Levamos case seis meses xuntos e esta é a primeira vez que aparece o deus dos reintegratas neste humilde blog. Pois si, amiguiños. Agora que está tan de moda tirar de hemeroteca (mesmo ata a Idade Media) decídome a facer unha viaxe no tempo 20 anos para atrás. Cómpre retroceder ata o 1988 para descubrir con horror as dúas caras de Ricardo Carballo/Carvalho Calero nun documento arrepiante pero á vez moi clarificador.
O que lle pasa a Carballo/Carvalho Calero nesa entrevista é un fenómeno que lles acontece a moitos reintegratas. Porque… imos ver. Quen non viu algunha vez un reintegrata falar como deus manda ata que aparece outro reintegrata? Nese momento prodúcese unha especie de ataque de carvalhocalerite no que o individuo imbuido polo reintegracionismo pensa: “oh my god, nom (ou não) estou a ser avondo reintegracionista!” e troca a fala natural pola artificial, o ton de voz afable polo firme, o galeguismo tranquilo polo reintegracionismo militante, o -ión polo -om (ou polo -ão nos casos máis graves)…
Os ataques de carvalhocalerite son un síntoma máis da vixencia da lei de alema (”reintegracionismo chama sempre a máis reintegracionismo”) e só se curan tras a marcha do(s) interlocutor(es) reintegracionista(s). Só daquela, o individuo volve ao seu estado de relaxación normal.
Cada día que pasa aparecen novas e máis contundentes probas que apoian a causa a prol da aceptación da interxección ‘bueno’ como plenamente galega. Veñen de todos os recunchos, dos lugares máis afastados… Ata os que chegan ata o noso idioma procedentes da lusofonía absorben de golpe a galeguidade do ‘bueno’. Non é conmovedor?
Este xornalista, chamado Patrick Gerassi, non pode sintetizar mellor a nosa ideosincrasia. Con que narices pode rexeitarse a galeguidade dese ‘bueno’? Imposible.
Sexa como for, aquí vos deixo exemplos de varios VIPs que empregan o ‘bueno’ na súa vida pública e privada. Ninguén escapa…!
Por certo: a campaña do ‘bueno’ vai de marabilla en Facebook (causes.com/bueno). O número de adhesións non para de crecer… esta noite de mércores, só 5 días despois da súa posta en marcha, xa hai máis persoas que queren que o ‘bueno’ sexa galego que días ten o ano… Entre todos, incluídos varios VIPs que xa asinaron, lograremos a legalización de ‘bueno’… porque ‘bueno’ é galego.
A norma AGAL, toda unha referencia para o reintegracionismo durante anos, está en horas baixas. O nacemento da Academia Galega da Língua Portuguesa e aparición de novas voces que critican abertamente a non asunción do português padrão para o galego fan prever un aumento das hostilidades entre as distintas familias do reintegracionismo, un movemento minoritario que segue sen poñerse de acordo para presentar unha única proposta ortográfica para o noso idioma.
O último en cuestionar abertamente a utilidade na norma AGAL é o sociolingüista Celso Álvarez (sic) Cáccamo nunha entrevista ao portal galizalivre.org, e que vén confirmar plenamente a vixencia da lei de alema (recordemos: “reintegracionismo chama sempre a máis reintegracionismo“). Nesa conversa, o señor Álvarez Cáccamo critica as “innecesarias particularidades” da norma AGAL, cando recomenda utilizar por exemplo as terminacións en -om ou o artigo umha fronte ao portugués padrão -ão ou uma. E ata chega a comparar a norma AGAL coa RAG ao asegurar que mesmo comparten argumentos.
O outro argumento que empregam os defesores da proposta AGAL, idêntico ao do independentismo que utiliza a norma RAG, é que a gente não se “identifica” com a norma portuguesa unificada. Bom, eu penso que a gente também não se “identifica” nem com as outras normas, porque, à partida, não se identifica com que o seu galego oral deva ser escrito na sociedade galega moderna (com todas as consequências), quando para termos uma Língua (uma Lengua) já existe o español (sic).
