Un amigo meu que quere estudar portugués na Escola Oficial de Idiomas de Santiago quedou abraiado cando consultou os contidos didácticos que aparecen no programa, escrito en “português da Galiza“. Certo é que para coñecer a cultura dun país está moi ben achegarse á súa realidade, á súa cultura… Pero este punto do programa non parece un pouco excesivo?
“Meios de comunicaçom e manipulaçom (a cor política dos jornais e televisons em Portugal). Conhecer líderes políticos portugueses“. (pax. 85)
Que pasa? Para aprobar portugués na EOI de Santiago hai que saber os líderes políticos portugueses? Hai que coñecer a cor política dos xornais e televisións? Hai que controlar de medios e “manipulaçom“?
Outra perliña do programa está algo máis adiante:
“O mundo do emprego em Portugal e o Brasil. Problemas sociais ligados ao emprego. Sindicatos portugueses e brasileiros, principais conflitos laborais.” (páx. 142)
Polo que se ve, tamén debe ser importante coñecer os principais conflitos laborais da lusofonía para sacar boa nota no curso. De feito, a unidade 7 titúlase “Vamos para a greve!“. E que conste que a palabra “greve” tamén aparece noutros puntos do programa, nos que se lles pide aos alunos:
- “Detater (sic), após a leitura de várias notícias, os prós e os contras de umha iniciativa social, umha greve…”
- “Perceber, através de várias notícias, os prós e contras de umha iniciativa, umha greve, um debate social”
- “Conversas de rua à volta da greve”
- “Encenaçom de debate parlamentar: prós e contras da última greve em Portugal.”
E eu digo. Tanta “greve” non é algo “grave”?
PERO DE QUE VAN?
Noutros idiomas (francés, inglés, alemán) tamén se centran nestes aspectos extra-lingüísticos? Porque unha cousa é coñecer algo da cultura do país de orixe, pero outra entrar en detalles tan irrelevantes no ensino dunha lingua. Para saber portugués hai que pararse nesas chorradas? Para que queren saber os alumnos de greves e de manipulaçons mediáticas en Portugal?
A xustiza portuguesa acaba de negarlle a uns pais portugueses a posibilidade de chamarlle Diego ao seu fillo (ver noticia). Como xa explicamos aquí varias veces, a lexislación portuguesa prohibe expresamente que as crianças portuguesas poidan ter nomes non portugueses… e aí están tamén incluídos os galegos. A suposta unidade lingüística entre o galego e o portugués non se aplica… porque Diego, non só é un nome espanhol: tamén é un nome galego.
Atención ao argumento da xustiza portuguesa: “Espera-se que os Diogos sejam portugueses e os Diegos sejam espanhóis, ou melhor, espera-se que os portugueses não sejam Diegos. Qualquer inversão desta relação entre nomes e nacionalidade é tida como perturbadora“.
E o mellor de todo é que os lingüistas do país veciño, lonxe de aprobar que Diego é un nome galego-portugués, simplifican todo dicindo que o único válido en portugués é o Diogo, e que o Diego é “espanhol”. Asúmano dunha santa vez: en Portugal, todo o de fóra é “espanhol” e nin sequera paran a pensar se é galego ou non.
En fin, agora só cabería esperar que aqueles sectores que apoian que o galego e o portugués son a mesma lingua inicien unha campaña para corrixir semellante inxustiza, que impide a difusión de nomes galegos en Portugal.
Con alegría leo hoxe en La Voz de Galicia que temos dous grandes apoios na causa ‘bueno é galego’ (1357 membros xa): por un lado a poeta e presentadora Yolanda Castaño e por outro o programa ‘Cifras e Letras’ da TVG no seu conxunto. Sabémolo grazas a unha entrevista do xornalista Nacho Mirás a YC, onde di o seguinte:
-[...] «Bueno» é galego?
-No programa temos unha plataforma para reivindicalo. O noso guieiro espiritual é o defunto Manuel María, que dicía «bueno»; iso si, con «e» aberto [ri].
Tooooma castaña! Cada día un pasiño máis cara á oficialización do bueno! E cada día con apoios máis relevantes! Arrrrrriba o bueno e abaixo o repugnantismo! A vitoria está máis próxima!
