Artigos arquivados na categoría de 'política'

Noticia bomba: o PP subvenciona o reintegracionismo

Si, señor. O DOG de hoxe certifica -tal e como se recolle na portada de Chuza!- que o actual goberno galego (sustentado pola maioría absoluta do Partido Popular) non só subvenciona unha entidade reintegrata como a AGAL con 12.914,10 euros, senón que esa subvención é a segunda maior de todas as concedidas na última remesa de axudas da Consellería de Cultura, onde por certo non aparece nin A Mesa pola Normalización Lingüística nin tampouco o brazo académico da AGAL, a arquifamosa-no-mundo-enteiro Academia Galega da Língua Portuguesa (aínda que… todo-se-andará) :D

A min, a todo isto, só se me ocorre unha frase:

WHERE IS YOUR GOD NOW???!!

PD: Valentim R. Fagim, presidente actual da AGAL, empezou a colaborar no Xornal. Moi mal lle debe de ir (ao xornal). :D

58 comments Novembro 25th, 2009

Super-mega-escándalo: pretenden demonizar a Anxo Lorenzo por usar grafías medievais galegas

Os amigos de seioque descubriron un novo filón co que meterse co actual secretario xeral de Política Lingüística. E é que Anxo Lorenzo twittea empregando nn para representar o ñ porque non controla os acentos nin os ñ na Blackberry. Ou sexa, escribe Marinnan (en vez de Mariñán) ou Corunna (en vez de Coruña). O gran pecado de Lorenzo, segundo denuncian os amigos de seioque, é que emprega nn e non nh, como se fai en Portugal, é dicir, a grafía lusista. Con todo, conviría recordar e deixar claro que a grafía nn é propia do galego, moito máis que o dígrafo nh para representar o actual e galeguísimo ñ. O nn xa se empregaba na época medieval, como recordan as Normas Ortográficas do Idioma Galego, que cito a continuación:

Tendo en conta que a grafía románica se forma a partir da latina e que moitas palabras románicas son de etimoloxía transparente, os escribas medievais, alfabetizados en latín, adoptaban as letras do alfabeto romano para a representación dos sons románicos correspondentes aos latinos. Pero as consoantes palatais presentan un problema especial, porque o latín, mesmo o latín medieval, as ignoraba, e as que xorden nas linguas románicas teñen, en xeral, orixe múltipla. Isto é o que sucede co /¥/ e co /≠/. O /¥/ galego resulta da palatalización de L nos grupos latinos LI + vogal (FILIUM > fillo), LLI + vogal (ALLIUM > allo), LLE + vogal (MALLEUM > mallo), -LL- + -¸ final de palabra (MARCELLI > Marcelle), e tamén dos grupos romances C’L, G’L, T’L e B’L (OCULUM > oclu > ollo, TEGULAM > tegla > tella, SITULAM > sitla > sella, TRIBULUM > triblu > trillo). O /≠/ procede da palatalización de N nos seguintes grupos: NI+ vogal (SENIOREM > señor), NE + vogal (VINEAM > viña), MNI + vogal (SOMNIARE > soñar), LNE + vogal (BALNEUM > baño), -GN- (LIGNA > leña); tamén acaba reaparecendo como /≠/ nas secuencias -INU, -INA > -iño, -iña (VINUM > v¸)o > viño, GALLINAM > gal¸)a > galiña). Isto é o que provoca na scripta arcaica (latinizante) certa vacilación de letras: l, ll (e ocasionalmente li) para /¥/ (filo, fillo, filio) e n, nn, ñ (e ocasionalmente ni, nni) para /≠/ (senor, sennor etc.). Aínda así, esta vacilación sería tolerable se non houbese tamén fonemas non palatais que precisasen daquelas letras; pero estes fonemas tamén os había: eran o /l/ explosivo, procedente de LL, e o /n/ explosivo, procedente de NN, que se representaban tamén por l e por n (ela, pano) ou, conforme á etimoloxía, por ll e por nn (ella, panno). Había ademais as secuencias [li], [ni], [lj] e [nj], romances ou en cultismos, grafadas normalmente como li e ni (valia, folia, capelania, animalia, armenio); e había tamén [¥i] e [≠i], grafados, normalmente, li ou lli, ni ou nni (collia, grunnia).
Esta scripta en que non se fai discriminación gráfica entre /l/ e /¥/ nin entre /n/ e /≠/, baseada na etimoloxía (con abundancia de solucións ultracorrectas), dura en territorio galego ata o século XIV. Isto significa que as grafías ll ~ l e nn ~ n tanto podían representar un son alveolar (coitello ~ coitelo, castello ~ castelo, fallar ~ falar, anno ~ ano, donna ~ dona, enganno ~ engano) coma palatal (fillo ~ filo, batalla ~ batala, consello ~ conselo, sanna ~ saña ~ sana, sennor ~ señor ~ senor). En territorio portugués sucedía o mesmo, mais aquí empezaron a usarse desde o reinado de Afonso III (1248-1279) lh e nh (tomadas da lingua de oc), co valor específico de /¥/ e /≠/; desta maneira quedaban reservados l e n (ou mesmo ll e nn) para /l/ e /n/. Esta reforma ortográfica debida a Afonso III de Portugal é case descoñecida nos documentos medievais galegos, que a partir do século XIV tenden a especializar l e n para os fonemas alveolares e ll e nn (ou a súa forma abreviada ñ) para os fonemas palatais. Xa queda advertido que ll e nn eran meros grafemas sen
máis motivación ca a etimolóxica (e non sempre, porque había moitas palabras que se grafaban con ll e nn de modo ultracorrecto); deste xeito quedaban dispoñibles para seren utilizados co valor especializado de /¥/ e /≠/. Estas grafías foron as utilizadas de forma practicamente unánime na tradición escrita galega ata hoxe.

