Cortesía de Maceirax, que é todo un artistazo, aquí está o logotipo oficial da campaña ‘bueno é galego‘, moi groovie por certo. A mágoa é que o verán está para acabar e que non dá tempo para facer camisolas (ou ‘t-shirts‘, en reintegrata). Lamentablemente, segue sen haber resposta da Rúa das Tabernas, así que haberá que seguir insistindo para conseguir a plena galeguidade do bueno. Bueno, a espera lévase mellor con este superlogo do Maceirax.

4/Setembro/2009
Con sorpresa e tras un convite de Mourullo comprobo que no VOLGa (o Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega) da RAG (Real Academia) non aparecen dúas palabras imprescindibles en todo debate normativista: ‘lusofonía’ e ‘lusófono’. Só figuran ‘lusismo’ e ‘lusista’. E tamén ‘anglófono’ e ‘francófono’, pero ‘lusófono’ non.
COMO É POSIBLE QUE A LUSOFONÍA NON EXISTA NO GALEGO OFICIAL!!!???
E eu que son ben lusófilo -outra palabra que non aparece no VOLGa- sumareime a toda campaña que loite pola incorporación de ‘lusofonía’ e ‘lusófono’ (xunto co ‘bueno’, claro) no dicionario da Real Academia. Dígoo máis ben para matar tres paxaros dunha caxatada.
Pero o máis heavy de todo é que as dúas palabriñas en cuestión TAMPOUCO (também não) aparecen na biblia dos reintegratas: o todopoderoso Estraviz, que só recolle ‘lusofilia‘, ‘lusófilo‘, ‘lusofobia‘ e ‘lusófobo‘. A tan adorada ‘lusofonía’ (palabra spam reintegrata) non está!!!!
O DO VOLGa AÍNDA TEN UN PASE, PERO…
A AUSENCIA DESTAS PALABRAS NO ESTRAVIZ MERECE DIMISIÓNS!!!
19/Agosto/2009
Despois de ler os últimos artigos do Césare (1 e 2), cos cales concordo moito, e dado que o que hai que poñer de moda agora son as accións en positivo, paso a informar de dúas cousas que espero que espalledes por aí.
1) É oficial: o símbolo # chámase ‘cancelo’ en galego. Sempre tiven a dúbida de como se chama o símbolo este e, como na rede non encontrei nada, decidín escribirlles aos do Servizo Galego de Terminoloxía do Ramón Piñeiro e contestáronme moi amablemente que as solucións que eles ofrecen son tres: díese, sostido e cancelo. E dado que as dúas primeiras son símbolos musicais diferentes do símbolo informático -isto é cousa miña-, queda instaurado logo o nome de ‘cancelo’ para o #, que é supergalego e non pode molar máis, francamente.

Velaquí unha comparativa de como se lle chama ao trebello # en distintos idiomas, segundo a wikipedia.
- portugués: cerquilha, porteirinha, cauabanga, caprino, cardinal, tralha, malha, grade, sustenido; popularmente jogo-da-velha, jogo-do-galo, jogo-do-gato, lasanha, moiteiro, cruzadinha ou cerquinha
- castelán: almohadilla, cuadradillo, grilla, numeral, signo de número, cardinal, (signo de) gato, michi, tatetí, vieja.
- inglés: number sign, hash mark, hash sign, hash symbol
- francés: croisillon
- italiano: cancelletto
- catalán: coixinet
- euskara: traol
2) Existe unha versión en galego do idioma HOYGAN, que para os que non o saiban é unha linguaxe na que un usuario xeralmente cabreado escribe en maiúsculas (berrando) e con múltiples faltas de ortografía ou gralhas (GRAYAS, en HOUZAM). Pois ben, a versión é galego desa lingua é o HOUZAM, que serviu de inspiración para o antetítulo do artigo de hoxe. Outros exemplos en HOUZAM:
- HOUZAM NOM SEY KE MANYFESTO APOLLAR NESESITO HASUDA
- HOUZAM DISKE BENELOPE CRUS TA PRENHADA DE JABIER VARDEN
- HOUZAM CORRIGAM-ME HAS GRAYAS GRAÇAS DANTEBRAÇO
- HOUZAM HAGORA SOM MARTIN NOVAS PORKE HE MENOS GAYEGO
- BIREY RINTIGRATA HOUZAM!!!!!1
6/Agosto/2009
Hoxe traio esta simpática viñeta do amigo maceirax na que se explica con claridade e humor o paradoxo do reintegracionismo: unha minoría que turra ante as risas do galegofalante medio e non digamos xa do españolfalante medio, un can que o artista sacou do xogo da NES Duck Hunt. Parabéns a maceirax polo seu traballo. Esperemos que nos siga dando máis no futuro. Podes clicar na imaxe para ampliala.

