Artigos arquivados na categoría de 'rede'

HABIÇO HINPORTANTE:
O símbolo # chámase ‘cancelo’ en galego

Despois de ler os últimos artigos do Césare (1 e 2), cos cales concordo moito, e dado que o que hai que poñer de moda agora son as accións en positivo, paso a informar de dúas cousas que espero que espalledes por aí.

1) É oficial: o símbolo # chámase ‘cancelo’ en galego. Sempre tiven a dúbida de como se chama o símbolo este e, como na rede non encontrei nada, decidín escribirlles aos do Servizo Galego de Terminoloxía do Ramón Piñeiro e contestáronme moi amablemente que as solucións que eles ofrecen son tres: díese, sostido e cancelo. E dado que as dúas primeiras son símbolos musicais diferentes do símbolo informático -isto é cousa miña-, queda instaurado logo o nome de ‘cancelo’ para o #, que é supergalego e non pode molar máis, francamente.

Velaquí unha comparativa de como se lle chama ao trebello # en distintos idiomas, segundo a wikipedia.
- portugués: cerquilha, porteirinha, cauabanga, caprino, cardinal, tralha, malha, grade, sustenido; popularmente jogo-da-velha, jogo-do-galo, jogo-do-gato, lasanha, moiteiro, cruzadinha ou cerquinha
- castelán: almohadilla, cuadradillo, grilla, numeral, signo de número, cardinal, (signo de) gato, michi, tatetí, vieja.
- inglés: number sign, hash mark, hash sign, hash symbol
- francés: croisillon
- italiano: cancelletto
- catalán: coixinet
- euskara: traol

2) Existe unha versión en galego do idioma HOYGAN, que para os que non o saiban é unha linguaxe na que un usuario xeralmente cabreado escribe en maiúsculas (berrando) e con múltiples faltas de ortografía ou gralhas (GRAYAS, en HOUZAM). Pois ben, a versión é galego desa lingua é o HOUZAM, que serviu de inspiración para o antetítulo do artigo de hoxe. Outros exemplos en HOUZAM:

- HOUZAM NOM SEY KE MANYFESTO APOLLAR NESESITO HASUDA
- HOUZAM DISKE BENELOPE CRUS TA PRENHADA DE JABIER VARDEN
- HOUZAM CORRIGAM-ME HAS GRAYAS GRAÇAS DANTEBRAÇO
- HOUZAM HAGORA SOM MARTIN NOVAS PORKE HE MENOS GAYEGO
- BIREY RINTIGRATA HOUZAM!!!!!1

41 comments Agosto 6th, 2009

Ultrarreintegrata pide asilo en Portugal

A lei de alema -”reintegracionismo chama a máis reintegracionismo”- acaba cumpríndose sempre… e nalgúns casos con drama incluído. Tal é o caso do profesor José Luis Fontenla, vello coñecido deste blog polas súas polémicas declaracións sobre a normativa AGAL (que chega a cualificar de “portunhol 2″), e que agora é actualidade porque, coitado el, pide asilo político en Portugal.

Este home, presidente da chamada Comissão Galega do Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa e prototipo da categoría 10 na escala de alema (”os galegos teñen que falar portugués”) séntese perseguido pola policía secreta española, que seica non ten cousas máis interesantes que facer que revisarlle o correo e confiscarlle libros… E iso que este individuo disque reside desde hai dúas décadas en Portugal!

Pero bueno… Cara a isto vai irremediablemente o reintegracionismo. Recordo que, cando hai xa un ano saquei á palestra as declaracións deste home, houbo algún reintegrata amigo que me chegou a dicir: “home, está claro que sempre hai máis papistas ca o papa” en referencia ás teses ultralusistas do profesor Fontenla. Infelizmente, un ano despois, só me queda constatar que a maioría dos practicantes do nh camiñan irremediablemente cara á fusión total co portugués, cara a adopción do padrão portugués para o galego (un dos alcumes de Fontenla é “João Padrão”, que manda truco!), coa creación de entes como a AGLP.

E de que maneira reage “a comunidade” ante tal notición?
- Boa parte dos chuceiros, cada vez máis botados ao monte, solidarizándose e crendo esta historia para non durmir
- E os portugueses que comentan nas webs que publicaron a noticia, flipando a cores
…Bueno, todos menos un, que desde o Alentejo -terra natal do querido aloquete :D - asegura:

“Não só se deve dar asilo politico como financiar as actividades dos grupos separatistas da Galiza que querem a união com Portugal. Mas era preciso um governo com tomates [="collóns", por se alguén non entende] para o fazer, não um de rabichos!”

Como se pode ver, ilusos hainos en todas as partes. En fin.