Conclusións:

1) Ñ é galego

2) NN é galego arcaico ou medieval

3) NH é portugués

4) NH en galego só serve para representar un son velar (unha, dunha, etc). Polo tanto, se alguén escribe Corunha ten que lerse igual que se rimase con “unha”.

5) En ausencia de Ñ nun teclado, é mellor grafar NN para evitar confusións.

Anxo Lorenzo, xa que logo, empregando o NN, estaba sendo patriota galego. :D Que conno! :D

17 comments Novembro 1st, 2009

Os ‘arredistas’ recoñecen que a xente pasa mil da(s) norma(s) reintegrata(s)

Pois si. Son poucos pero queren chegar á xente. E por iso saben que teñen que renunciar a certos “sinais de identidade”. Entre eles, a(s) normativa(s) reintegrata(s). Non é ningún segredo que entre os que soñan por unha Galicia independente non hai unanimidade. Máis ben ao contrario. As pelexas entre a FPG (pro-norma RAG) e Nós-UP e similares (pro-reintegrata) pola cuestión normativa son tan grandes, que mesmo supuxeron un verdadeiro atranco para a unidade do independentismo político.

Pero o que é novidoso é que entre os que son defensores do nh empeza a callar a conclusión de que a mensaxe non lle chega á cidadanía. É dicir, que a xente “pasa de rollos” cando recibe escritos en norma reintegracionista. Contan en Vieiros os impulsores de Espaç/zo Irmandiñ/nho, novo aglutinador do soberanismo, que van empregar ao 50% as normativas RAG e AGAL (pasada de moda, por certo). É máis: recoñecen que «o uso dunha ou outra normativa “deberá modularse en función do público ao que se dirixe”, unha decisión á que se chega logo de comprobar como, por exemplo, os obreiros á saída de Citroën deitan no chan sen ler moita da documentación que se lles entrega».

Ou sexa, que os arredistas partidarios da(s) norma(s) reintegrata(s) saben que teñen que pasar á norma maioritarísima seguindo “criterios de oportunidade”, tal e como recoñecen tamén en Vieiros.

En definitiva: moita academia portuguesa, moito suposto aumento de reintegratas, moito “estamos no mellor momento”, pero o certo é que o reintegracionismo é un atranco recoñecido para o crecemento da ideoloxía política que o sustenta en gran medida.

27 comments Xuño 19th, 2009

“Aprender es enriquecer”: unha nai castelanfalante e o verdadeiro bilingüismo

Hoxe quedei cunha amiga miña superpija e supercastelanfalante ela coa que me reúno para tomar café un par de veces ao ano ou así. É polo xeral unha tipa bastante tolerante dentro do seu círculo, pero esta tarde sorprendeume -e moito- cando abordamos a cuestión da enquisa esa que lles están facendo aos pais co tema do galego, do castelán, etc. etc. Bueno. O caso é que, cando me contou a súa postura ao respecto, quedei bastante flipado coa defensa que fai do galego, ela que rara vez a escoitei pronunciar unha simple frase no meu idioma materno. Deixoume ler o cuestionario que estes días vai entregar no colexio e sorprendeume tanto, que lle pedín que me deixase publicalo. Pois aquí está. Isto é o que puxo no apartado “observacións”:

