Andressolo? Ten esperanza de poder algún día facer humor como fai e vivir diso?

Ha! Máis ben pódese morrer de ser andressolo. Entre o mal que adoito estar animicamente e a cantidade de xente que me quere linchar non creo que sexa unha boa opción estudar andressoloxía.

O de facer humor como fago e vivir diso claro que me gustaría. Pero é un xeito de facer humor que non encaixa moito coas cousas con saída comercial. Ou non sei, tampouco é que o tentase. De feito, levo un ano pensando en mandar algo a produtoras pero dáme medo que me digan que si e rematar cun traballo remunerado… XD

A verdade é que o tema de ter trastorno bipolar faime arrecuar moito, porque teño épocas moi malas e non me sinto capaz de currar. Ás veces paso meses case sen facer vídeos.

Ofrecéronme ir a un casting para presentar un programa na TV, pero non fun porque non vía moi posíbel facer o Andressolo aí (aparte de que hai veces que non me sinto capaz animicamente). E a min o que me gusta é iso, non chupar cámara.

Pero que fas en Londres, tío? :D

Estou tramitando a introdución de grelos e nabizas na dieta dos nenos ingleses nas escolas. Por agora xa convencín a Gordon Brown de que así van crecer sendo máis nacionalistas e que loitarán pola súa patria en próximas guerras imperialistas coma verdadeiros machos galaicos. A raíña é máis reticente pero hoxe xa conseguín que comera os meus grelos con patacas “a la Andressolo” e que dixera “Wow, this is absolutely brilliant!Aínda que non é difícil facer que un inglés pronuncie esas palabras… só tes que cagar na súa boca e verás que aínda así repite “Wow, this is absolutely brilliant!

Cando remate a operación, Gran Bretaña estará sen sabelo criando unha nova xeración de loitadoiros do Frente de Libertaçom do Grelo que, aos 18 anos, emigrarán á Galiza para loitar contra os españolistas e arrasar as súas prantacións de espinafre, plantando grelos no seu lugar.

A ver… Quen carallo é Andressolo? Defínase

Son un vertebrado, mamífero e, por desgracia, humano. Adícome a facer fotos, música electrónica e vídeos, ademáis de andar pola fraga ou sitios libres de xente. Nacín en Vigo, pero dende os 16 anos andiven por sitios moi variados. O de cara onde vou… xa me gustaría sabelo. Vou á deriva.

E unha última curiosidade… De onde sacou o seu alcume?

Cando tiña 15 anos eu era un punk que, supoño que debido á rebeldía xuvenil, estaba contra o uso de drogas (como non probara nada e o referente que tiña era o resto de consumidores de drogas, pensaba que anulaban á xente e que “dificultaban a revolución”… ignorante de min!). Unha noite estaba co grupo de okupas que andaba e todos estaban de tripi, fumaos e borrachos. Entón empecei a improvisar letras versioneando ao “cantautor punkManolo Kabezabolo, que adoita cantar promovendo o uso e abuso recreacional das drogas. Pero as miñas eran letras cómicas e cándidas contra as drogas. Os colegas rachaban coa risa e nomeáronme Andressolo Cabezatolo. Despois diso aprendín a raspar a sexta corda da guitarra e din concertos en toda Galicia, en Xixón, Portugalete, Vitoria e Granada. Foi todo un éxito, sorprendentemente. Daí vén o de Andressolo.

63 comments Xaneiro 20th, 2009

Radiofusiòn, primeiro medio de comunicación que apoia o ‘bueno’

Non paran de producirse adhesións á causa ‘bueno é galego‘. A última máis significativa é do grupo de emisoras Radiofusiòn. Son unha trintena de radios de ámbito local que fan unha programación integramente en galego e cuxos locutores tamén padecen o estigma de non poder dicir o ‘bueno’ a vontade, como debería de ser. O apoio dos medios de comunicación é fundamental para o triunfo da nosa campaña e este é o primeiro que aplaude a nosa causa! Cada día que pasa está máis próxima a meta, non hai dúbida.