PD: Non será que os Correos de España lle confiscaron a Fontenla os libros ao ver que os enderezos estaban escritos en reintegrata hard-core? :D  Non. Sempre é máis fácil crer en consparanoias.  xD

PD2: Será que o Fontenla (ou Fontela, como aparece nas notícias) tivo un ataque de lusismo cando viu que un avogado que curiosamente se chama igual ca el -curiosamente el mesmo figura como  avogado nalgunhas biografías- aparece nunha páxina de “avogados de España”, con bandeira roji-gualda incluída? Ou que actuou así ao comprobar que ten entrada propia na wikipedia española, a dos topónimos deturpados?  :D  José Luis Fontenla, ese home que aparece en galegos.info cun correo electrónico moi rechamante (no que se conxugan as palabras “lusismo” e “negocio”) e que, a pesar de que reside en Portugal, ten tamén enderezo e teléfono en Pontevedra…

PD3 E falando de todo un pouco, leo tamén en chuza! que os de Ceivar están publicando un texto-tipo para recorrer as multas que recibiron “dúzias de ativistas da língua” a raíz dos lamentables sucesos do 8F. Sen entrar no fondo da cuestión… Non parece curioso que esas cartas estean redactadas en precioso galego RAG? Se o reintegrata é admitido pola xustiza -como aseguran os reintegratas- porque non a empregan en casos coma este? Podían seguir o exemplo do Fontenla: redactar os recursos en reintegrata e, no caso de que non sexan admitidos, pedir tamén asilo en Portugal:D

26 comments Xuño 11th, 2009

Anxo Lorenzo merece unha oportunidade

Vaia, vaia. Parece que os días que hai Eurovisión hai unha manchea de noticias que comentar. Imos por partes.

1) Feijóo nomea a Anxo Lorenzo, un sociolingüista independente de recoñecido prestixio e comprometido co galego, para dirixir a política lingüística da Xunta. A Mesa e o BNG cualifícano de “verdugo” do galego, nada menos. En Galicia Bilingüe tamén están que adoecen. O dos galegófobos enténdoo. O presidente da Xunta nomeou alguén que loitou polo que eles cualifican de “imposición do galego”. O que non entendo é a saña da Mesa. A quen querían que se nomease? Callón respóndeme que non é un ataque persoal, e que a alternativa é un cambio de política. Nomeando o señor Lorenzo, non é logo un cambio de rumbo polo que hai que felicitarse? Cal é logo o candidato ideal da Mesa?

Paréceme algo precipitado xulgar de antemán sen saber cales son os compromisos aos que chegou Feijóo con Lorenzo para que aceptase o posto. Hai que esperar. É certo que hai declaracións de dirixentes do PP que causan certo desacougo (a pretensión de resucitar, por exemplo, a polémica de ‘La Coruña’), pero é certo tamén que de momento as cousas non pasaron de aí, dunhas declaracións. E volvo reiterar o que dixen noutras ocasións: para recuperar os consensos hai que ter mesura, prudencia, siso… e iso vai por todos. Dun lado e do outro. Todos a pechar esas boquiñas e a poñerse a traballar.

Apúntanme que a reacción da Mesa pode deberse a un intento por manter “a tensión” con vistas á manifestación do 17 de maio. Eu creo que é unha estratexia errada. O aspecto reivindicativo dunha manifestación non implica ter que perder os papeis. O normal sería recoñecer a traxectoria do novo secretario xeral, reclamar que sexa coherente co seu traballo anterior e esperar acontecementos. E unha vez dito iso, pode manter con elegancia que seguen vivos os motivos polo que convoca a manifestación do domingo e a outra cousa. O cortés non quita o valente.

2) Os da Gentalha conseguiron o seu elevador (ascensor, en galego). Recadan pasta a velocidade do raio: 10.000 euros en 3 días. Parabéns para eles. Agora, o que podían era organizar unha coleta doutros 120.000 para comprar o famoso dicionario da RAG e colgalo na internet. :D

3) Este ano, o actor Quico Cadaval vai ser o patrón dos reintegratas no Día do Orgulho Lusista e Reintegrata, que se celebra o 25 de maio. :D [Por certo: que pensará o novo secretario xeral de Política Lingüística sobre os reintegratas? Non pararei ata descubrilo]. :D

4) TVE destitúe o xefe de Deportes por non ofrecer os apupos do público ao himno de España. A quen hai que cesar por emitir tenis en vez da 2ª semifinal de Eurovisión? Vergonzoso. Menos mal que nos quedou Portugal (e Andorra) para seguir a retransmisión. Como castigo a rtve, negueime a sentouciñar o festival por rtve.es, que para máis inri estivo colgado media hora. :-P

5) A raíz da idea dun colega, institúo desde hoxe a Igrexa Alemista do Primeiro Bueno, a única igrexa onde todos os crentes son practicantes. ;-) Remember. Bueno é galego. Xa asinamos 1.281 :D

4 comments Maio 14th, 2009

Alberto é galego?
Non, é reintegrata :D

Alberto/e Núñez Feijoo aínda non é presidente da Xunta, pero moito me temo que pode haber guerra polo seu nome, igual que no seu día houbo discusións polo topónimo do país (Galicia vs Galiza). O caso é que acaba de publicar Vieiros que alguén que se identifica como o novo vicepresidente do Parlamento, o popular Jose Manuel Baltar, estivo modificando algúns artigos da Galipedia (ou da wikipedia galega) para engadir algúns “retoques” nos artigos do PPdeG, do PSdeG e do futuro presidente do goberno galego.