“Aprender es enriquecer. Las lenguas se aprenden hablándolas. Creo que la utilización de las lenguas tiene que hacerse de una manera ecuánime, utilizándose en este caso en un 50% para cada una de ellas. Y lo más importante: creo que lo adecuado es que los niños aprendan el galego como una lengua nuestra, no como extranjera. Todo cabe en el saco. No utilicemos la lengua para hacer política y sí para entendernos.

A miña amiga, a diferenza de min, aprendeu o galego como unha lingua estranxeira e non quere que ao seu fillo lle aconteza o mesmo. Eu creo que, por veces, sente que lle gustaría ter a fluidez en galego para falar con xente coma min, que nunca nos pasamos ao castelán con persoas galegas. O seu fillo é afortunado. Polo menos súa nai é consciente de que a el tamén lle pode pasar o mesmo. Oxalá moitas nais e moitos pais castelanfalantes o teñan presente cando cubran o famoso formulario. :)

9 comments Xuño 15th, 2009

Ultrarreintegrata pide asilo en Portugal

A lei de alema -”reintegracionismo chama a máis reintegracionismo”- acaba cumpríndose sempre… e nalgúns casos con drama incluído. Tal é o caso do profesor José Luis Fontenla, vello coñecido deste blog polas súas polémicas declaracións sobre a normativa AGAL (que chega a cualificar de “portunhol 2″), e que agora é actualidade porque, coitado el, pide asilo político en Portugal.

Este home, presidente da chamada Comissão Galega do Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa e prototipo da categoría 10 na escala de alema (”os galegos teñen que falar portugués”) séntese perseguido pola policía secreta española, que seica non ten cousas máis interesantes que facer que revisarlle o correo e confiscarlle libros… E iso que este individuo disque reside desde hai dúas décadas en Portugal!

Pero bueno… Cara a isto vai irremediablemente o reintegracionismo. Recordo que, cando hai xa un ano saquei á palestra as declaracións deste home, houbo algún reintegrata amigo que me chegou a dicir: “home, está claro que sempre hai máis papistas ca o papa” en referencia ás teses ultralusistas do profesor Fontenla. Infelizmente, un ano despois, só me queda constatar que a maioría dos practicantes do nh camiñan irremediablemente cara á fusión total co portugués, cara a adopción do padrão portugués para o galego (un dos alcumes de Fontenla é “João Padrão”, que manda truco!), coa creación de entes como a AGLP.

E de que maneira reage “a comunidade” ante tal notición?
- Boa parte dos chuceiros, cada vez máis botados ao monte, solidarizándose e crendo esta historia para non durmir
- E os portugueses que comentan nas webs que publicaron a noticia, flipando a cores
…Bueno, todos menos un, que desde o Alentejo -terra natal do querido aloquete :D - asegura:

“Não só se deve dar asilo politico como financiar as actividades dos grupos separatistas da Galiza que querem a união com Portugal. Mas era preciso um governo com tomates [="collóns", por se alguén non entende] para o fazer, não um de rabichos!”

Como se pode ver, ilusos hainos en todas as partes. En fin.

PD: Non será que os Correos de España lle confiscaron a Fontenla os libros ao ver que os enderezos estaban escritos en reintegrata hard-core? :D  Non. Sempre é máis fácil crer en consparanoias.  xD

PD2: Será que o Fontenla (ou Fontela, como aparece nas notícias) tivo un ataque de lusismo cando viu que un avogado que curiosamente se chama igual ca el -curiosamente el mesmo figura como  avogado nalgunhas biografías- aparece nunha páxina de “avogados de España”, con bandeira roji-gualda incluída? Ou que actuou así ao comprobar que ten entrada propia na wikipedia española, a dos topónimos deturpados?  :D  José Luis Fontenla, ese home que aparece en galegos.info cun correo electrónico moi rechamante (no que se conxugan as palabras “lusismo” e “negocio”) e que, a pesar de que reside en Portugal, ten tamén enderezo e teléfono en Pontevedra…