O amigo Gerardinho convocou no seu blog un interesante concurso en que lles pide aos seus lectores que completen a frase “Reintegracionismo é…”, e eu ben que participei con algunhas achegas. Pero hoxe aquí traio outra, que non introducín no seu blog para non crear polémicas posteriores subsceptibles de ser logo eliminadas.
Bueno, o caso é que para min reintegracionismo é tamén ‘t-shirt’. E todo porque acabo de ver no PGL unha noticia moi interesante. O titular: “AGAL e Sei o que nos Figestes… editam t-shirt para o Festigal“. Si, si… Os nosos amigos editaron unha ‘t-shirt’… ou sexa, unha ‘camisola’ ou unha ‘camiseta’, palabra galega que entende todo o mundo aquí en Galicia pero que queda pouco molona nos sitesreintegratas. Eles prefiren ‘t-shirt’, só porque se utiliza en Portugal.
Os reintegratas renegan de ‘bueno’; pensan que é un crime contra o idioma reproducilo pola súa boca. Pola contra, non teñen nada -ao contrario, que o potencian- en contra de ‘t-shirt’ e outros estranxeirismos innecesarios que chegan vía a lingua portuguesa. Penoso.
Cumpriría recordarlles aos amigos da ‘t-shirt’ que en Portugal tamén se di ‘camisola’. ‘Camisola‘ e ‘camiseta‘ (si, si, esa palabra que soa tanto a español) aparecen as dúas no dicionario Estraviz, onde non figura by the way ningunha ‘t-shirt’.
Hoxe é foi un día moi intenso, cheo de grandes noticias. Como non teño moito tempo, vou resumir.
1)A RAG dá a cara… por fin. Menos mal. Non foi sen tempo. Chegou tarde a reacción, pero chegou. E hai que estar contentos. Polo que se ve no tríptico que publicaron parece que teñen as cousas moi clariñas. A mágoa foi que non as dixeran antes. Pero en fin. Non imos recrearnos no que puido ser e non foi. Hai que mirar cara adiante. A recuperar o consenso e a despolitizar a cuestión lingüística. E da man da nosa autoridade lingüística, non dunha sucursal dunha universidade lisboeta. Por certo: hai por aí quen alucina coas referencias da RAG á “irmandade” coa lusofonía. A ver se se decatan algúns dunha santa vez que defender a aproximación á lingua portuguesa non ten por que equivaler a auspiciar a conversión do galego nun dialecto submiso.
2) Os da Gentalha do Pichel están en apuros. Necesitan 10.000 euros porque din que lles queren pechar o local. Os cartos son para pagar un ascensor para discapacitados, “o último paso para ter todos os papeis en regra”, din. Teñen que conseguir 10.000 euros nun mes, e en só tres días reunir a metade dos cartos. Os que ameazan co peche son os do Concello de Santiago (PSdeG+BNG) pero parece que para os da Gentalha só hai un culpable (o señor Conde Roa, do PP). E eu pregunto… A que vén tanta présa agora? Isto do ascensor era algo que se sabía desde hai tempo ou xurdiu así, de repente? Persecución política por parte do PP? Desleixo por parte da Gentalha? A ver en que acaba todo isto. En fin. Espero que se solucione.
A continuación reproduzo o comunicado da RAG para que quede constancia que é asumible pola inmensa maioría dos galegos.
Diante dos pronunciamentos e as comunicacións públicas que dun tempo
a esta parte se están a producir arredor da lingua galega, moi especialmente
sobre a súa presenza nas aulas de ensino non universitario, e dada a significación
histórica desta institución fundada en 1906 baixo a presidencia de Manuel
Murguía, constituída a prol da defensa e a dignidade do noso idioma e da nosa
cultura, e depositaria do ordenamento normativo da lingua por decisión do
Parlamento de Galicia e a Lei de Normalización Lingüística (1983), a Real Academia
Galega séntese na obriga e no deber moral de pronunciarse nos seguintes puntos,
que consideramos fundamentais.
1. A lingua galega é unha riqueza, patrimonio común de todos os galegos,
lingua milenaria, posuidora dun rico acervo histórico que nos sitúa en pé
de igualdade entre as culturas todas do mundo. A lingua galega forma parte
consubstancial da identidade e do recoñecemento de Galicia como nación e como
colectividade. Como dicía Ramón Piñeiro, a quen este ano honramos o Día das
Letras Galegas, “para que unha comunidade humana teña categoría de pobo,
para que teña unidade íntima e transcendente, ha de ter unha alma de seu.