Unha das teimas do usuario que se identifica como Jose Manuel Baltar [fíxense que escribe o Jose sen acento no e, e con J se cadra para deixar claro que é reintegrata :D ] foi mudar o nome do presidente do PPdeG de Alberte para Alberto. E non deixa de ser curioso… porque… imos ver… Alberto é galego ou non é galego? Pois agárrense porque… non só é galego, senón que é ademais perfecto reintegrata! :D

Efectivamente, acudo ao Dicionario dos Nomes Galegos (dirixido por Ferro Ruibal para Ir Indo) e na entrada de Alberte/Alberta vén claramente que a única variante posible do nome é Albertos (”y no Alberto, di Sarmiento” -engade a publicación). O curioso é que este dicionario -do que teño unha edición antiga que se cadra mudou cos últimos cambios na normativa- di que a forma ‘Alberte‘ aparece xa desde o século XIV, aínda que logo tamén se constata a forma ‘Albertos(e eu engado: coma os famosos Albertos, Cortina e Alcocer) :D

Seguindo as teorías deste dicionario, Alberte é unha forma xenuinamente galega, dado que en castelán a forma é Alberto… e en portugués tamén! Así pois, Alberte desentoa completamente coa lusofonía e, moito sospeitamos, non figurará na lista de nomes propios galegos que algún día o comando Lisboa traerá a Portugal para que sexan aceptados tamén entre os países de lingua portuguesa.

En fin, o da galeguidade de Alberto échevos todo un misterio. Segundo as teorías reintegracionistas (e tamén se cadra castelanistas?), tan galego sería Alberto como Alberte… Así que… Que problema hai para que o usuario que se fai chamar Jose Manuel Baltar oficialice o Alberto na galipedia? Algunha concesión haberá que facerlle ao reintegracionismo!  :D

Só engado unha cousa: na listaxe de nomes galegos que recomenda a Mesa pola Normalización Lingüística aparece un Alberto tan grande coma un mundo. Na guía que editou a Secretaría Xeral de Política Lingüística só figura Alberte :D  Hai que sacar algunha conclusión?   :D

Ai, que país…! :D

PD: Por que haberá Alberte e non Roberte?  :D

10 comments Abril 6th, 2009

Unha felicitación e un anuncio

Ándovos algo atarefado ultimamente, sen tempo dabondo para postear (postear é galego :-P]. Sigo á procura de choio en Lisboa e non está resultando nada fácil (a crise é mundial, you know…). Pero como non quero perder o fío, aproveito para soltar un par de cousas.

1) Parabéns mil a Berto Yáñez pola broma do 1 de abril que lles gastou aos usuarios de chuza!, con falsa orde xudicial de peche incluída e que mesmo recolleron boa parte dos medios galegos. Simplemente é para quitar o sombreiro. Por un lado, a execución… É que parecía talmente un escrito xudicial! :D  Como se pode falsificar algo tan ben?! :D  Tamén hai que felicitar a Galeguzo, participante habitual deste blog, porque seica a redacción do texto é súa. Simplemente maxistral! Incluído o nome do xuíz: José Ignacio Martínez-Rebollido Sanjurjo. :D Teño que dicir que é unha das mellores bromas que vin na rede. Moitos parabéns!

2) Tomei contacto cun fala-falante. :D E vós diredes… e que raio é un fala-falante? Pois un falante das falas do Val das Ellas, na Estremadura española, onde se conserva unha variedade… galega? castelá? astur-leonesa? portuguesa? En fin. Só vos podo adiantar iso. Mañá, se todo vai ben, este fala-falante ofrecerá o seu punto de vista sobre a cuestión da falas estremeñas. Como din aquí, a não perder! :D

4 comments Abril 1st, 2009

Mauro Fernández: “Hai datos no MSG que apuntan a unha estabilización do galego”

A raíz dos comentarios nun artigo no blog do ‘Voto con Botas’, coñecín unha opinión cualificada sobre o escándalo do Mapa Sociolingüístico Galego (MSG): a de Mauro Fernández. Este catedrático de Lingüística Xeral na Universidade da Coruña foi responsable científico do primeiro MSG e polo tanto coñece ben ata que punto se poden comparar ou non os datos de estudos elaborados en 1992 e en 2004 e se son acertadas ou non as interpretacións que fixo recentemente o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística en conferencia de prensa. Mauro Fernández, ex-director do Instituto Cervantes nas Filipinas e experto nos crioulos dese arquipélago, non ve o panorama tan negro como describe Carlos Callón e, tal e como interpreto eu a resposta á primeira pregunta, tamén discrepa con el sobre a consideración do ‘bueno’ como parte do galego. :D

Vostede acusa a Carlos Callón de “actitude tramposa” á hora de interpretar os datos do segundo volume do Mapa Sociolingüístico de Galicia… Onde se producen os principais erros de interpretación do presidente da Mesa?