PD3 E falando de todo un pouco, leo tamén en chuza! que os de Ceivar están publicando un texto-tipo para recorrer as multas que recibiron “dúzias de ativistas da língua” a raíz dos lamentables sucesos do 8F. Sen entrar no fondo da cuestión… Non parece curioso que esas cartas estean redactadas en precioso galego RAG? Se o reintegrata é admitido pola xustiza -como aseguran os reintegratas- porque non a empregan en casos coma este? Podían seguir o exemplo do Fontenla: redactar os recursos en reintegrata e, no caso de que non sexan admitidos, pedir tamén asilo en Portugal:D

26 comments Xuño 11th, 2009

Iniciativa Internacionalista:
5 lemas reintegratas -> 5 gralhas

A candidatura Iniciativa Internacionalista, repescada no último minuto polo Tribunal Constitucional español e na que figura como número 6 o coñecido independentista (lingüístico e político) Xosé Luís Méndez Ferrín, presenta un vídeo electoral cheo de erros en galego reintegrata. Ata cinco faltas se detectan nos cinco lemas do anuncio. Aquí están as probas.

Velaquí os erros:
- “Polo direito á autodeterminaçom!” (erro: non e “á” con acento agudo, senón grave “à”)
- “Pola justiza social” (en reintegrata correcto escríbese “justiça”, sinal de que os galegos non controlamos as diferenzas entre z, s, ss, ç nin falta que fai)
- “Polas liberdades democráticas” (por fin un lema ben, aínda que conviría recordar que un reintegrata hardcore apostaría polas formas ‘pela’, ‘pelas’)
- “Nom a discriminaçom de xénero” (outra vez o “á”, e “xénero” é con “g” en reintegrata, proba tamén de que os galegos non distinguimos entre g, j e x nin falta que fai)
- “Contra a Europa do Capital” (por que “capital” con maiúscula? tanta consideración lle teñen?)

Esta mestura de galego oficial e reintegrata (ao que podemos cualificar de “portulego”), xa o vimos, é moi habitual entre os que non teñen nin idea da lingua portuguesa nin da galega. Un pouco de respecto ás dúas, fagan o favor!

PD Que opinará o señor Ferrín de todo isto?

59 comments Maio 27th, 2009

O conselleiro de Cultura e Belén Regueira fan apoloxía do ‘bueno’

Aconteceu o Día das Letras Galegas no programa ‘O País dos Pequenos’. O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, e a presentadora Belén Regueira, conversaban animadamente sobre os estereotipos que hai arredor do carácter galego. E saíu o ‘bueno’, como non! Tan claro ten o conselleiro que o bueno é galego que asegura que é necesario traducilo para que a xente entenda o seu verdadeiro significado no noso idioma. O documento non ten desperdicio.

14 comments Maio 19th, 2009

Anxo Lorenzo merece unha oportunidade

Vaia, vaia. Parece que os días que hai Eurovisión hai unha manchea de noticias que comentar. Imos por partes.

1) Feijóo nomea a Anxo Lorenzo, un sociolingüista independente de recoñecido prestixio e comprometido co galego, para dirixir a política lingüística da Xunta. A Mesa e o BNG cualifícano de “verdugo” do galego, nada menos. En Galicia Bilingüe tamén están que adoecen. O dos galegófobos enténdoo. O presidente da Xunta nomeou alguén que loitou polo que eles cualifican de “imposición do galego”. O que non entendo é a saña da Mesa. A quen querían que se nomease? Callón respóndeme que non é un ataque persoal, e que a alternativa é un cambio de política. Nomeando o señor Lorenzo, non é logo un cambio de rumbo polo que hai que felicitarse? Cal é logo o candidato ideal da Mesa?

Paréceme algo precipitado xulgar de antemán sen saber cales son os compromisos aos que chegou Feijóo con Lorenzo para que aceptase o posto. Hai que esperar. É certo que hai declaracións de dirixentes do PP que causan certo desacougo (a pretensión de resucitar, por exemplo, a polémica de ‘La Coruña’), pero é certo tamén que de momento as cousas non pasaron de aí, dunhas declaracións. E volvo reiterar o que dixen noutras ocasións: para recuperar os consensos hai que ter mesura, prudencia, siso… e iso vai por todos. Dun lado e do outro. Todos a pechar esas boquiñas e a poñerse a traballar.

