A xustiza portuguesa acaba de negarlle a uns pais portugueses a posibilidade de chamarlle Diego ao seu fillo (ver noticia). Como xa explicamos aquí varias veces, a lexislación portuguesa prohibe expresamente que as crianças portuguesas poidan ter nomes non portugueses… e aí están tamén incluídos os galegos. A suposta unidade lingüística entre o galego e o portugués non se aplica… porque Diego, non só é un nome espanhol: tamén é un nome galego.
Atención ao argumento da xustiza portuguesa: “Espera-se que os Diogos sejam portugueses e os Diegos sejam espanhóis, ou melhor, espera-se que os portugueses não sejam Diegos. Qualquer inversão desta relação entre nomes e nacionalidade é tida como perturbadora“.
E o mellor de todo é que os lingüistas do país veciño, lonxe de aprobar que Diego é un nome galego-portugués, simplifican todo dicindo que o único válido en portugués é o Diogo, e que o Diego é “espanhol”. Asúmano dunha santa vez: en Portugal, todo o de fóra é “espanhol” e nin sequera paran a pensar se é galego ou non.
En fin, agora só cabería esperar que aqueles sectores que apoian que o galego e o portugués son a mesma lingua inicien unha campaña para corrixir semellante inxustiza, que impide a difusión de nomes galegos en Portugal.
Xa pasou un aniño desde que aquela sesión inaugural da flamante AGLP (Academia Galega da Língua Portuguesa, non confundir con outras entidades homónimas) e pouca cousa cambiou desde aquela. Bueno si… parece ser que un primeiro dicionario portugués (o da Porto Editora) inclúe xa a famosa lista daquelas 500 palabras “xenuínas galegas” (que logo pasaron a 800 dadas as críticas). Así a todo, o galego debe seguir sendo, para a AGLP, unha lingua de pouca categoría, dado que ese mesmo dicionario inclúe outras 5.000 palabras “xenuínas brasileiras”. Debe de ser que os brasileiros son máis en número e máis listos porque foron capaces de xerar ata seis veces máis verbetes… e iso que o portugués europeo e o portugués brasileiro si que son a mesma lingua! A nós póñennos de favor, e despois de dar moito a vara, 800 palabriñas, e os portugueses regálannos tooodos os castelanismos -disimulados con nh e lh, iso si- que incorporaron na súa lingua. Iso si que é bo negocio.
Pero vaia, fóra de trocas altamente descompensadas e logros pírricos coma este, a realidade segue sendo moi teimuda.Os portugueses verán os verbetes galegos nos seus dicionarios como algo folclórico (na vida empregarán esas palabras nin as van estudar nos seus centros de ensino), e os galegos seguirán indo a Portugal ou ao Brasil entendendo menos do que lle entenden a un andaluz ou a un ecuatoriano, por moito que se repita a mesma canción de sempre e bla bla bla (insíranse aquí as típicas trolas que por moito que se repitan seguen sendo trolas). Os portugueses van seguir indo á súa bóla, e aos galegos non lles vai quedar outra que defender a súa lingua (si, si… a súa, non unha sucursal dunha lingua allea) polos seus propios medios, sen esperar polo famoso primito de Zumosol (a palabra curmãozinho, a día de hoxe, segue sen entenderse en Portugal).
Polo título do artigo ben podería dicirse que fun á caza de pirolas á segunda cidade de Portugal. Pois non. É outra mala pasada que vos xoga o galego, ese idioma tan independente do portugués. Dígovolo porque acabo de estar no Porto e isto é o que un pode encontrarse na sinalética do marabilloso Ikea de Matosinhos.
Está claro: “Plantas e vergas”. Para un portugués da rúa, a palabra “verga” non ten ningunha connotación estraña, non pode levar a confusión. Pola contra, para un galego o conto cambia porque entre as definicións do verbete está o significado de “pene” (aínda que o Estraviz -erroneamente ao meu entender- asegura que só é referido a animais).
E si. Xa sei que en galego a palabra “verga” tamén significa “vara” ou “vimbio”, pero non me negaredes que non queda un pouco bizarro [outro-estranxeirismo-innecesario-moi-á-moda-reintegrata] vela nun letreiro. Imaxinen escoitar pola megafonía do futuro Ikea da Coruña: “Señor Rodríguez, acuda á sección de vergas, por favor”. :D Tanta connotación sexual ten a palabra, que eu sempre escoitei iso de “estar envergallado” como sinónimo de “estar empalmado” ou, dito finamente, “co pene erecto”.