E un pobo ten alma de seu cando posúe idioma, cando fala nunha lingua propia,
que tal é o que significa a palabra idioma. A lingua vén a ser a alma viva do pobo
que a fala, vén a ser a súa comunidade esencial”.
2. Como lingua propia de Galicia, o galego dános identidade no mundo, pero
tamén nos relaciona con outros espazos aos que, cumprindo unha función
comunicativa, non queremos nin debemos renunciar. A lingua galega non
é incompatible co coñecemento e o uso doutras linguas, moi especialmente
o castelán, e vencéllanos coa irmandade galego-luso-brasileira, que nos abre
a varios continentes e que nos universaliza. Xunto co castelán, o inglés e o
coñecemento das novas tecnoloxías da comunicación, propias da sociedade global
da que formamos parte, os homes e mulleres da Galicia do noso tempo, cidadáns
dun novo século conscientes do valor do seu idioma, dispoñemos de posibilidades
certamente privilexiadas para nos relacionarmos co mundo e, sen renunciarmos
a nós mesmos, exercer como cidadáns universais.
3. Ninguén é propietario da lingua. Como patrimonio común, herdado dos nosos
avós e dos devanceiros, a lingua é de todos os galegos, mesmo daqueles que non
tiveron a fortuna ou a oportunidade de recibila de seu na infancia. A lingua é un
cemento que nos une, no que nos recoñecemos e que nos proxecta cara ao futuro,
polo que de ningunha maneira podemos aceptar nin discriminacións pola súa
causa nin que se abran fendas na sociedade común, que facemos entre todos,
creando ou promovendo guetos ou espazos estancos. Irresponsablemente
estariamos a producir unha freita social que endexamais existiu e que tería
gravísimas consecuencias para o futuro.
4. A convivencia, o respecto e a harmonía deben presidir en todo momento as
actuacións que arredor da lingua se desenvolvan, tendo unha cousa presente:
un idioma castigado durante séculos, asoballado na súa historia, abaixado na
consciencia dos seus falantes esixe un tratamento activo, unha política estratéxica
e decidida por parte do goberno e da administración, accións que o doten de
recursos para igualalo con aqueles outros idiomas que non viviron ese proceso.
O rexurdir do idioma galego vai acompañado do rexurdir da autoestima dos seus
falantes e dos que como patrimonio común o teñen, da dignidade colectiva
e da modernidade do país en todos os seus ámbitos.
5. A situación lingüística da Galicia de hoxe xa non é unha situación diglósica
típica, con dúas linguas que se usan para funcións diferentes (galego para usos
informais e castelán para usos formalizados); pero tampouco se pode dicir que o
uso do galego ou do castelán dependa simplemente do interlocutor. O galego
avanzou, pero a súa desproblematización e a súa progresiva conversión en lingua
de uso natural e normal (normalización) levou os contrarios a este proceso a
manchar a palabra normalización, como se significase agresión aos que non teñen
o galego como lingua habitual, e a erguer o falso concepto de liberdade, que
parecen entender como dereito a non falar nunca o galego.
6. Para superar esta situación cómpre, entre outras medidas, reforzar a presenza
da lingua galega no ámbito escolar, con especial atención ás primeiras idades,
para que o idioma xurda de seu nos ámbitos máis próximos (na familia e na
escola). Cómpre facelo respectando a lingua das familias, procurando con extremo
coidado o afecto e a convivencia naqueles casos en que a lingua primeira non sexa
o galego. Mais cómpre unha política activa ao respecto, na procura dunha
capacitación e dun coñecemento real do idioma (non unha utilización litúrxica
do mesmo), promovendo con recursos o seu uso e implementándoo como lingua
vehicular doutros coñecementos na escola.
7. O novo clima lingüístico que trouxo a Constitución de 1978 abriu as portas
a unha convivencia de linguas. Dende que Galicia ten autonomía política, gobernos
de diferente signo tentaron impulsar a recuperación social do idioma centrando
as actuacións moi principalmente no ámbito educativo. Mais a política lingüística
non pode ficar reducida ás aulas. Aínda que a acción educativa é fundamental para
a conformación das destrezas do idioma e mais para o seu prestixio e o seu
recoñecemento no imaxinario social, a acción de uso e os recursos deben
orientarse asemade a outros espazos fundamentais na vida pública: os medios de
comunicación de masas, as industrias do lecer e da cultura, as novas tecnoloxías, a publicidade, a vida empresarial, o funcionariado, a administración pública, a xustiza, a igrexa, a universidade, o mundo do traballo, o comercio, a economía, conscientes de que a lingua é tamén unha marca de calidade, tarxeta de presentación identitaria nos espazos da globalización. Traballar a prol da lingua significa concitar, estimular e avivar todos os sectores que configuran o corpo social.