Bueeeno! [= marcador discursivo do galego, claro] Isto empeza con bala. Os erros e os problemas están xa no texto do MSG 2004, de aí os toma o presidente da Mesa. Cales son eses erros? O máis relevante para a súa pregunta procede de que no MSG 2004 faise unha comparación entre conxuntos de datos que non se deben comparar. Os datos recollidos polo Seminario en 2004 compáranse cos recollidos en 1992. Esa comparación crea a aparencia dun enorme retroceso do galego, de 30 puntos na lingua habitual, en tan só 12 anos; e ese retroceso leva a considerar que houbo un fracaso total das políticas de normalización. Pero o quid do asunto está en que as mostras son tan diferentes que a comparación perde sentido. Vou poñer un exemplo na dirección contraria do que realmente pasa, para que se vexa mellor a diferenza que hai entre comparacións válidas e non válidas. Imaxinemos que na enquisa do 2004 participaran só individuos maiores de 50 anos. É ben sabido (por moitos traballos anteriores) que hai unha clara asociación entre o galego e a idade dos individuos: hai máis galego-falantes iniciais e habituais entre a xente vella ca entre a xente nova. E isto non pasa porque vaiamos falando máis galego a medida que envellecemos, senón porque se dá unha quebra que empezou hai moito tempo na transmisión da lingua de pais a fillos.

Pois ben, se eliminamos a xente nova das nosas enquisas, os menores de 50 anos por exemplo, teremos como resultado porcentaxes moi altas de galego-falantes. Se esa enquisa, sesgada cara á xente máis vella, a tomamos como representativa de toda Galicia, e a comparamos con outra anterior na que había xente de todas as idades, está claro cal vai ser o resultado da comparación: na segunda vai haber moitos máis galego-falantes que na primeira. Poderíamos entón convocar á prensa, e anunciar que nos últimos doce anos produciuse un aumento espectacular do galego? Iso sería uso erróneo da estatística, e se sei de antemán que é erróneo, pois é facer trampas.

No caso que comentamos o que sucedeu realmente foi o contrario: na enquisa do 2004 matáronnos (simbolicamente, claro) a todos os maiores de 54 anos, e iso invalida a comparación. Hai ademais outros problemas, algúns deles moi técnicos, pero paréceme que aquí chega con este. Isto non quere dicir que todo o que está no MSG 2004 sexa malo; hai bastantes cousas aproveitables. Só estou a falar desas comparacións non válidas entre os datos do 2004 e os de 1992.

A que responde a actitude de Callón, ao seu entender, logo? Por que tería a Mesa interese en presentar os datos máis negativos sobre o futuro do galego?

É o alemamalo quen fai esta pregunta? Espero que non teña vostede nada persoal contra o presidente da Mesa. Eu pensaba que el estaba ao tanto destas eivas do MSG 2004, e por iso dixen que aínda que me parecía comprensible a súa actitude, era facer trampas. Estas trampas na interpretación dos datos prodúcense moitas veces; un vello chiste do gremio dos estatísticos di que se vostede come un polo enteiro e eu non como nada, a media estatística indicaría que cada un dos dous comeu medio polo.

Cabe a posibilidade de que o presidente da Mesa non tivera lido as críticas que se publicaron a finais de 2007, cando apareceu o primeiro volume, ou que as tivera esquecido. Nese caso, non procedería falar de actitude tramposa, obviamente.

Cal pode ser razón da insistencia nos datos máis desfavorables? Tal vez se deba a que a MNL é unha entidade de promoción do galego, e como tal é normal que nos alerte dos perigos para o galego e que trate de axitar conciencias. Pero iso debe facerse con rigor.

Dada a distribución do galego por idades, é evidente que a medida que van morrendo os máis vellos, vai habendo menos galego-falantes. Isto é así aínda que ninguén máis abandone a súa lingua no futuro. Pero se ninguén máis abandona a lingua no futuro, do que procede falar en interpretación correcta é de “estabilización”, e non de “retroceso”, aínda que o saldo final sexa de menos galego-falantes. Imaxine estoutra “construción cuantitativa”: “tres de cada catro persoas que morren son galego-falantes”. Ten todos os visos de ser certa pero é irrelevante, morren por vellos, e non por falar galego. Se chamamos á prensa por iso e denunciamos as políticas lingüísticas, facemos trampas.

De todos os xeitos, non cre que a RAG debeu de facer unha presentación pública e que fosen os autores do estudo os que ofrecesen os datos que a eles lles parecen máis relevantes e que a cidadanía coñecese o estudo pola RAG e non pola Mesa?

Estou de acordo. Pero parécenme suspicaces as atribucións de intencionalidade política. Tampouco se presentou nunca na RAG o terceiro volume do MSG 1992, publicado no 96, que indicaba unhas actitudes favorables cara ao galego, especialmente na poboación máis nova. Querían ocultar algo? É inverosímil; eu sempre pensei que foi un asunto de axenda (sen descartar unha posible desidia) por parte de quen tiña a responsabilidade de organizar a presentación; e pasados varios meses xa estaba “amortizado” o traballo e non procedía presentalo. É moi posible que nesta ocasión pasase o mesmo.

Está o galego tan mal como se pinta desde algúns sectores? Cal cre vostede que son os nosos puntos fortes e fracos?

O MSG04 contén certos datos favorables, algúns deles que apuntan precisamente a esa estabilización da que falaba antes. Se nos fixamos nos datos correspondentes ao grupo de idade máis novo, e os comparamos co que lle sigue en idade, vemos que xa non hai ese descenso que se dá en cambio en todos os outros grupos de idade: as porcentaxes de galego-falantes son practicamente as mesmas nos dous grupos. Hai máis cousas positivas: xeneralizouse a competencia na lectura en na escritura, por exemplo.