Dúas cousas máis da miña viaxe ao Porto:
1) Os portugueses non saben pronunciar “Ikea”. I-ke-a. :D Chámanlle “Ikeia” como “assembleia” e “feia“
2) Moito me gustou ver unha palabra galega nun dos establecementos do anexo Mar Shopping [en Portugal son os putos amos dos centros comerciais]. Si señor. “Rebaixas”, con letras grandes, distinto de “saldos” e de “rebajas“. ;-)
PD: Díxenvos algunha vez que adoro a lingua portuguesa e Portugal? Creo que si, pero teño a necesidade repetilo. Sempre que vou é como estar na casa. :) Estaría toda a vida escoitando/falando portugués! It’s a sexy language, non credes?
Hoxe é foi un día moi intenso, cheo de grandes noticias. Como non teño moito tempo, vou resumir.
1)A RAG dá a cara… por fin. Menos mal. Non foi sen tempo. Chegou tarde a reacción, pero chegou. E hai que estar contentos. Polo que se ve no tríptico que publicaron parece que teñen as cousas moi clariñas. A mágoa foi que non as dixeran antes. Pero en fin. Non imos recrearnos no que puido ser e non foi. Hai que mirar cara adiante. A recuperar o consenso e a despolitizar a cuestión lingüística. E da man da nosa autoridade lingüística, non dunha sucursal dunha universidade lisboeta. Por certo: hai por aí quen alucina coas referencias da RAG á “irmandade” coa lusofonía. A ver se se decatan algúns dunha santa vez que defender a aproximación á lingua portuguesa non ten por que equivaler a auspiciar a conversión do galego nun dialecto submiso.
2) Os da Gentalha do Pichel están en apuros. Necesitan 10.000 euros porque din que lles queren pechar o local. Os cartos son para pagar un ascensor para discapacitados, “o último paso para ter todos os papeis en regra”, din. Teñen que conseguir 10.000 euros nun mes, e en só tres días reunir a metade dos cartos. Os que ameazan co peche son os do Concello de Santiago (PSdeG+BNG) pero parece que para os da Gentalha só hai un culpable (o señor Conde Roa, do PP). E eu pregunto… A que vén tanta présa agora? Isto do ascensor era algo que se sabía desde hai tempo ou xurdiu así, de repente? Persecución política por parte do PP? Desleixo por parte da Gentalha? A ver en que acaba todo isto. En fin. Espero que se solucione.
A continuación reproduzo o comunicado da RAG para que quede constancia que é asumible pola inmensa maioría dos galegos.
Diante dos pronunciamentos e as comunicacións públicas que dun tempo
a esta parte se están a producir arredor da lingua galega, moi especialmente
sobre a súa presenza nas aulas de ensino non universitario, e dada a significación
histórica desta institución fundada en 1906 baixo a presidencia de Manuel
Murguía, constituída a prol da defensa e a dignidade do noso idioma e da nosa
cultura, e depositaria do ordenamento normativo da lingua por decisión do
Parlamento de Galicia e a Lei de Normalización Lingüística (1983), a Real Academia
Galega séntese na obriga e no deber moral de pronunciarse nos seguintes puntos,
que consideramos fundamentais.
1. A lingua galega é unha riqueza, patrimonio común de todos os galegos,
lingua milenaria, posuidora dun rico acervo histórico que nos sitúa en pé
de igualdade entre as culturas todas do mundo. A lingua galega forma parte
consubstancial da identidade e do recoñecemento de Galicia como nación e como
colectividade. Como dicía Ramón Piñeiro, a quen este ano honramos o Día das
Letras Galegas, “para que unha comunidade humana teña categoría de pobo,
para que teña unidade íntima e transcendente, ha de ter unha alma de seu.
E un pobo ten alma de seu cando posúe idioma, cando fala nunha lingua propia,
que tal é o que significa a palabra idioma. A lingua vén a ser a alma viva do pobo
que a fala, vén a ser a súa comunidade esencial”.