A Real Academia Galega observa con preocupación os pronunciamentos e as
polémicas que, partidarias as máis das veces, nacidas ben do exceso de celo,
ben do prexuízo lingüístico, deben ser superadas pola acción dun goberno que
aspire a ser de todos os cidadáns. Tamén resulta preocupante que as primeiras
decisións lingüísticas anunciadas pola Xunta de Galicia sexan todas
desprotectoras da lingua galega.
Convidamos aos responsables do novo goberno a que escoiten as institucións
que, como a presente, veñen traballando de vello polo idioma, con información,
metodoloxía e estudos certos, na procura dun acordo social integrador,
a prol do uso, a dignidade e a continuidade do idioma, que debería sustentarse
en catro principios básicos:
1º Compromiso de arredar a lingua galega da controversia
partidaria. A lingua é de todos e todos teñen cabida para
acadar o seu pleno uso normal.
2º Impulso do multilingüismo. Na anterior lexislatura
potenciouse o trilingüismo en moitos centros escolares
(galego, castelán e inglés), que agora podería ampliarse
a unha cuarta lingua, sen esquecer o acceso ás linguaxes
das novas tecnoloxías.
3º Reafirmación e desenvolvemento do Plan Xeral
de Normalización da Lingua Galega, que no seu día,
por unanimidade, apoiou o Parlamento de Galicia
(Doc. núm. 17629, BOPG núm. 622 do 07.09.04).
4º Compromiso de impulsar unha cooficialidade simétrica
dentro da Constitución, na que todos os cidadáns teñan
dereitos e deberes co castelán e co galego, única forma
de acadar a igualdade cidadá.
Os poderes públicos están obrigados a meditar serenamente a qué escenario
queren levar a sociedade galega, tendo sempre presente que a lingua galega
non é un problema, senón unha oportunidade.
A raíz da eliminación da publicidade en TVE, o presidente da Xunta di que se vai “estudar” retirala tamén na TVG. Creo que non debería facerse. Ou desde logo non debería retirarse toda a publicidade. Na miña opinión, non se debería eliminar en ningún caso a publicidade que temos en galego nos medios de comunicación públicos.
Se finalmente se leva a cabo a retirada dos anuncios en TVE, tamén desaparecerán os ’spots’ en galego que emitía a canle estatal a través da súa desconexión para Galicia. E se se quitasen tamén na TVG, a publicidade audiovisual en galego sería completamente residual. Unicamente podería haber algún anuncio en Antena 3 para Galicia e pouco máis.
Na Radio Galega, anos atrás retiraran a publicidade en galego pero logo decidiron volver poñela “por servizo público”… para que a xente se acostumase a escoitar anuncios no noso idioma. Non se fixo por diñeiro (seica os ingresos polas cuñas radiofónicas non son estratosféricos); fíxose como unha maneira de promover o galego, principal motivo polo que se creou a CRTVG.
No caso da tele, os anuncios en galego tamén desempeñan un “servizo público” que non asumen outras canles. As canles autonómicas privadas de televisión (concedidas a ‘La Voz’ e á ‘Cope‘) aínda non empezaron a traballar e aínda que por lei teñen que emitir unha serie de horas en galego, moito me temo que o tempo de publicidade escaparía a esas cotas.
Por ese motivo, creo que estaría ben que se reducise a publicidade na TVG, pero tamén considero que no panorama actual debería de manterse toda aquela que estea en galego. É outro factor máis de normalización.
As normas ortográficas do castelán (e do galego tamén) dino ben claro: as palabras graves terminadas en vogal non levan acento gráfico. Máis claro, auga. E polo tanto, non ten ningún sentido que o novo presidente da Xunta manteña oficial ou extraoficialmente o til de ‘Feijóo‘. O líder do PPdeG é agora o xefe do goberno galego e ten que dar exemplo. Non facelo é unha mensaxe moi mala para os rapaces que están estudando. Imaxinan? “Mamá, a partir de agora escribo Rodríguez sen acento” ou “Profe, vostede non pode suspenderme por poñer ‘Maria Lopez Negréira‘”.