As políticas lingüísticas dificilmente van converter aos castelán-falantes en galego-falantes, aínda que hai casos, naturalmente. Pero se o obxectivo é ese, estamos abocados á unha melancolía infinita. Os éxitos da normalización deben medirse pola normalidade con que os castelán-falantes aceptan introducir o galego en certas parcelas das súas vidas, por exemplo nas relación coa administración, no ensino, etc.; pero non é todas, pois… que gañarían facendo iso? Nestes asuntos a xente móvese por cálculos de coste-beneficio (non necesariamente económico, senón tamén emocional, manter a rede de amizades que xa se ten, etc.) E isto pásalles tanto aos que manteñen o galego como aos que manteñen o castelán. O máis importante é que os castelán-falantes consideren que o galego é tamén parte do seu capital lingüístico, unha parte esencial que é exclusivamente nosa, que nos liga co noso pasado e que nos permite ser diferentes, sen necesidade de exhibir permanentemente esa diferenza.

Coa nova etapa política que se abre, cal pensa que debe ser a actitude que tomen os axentes que traballan a favor da lingua?

A actitude, en calquera etapa política, debe ser a mesma: de defensa, de promoción, e de non agresión a ninguén, nin de palabra nin de obra. Preparo o escudo para protexerme das críticas que me van caer en riba polo que vou dicir, pero aí vai, pois os atacantes nese blog aportan polo xeral unha boa dose de humor. Eu diría que unha parte esencial da normalización consiste tamén en asumir que do feito que o galego sexa a lingua propia de Galicia, que o é sen dúbida, non se deriva que o castelán sexa unha lingua allea.

Que opinión ten sobre o reintegracionismo? Cre que ten algún futuro?

A miña opinión coincide bastante coa súa. Non son partidario, pero tampouco hostil. En canto a se ten futuro, vexo improbable que a corto prazo se converta en norma oficial. Pero seguirá tendo usuarios; neste momento paréceme que se usa como un signo de distinción. Por fortuna, hai vida máis alá da norma oficial, ou non?

43 comments Marzo 25th, 2009

A wikipedia española, nova aliada do reintegracionismo ‘hardcore’

De todos é sabido que os extremos se tocan e que mesmo poden mesmo converterse en compañeiros de viaxe. Agora resulta que a wikipedia española, famosa entre os internautas galegos pola deturpación de topónimos ata niveis inverosímiles, é aliada do reintegracionismo ao (mal) definir o que é “castrapo”.

O castrapo é, para entendérmonos, un castelán con moitos trazos (e nunca ao revés), e unicamente o reintegracionismo utiliza esa palabra para referirse a un suposto galego mal falado, que por extensión sería o da norma actual do galego. E a wikipedia española dálle cobertura a esa definición única dos reintegratas, con exemplos erróneos incluídos.

Existe otra acepción, empleada informalmente por los sectores reintegracionistas, para referirse a la actual normativa del idioma gallego, considerado contaminado irremisiblemente por el castellano.

Vai vir o jueves (castrapo) - Va a venir el jueves (castellano) - Vai vir o xoves (gallego).

E o mellor de todo: o artigo sobre “castrapo” recomenda a lectura, “en gallego reintegrado” (eu diria máis ben en galego reintegrata hardcore), dun texto asinado por un tal José Luis Valinha Reguera, que entre as súas conclusións sinala que en Galicia en realidade se falan catro idiomas (e non dous, que é o que cabería pensar).

1) Castelhano correcto em maior ou menor medida, falado pelas pessoas cultas. É a língua dominante.
2) Crioulo castelhano, falado por muitos galegos de baixo nível cultural, de fala materna galego portuguesa, ao pretenderem expressar-se em castelhano. (…)
3) Galego-português correcto em maior ou menor medida (também chamado “português da Galiza” ou “galego”); falado por pessoas muito conscientizadas da importância da sua língua (…), do perigo de desaparecimento dela que só julgam evitável partindo da sua consideração dentro do diassistema luso-brasileiro-africano de expressão portuguesa, e não como idioma independente do português. Costumam ser pessoas ligadas ao nacionalismo político galego.
4) Spanenglish do galego-português, quer dizer, galego-português mais ou menos castelhanizado; chamado também “portunhol”, “castrapo”, “patois”, falado por pessoas de baixo nível cultural cuja fala está mais ou menos influida pelo castelhano oficial. Algumas das suas variantes ou, melhor dito, uma mistura delas, tem sido estandarizada, oficializada e imposta como “galego” calificando este como “lingua irmá pero diferente” do português; e um sub-produto castelhanizado dela é falada como língua “solene ou litúrgica” pelas instituições oficiais da Autonomia Galega, as quais rejeitam, como é óbvio, para o “galego”, as denominações antes ditas de “galego-português” ou “português da Galiza” (…)

É dicir, en Galicia, segundo esta curiosa análise asumida pola wikipedia española, hai dous tipos de persoas “cultas”: os que falan castelán puro de Valladolid e os que falan en lingua reintegrata, persoas concienciadas e ligadas ao nacionalismo. O resto, os que falan “crioulo castelhano” ou “spanenglish do galego-portugués” (norma oficial) son parviños, de baixo nivel cultural, traidores, etc. Ou resumindo todo máis: para José Luis Valinha, citado como referencia na wikipedia española, os “cultos” son os falantes de castelán da Meseta ou de lingua reintegrata. O do medio, a inmensísima maioría da poboación, é todo morralla da boa.