2. Como lingua propia de Galicia, o galego dános identidade no mundo, pero
tamén nos relaciona con outros espazos aos que, cumprindo unha función
comunicativa, non queremos nin debemos renunciar. A lingua galega non
é incompatible co coñecemento e o uso doutras linguas, moi especialmente
o castelán, e vencéllanos coa irmandade galego-luso-brasileira, que nos abre
a varios continentes e que nos universaliza. Xunto co castelán, o inglés e o
coñecemento das novas tecnoloxías da comunicación, propias da sociedade global
da que formamos parte, os homes e mulleres da Galicia do noso tempo, cidadáns
dun novo século conscientes do valor do seu idioma, dispoñemos de posibilidades
certamente privilexiadas para nos relacionarmos co mundo e, sen renunciarmos
a nós mesmos, exercer como cidadáns universais.
3. Ninguén é propietario da lingua. Como patrimonio común, herdado dos nosos
avós e dos devanceiros, a lingua é de todos os galegos, mesmo daqueles que non
tiveron a fortuna ou a oportunidade de recibila de seu na infancia. A lingua é un
cemento que nos une, no que nos recoñecemos e que nos proxecta cara ao futuro,
polo que de ningunha maneira podemos aceptar nin discriminacións pola súa
causa nin que se abran fendas na sociedade común, que facemos entre todos,
creando ou promovendo guetos ou espazos estancos. Irresponsablemente
estariamos a producir unha freita social que endexamais existiu e que tería
gravísimas consecuencias para o futuro.
4. A convivencia, o respecto e a harmonía deben presidir en todo momento as
actuacións que arredor da lingua se desenvolvan, tendo unha cousa presente:
un idioma castigado durante séculos, asoballado na súa historia, abaixado na
consciencia dos seus falantes esixe un tratamento activo, unha política estratéxica
e decidida por parte do goberno e da administración, accións que o doten de
recursos para igualalo con aqueles outros idiomas que non viviron ese proceso.
O rexurdir do idioma galego vai acompañado do rexurdir da autoestima dos seus
falantes e dos que como patrimonio común o teñen, da dignidade colectiva
e da modernidade do país en todos os seus ámbitos.
5. A situación lingüística da Galicia de hoxe xa non é unha situación diglósica
típica, con dúas linguas que se usan para funcións diferentes (galego para usos
informais e castelán para usos formalizados); pero tampouco se pode dicir que o
uso do galego ou do castelán dependa simplemente do interlocutor. O galego
avanzou, pero a súa desproblematización e a súa progresiva conversión en lingua
de uso natural e normal (normalización) levou os contrarios a este proceso a
manchar a palabra normalización, como se significase agresión aos que non teñen
o galego como lingua habitual, e a erguer o falso concepto de liberdade, que
parecen entender como dereito a non falar nunca o galego.
6. Para superar esta situación cómpre, entre outras medidas, reforzar a presenza
da lingua galega no ámbito escolar, con especial atención ás primeiras idades,
para que o idioma xurda de seu nos ámbitos máis próximos (na familia e na
escola). Cómpre facelo respectando a lingua das familias, procurando con extremo
coidado o afecto e a convivencia naqueles casos en que a lingua primeira non sexa
o galego. Mais cómpre unha política activa ao respecto, na procura dunha
capacitación e dun coñecemento real do idioma (non unha utilización litúrxica
do mesmo), promovendo con recursos o seu uso e implementándoo como lingua
vehicular doutros coñecementos na escola.
7. O novo clima lingüístico que trouxo a Constitución de 1978 abriu as portas
a unha convivencia de linguas. Dende que Galicia ten autonomía política, gobernos
de diferente signo tentaron impulsar a recuperación social do idioma centrando
as actuacións moi principalmente no ámbito educativo. Mais a política lingüística
non pode ficar reducida ás aulas. Aínda que a acción educativa é fundamental para
a conformación das destrezas do idioma e mais para o seu prestixio e o seu
recoñecemento no imaxinario social, a acción de uso e os recursos deben
orientarse asemade a outros espazos fundamentais na vida pública: os medios de
comunicación de masas, as industrias do lecer e da cultura, as novas tecnoloxías, a publicidade, a vida empresarial, o funcionariado, a administración pública, a xustiza, a igrexa, a universidade, o mundo do traballo, o comercio, a economía, conscientes de que a lingua é tamén unha marca de calidade, tarxeta de presentación identitaria nos espazos da globalización. Traballar a prol da lingua significa concitar, estimular e avivar todos os sectores que configuran o corpo social.