Por certo: co Acordo Ortográfico en portugués, tamén se elimina a acentuación das palabras terminadas en -oo, empregada no Brasil. Co AO, xa non se poderá poñer ‘vôo’ senón ‘voo’. Así que, se Feijoo decide facerse reintegrata, tampouco poderá escribir Feijóo ou Feijôo.
O reconto do voto dos chamados residentes ausentes deixa un titular moi significativo: grazas ás sacas dos emigrantes, cuxos votos foron encher sobre todo o PSOE, o PP xa non suma máis ca socialistas e nacionalistas nas cidades galegas. Bueno, en realidade en todas menos unha. Só en Santiago de Compostela, tradicional feudo reintegrata, o PP supera a suma dos dous partidos progresistas en número de sufraxios.
Xa avisei nun post anterior de que as pasadas eleccións supoñen un retroceso claro do reintegracionismo, pero é que a análise cidade por cidade ofrece resultados aínda peores do esperado. A ninguén se lle escapa que é en Santiago, a capital do país, onde pululan os grupos reintegratas máis activos. Porque, sendo serios, nin A Coruña, nin Lugo, nin Ferrol, nin Ourense, nin Pontevedra, nin Vigo poden considerarse cidades onde o reintegracionismo estea minimamente implantado. E xa non falemos das vilas pequenas e medianas. Alí o nh nin se cheira, salvo en certas pintaditas, porque de todos é sabido que o reintegracionismo é maiormente un fenómeno urbano e neofalante.
——————————————————
PD: En fin, para reintegracionismo, o que se vive día a día en Portugal. Mmmm. A miña estadía en Lisboa segue indo tan ben, que nin tempo teño para bloguear como é debido. Pero douvos unha exclusiva: creo que encontrei choio. E como os artistas non podo desvelar máis, que logo se gafa. Xa vos irei contando.
Xa de volta en Lisboa con Nuno, comprobo que por culpa das eleccións perdín algo moi importante: a selección das cancións que representarán a España e a Portugal en Eurovisión. Eu, sinceramente, a pesar de que Lisboa é a miña cidade adoptiva temporal, téñoo claro: mellor mil veces “La noche es para mí” de Soraya que “Todas as ruas do mundo“ de Flor-de-lis. Comparade vós. Non hai nin punto de comparación. Ra-ra-rá Soraya vencerá. (de feito aparece como favorita nalgunhas quinielas)
Aos seus 31 anos, Ermitas Valencia é a máxima responsable de Normalización Lingüística nun concello, o da Coruña, que está entre os máis castelanizados de Galicia. De feito, A Coruña, Ferrol e Vigo son os únicos municipios do país onde os galegofalantes habituais son menos do 20% da poboación. Concelleira, membro do consello nacional do BNG e flamante asinante da causa ‘bueno é galego’, Ermitas Valencia non ve utópico pensar que A Coruña volva ser algún día maioritariamente galegofalante. Asegura ademais que “non ten dúbidas” de que o galego e o portugués son a mesma lingua, pero cre tamén que as liortas a causa da norma non fan máis que xerar “máis incerteza” arredor do idioma.
Que panorama encontraron os equipos de normalización lingüística cando empezaron a traballar en serio na Coruña?
O SNL do Concello da Coruña leva funcionando desde fai escasamente un ano. A situación non é fácil, nen pola situación na que collimos a administración municipal, na que o galego non existía, nen pola situación de acoso que na actualidade existe a calquera actividade que busque mellorar a situación do idioma.
Canto dano lle fixo o ‘vazquismo’ á consideración social do idioma?
Na Coruña, por desgraza, aos 40 anos de franquismo témoslle que sumar 20 de vazquismo. Estas dúas etapas non se diferenciaron en nada no tocante ao idioma.
Cales foron ao seu entender os mellores acertos feitos en normalización lingüística na Coruña e, sobre todo, onde queda máis traballo por facer?
Penso que o camiño que levamos andado aínda é pequeno para poder facer unha avaliación dos acertos. A miña idea é que, a pesar da situación, a maioría da poboación, que non é precisamente a que ten o control dos medios, ten un sentimento positivo cara ao idioma, polo que estamos constatando que todas as actividades que requiren participación directa da cidadanía están sendo un éxito. A nivel da administración interna do Concello, a cousa vai máis lenta.