Pois aí o teñen. Tanto o enlace a ese “documento” como a definición errónea de castrapo aparecen incesantemente na wikipedia española e de nada serviu que outros usuarios intentasen eliminar semellante análise. A edición do artigo mostra constantes “restitucións” da versión pro-reintegrata. Por suposto, semellante intoxicación non aparece na wikipedia en galego, aínda que si na wikipedia en lingua portuguesa.

34 comments Marzo 24th, 2009

alema, censurado por Xuxa

É con enorme tristeza que vos teño que anunciar que o vídeo titulado “Xuxa, a máis satánica e diabólica“, elaborado por min para YouTube foi censurado. Parece ser que á artista brasileira non lle gusta nada que se fagan parodias das mensaxes presuntamente satánicas que inclúen as súas cancións infantís reproducidas ao revés. Xuxa Promoções e Produções Artísticas Ltda. ordenou a retirada do mencionado vídeo… e YouTube achantou.

“Notificamos a remoção ou desativação do acesso ao material a seguir em decorrência de uma notificação de terceiros da parte de Xuxa Promoções e Produções Artísticas Ltda. informando que este material é infrator”

A min, francamente, paréceme unha pasada que esta señora non poida ser parodiada. Ademais, como se pode demostrar que hai pasaxes supostamente diabólicas nas súas cancións sen reproducilas? En fin, porque non teño nin ganas, nin forza, nin tempo, nin pasta para protestar, que senón había reclamar. De todos os xeitos, queda patente que detrás da doce Xuxa hai moi pouco sentido do humor. A mesma escasa simpatía que teñen os reintegratas hardcore dalgúns foros! :D

13 comments Marzo 19th, 2009

Exclusiva:
entrevista co gañador do iPod chuceiro

O seu alcume é galizaemalego, ten 22 anos, é de Pontevedra e estuda en Vigo. E é ademais o flamante gañador do iPod que sorteaban en Chuza! por medio dunha porra electoral que quedou máis deserta ca o Sahara á vista dos resultados do 1M. Con el falamos en exclusiva do premio, e por suposto das polémicas que máis nos motivan en alema.org. Velaquí a conversa.