Por outra parte, teño que volver ao tema do outro día. Segue a campaña de acoso por parte dun lector de alema.org para que NON se publique a entrevista máis agardada, a dun ex-reintegracionista que denuncia ameazas, insultos, etc. despois de abandonar a norma nh. Este é o último capítulo desta truculenta historia.

4 comments Xaneiro 19th, 2009

Unha rectificación acompañada de petición de desculpas

Ante a aparición de comentarios manifestamente racistas e xenófobos neste blog, decidín eliminar o post dedicado aos neonazis reintegratas. É o efecto colateral de xogar con lume nun tema en que -admito- non debín de meterme nunca e que se me foi das mans. Foi un erro polo que vos pido desculpas a todos os lectores do blog, que mantemos discrepancias á hora de afrontar un modelo para o noso idioma, pero que compartimos o noso rexeitamento manifesto a este tipo de actitudes. Aos reintegratas que vos sentistes ofendidos porque entendistes que pretendía identificar reintegracionismo con esta ideoloxía aberrante tamén vos pido perdón, aínda que vos dou a miña palabra de que en ningún momento ese era o meu obxectivo. Sabede tamén que a partir de agora todos os comentarios racistas, xenófobos ou difamatorios serán borrados e os seus usuarios, baneados. Espero que aceptedes as miñas desculpas.

alema

Xaneiro 8th, 2009

Chega ‘nh invaders’, o xogo

Chega o que moitos esperabades. Un xogo para descargar adrenalina ante a invasión reintegrata. Un idioma está en perigo e ti podes salvalo! (Ollo: ás veces tarda algo en cargar)

Se tes problemas para ver o xogo, dálle aquí.

15 comments Novembro 16th, 2008

Urxente: alema pregunta a Anxo Quintana sobre o reintegracionismo (responderá?)

O Osiño Gominola coouse na web quin.tv para preguntarlle a Anxo Quintana, vicepresidente da Xunta e voceiro nacional do BNG, sobre o reintegracionismo. Responderá algo non politicamente correcto?

Meu deus! Que nervios!

Esta é a ligazón da pregunta en vídeo: http://quin.tv/video/117-o-reintegracionismo

6 comments Novembro 14th, 2008

As miñas primeiras palabras en reintegrata (que nervios!)

Non din que para saber do que se fala hai que experimentalo? Pois hoxe tócame a min. Tanto despotricar do reintegracionismo, tanto criticar amigablemente os reintegratas… hoxe decidín converterme por uns instantes nun socio máis da AGAL. Agarrei un texto calquera que encontrei no PGL, enganchei o micro, e hala… a experimentar ser reintegrata. A verdade é que me custou varios intentos (falta de costume, xa se sabe), pero ao final o resultado non estivo mal de todo. Eu creo que fixen a lectura seguindo os ditados reintegracionistas e isto foi o que saíu.

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. Download the latest version here. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Que vos parece? Paso ou non paso por reintegrata? Espero que valoredes o esforzo polo menos! E, home, agora que me escoito no meu nível… que queredes que vos diga? Non me vexo nada, nada natural, con tanto seseo e con tantas terminaçons en -çom. O caso é que, para contrastar, decidín ler o mesmo texto en galego independentista (ese termo que tanto vos gusta). E voilà, así son eu co galego ILG-RAG, o galego “como dios manda:D

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. Download the latest version here. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Moito mellor, non? A min desde logo paréceme un galego moitísimo máis auténtico. Espero que a miña fonética urbana non vos decepcionase moito… O caso é que, postos a elixir tamén, case prefiro ler o texto en portugués de Portugal, unha lingua que adoro, como xa vos dixen noutras ocasións. Velaquí o resultado.

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. Download the latest version here. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

O sotaque é se cadra un pouco forzado pero vaia… son dos que penso que cando se fala unha lingua hai que intentar imitar ben o acentiño. E hoxe, que estou chulito, tamén me atrevo co portugués brasileiro, aínda que -teño que confesalo- non me chista demasiado. Pero bueno, voume poñer carioco! Atendede!