30/Xullo/2009
Polo título do artigo ben podería dicirse que fun á caza de pirolas á segunda cidade de Portugal. Pois non.
É outra mala pasada que vos xoga o galego, ese idioma tan independente do portugués. Dígovolo porque acabo de estar no Porto e isto é o que un pode encontrarse na sinalética do marabilloso Ikea de Matosinhos.

Está claro: “Plantas e vergas”. Para un portugués da rúa, a palabra “verga” non ten ningunha connotación estraña, non pode levar a confusión. Pola contra, para un galego o conto cambia porque entre as definicións do verbete está o significado de “pene” (aínda que o Estraviz -erroneamente ao meu entender- asegura que só é referido a animais).
E si. Xa sei que en galego a palabra “verga” tamén significa “vara” ou “vimbio”, pero non me negaredes que non queda un pouco bizarro [outro-estranxeirismo-innecesario-moi-á-moda-reintegrata] vela nun letreiro. Imaxinen escoitar pola megafonía do futuro Ikea da Coruña: “Señor Rodríguez, acuda á sección de vergas, por favor”. :D Tanta connotación sexual ten a palabra, que eu sempre escoitei iso de “estar envergallado” como sinónimo de “estar empalmado” ou, dito finamente, “co pene erecto”.
Dúas cousas máis da miña viaxe ao Porto:
1) Os portugueses non saben pronunciar “Ikea”. I-ke-a. :D Chámanlle “Ikeia” como “assembleia” e “feia“
2) Moito me gustou ver unha palabra galega nun dos establecementos do anexo Mar Shopping [en Portugal son os putos amos dos centros comerciais]. Si señor. “Rebaixas”, con letras grandes, distinto de “saldos” e de “rebajas“. ;-)

PD: Díxenvos algunha vez que adoro a lingua portuguesa e Portugal? Creo que si, pero teño a necesidade repetilo. Sempre que vou é como estar na casa. :) Estaría toda a vida escoitando/falando portugués! It’s a sexy language, non credes? 
28/Xullo/2009
Os lectores do Xornal de Galicia encontraron hoxe esta pedaço de publicidade: páxina e media nada menos co chamado “Manifesto pola Hegemonia Social do Galego”, un texto redactado integramente en reintegrata (aínda que a moitos a primeira vista o título lles pareza castelán) e que xa asinaron numerosas personalidades e simpatizantes do mundillo nh. Quen dixo que o reintegracionismo é un movemento spam ou panfletário? Aquí está a proba de que ‘manexan’
. A foto non é de moita calidade, pero se queredes ver o que di o manifesto só tedes que clicar aquí. Os que asinaron a favor do manifesto son os que aparecen nestoutra páxina. Reintegrata’$ powa!


Por certo, na parte alta da media páxina de publicidade contratada polos reintegratas vén información relacionada coa final de Operación Triunfo e con Amy Winehouse. Simplemente xenial.
23/Xullo/2009
O amigo Gerardinho convocou no seu blog un interesante concurso en que lles pide aos seus lectores que completen a frase “Reintegracionismo é…”, e eu ben que participei con algunhas achegas. Pero hoxe aquí traio outra, que non introducín no seu blog para non crear polémicas posteriores subsceptibles de ser logo eliminadas.
Bueno, o caso é que para min reintegracionismo é tamén ‘t-shirt’. E todo porque acabo de ver no PGL unha noticia moi interesante. O titular: “AGAL e Sei o que nos Figestes… editam t-shirt para o Festigal“. Si, si… Os nosos amigos editaron unha ‘t-shirt’… ou sexa, unha ‘camisola’ ou unha ‘camiseta’, palabra galega que entende todo o mundo aquí en Galicia pero que queda pouco molona nos sites reintegratas. Eles prefiren ‘t-shirt’, só porque se utiliza en Portugal.
Os reintegratas renegan de ‘bueno’; pensan que é un crime contra o idioma reproducilo pola súa boca. Pola contra, non teñen nada -ao contrario, que o potencian- en contra de ‘t-shirt’ e outros estranxeirismos innecesarios que chegan vía a lingua portuguesa. Penoso.
Cumpriría recordarlles aos amigos da ‘t-shirt’ que en Portugal tamén se di ‘camisola’. ‘Camisola‘ e ‘camiseta‘ (si, si, esa palabra que soa tanto a español) aparecen as dúas no dicionario Estraviz, onde non figura by the way ningunha ‘t-shirt’.
20/Xullo/2009
Atopei nun comercio esta brochura
e acordeime de vós. Alguén pode dicir, á vista deste anuncio, que galego e portugués son a mesma lingua, cando ningún galego (salvo aqueles que coñecen o portugués, claro) entende nin papa da mensaxe que pretende transmitir? :D Aí quedades… borrifando soalhos, que eu sigo no meu mundo real.