A Real Academia Galega observa con preocupación os pronunciamentos e as
polémicas que, partidarias as máis das veces, nacidas ben do exceso de celo,
ben do prexuízo lingüístico, deben ser superadas pola acción dun goberno que
aspire a ser de todos os cidadáns. Tamén resulta preocupante que as primeiras
decisións lingüísticas anunciadas pola Xunta de Galicia sexan todas
desprotectoras da lingua galega.
Convidamos aos responsables do novo goberno a que escoiten as institucións
que, como a presente, veñen traballando de vello polo idioma, con información,
metodoloxía e estudos certos, na procura dun acordo social integrador,
a prol do uso, a dignidade e a continuidade do idioma, que debería sustentarse
en catro principios básicos:
1º Compromiso de arredar a lingua galega da controversia
partidaria. A lingua é de todos e todos teñen cabida para
acadar o seu pleno uso normal.
2º Impulso do multilingüismo. Na anterior lexislatura
potenciouse o trilingüismo en moitos centros escolares
(galego, castelán e inglés), que agora podería ampliarse
a unha cuarta lingua, sen esquecer o acceso ás linguaxes
das novas tecnoloxías.
3º Reafirmación e desenvolvemento do Plan Xeral
de Normalización da Lingua Galega, que no seu día,
por unanimidade, apoiou o Parlamento de Galicia
(Doc. núm. 17629, BOPG núm. 622 do 07.09.04).
4º Compromiso de impulsar unha cooficialidade simétrica
dentro da Constitución, na que todos os cidadáns teñan
dereitos e deberes co castelán e co galego, única forma
de acadar a igualdade cidadá.
Os poderes públicos están obrigados a meditar serenamente a qué escenario
queren levar a sociedade galega, tendo sempre presente que a lingua galega
non é un problema, senón unha oportunidade.
Agora que xa falta tan pouquiño para Eurovisão, quería aproveitar para mostrar o meu apoio incondicional a Soraya. A cantante estremeña (e con ascendencia portuguesa) estivo recentemente en Portugal (un país que “adora”, segundo as súas palabras) promocionando o seu ‘La noche es para mí‘. Aquí vos deixo un vídeo onde a moza se lanza a falar en portugués… Miren que ben o fai! Estou emocionado! Este ano, ata os reintegratas con Soraya!!!!
O xornal ‘El Mundo’ conta na súa edición dixital que o portavoz de ERC no Congreso Joan Tardà criticou o rei de España porque “en 30 anos non foi capaz de facer un curso de catalán ou euskera”. Fíxense no final da frase: “un curso de catalán ou euskera”. De galego, a xornalista autora do texto nin sequera fala, a pesar de que Tardà si que citou o noso idioma expresamente. Esquecemento, desleixo por parte da autora do texto? Sexa como for, non é a primeira vez que sempre que se interpela por agravios comparativos aparece en primeiro lugar o catalán, en segundo o euskera e en terceiro (e só se cadra) o galego? Misterios sen resolver.
E falando de resolución de misterios. Efectivamente, sodes moi listiños… e moitos de vós acertastes que foi o presidente de “esta nuestra comunidad“, o señor Feijo[ó]o, o que pronunciou a famosa frase:
“O galego (…) aproxima-nos aos povos da lusofonia que, pela influência da grande nação vizinha e irmã, levaram o português por meio mundo.”
Evidentemente, o novo inquilino de Monte Pío dixo a frase en galego, e só optei por traducila ao portugués para “despistar” un pouco (hehe). Con este xogo, o que quería demostrar é que hai base para o consenso. Nesa frase estamos de acordo todos: desde o PP ata Nós-UP. Agora hai que poñerse a traballar para que os cativos aprendan na escola unhas nocións mínimas de portugués para achegarnos en serio á lusofonía (pero sempre desde a nosa independencia, claro). Oxalá sexa posible que se constrúan novos consensos arredor do idioma e consigamos despolitizar dunha santa vez todo o debate arredor do galego. E iso vai por todos: conviría que o propio Feijoo deixase de andar todo o tempo escaravellando na ferida da lingua cada vez que lle fan unha entrevista. Ante unha cuestión tan delicada, era preferible un pouco máis de prudencia.