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. Download the latest version here. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Por último, e xa que estou en plan strip-tease lingüístico, quixera que me escoitásedes lendo o mesmo texto en castelán internacional de Castela. Máis que nada para ver se se corrobora a “teoría orsinia”, recordades? Aquela pola cal un galegofalante fulltime (coma min, por exemplo) fala un castelán máis “puro” ou máis “estándar” ca un galego castelanfalante habitual (eu creo que se me nota algo o acento galego, pero en fin…). Velaquí o resultado.

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. Download the latest version here. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Bueno, agora sodes vós os que tedes que opinar. Eu creo que estou máis fixe en galego RAG, non por nada… é que me vexo máis eu, máis “auténtico”. O outro paréceme demasiado artificial e nada pegado á realidade lingüística do país, pero vaia… Espero que esta miña primeira incursión no reintegracionismo fose do voso agrado porque me temo que vai haber poucas máis. :D

Que versión do texto cres que lin mellor?

Ver resultados

Loading ... Loading ...

Cal é a norma do galego máis auténtica para ti, a teor das gravacións?

Ver resultados

Loading ... Loading ...

42 comments Setembro 26th, 2008

Unhas cantas cousiñas…

Bueno. Non todos os días un ten un tempo, inspiración, novidades,… O caso é que hoxe andei un pouco apurado e non puiden dedicarlle o esforzo necesario ao blog, o que vós merecedes. De todos os xeitos, aproveito para comunicarvos unhas cantas cousiñas:

- O blog do amigo gerardinho reabriu recentemente nun novo enderezo: www.madeiradeuz.org. Moi recomendable! Visitádeo, por favor ;-) :D

- O vídeo do Osiño Gominola superou xa as 1.000 visitas en Youtube; o Coelliño Orelliñas xa pasou tamén das 250 visitas en pouco máis dunha semana. Fixe!

- Estou pensando en poñer no blog un sistema para que vos poidades rexistrar e se cadra colaborar máis activamente. Non sei.. Dicide vós se vos apetece ou se o considerades unha boa ou mala idea.

En fin, que mañá será outro día. Unha aperta a todos.

8 comments Setembro 19th, 2008

Son riquísimo

Nunca vos falei das miñas múltiples empresas? Teño unha cadea de accesorios de baño, outra que fabrica robots, unha floraría, unha empresa de servizos, unha granxa-escola, unha tenda de portas de madeira, un restaurante de cociña caseira, un salón de peiteados,… Que máis se pode pedir?

Así a todo, de todas cantas páxinas teño, a miña favorita segue sendo esta: alema.org. :D ;-)

13 comments Xullo 13th, 2008

Máis que malo… very soon

Grava na mente os dez segundos deste vídeo.

4 comments Xullo 6th, 2008

alema mao

malo

1 adx Que ten ou é de mala calidade.
2 adx Que é adverso ou desfavorable.
3 adx Aplícase á persoa que non reúne as calidades esixibles na súa actividade ou condición.
4 adx Que está enfermo ou falto de saúde.
5 adx Que é daniño ou prexudicial.
6 adx Que causa desagrado ou desgusto.
7 adx Que tende a facer ou comportarse mal.
SINÓNIMOS: cativo, ruín, mao

2 comments Xuño 5th, 2008


AVISOS

Últimos comentarios

E ti que galego falas na escala de alema? aquí

Mini-chat

Latest on Mon, 00:28

aita: hai alguén aquí? teño unha dúbida: cando se usa 'ó' e cando 'ao'

magnummare: ... un que funcione, porque xa vexo que o teu no vai moi ben... XD XD

magnummare: Señor alema!! com introduciu iso que ten ai de "este blog en portugues automatico"? grasias de antebraso!! :P

Yuji: Obrigado Aloquete. Vou colocar na minha lista pra quando pedir livros galegos! :) Ah sim, e achei um artigo seu sobre literatura galega em Portugal, [...]

Aloquete: Yuji, um romance magnífico é PAPAVENTOS, de Xavier Queipo. Cosmopolita, mas galego de cima a baixo.

» Escribe algo



Featured Advertiser

Artigos recentes

 

Marzo 2010
L M M X V S D
« Dec    
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
293031  

Categorí­as

Tags

Meta