Estas declaracións de Celso Álvarez Cáccamo, en plena sintonía coas do profesor José Luis Fontenla (que chegou a dicir da norma AGAL que é “portunhol 2″), e a cualificación do galego como “lingua portuguesa” por parte da AGLP non fan máis que constatar o avance do lusismo máis extreme dentro do reintegracionismo. Son de prever, pois, cada vez máis acusacións de “pro-españolismo” entre membros e correntes do propio movemento. Os partidarios do português padrão aumentarán a súa ofensiva con argumentos parecidos aos que se empregan para criticar a norma ILG-RAG para gañar máis adeptos ás súas teses.
E, ante este panorma, que vai facer a AGAL? Quedará cruzada de brazos ante estas acusacións? Permitirá que a súa norma pase de moda ou que sexa cualificada de “portunhol” ou pro-españolista? Todo parece indicar que non. Todo apunta a que os próximos meses van ser escenario dunha dura batalla polo poder no seo do reintegracionismo. Porque, sexamos claros, co nacemento da AGLP… Quen vai mandar máis? Quen vai ser a referencia entre os reintegracionistas? As loitas fratricidas non fixeron máis que comezar.
Hoxe achégovos outra descoberta do mundo friqui en portugués (internacional de Portugal). É un personaxe feminino de debuxos animados chamado Bebé Lilly (ou Bebé Lili, con acento no i). Aquí tedes a canción ‘Quero falar com o meu papá‘, coas pertinentes versións en portugués e en galego (aínda que en galego, só en subtítulos). En fin, eu creo que o noso idioma ben merecería unha versión independente, igual que ocorre con outras grandes linguas coma o francés, o italiano, o alemán… (de momento, que eu saiba, non hai versión en español). A tradución ao galego está feita sobre a base do portugués e volven quedar de manifesto as fondas diferenzas que hai entre os dous idiomas.
Atención. Lamentablemente, por un problema de youtube, o vídeo só se pode ver clicando aquí.
Velaquí algunhas delas:
- A Bebé Lilly di constantemente ‘Está lá‘ que é a maneira que teñen os portugueses di dicir ‘Ola!’ ou ‘Diga?’ ao teléfono. Nas outras versións internacionais din “allô” (fr), “ciao” (it), etc. Nin sequera entre os reintegratas está de moda dicir “Está lá” ou similares para atender o teléfono.
- A nivel fonético chama a atención como a Bebé Lili pronuncia “quero falar com o meu papá”. A pesar de que no portugués oral hai tendencia a ler “co” en vez de “com o” (igual ca no galego), a preposición con non contrae cos artigos en portugués. Tamén é destacable que o “o” de quero (que debía pronunciarse /keru/) case nin se le, o que chega a facer case idénticos un “quero falar com o meu papá” (1ª persoa) e un “quer falar com o meu papá” (3ª persoa), cousa que a nós tampouco nos pasa.
- Outra diferenza salientable en relación co teléfono. A menina di que “ligou” (”chamou” en galego) e pídelle ao pai que non “desligue” (”colgue en galego”). Unha vez máis, a linguaxe telefónica separa galegos e portugueses.
- As partículas “lá” e “cá”, empregadas ata a saciedade en portugués (”diz lá como se fazem os bebés“) non teñen equiparación posible en galego, son inexistentes no noso idioma.
- A construción das interrogativas é ben diferente en galego e en portugués. Fixádevos que a sintaxe de frases como “Diz lá como é possível o avião voar” é inexistente en galego pero moi común en portugués. Nós nunca diriamos “Dime como é posible o avión voar”. Tamén é propio do portugués engadir partículas “é que” no medio das interrogativas, se cadra por influencia francesa (est-ce que): “como é que un navio consegue flutuar?“, “porque é que as flores são as mais belas?”, etc. En galego non é tan común ese xeito de construír frases interrogativas. Os portugueses adoitan mesmo dicir en vez de “como é?” a construción “como é que é?“.