Unha última cousa: non me resisto a falar da gripe porcina. Agora andan dicindo que os porcos, os pobres, tampouco teñen tanta culpa… pero polo que parece de momento o que impera é chamarlle “gripe porcina” ao que en inglés se chama swine flu. En portugués, estase empregando a forma “gripe suína“ porque a pesar de que en portugal hai “porcos”, igual que aquí, é máis corrente o adxectivo “suíno” (inexistente en galego) que “porcino”. Os portugueses tamén lles chaman “suínos” aos porcos, cousa que nós non facemos. En galego, non hai suínos, pero si persoas suíñas (ou sexa, hipócritas, falsas). :D Eu tiña por costume dicir “tal fulano é un suíña”… pero parece ser que se trata dun adxectivo variable (suíño, suíña) e se cadra foi unha das palabriñas “xenuinamente galegas” que levaron os da AGLP a Lisboa.
Unha adiviña, ao máis puro estilo Galeguzo. Quen dixo a seguinte frase?
“O galego (…) aproxima-nos aos povos da lusofonia que, pela influência da grande nação vizinha e irmã, levaram o português por meio mundo.“
Dou unhas cantas pistas:
1- Ricardo Carvalho Calero
2- Luis Gonçales Blasco ‘Foz’
3- Alexandre Banhos
4- Concha Rousia
5- Camilo Nogueira
6- Xosé Ramón Barreiro
7- Ramón Piñeiro
8- Alberto Núñez Feijoo
9- Gloria Lago
Dito isto, anúnciovos que este domingo conclúe a miña estadía en Lisboa. Volvo para casa co rabo entre as pernas, sen encontrar en Portugal o emprego polo que andaba soñando (a crise golpea forte en todos os sitios). Non podo abusar máis da confianza dos meus amigos portugueses e regreso á casiña, a seguir chupando da teta de mamá e papá. Portugal é giro pero creo que me tira máis a terriña. En fin. Comeza outra nova etapa.
O 14 de abril seica houbo aquí unha xuntanza na Academia das Ciencias de Lisboa onde participaron por primeira vez “todas” as academias existentes da lingua portuguesa, incluída “a nossa“, en palabras do presidente da AGAL, Alexandre Banhos (tamén asistente ao “evento”). Os señores da AGLP (Academia Galega da Língua Portuguesa) ‘e hijuelas‘ andan super-contentos, felices porque cren que participaron nun día histórico… pero, coma sempre, nada máis lonxe da realidade. O “evento” no que presuntamente se consagra o galego como dialecto da lingua portuguesa non tivo aquí, en Portugal, ningún eco mediático. Nin unha palabra. E mira que busquei… pero nada. Nada de nada.
Bueno si… Algunha intoxicación, pero leve, na prensa angolana que chega a titular, seguindo as pautas do reintegracionismo: “A Galícia [nin sequera 'Galiza'], comunidade autónoma da Espanha de menos de 3 milhões de habitantes, quer adoptar o acordo ortográfico“. Nada máis falso por outra parte, porque ninguén dubida de que o noso país non está para lerias de acordos ortográficos lusófonos… e menos coa que está caendo. Eis unha mostra máis de que o reintegracionismo é unha forma clarísima de gastar enerxías gratuitamente, cando non fonte de alimentación de extremismos no bando contrario.
En fin. Tampouco quero facer moito sangue, porque creo que agora as prioridades son outras. As enerxías hai que gastalas en recuperar consensos e non en perder o tempo con propostas completamente irrealizables e que rexeitaría a sociedade. O galego necesita unión máis que nunca e non andar discutindo sobre a norma constantemente. Só hai que ver como aproveita a FAES (órgano de pensamento do PP que dirixe Aznar) a resposta bo-rollitista de Anxo Quintana sobre o reintegracionismo (que tamén advertín que ía traer consecuencias). Os inimigos do galego, incluído o autor do papeliño da FAES, atacan recordando as liortas que hai arredor da lingua e ven o noso idioma como unha carallada… ou como algo “inventado” polo ILGa (sóalles o argumento?).
Por certo:vaise cumprindo o que alema foi anunciando meses atrás a pesar das críticas de moitos. O reintegracionismo light (norma AGAL incluída) está tan, tan, tan pasado de moda que ata o presidente da propia AGAL escribe directamente en portugués padrão textos destinados para o público galego. Á Associaçom Galega da Língua quédanlle xa dous telexornais para converterse en Associação. A lei de alema volve cumprirse: “O reintegracionismo chama sempre a máis reintegracionismo”.