alema: Bueno. Antes de nada. Graciñas por atender a alema.org, flamante gañador do iPod!
galizaemgalego: Nada. Graciñas a vós por este espazo que me dades
alema: Como se sente un sabendo que levou un premio por non acertar nin de broma o resultado dunha porra?
galizaemgalego: Pois a verdade que non mo esperaba, xa que na porra participei de casualidade. En xeral moi contento e moi agradecido os compañeiros e compañeiras de chuza
alema: Por certo… Cal era a túa aposta?
galizaemgalego: A miña aposta se mal non recordo eran 32 escanos para o PP, 26 para o PSOE e 17 para o BNG, Vamos que non din nin unha
alema: E na túa opinión, que pensas que vai acontecer en Galicia, co novo goberno e tal?
galizaemgalego: Se ben é certo que durante estes derradeiros 4 anos o bipartito na miña opinión foi un continuismo do antigo si se vai notar o troco de goberno nalgúns pequenos avances como o tema do galego, as galescolas, a selección galega, todos os apartados sociais, etc.
alema: En que medida cres que o galego vai ter un retroceso co PP?
galizaemgalego: O galego vai ter un retroceso moi grande, e se os pequenos avances en materia lingüistica que se deron na lexislatura pasada foron pequenos, agora van ser nulos. Está claro que un goberno que apoia a Galicia Bilingüe non pode traer nada bo para o noso idioma, e fica demostrado cas últimas declaracións de Feijoo de eliminar o decreto do galego, reconvertir as galescolas… E non vai ser máis que un gran de area máis para a futura desaparición do idioma galego
alema: Falemos da túa situación persoal sobre o galego, se che parece. Vin pola túa traxectoria en chuza (e tamén polo teu alcume galizaemgalego) que apostas polo reintegracionismo. Pola contra, aquí comigo empregas o galego RAG. Non é contraditorio?
galizaemgalego: É certo que son partidario do reintegracionismo, pero tampouco descarto a posibilidade de usar o galego RAG, sobretodo porque non o teño perfeccionado e prefiro facer unha entrevista máis ou menos “decente” hehe. Nun hipotético caso de que Galiza acadara a súa liberación como pais, persoalmente o reintegrado ou o galego da RAG pasaría a un segundo lugar.
alema: E ti cres que, á vista dos resultados electorais, a liberación de Galicia como país está máis próxima?
galizaemgalego: A vista dos resultados electorais, e que persoalmente me son bastante indiferentes, penso que un obxetivo non se consigue a curto ou medio prazo. Hai que traballar día a día, nos bairros, nos pobos, nas cidades, o carón da xente, e iso debe ser o que nos motive a seguir ate conquerir o noso obxetivo. Eu actualmente non me sinto representado por ningún partido, como lle pode pasar a moita xente, pero iso non vai facer que deixe de luitar polo que eu penso e polo que eu creo que é xusto.
alema: Como chegou a túa aproximación ao reintegracionismo?
galizaemgalego: A miña aproximación cara o reintegracionismo pois viu da man da miña militancia no local social A Revira de Pontevedra, pola colaboración con organizacións políticas e a outros niveis, e por interés propio.
alema: E cres que como opción ortográfica ten posibilidades de triunfar?
galizaemgalego: Home, é unha opción máis que hai e pode ser que triunfe e pode ser que non triunfe. Isto como todo,é cuestión de traballo.
alema: O galego e o portugués son o mesmo idioma?
galizaemgalego: Bueno, polo que vexo a entrevista so vai orientada a un tema hehe. Creo que si son o mesmo idioma. Coas suas variacións ortográficas e típicas da zona pero penso que si, é o galego-portugués.
alema: Comigo xa gañaches 30.000 puntos dicindo a palabra máxica: “bueno”. Sabes que estou levando a cabo unha campaña para conseguir a súa plena legalización?
galizaemgalego: Penso que no galego da RAG un españolismo máis non importará.
alema: E no galego reintegrado tamén… por que non? e logo os reintegratas non din “bueno”?
galizaemgalego: haha. Eu uso a palabra bon, o que usen o resto dos reintegratas pois non o sei, sinceiramente .
alema: Non mintas: acabas de dicir espontaneamente a palabra ‘bueno’
galizaemgalego: Pois si, o acabo de dicir :$, non me matedes por iso, é a confusión dunha norma a outra. Non, como dicía antes penso que toda vontade de falar o galego e usalo como lingua habitual é moi importante, sen distinguir normas.
alema: E ti es máis partidario do galego AGAL ou da implantación do portugués padrão… Que che parece que se crease unha “Academia Galega da Língua Portuguesa”?
galizaemgalego: Pois home non estou moi ao tanto de iso. máis penso que sempre é mellor manter as palabras orixinarias da nosa terra e non substituilas por lusismos. Non sei se ese é o obxetivo de AGAL ou dunha hipotética “Academia Galega da Lingua Portuguesa”. Como dicía Carvalho Calero o Galego ou é Galego-Portugés ou Galego-Español. Faime mais preguntas doutro tipo!!!!! hahaha
alema: hahahahaha. Bueno, imos ir concluíndo se queres. Que tipo de música vas poñer no iPod chuceiro?
galizaemgalego: Eu estou encantado de respostar, así que tranquilo. Espero meter música variada, pero sobretodo en galego. Imaxino que irei dende os xa míticos, Keltoi!, Xenreira, Skarnio ou Trapallada pasando por grupos de streetpunk Oi!, Ska-rocksteady, Folk Galego, Irlandés, Victor Jara…vamos un pouquiño de todo.
alema: E para terminar. Visitas moito chuza? [Mira que é un antro de perversión, radikalidade e reintegracionismo extremo!!!]
galizaemgalego: O visito sempre que poido, sobretodo para consultar novas…as compaxino bastante ben con portais de contrainformación como pode ser Galiza Livre. Tranqui! Ando continuamente por antros de ese tipo

6 comments Marzo 13th, 2009

O bipartito saínte aínda nos pode facer un “regalo” antes de marchar

Leo unha interesante entrevista ao presidente da RAG en xornal.com e quedo alucinando cunha das respostas. Pregúntalle o xornalista por que non está na rede o dicionario da Real Academia Galega e Xosé Ramón Barreiro responde textualmente.

Agora sae unha nova edición do dicionario. Sabe canto custa facelo? Vinte millóns de pesetas. Haberá que darlle tempo á editorial que o publica para recuperar o investimento, non si? Eu non teño eses vinte millóns. Se a min a Real Academia Española me dá eses cartos, mañá mesmo está na rede.

E digo eu… Tan difícil é xuntar 20 quilos de nada para que este idioma teña na rede un dicionario con xeito en lingua galega? Francamente, paréceme unha cantidade completamente ridícula. E é máis: creo que debería de ser un regalo que podería facernos aos galegos o bipartito, agora que xa está en funcións e que sabe con certeza que vai deixar o poder.

20 millóns de vellas pesetas… 120.000 míseros euros ben os vale a nosa cultura, a nosa lingua… e máis agora, que parece que se achegan ameazas de nubeiros á normalización lingüística. Propoño facer unha campaña no facebook ou algo.  Que son 120.000 euros para a administración? Seguro que se gastaron cantidades meirandes en cousas máis superfluas.