- E para terminar, e para non ser pesado (porque hai moitas máis diferenzas), a onomatopea do ladrido dun can. En que idioma ladran os cans en Portugal? Pois en portugués, obviamente! Entón a que vén ladrar cun “ão, ão” en vez do típico “guau, guau”…?
Aquí tedes as letras completas da canción para cando queirades practicar na casa. Por certo: o tema non vos recorda a Jordy, aquel francesiño que hoxe xa é maior de idade e que de pequeno cantaba aquilo de “Dûr, dûr d’être bébé”?
Português
Ai, quero falar com o meu papá
Papá, preciso muito de falar contigo
Está lá (Está lá)
Está lá (Está lá)
Quero falar com o meu papá
Quem está lá? Quem quer falar?
É a Lili
Lili quem?
É a Lili
Falar com quem?
Com o papá e mais ninguém
Papá Papá Papá
Liguei p’ra te falar
Papá há certas coisas
Que eu ando a pensar
A minha idade é dos porquês
Papá diz lá como se fazem os bebés
Porque razão a chuva cai?
E onde é que a Lua durante o dia vai?
Estás a ouvir com atenção?
Não desligues papá
Ainda não acabei
Diz lá como é possível o avião voar!
Como é que um navio consegue flutuar?
E as estrelas? Falam entre elas?
Porque é que as flores, são as mais belas?
Porque não fala o nosso cão?
Eu falo com ele e ele só me diz “ão, ão”
Papá Papá Papá
Quem é o Pai Natal?
E, afinal papá, O Sol faz bem ou mal?
Como é que as abelhas fazem o mel?
São de algodão as nuvens ou de papel?
Porque assobia no quadro o pau de giz?
E ao pé de ti papá sou tão feliz!
Galego
Ai, quero falar co meu papá
Papá, preciso moito de falar contigo
Ola (Ola)
Ola (Ola)
Quero falar co meu papá
Quen é? Quen quere falar?
É Lili
Lili que?
É Lili
Falar con quen?
Co papá e con ninguén máis
Papá Papá Papá
Chamei para te falar
Papá hai certas cousas
Que eu ando a pensar
A miña idade é dos porqués
Papá, dime logo como se fan os bebés
Por que razón a chuvia cae?
E onde vai a Lúa durante o día?
Estás a oír con atención?
Non colgues papá
Aínda non acabei
Dime como é posible que voe o avión!
Como é que un navío consegue flotar?
E as estrelas? Falan entre elas?
Por que as flores son as máis belas?
Por que non fala o noso can?
Eu falo con el e el só me di “guau, guau”
Papá Papá Papá
Quen é Papá Noel?
E, ao final papá, o sol fai ben o mal?
Como fan as abellas o mel?
Son de algodón as nubes ou de papel?
Por que asubía no encerado o xiz?
E ao pé de ti papá, son tan feliz!
Chega o que moitos esperabades. Un xogo para descargar adrenalina ante a invasión reintegrata.Un idioma está en perigo e ti podes salvalo! (Ollo: ás veces tarda algo en cargar)
O Osiño Gominola coouse na web quin.tv para preguntarlle a Anxo Quintana, vicepresidente da Xunta e voceiro nacional do BNG, sobre o reintegracionismo. Responderá algo non politicamente correcto?
Meu deus! Que nervios!