PD: Aproveito para recordar, xa que estamos, o discurso que leu o señor Banhos, presidente da AGAL, na Asemblea da República portuguesa. Quen carallo fala así en Galicia? Este é o modelo de lingua que debermos de adoptar? En fin…
Sigo sen dispoñer de moito tempo para bloguear pero quería comentar convosco e rapidiño tres cousiñas coas que topei de casualidade esta fin de semana.
1) As “boas” relacións que ten Portugal con Corea do Norte.Sorprendeume bastante, a verdade, o feito de que exista unha certa “cordialidade” portuguesa coa ditadura máis hermética do mundo.Un país onde os cidadáns carecen das mínimas condicións para vivir… Non sei. Abraioume comprobar que é tal o “bo rollito” que o goberno norcoreano mesmo felicitou a Cavaco Silva pola súa elección como presidente da República. En fin. Non mola.
2) Falando de “diplomacia”… Parece que Televisión Española quixo recentemente pechar a súa delegación en Lisboa e que só “presións diplomáticas” o impediron finalmente. TVE segue tendo unha correspondente aquí, pero ao parecer con menos medios. Sigo comprobando que existe pouco interese informativo aos dous lados da fronteira. Nos informativos portugueses predominan as informacións locais e España (non digamos Galicia) aparece pouco ou case nada, e viceversa. Habería que analizar as causas diso… E sobre todo, é posible rachar esa dinámica sen que pareza forzado? Interesa en Portugal o que pasa en Galicia? E en Galicia interesa o que pasa en Portugal?
3) Descubro que existe “polho” en portugués. Para vós será unha parvada pero a min chámame moito a atención. “Polho” é un tipo de uva e coloquialmente ata pode ser un “mozo”, un “rapaz”. E non só: antigamente era a forma de dicir “frango“! Por que non din “polo” os portugueses en vez de “frango“? “Frango” pode ser galego? :D Conste que en galego “pollo” é unha variante de “piollo”. É lícito dicir en galego “montar un pollo“? Eu voto que si.
Alberto/e Núñez Feijoo aínda non é presidente da Xunta, pero moito me temo que pode haber guerra polo seu nome, igual que no seu día houbo discusións polo topónimo do país (Galicia vs Galiza). O caso é que acaba de publicar Vieiros que alguén que se identifica como o novo vicepresidente do Parlamento, o popularJose Manuel Baltar, estivo modificando algúns artigos da Galipedia (ou da wikipedia galega) para engadir algúns “retoques” nos artigos do PPdeG, do PSdeG e do futuro presidente do goberno galego.
Unha das teimas do usuario que se identifica como Jose Manuel Baltar [fíxense que escribe o Jose sen acento no e, e con J se cadra para deixar claro que é reintegrata ] foi mudar o nome do presidente do PPdeG de Alberte para Alberto. E non deixa de ser curioso… porque… imos ver… Alberto é galego ou non é galego? Pois agárrense porque… non só é galego, senón que é ademais perfecto reintegrata!
Efectivamente, acudo ao Dicionario dos Nomes Galegos (dirixido por Ferro Ruibal para Ir Indo) e na entrada de Alberte/Alberta vén claramente que a única variante posible do nome é Albertos (”y no Alberto, di Sarmiento” -engade a publicación). O curioso é que este dicionario -do que teño unha edición antiga que se cadra mudou cos últimos cambios na normativa- di que a forma ‘Alberte‘ aparece xa desde o século XIV, aínda que logo tamén se constata a forma ‘Albertos‘ (e eu engado: coma os famosos Albertos, Cortina e Alcocer)
Seguindo as teorías deste dicionario, Alberte é unha forma xenuinamente galega, dado que en castelán a forma é Alberto… e en portugués tamén! Así pois, Alberte desentoa completamente coa lusofonía e, moito sospeitamos, non figurará na lista de nomes propios galegos que algún día o comando Lisboa traerá a Portugal para que sexan aceptados tamén entre os países de lingua portuguesa.