Algún día A Coruña será unha cidade maioritariamente galegofalante ou ese obxectivo é case utópico?
Para nada é unha utopía.Se aplicaramos unha boa planificación nas políticas de normalización eu estou convencida de que o galego se recuperaría axiña en todo o país.
Pode darse por concluída a batalla do topónimo?
A nivel legal, sempre que o BNG estea no goberno municipal, non haberá máis recursos. No día a día, aínda hai moito nostálxico con poder que, en canto pode, plántache o L ao mínimo descoido.
Cal é a mellor resposta ante recentes campañas nas que se asegura que o castelán está discriminado en Galicia?
Convidar a cidadanía en xeral, aos que lles preocupa a situación do galego pero sobre todo aos que non, a reflexionar sobre a realidade que ven todos os días ou que demostran informes, como o último do Consello de Europa.
Ata que punto as liortas normativistas poden ser un factor en contra da normalización?
Na miña opinión, a día de hoxe, as discusións normativistas están moi restrinxidas ás persoas cun interese especial pola lingua. Penso que non é un tema que estea na sociedade. En xeral, existen moitas dúbidas na xente á hora de escribir en galego, e discusións arredor da norma do galego non fan máis que criar maior incerteza arredor do idioma.
Que opina do reintegracionismo? O galego e o portugués son o mesmo idioma? Que lle parece a creación da Academia Galega da Língua Portuguesa?
Se viviramos nun país normal, unha norma o máis achegada ao portugués sería o mellor futuro para o idioma. Eu non teño dúbidas de que sexan o mesmo idioma e coido que deberíamos intentar achegar o galego ao portugués, respectando sempre as peculiaridades do primeiro. A creación da Academia Galega da Língua Portuguesa penso que pode ser positivo á hora de dar a coñecer a riqueza da lusofonía no noso país e tamén para que a lusofonía nos teña en conta a nós.
Por que se decidiu a apoiar a campaña do ‘bueno é galego’?
Eu sempre falei en galego e levo dicindo “bueno” toda a vida, así que, penso que vai ser máis fácil que os señores da rúa Tabernas o acepten no seu dicionario a que eu deixe de dicer “bueno”.
Un dos argumentos que adoitan empregar os reintegracionistas para atacar os que utilizan a norma RAG é que a súa militancia no galego oficial é “por cartos”. Pois ben, estas acusacións empezan a perder forza desde hoxe, data do anuncio de convocatoria dun posto de traballo para a AGAL.
E cal sería a función do novo currito da Associaçom Galega da Língua? Pois “desenvolver actividades relacionadas com a gestom e manutençom da comunidade do Portal Galego da Língua, bem como ajudar nos labores administrativos e de comunicaçom, e na angariaçom de fundos para a associaçom“. ["Angariaçom" significa, segundo o Estraviz, o "processo de obtençom, conquista e de angariar donativos, anúncios, assinaturas"... así que se tiveches que consultar o dicionario para saber que significaba, se cadra non estás á altura do posto ]
O salario cal sería? Pois 20.000 euros brutos anuais, o cal non está nada mal cos tempos que corren. E o mellor de todo: o contrato é de 12 meses e existen posibilidades de prorrogalo! Wow. Mirade estes reintegracionistas como se moven! Agora ata van ter un funcionario dedicado aos labores de mantemento das súas webs! Moitos parabéns!
Chámalle burro ao cabalo. De onde sacarán tanta pasta como para pagar un funcionario? Só das achegas dos socios? Ou é non será que tamén reciben por outras vías? As administracións públicas financian dalgún xeito as actividades da AGAL, as actividades do reintegracionismo? A Academia Galega da Língua Portuguesa vive do aire?
Que conste que o futuro funcionario da AGAL non é a única persoa que vive hoxe en día directa ou indirectamente do reintegracionismo, postura que, como xa demostramos, ten unha visibilidade case nula na lusofonía. Consultando o PGL, pode verse que o grupo de investigación Gálabra, da USC, acaba de crear Holística, unha consultoría sobre a lusofonía, que ten dúas persoas contratadas. Para o Novas da Galiza e a súa filial Inova, ata catro persoas reciben estupendos “estipêndios“. Tamén Edições da Galiza, editora do Atlas Histórico da Galiza, “está perto da súa profissionalizaçom”, sempre segundo se pode ler no PGL.