Esta é a ligazón da pregunta en vídeo: http://quin.tv/video/117-o-reintegracionismo
Estase poñendo de moda en certos círculos unha movida que non me mola nada, nada. Pronunciar coma se fose un “i” a conxunción “e”… A única pronuncia correcta nese caso é “e” e cun e aberto coma un mundo, e en absoluto un “i” pechado aportuguesado ou castelanizado, porque vai ti saber de onde quitaron a moda agora de dicir ese “i” que non vén a nada… Son consciente de que é posible chegar a pronunciar algo parecido a “i” cando hai unha vogal despois, pero máis ca o típico i é o que se chama unha semiconsoante (a semiconsoante /j/), de tal forma que “e eu tamén” pode pronunciarse /ɛ ew ta’mɛŋ/ ou /jew ta’mɛŋ/ pero nunca /i ew ta’mɛŋ/.
O caso é que non vexo motivo ningún para renunciarmos a ese trazo fonético tan típico galego como é pronunciar coma “e” a conxunción “e”.Hai detrás disto un intento forzado por achegarnos á lusofonía? Recordemos que o portugués si que escribe “e” pero le “i” en todos os casos. Non ven o artificial que é dicir por exemplo “i logo!” en vez de “e logo!”? Os portugueses, por certo, xa non empregan ese xiro. Sempre dirían “E então?” (lido /i ẽ‘tãw/) con ese sotaque tan fermoso.
Non se decatan? Eliminar ese “e” é matar unha parte esencial da fonética galega! Please stop the madness! Pregúntome que opinará disto a AGLP… Haberá nisto consenso no seo do reintegracionismo?
Coincidindo coa posta en liberdade de Ugio Caamanho, chéganme informacións de que Ugio segue sendo Uxío na súa documentación oficial. Uxío Caamaño, con X e con Ñ, para sermos máis exactos. Uxío Caamaño Santiso e non Ugio Caamanho Sam Tisso (ou Sam-Tisso), como adoita ser identificado en moitos foros. E francamente foi algo que me chamou a atención. E digo eu… Como non fixo nada por mudar oficialmente de nome, se teoricamente é posible facelo en España? Misterios da vida. Como misterio é tamén a denominación “oficial” de Giana, a que reparte bicos na foto… porque parece que ninguén se pon de acordo co nome desta rapaza. Uns din Giana, outros Xiana, outros Jiana… En que quedamos? O DNI dela, polo que me contan, creo que di Xiana, con X.
O que si é que é paradoxal de todo é que, como xa recordei nun post anterior, os máis famosos presos (xa ex-presos) independentistas galegos non poderían inscribirse nin como Ugio nin como Giana en ningún rexistro civil de Portugal… porque, a pesar de que é algo do que non se fala moito, hai unha chea de nomes galegos que non están aceptados pola lusofonía, nin sequera coa grafía reintegracionista. E por aí debería empezar a traballar a Academia Gran-Deturpadora Galega da Língua Portuguesa. Por exemplo.
Por último, quixera deixar algunhas preguntas no aire:
1- Por que Sam Tisso ou Sam-Tisso? Que santo é Tisso? Por que Tisso e non Tizo, Tiso ou Tiço? Tiço queda así, como máis “queque”, non? En todo caso, non tería que ser Santo Tirso? En Portugal hai un sitio que se chama así.
2- Non debería de ser Joana en vez de Giana? É que non encontro ningún nome equivalante na lusofonía… É que, segundo acabo de comprobar, nin Giana nin Jiana nin Jiã son válidos. Joaninha si que sería, por certo. E tamén Juliana. E tamén Julita!!! Julita mola mil.
3- Por que se no DNI de Giana/Xiana aparecen supostamente os apelidos Rodríguez Gómez… e se a terminación -ez é supostamente aceptada polos reintegratas… Por que todo o seu contorno escribe “Rodrigues Gomes”?
Son preguntas que seguramente non terán unha única resposta certa, porque xa sabemos que poden ser respondidas en función do grao de reintegracionismo do consumidor. O de sempre.