6/Xullo/2009
Pois si. Son poucos pero queren chegar á xente. E por iso saben que teñen que renunciar a certos “sinais de identidade”. Entre eles, a(s) normativa(s) reintegrata(s). Non é ningún segredo que entre os que soñan por unha Galicia independente non hai unanimidade. Máis ben ao contrario. As pelexas entre a FPG (pro-norma RAG) e Nós-UP e similares (pro-reintegrata) pola cuestión normativa son tan grandes, que mesmo supuxeron un verdadeiro atranco para a unidade do independentismo político.
Pero o que é novidoso é que entre os que son defensores do nh empeza a callar a conclusión de que a mensaxe non lle chega á cidadanía. É dicir, que a xente “pasa de rollos” cando recibe escritos en norma reintegracionista. Contan en Vieiros os impulsores de Espaç/zo Irmandiñ/nho, novo aglutinador do soberanismo, que van empregar ao 50% as normativas RAG e AGAL (pasada de moda, por certo). É máis: recoñecen que «o uso dunha ou outra normativa “deberá modularse en función do público ao que se dirixe”, unha decisión á que se chega logo de comprobar como, por exemplo, os obreiros á saída de Citroën deitan no chan sen ler moita da documentación que se lles entrega».
Ou sexa, que os arredistas partidarios da(s) norma(s) reintegrata(s) saben que teñen que pasar á norma maioritarísima seguindo “criterios de oportunidade”, tal e como recoñecen tamén en Vieiros.
En definitiva: moita academia portuguesa, moito suposto aumento de reintegratas, moito “estamos no mellor momento”, pero o certo é que o reintegracionismo é un atranco recoñecido para o crecemento da ideoloxía política que o sustenta en gran medida.
19/Xuño/2009
Hoxe quedei cunha amiga miña superpija e supercastelanfalante ela coa que me reúno para tomar café un par de veces ao ano ou así. É polo xeral unha tipa bastante tolerante dentro do seu círculo, pero esta tarde sorprendeume -e moito- cando abordamos a cuestión da enquisa esa que lles están facendo aos pais co tema do galego, do castelán, etc. etc. Bueno. O caso é que, cando me contou a súa postura ao respecto, quedei bastante flipado coa defensa que fai do galego, ela que rara vez a escoitei pronunciar unha simple frase no meu idioma materno. Deixoume ler o cuestionario que estes días vai entregar no colexio e sorprendeume tanto, que lle pedín que me deixase publicalo. Pois aquí está. Isto é o que puxo no apartado “observacións”:
“Aprender es enriquecer. Las lenguas se aprenden hablándolas. Creo que la utilización de las lenguas tiene que hacerse de una manera ecuánime, utilizándose en este caso en un 50% para cada una de ellas. Y lo más importante: creo que lo adecuado es que los niños aprendan el galego como una lengua nuestra, no como extranjera. Todo cabe en el saco. No utilicemos la lengua para hacer política y sí para entendernos.“
A miña amiga, a diferenza de min, aprendeu o galego como unha lingua estranxeira e non quere que ao seu fillo lle aconteza o mesmo. Eu creo que, por veces, sente que lle gustaría ter a fluidez en galego para falar con xente coma min, que nunca nos pasamos ao castelán con persoas galegas. O seu fillo é afortunado. Polo menos súa nai é consciente de que a el tamén lle pode pasar o mesmo. Oxalá moitas nais e moitos pais castelanfalantes o teñan presente cando cubran o famoso formulario. 
15/Xuño/2009
Ata hoxe, os da Gentalha do Pichel eran para min un grupiño de educados e simpáticos reintegratas que, á marxe de discrepancias ortográficas, se dedican a organizar diversas e inocentes actividades lúdicas. E ata sentín certa compaixón por eles cando o Concello de Santiago pretendeu pecharlles o chiringo por non ter un ascensor en condicións no seu local. Pero iso é xa pasado. Hoxe abrín os ollos de vez.
Abrín os ollos ao comprobar por min mesmo que esta asociación conta con membros que foron condenados por dedicarse a actos vandálicos. Eles chámanlle a iso “corrigir topónimos“, pero non é tal. É empregar métodos fóra da lei para impoñer unha escritura non oficial por riba dos nomes de vilas e cidades que aparecen nos carteis que vemos polas estradas. Igualiño que os que poñen o L nos rótulos onde figura “A Coruña”.
Pero o grave non é iso… Xa coñecedes a miña opinión sobre este tipo de vandalismo tolerado por certos sectores. O peor de todo é que a Gentalha promete no seu blog que, á marxe das multas que lles poidan caer, “continuarám aparecendo letras galegas nas estradas“. Ou sexa, que xustifican e alentan a comisión deste tipo de actos vandálicos que pagamos todos cos nosos impostos.