Apúntanme que a reacción da Mesa pode deberse a un intento por manter “a tensión” con vistas á manifestación do 17 de maio. Eu creo que é unha estratexia errada. O aspecto reivindicativo dunha manifestación non implica ter que perder os papeis. O normal sería recoñecer a traxectoria do novo secretario xeral, reclamar que sexa coherente co seu traballo anterior e esperar acontecementos. E unha vez dito iso, pode manter con elegancia que seguen vivos os motivos polo que convoca a manifestación do domingo e a outra cousa. O cortés non quita o valente.

2) Os da Gentalha conseguiron o seu elevador (ascensor, en galego). Recadan pasta a velocidade do raio: 10.000 euros en 3 días. Parabéns para eles. Agora, o que podían era organizar unha coleta doutros 120.000 para comprar o famoso dicionario da RAG e colgalo na internet. :D

3) Este ano, o actor Quico Cadaval vai ser o patrón dos reintegratas no Día do Orgulho Lusista e Reintegrata, que se celebra o 25 de maio. :D [Por certo: que pensará o novo secretario xeral de Política Lingüística sobre os reintegratas? Non pararei ata descubrilo]. :D

4) TVE destitúe o xefe de Deportes por non ofrecer os apupos do público ao himno de España. A quen hai que cesar por emitir tenis en vez da 2ª semifinal de Eurovisión? Vergonzoso. Menos mal que nos quedou Portugal (e Andorra) para seguir a retransmisión. Como castigo a rtve, negueime a sentouciñar o festival por rtve.es, que para máis inri estivo colgado media hora. :-P

5) A raíz da idea dun colega, institúo desde hoxe a Igrexa Alemista do Primeiro Bueno, a única igrexa onde todos os crentes son practicantes. ;-) Remember. Bueno é galego. Xa asinamos 1.281 :D

4 comments Maio 14th, 2009

A RAG, a Gentalha e Eurovisión

Hoxe é foi un día moi intenso, cheo de grandes noticias. Como non teño moito tempo, vou resumir.

1) A RAG dá a cara… por fin. Menos mal. Non foi sen tempo. Chegou tarde a reacción, pero chegou. E hai que estar contentos. Polo que se ve no tríptico que publicaron parece que teñen as cousas moi clariñas. A mágoa foi que non as dixeran antes. Pero en fin. Non imos recrearnos no que puido ser e non foi. Hai que mirar cara adiante. A recuperar o consenso e a despolitizar a cuestión lingüística. E da man da nosa autoridade lingüística, non dunha sucursal dunha universidade lisboeta. Por certo: hai por aí quen alucina coas referencias da RAG á “irmandade” coa lusofonía. A ver se se decatan algúns dunha santa vez que defender a aproximación á lingua portuguesa non ten por que equivaler a auspiciar a conversión do galego nun dialecto submiso.

2) Os da Gentalha do Pichel están en apuros. Necesitan 10.000 euros porque din que lles queren pechar o local. Os cartos son para pagar un ascensor para discapacitados, “o último paso para ter todos os papeis en regra”, din. Teñen que conseguir 10.000 euros nun mes, e en só tres días reunir a metade dos cartos. Os que ameazan co peche son os do Concello de Santiago (PSdeG+BNG) pero parece que para os da Gentalha só hai un culpable (o señor Conde Roa, do PP). E eu pregunto… A que vén tanta présa agora? Isto do ascensor era algo que se sabía desde hai tempo ou xurdiu así, de repente? Persecución política por parte do PP? Desleixo por parte da Gentalha? A ver en que acaba todo isto. En fin. Espero que se solucione.

3) Portugal pasou á final de Eurovisión. Estou contento. Prefiro a Soraya antes que a Flor-de-Lis pero alégrome polos nossos irmãos. Empezo a crer, con todo, como Google, que vai gañar Noruega. Xa veremos o sábado.

A continuación reproduzo o comunicado da RAG para que quede constancia que é asumible pola inmensa maioría dos galegos.

Diante dos pronunciamentos e as comunicacións públicas que dun tempo
a esta parte se están a producir arredor da lingua galega, moi especialmente
sobre a súa presenza nas aulas de ensino non universitario, e dada a significación
histórica desta institución fundada en 1906 baixo a presidencia de Manuel
Murguía, constituída a prol da defensa e a dignidade do noso idioma e da nosa
cultura, e depositaria do ordenamento normativo da lingua por decisión do
Parlamento de Galicia e a Lei de Normalización Lingüística (1983), a Real Academia
Galega séntese na obriga e no deber moral de pronunciarse nos seguintes puntos,
que consideramos fundamentais.