——————————————————

PD: Encantoume tamén como Barreiro despacha os reintegratas. Cito: “Beneficiarse do mundo da lusofonía é algo que podemos facer xa. O malo é que se o facemos oficialmente corremos o risco de que o galego desapareza automaticamente. Non quero reabrir aquí vellas liortas, pero unha cousa é a utilidade e outra perdernos nun magma. Nunca vas conseguir que se lle chame galego a todo iso, aínda que o diga Castelao ou o Espírito Santo. Hai que conservar as fronteiras ou desaparecemos.“. Eu só digo. Bravo! :D

7 comments Marzo 5th, 2009

Concha Rousia bórrase… do bueno :(

Esta mañá levei unha desagradable sorpresa ao comprobar que o usuario de facebook chamado “Concha Rousia” (único que ten ese nome e unha foto dunha persoa que se parece incriblemente a Concha Rousia) desapareceu de entre os asinantes da causa ‘bueno é galego’. Estou triste. Concha borrouse. Eu pensaba que o reintegracionismo estaba decidido a facer unha aproximación á sociedade do galego real pero estaba equivocado. E dígoo con moita tristura, certamente.

A esta hora, descoñezo as causas polas que a señora Rousia (ou o seu alter-ego en facebook) decidiu abandonarnos, pero espero que a cousa non quede aquí. Acabo de enviarlle unha mensaxe á usuaria de facebook chamada Concha Rousia para pedirlle explicacións. Pero moito me temo que posiblemente non as haberá. Unha persoa chamada Concha Rousia que asina nos foros da AGAL dixo esta mesma mañá:

De seguro que tem de haver alguma explicação embora eu não atino a saber qual… talvez como outra vez que apareceu um comentário com meu nome em Vieiros… que era obvio que não era feito por mim…

(…) à merda (desculpa a palavra) não se lhe deve fazer apreço… mesmo que apareça debaixo de uma pedra ou nem que no alto dum outeiro

Sempre o brigada !

E olha, já sabes meu lema, que nem é meu, “que falem de mim mesmo que seja bem”…
_________________
“Eu quase que nada não sei. Mas desconfio de muita coisa.”

Guimarães Rosa

Non sei a que se refire a señora que asina nos foros da AGAL como Concha Rousia cando fala de “merda”. :(  Eu, pola miña parte, se houbo alguén que utilizou a súa conta de facebook ilegalmente para darlle o apoio á causa ‘bueno é galego’, pídolle desculpas por pensar que era dos nosos… que formaba parte da iniciativa concreta a prol do galego con máis éxito no facebook.

A min o que máis me cadra é que, quizais por erro, a usuaria de facebook chamada Concha Rousia viu a palabra “galego” nunha causa e anotouse sen ler o contido da proposta. E que, despois de recibir algún toque por parte de alguén, decidiu recuar porque se cadra tamén o seu cargo dentro da AGLP é incompatible con afirmacións tan terribles coma que “bueno é galego”.

E unha última cousa: equivócase moito a usuaria dos foros da AGAL chamada isabelrei, cando di que istoestá feito a cousa está feita com má fé…“, para logo asegurar que lles estou facendo “propaganda”. Tamén di:

Dentro de pouco tempo poderemos ver palavras galegas nos dicionários portugueses e não será nem graças aos Alemas maliciosos de turno nem aos Joanes que lhes fazem propaganda mesmo na casa.

En que quedamos? Era boa ou mala a “propaganda”? Con respecto ao das palabras galegas nos dicionarios portugueses, en fin… Estou investigando, pero todo apunta a que non lles vai ser tan fácil como pensaban ou como nos aseguraron. Pero iso será motivo doutro artigo proximamente…

22 comments Febreiro 4th, 2009

Tanto dicir que galego é portugués
que ao final… ata Google!

A insistencia en afirmar que galego e portugués son a mesma cousa debe de estar na orixe dun bug que ten o tradutor de Google, que acaba de estrear o galego como lingua traducible. De feito, se lle pides ao tradutor que che traduza a palabra “galego” do galego a calquera idioma, o resultado vai ser sempre… “portugués”! Existe un reintegrata infiltrado en Google? Ou será que google considera que somos uma, grande e livre… nação portuguesa? :D

Podes probar en todas as combinacións… galego > francés, galego > húngaro, galego > xaponés… en todos os casos… somos portugueses. Ata podes poñer nunha frase a palabra “galega” (e non galego), que o resultado volve ser un auténtico WTF ou PCQ [Pero que carallo...!]

E antes de que o digades vós, xa o digo eu… E que? Teño o Google en español internacional de España, que pasa? Ah… E falando de España, seica hai problemas para traducir tamén a palabra Galiza, segundo conta Vieiros.   :D

18 comments Febreiro 3rd, 2009

Previous Posts


AVISOS

Últimos comentarios

E ti que galego falas na escala de alema? aquí

Mini-chat

Latest on Mon, 00:28

aita: hai alguén aquí? teño unha dúbida: cando se usa 'ó' e cando 'ao'

magnummare: ... un que funcione, porque xa vexo que o teu no vai moi ben... XD XD

magnummare: Señor alema!! com introduciu iso que ten ai de "este blog en portugues automatico"? grasias de antebraso!! :P

Yuji: Obrigado Aloquete. Vou colocar na minha lista pra quando pedir livros galegos! :) Ah sim, e achei um artigo seu sobre literatura galega em Portugal, [...]

Aloquete: Yuji, um romance magnífico é PAPAVENTOS, de Xavier Queipo. Cosmopolita, mas galego de cima a baixo.

» Escribe algo



Featured Advertiser

Artigos recentes

 

Marzo 2010
L M M X V S D
« Dec    
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
293031  

Categorí­as

Tags

Meta