Hoxe ocorréuseme botarlle unha ollada á ‘Gramática do Idioma Galego’ que elaborou Manuel Lugrís Freire entre 1922 e 1931, e que por certo podedes consultar íntegra aquí. É un manual que propón solucións bastante “pintorescas” para a nosa lingua, aínda que hai que darlle o mérito que ten: o señor Lugrís foi o primeiro que escribiu unha gramática do galego en galego. E unha das cousas que máis me chamou a atención é que xa por aquel tempo debía andar unha incipiente reintegratada tocando os tomates . E senón fixádevos neste parágrafo, no que fala das terminacións -ble/-bre/-bel.
E xa sei o que ides dicir. Que se a RAG admite actualmente a terminación -bel (aínda que non é a opción preferente), que se Lugrís Freire metía moitas patadas, castelanismos, hiperenxebrismos, etc (que si que o facía)… Pero non me negaredes que se nota que ao pobre home xa lle amolaban, hai 85 anos, os “innovadores que deixan as augas galegas pol-as estranas“. Non vos parece curioso? A min si. Será esta a primeira mostra de discrepancia ao reintegracionismo nas nosas letras?
Bueno… Eu non vos son un experto en literatura galega, así que se coñecedes outros documentos antigos que falen de loitas normativistas pero desde o punto de vista do oficialismo, facédemo saber. Que as frases supostamente pro-reintegratas de Murguía, Castelao, etc. xa as sabemos de memoria.
Por certo: no caso de Lugrís Freire non se sustenta a teoría de que os escritores “clásicos” do galego non tiñan nin puta idea do portugués. Fixádevos que na bibliografía desa primeira gramática galega en galego aparecen varios títulos sobre lingua portuguesa. Ah! E outra cousa. O manual de Lugrís, que foi presidente da RAG, fai constantes referencias á necesidade de respectar o legado dos primeiros escritores en galego tras os Séculos Escuros. De aí, penso, que lle mosquearan tanto as propostas dos ‘innovadores’.
A Real Academia Española acaba de demostrar unha vez máis que está á altura da sociedade que fala en castelán ao deixarse de purismos estúpidos e admitir no seu dicionario dúas palabras tan pouco hispanas como son USB e pen drive, aínda que esta último termo aparecerá en cursiva por tratarse dun “anglicismo puro” (”…e duro”, diría eu). A RAE mostra intelixencia. Tería sentido andar inventado un posible equivalente para algo que xa está implantado na sociedade? Pois claro que non! E xa vedes… o español non creba pola aceptación deses dous estranxeirismos, que por certo non son os únicos que se admiten no dicionario da Real Academia Española.
Esta noticia, aparecida con profusión nos medios de comunicación, non fai máis que constatar a necesidade de que os reguladores da lingua estean ao servizo da sociedade. Ou alguén cre que a lingua española é menos española por incluír palabras como ‘USB’ ou pen drive? Pois claro que non. Do mesmo xeito que o galego non será menos galego cando o dicionario da Real Academia Galega inclúa a interxección ‘bueno’, algo que esperamos que suceda o antes posible. O asunto [se non tes nin idea da cuestión mira isto, lendo os artigos de abaixo arriba] leva algún tempo aparcado, pero en absoluto está morto.
Ah! E outra cousa. Hai xente do mundo do reintegracionismo que espera con forza que sexa aceptada a interxección ‘bueno’ pola RAG porque, segundo din, quedaría demostrada unha suposta vinculación da oficialidade co españolismo. Que enganadiños están! Eles, os reintegracionistas, se fosen un pouco intelixentes e se realmente queixesen estar presentes na sociedade, deberían de admitir que é imposible erradicar a interxección ‘bueno’ do galego. Totalmente imposible. Demóstrao a teoría e a práctica. Pero, claro, xa sabemos que o reintegracionismo promove unha lingua totalmente de costas á sociedade galega. Alá eles. Nós continuaremos coa nosa loita. Bueno é galego!