Conclusión: É posible vivir do papo do reintegracionismo. Así que, por favor, non volvan caer no argumento dos cartos. Estamos fartos de que nos digan que nos “vendemos” a unha determinada norma e que rexeitamos outras por diñeiro. Xa está demostrado que se pode vivir do reintegracionismo tamén.
PD: A verdade é que, estando no paro como estou, ese posto que ofrece a AGAL non está nada mal. Pero teño un problema moi gordo: eu só sei escribir en galego e en portugués… Non coñezo en profundidade a norma híbrida.
Un dos aspectos onde se demostra máis claramente a falta total de interese polo galego na lusofonía en xeral e de Portugal en particular vén do sistema educativo e, máis concretamente, da Universidade. Un desprezo que, por outra parte, contrasta cos achegamentos que dá o chamado “isolacionismo” coa aprendizaxe do portugués, a pesar das proclamas que algúns se encargan de espallar. E para iso só hai que comparar dúas variables:
1) O galego que estudan os futuros filólogos portugueses
2) O portugués que estudan os futuros filólogos galegos
Atendan ben a este artigo, meus queridos amigos reintegratas e simpatizantes, porque se cadra van quedar de pedra… tanto ou máis como quedei eu.
Empecemos a responder a primeira cuestión. Que estudan os que fan o equivalente a Filoloxía Portuguesa en Portugal? Acudimos á web da Universidade do Porto para consultarmos o programa de estudos da chamadaLicenciatura em Estudos Portugueses e Lusófonos e comprobamos que non existe nin unha soa materia, nin unha soa, dedicada en exclusiva ao estudo do galego (ou do dialecto galego, como lle chamarían algúns). Nada. É máis: os alumnos desa facultade teñen como obrigatoria unha materia de Literatura Angolana(6 créditos), pero non existe nin sequera a posibilidade de ter como optativa unha triste áula de literatura galega.
Vendo o programa de estudos, demóstrase que se lles dá máis importancia por exemplo ás Literaturas Orais e Marginais (12 créditos), onde se analizan, iso si, os graffiti, ese tema que dominan tan ben algúns reintegracionistas galegos. Cabería pensar que no interior dalgunha materia si se trata o tema galego, pero non… En ningunha disciplina se inclúe o galego como unha variedade do portugués. En ningunha. Unicamente se trata a cuestión galega e, de pasada, cando se estuda Literatura Portuguesa Medieval (o de Galego-Portuguesa non aparece nin sequera no título da materia). Da Idade Media para adiante non existe nin a nosa literatura nin a nosa lingua. Nada de nada. Un escándalo que, por certo, se repite noutras universidades portuguesas.
Moi ben… Comparemos isto agora co portugués que estudan os alumnos da Facultade de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela, carreira tan denostada polos reintegracionistas. O programa déixao ben clariño. No primeiro curso, hai que facer obrigatoriamente 12 créditos de Lingua Portuguesa, e no segundo curso, outros 12 créditos obrigatorios de Introdución á Literatura Portuguesa. Como optativa, hai tamén a opción de estudar Lingüística Contrastiva Galego-Portuguesa.
Aí o tedes. Queda clara unha vez máis que o interese entre o galego e a “lusofonía” non é recíproco, nin de lonxe. A canción volve repetirse, coma noutros moitos ámbitos. Os galegos, como non pode ser doutro xeito, interesándose e afondando na lingua irmá. E os portugueses, como queda patente, ignorando case completamente todo o que ten que ver co galego. Esa é parte da realidade que seguro que moitos non queren afrontar.
aita: hai alguén aquí? teño unha dúbida: cando se usa 'ó' e cando 'ao'
magnummare: ... un que funcione, porque xa vexo que o teu no vai moi ben... XD XD
magnummare: Señor alema!! com introduciu iso que ten ai de "este blog en portugues automatico"? grasias de antebraso!!
Yuji: Obrigado Aloquete. Vou colocar na minha lista pra quando pedir livros galegos! Ah sim, e achei um artigo seu sobre literatura galega em Portugal, [...]
Aloquete: Yuji, um romance magnífico é PAPAVENTOS, de Xavier Queipo. Cosmopolita, mas galego de cima a baixo.