En fin, o da galeguidade de Alberto échevos todo un misterio. Segundo as teorías reintegracionistas (e tamén se cadra castelanistas?), tan galego sería Alberto como Alberte… Así que… Que problema hai para que o usuario que se fai chamar Jose Manuel Baltar oficialice o Alberto na galipedia? Algunha concesión haberá que facerlle ao reintegracionismo!
Só engado unha cousa: na listaxe de nomes galegos que recomenda a Mesa pola Normalización Lingüística aparece un Alberto tan grande coma un mundo. Na guía que editou a Secretaría Xeral de Política Lingüística só figura Alberte :D Hai que sacar algunha conclusión?
A “comisión lexicográfica” da chamada Academia Galega da Língua Portuguesa xa terminou o seu inxente traballo de recuperación das palabras xenuinamente galegas que poden ser susceptibles, segundo eles, de incluírse nos dicionarios de lingua portuguesa. Aquí xa comentamos que os promotores desta Academia calculaban que había só entre 400 e 600 palabras propiamente galegas… e ao final estabamos case no certo. Porque finalmente son case 700.
Pois ben, con esas 700 palabras galegas xenuínas nada máis -que ben poden caber en… dous ou tres folios?- veñen uns enviados da AGLP aquí, a Lisboa, concretamente á Academia das Ciências, a única institución portuguesa que lles fai un pouco de caso despois de anos e anos de dar a brasa, segundo me comentan. Pero bueno, non desesperedes meus amigos: que o noso idioma, o galego, non é só de 700 palabras xenuínas. O propio presidente da AGLP entende que se trata dun primeiro borrador que logo se verá aumentado.
En fin. Nin tanto nin tan pouco. A ver cando se mentalizan algúns de que a lingua portuguesa nin vai nin debe encher os seus dicionarios de palabras que non lle son propias. E sobre todo, a ver cando aprenden algúns que o noso idioma ten moitísimas máis palabras propias que as que collen neses dous ou tres folios. Un pouco de respecto polas linguas galega e portuguesa, por favor!
Por certo: chámame moitísimo a atención a maneira na que a AGLP lles lambe as botas (por non dicir outra cousa) aos académicos lisboetas. Fíxense no que se di na páxina da propia AGLP:
[...] serão alguns dos temas a tratar na reunião que terá lugar na Academia das Ciências de Lisboa com o Exmo. Sr. Presidente, Prof. Eduardo Arantes e Oliveira, e o Exmo. Sr. Vice-Presidente, Prof. Adriano Moreira.
E sabedes o máis flipante? Que hai publicacións en internet supostamente esquerdosas que reproducen palabra por palabra este clasismo repugnante á hora de tratar as persoas. Ata o señor Monte(i)ro Santalha, presidente da AGLP, é “Prof. Doutor“. Postos a copiar as cousas portuguesas, copiemos as boas e non as malas. Aquí nin aos conselleiros se lles trata así, en virtude da lei de transparencia e boas prácticas, que deixa en herdanza o bipartito saínte. Cito o artigo 18, referido aos “Tratamentos”.
O tratamento oficial dos membros do Goberno e dos altos cargos será o de señor/señora, seguido da denominación do cargo, emprego ou rango correspondente.
Pois a ver se aprendemos, señores (e señoras) da AGLP!
Xa de volta en Lisboa con Nuno, comprobo que por culpa das eleccións perdín algo moi importante: a selección das cancións que representarán a España e a Portugal en Eurovisión. Eu, sinceramente, a pesar de que Lisboa é a miña cidade adoptiva temporal, téñoo claro: mellor mil veces “La noche es para mí” de Soraya que “Todas as ruas do mundo“ de Flor-de-lis. Comparade vós. Non hai nin punto de comparación. Ra-ra-rá Soraya vencerá. (de feito aparece como favorita nalgunhas quinielas)
aita: hai alguén aquí? teño unha dúbida: cando se usa 'ó' e cando 'ao'
magnummare: ... un que funcione, porque xa vexo que o teu no vai moi ben... XD XD
magnummare: Señor alema!! com introduciu iso que ten ai de "este blog en portugues automatico"? grasias de antebraso!!
Yuji: Obrigado Aloquete. Vou colocar na minha lista pra quando pedir livros galegos! Ah sim, e achei um artigo seu sobre literatura galega em Portugal, [...]
Aloquete: Yuji, um romance magnífico é PAPAVENTOS, de Xavier Queipo. Cosmopolita, mas galego de cima a baixo.