Hoxe toca lección de galego oral para reintegratas by alema. O obxectivo desta unidade é demostrar claramente o artificial que soa o galego cando se forza a máquina do lusismo. O audio que podedes escoitar a continuación é un exemplo do que se afasta o reintegracionismo do verdadeiro galego oral. Así de natural soa o AGALino coa acentuación de certas palabras.
Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. Download the latest version here. You also need to have JavaScript enabled in your browser.
É a lectura (con seseo do que lles gusta aos reintegratas) do seguinte texto.
Eu achava que tinha alopecia, mas nom. Sou míope. E sintoma disso é esta anedota. Nom sei se é anorexia ou anemia, o caso é que sinto uma arritmia que me dá asfixia. Provei com alquimia e analgesia e mesmo a banhar-me no oceano e no pántano da periferia… mas tinham pouco nível de oxigénio. Chamei à polícia, mas apesar de ser poligloto, nom percebo a ideossincrasia nem de Etiópia nem de Madagáscar. Sou medíocre e pouco democrata. Nom acredito nem na democracia, nem na burocracia, nem no périplo da diplomacia. Sou díspar e acrobata, tenho pouco nível, mas quigera ser Cleôpatra para receber um crisántemo. Que taquicardia! Tenho um íman com a ortodoxia
A que mola mogollón?Imaxinades algún reintegrata dicindo algunha destas frases coa súa familia, amigos, etc.? Pensades realmente que se pode falar con naturalidade así? Como se ve, o reintegrata oral é pura cuestión de fe.
Por certo: estas palabras tan estrañas foron sacadas dun “Manual de iniciaçom à língua galega” dun tal Maurício Castro Lôpez (non Lopes, por certo) e que ultimamente anda rulando pola internet. Aquí xa falamos nalgunha ocasión de como o reintegracionismo se identifica inequivocamente cunha determinada ideoloxía política… e sen esa ideoloxía non vai a ningún lado. Proba diso é a portada do propio manual.
Demostrado: os pijos non poden (non podemos) ser reintegratas.
Todas as linguas teñen o seu estándar oral “culto” (por chamalo dalgunha maneira) e o galego non é nin pode ser unha excepción. O portugués ten ese rexistro desde hai moitos séculos… cousa da que nós, infelizmente, non podemos presumir. Estase creando un modelo de lingua galega oral culta que me trae á cabeza algunhas dúbidas. Hoxe, se vos parece, imos falar dunha delas: cando a letra ‘o’ soa a ‘u’.
Explícome. Un portugués, a pesar de escribir por exemplo “os patos”, sempre lerá “us patus” (ou mellor aínda “ush patush” ou /uʃ ‘patuʃ/)… Pronunciar a vogal final “o” como “u” está institucionalizado no português padrão culto. Pero, pola contra, no galego non acontece o mesmo. É moi normal que na fala da xente (no galego do “pueblo”, categoría 2 da escala de alema) exista tamén esa tendencia. É dicir, a xente di “os patos” pero tamén hai quen di “us patus” ou que, polo menos, tende a pechar tanto ese “o” que o converte practicamente nun “u”.
Pola contra, no galego oral “culto” esas letras -o finais sempre se pronuncian coma “o” e non coma “u”. E as preguntas que lanzo ao aire son as seguintes. Estaría ben potenciar esa característica do galego oral da rúa (que non sempre se dá, por certo) no galego oral culto? Debería tender a pronunciarse “u” en vez de “o” nos rexistros non coloquiais da lingua? Por que non se fixo? Por que non se fai? Debería de facerse? E postos a preguntar… Que postura ten o reintegracionismo arredor disto?
Eu, sinceramente, non teño unha opinión moi formada ao respecto e gustaríame coñecer as vosas impresións para discutilas un pouco entre todos… A pronuncia correcta do o- final debe ser ou tender “á portuguesa”, é dicir, a transformar ese -o escrito nun “-u” falado? Espero os vosos comentarios (ou debería dicir “kumentárius“? ). Graciñas.