Os señores da Gentalha do Pichel son libres de chamarse “Gentalha” en vez de “Xentalla”. Ninguén llelo impide e poden escribir en reintegrata todo o que queiran. Pero de aí a impoñer pola vía do spray un modelo ortográfico que seguen menos do 1% dos galegofalantes hai un abismo. Para min, a partir de agora, acaba calquera simpatía con eles.
PD. Xa empeza a haber xente que se ofrece a axudar a pagar as multas (bastante leves para o dano que causan, ao meu xuízo), igual que cando xurdiu toda a movida do ascensor. E digo eu: farán tamén campañas cando condenen os que causaron danos no mobiliario público na manifestación do 8F? Non pode ser todo máis lamentable. Estes tamén son “inimigos do galego”
13/Xuño/2009
A lei de alema -”reintegracionismo chama a máis reintegracionismo”- acaba cumpríndose sempre… e nalgúns casos con drama incluído. Tal é o caso do profesor José Luis Fontenla, vello coñecido deste blog polas súas polémicas declaracións sobre a normativa AGAL (que chega a cualificar de “portunhol 2″), e que agora é actualidade porque, coitado el, pide asilo político en Portugal.
Este home, presidente da chamada Comissão Galega do Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa e prototipo da categoría 10 na escala de alema (”os galegos teñen que falar portugués”) séntese perseguido pola policía secreta española, que seica non ten cousas máis interesantes que facer que revisarlle o correo e confiscarlle libros… E iso que este individuo disque reside desde hai dúas décadas en Portugal!
Pero bueno… Cara a isto vai irremediablemente o reintegracionismo. Recordo que, cando hai xa un ano saquei á palestra as declaracións deste home, houbo algún reintegrata amigo que me chegou a dicir: “home, está claro que sempre hai máis papistas ca o papa” en referencia ás teses ultralusistas do profesor Fontenla. Infelizmente, un ano despois, só me queda constatar que a maioría dos practicantes do nh camiñan irremediablemente cara á fusión total co portugués, cara a adopción do padrão portugués para o galego (un dos alcumes de Fontenla é “João Padrão”, que manda truco!), coa creación de entes como a AGLP.
E de que maneira reage “a comunidade” ante tal notición?
- Boa parte dos chuceiros, cada vez máis botados ao monte, solidarizándose e crendo esta historia para non durmir
- E os portugueses que comentan nas webs que publicaron a noticia, flipando a cores
…Bueno, todos menos un, que desde o Alentejo -terra natal do querido aloquete
- asegura:
“Não só se deve dar asilo politico como financiar as actividades dos grupos separatistas da Galiza que querem a união com Portugal. Mas era preciso um governo com tomates [="collóns", por se alguén non entende] para o fazer, não um de rabichos!”
Como se pode ver, ilusos hainos en todas as partes. En fin.
PD: Non será que os Correos de España lle confiscaron a Fontenla os libros ao ver que os enderezos estaban escritos en reintegrata hard-core? :D Non. Sempre é máis fácil crer en consparanoias. xD
PD2: Será que o Fontenla (ou Fontela, como aparece nas notícias) tivo un ataque de lusismo cando viu que un avogado que curiosamente se chama igual ca el -curiosamente el mesmo figura como avogado nalgunhas biografías- aparece nunha páxina de “avogados de España”, con bandeira roji-gualda incluída? Ou que actuou así ao comprobar que ten entrada propia na wikipedia española, a dos topónimos deturpados? :D José Luis Fontenla, ese home que aparece en galegos.info cun correo electrónico moi rechamante (no que se conxugan as palabras “lusismo” e “negocio”) e que, a pesar de que reside en Portugal, ten tamén enderezo e teléfono en Pontevedra…
PD3 E falando de todo un pouco, leo tamén en chuza! que os de Ceivar están publicando un texto-tipo para recorrer as multas que recibiron “dúzias de ativistas da língua” a raíz dos lamentables sucesos do 8F. Sen entrar no fondo da cuestión… Non parece curioso que esas cartas estean redactadas en precioso galego RAG? Se o reintegrata é admitido pola xustiza -como aseguran os reintegratas- porque non a empregan en casos coma este? Podían seguir o exemplo do Fontenla: redactar os recursos en reintegrata e, no caso de que non sexan admitidos, pedir tamén asilo en Portugal. 
11/Xuño/2009
Artigos seguintes
Artigos anteriores