1. A lingua galega é unha riqueza, patrimonio común de todos os galegos,
lingua milenaria, posuidora dun rico acervo histórico que nos sitúa en pé
de igualdade entre as culturas todas do mundo. A lingua galega forma parte
consubstancial da identidade e do recoñecemento de Galicia como nación e como
colectividade. Como dicía Ramón Piñeiro, a quen este ano honramos o Día das
Letras Galegas, “para que unha comunidade humana teña categoría de pobo,
para que teña unidade íntima e transcendente, ha de ter unha alma de seu.
E un pobo ten alma de seu cando posúe idioma, cando fala nunha lingua propia,
que tal é o que significa a palabra idioma. A lingua vén a ser a alma viva do pobo
que a fala, vén a ser a súa comunidade esencial”.

2. Como lingua propia de Galicia, o galego dános identidade no mundo, pero
tamén nos relaciona con outros espazos aos que, cumprindo unha función
comunicativa, non queremos nin debemos renunciar. A lingua galega non
é incompatible co coñecemento e o uso doutras linguas, moi especialmente
o castelán, e vencéllanos coa irmandade galego-luso-brasileira, que nos abre
a varios continentes e que nos universaliza. Xunto co castelán, o inglés e o
coñecemento das novas tecnoloxías da comunicación, propias da sociedade global
da que formamos parte, os homes e mulleres da Galicia do noso tempo, cidadáns
dun novo século conscientes do valor do seu idioma, dispoñemos de posibilidades
certamente privilexiadas para nos relacionarmos co mundo e, sen renunciarmos
a nós mesmos, exercer como cidadáns universais.

3. Ninguén é propietario da lingua. Como patrimonio común, herdado dos nosos
avós e dos devanceiros, a lingua é de todos os galegos, mesmo daqueles que non
tiveron a fortuna ou a oportunidade de recibila de seu na infancia. A lingua é un
cemento que nos une, no que nos recoñecemos e que nos proxecta cara ao futuro,
polo que de ningunha maneira podemos aceptar nin discriminacións pola súa
causa nin que se abran fendas na sociedade común, que facemos entre todos,
creando ou promovendo guetos ou espazos estancos. Irresponsablemente
estariamos a producir unha freita social que endexamais existiu e que tería
gravísimas consecuencias para o futuro.

4. A convivencia, o respecto e a harmonía deben presidir en todo momento as
actuacións que arredor da lingua se desenvolvan, tendo unha cousa presente:
un idioma castigado durante séculos, asoballado na súa historia, abaixado na
consciencia dos seus falantes esixe un tratamento activo, unha política estratéxica
e decidida por parte do goberno e da administración, accións que o doten de
recursos para igualalo con aqueles outros idiomas que non viviron ese proceso.
O rexurdir do idioma galego vai acompañado do rexurdir da autoestima dos seus
falantes e dos que como patrimonio común o teñen, da dignidade colectiva
e da modernidade do país en todos os seus ámbitos.

5. A situación lingüística da Galicia de hoxe xa non é unha situación diglósica
típica, con dúas linguas que se usan para funcións diferentes (galego para usos
informais e castelán para usos formalizados); pero tampouco se pode dicir que o
uso do galego ou do castelán dependa simplemente do interlocutor. O galego
avanzou, pero a súa desproblematización e a súa progresiva conversión en lingua
de uso natural e normal (normalización) levou os contrarios a este proceso a
manchar a palabra normalización, como se significase agresión aos que non teñen
o galego como lingua habitual, e a erguer o falso concepto de liberdade, que
parecen entender como dereito a non falar nunca o galego.

6. Para superar esta situación cómpre, entre outras medidas, reforzar a presenza
da lingua galega no ámbito escolar, con especial atención ás primeiras idades,
para que o idioma xurda de seu nos ámbitos máis próximos (na familia e na
escola). Cómpre facelo respectando a lingua das familias, procurando con extremo
coidado o afecto e a convivencia naqueles casos en que a lingua primeira non sexa
o galego. Mais cómpre unha política activa ao respecto, na procura dunha
capacitación e dun coñecemento real do idioma (non unha utilización litúrxica
do mesmo), promovendo con recursos o seu uso e implementándoo como lingua
vehicular doutros coñecementos na escola.

7. O novo clima lingüístico que trouxo a Constitución de 1978 abriu as portas
a unha convivencia de linguas. Dende que Galicia ten autonomía política, gobernos
de diferente signo tentaron impulsar a recuperación social do idioma centrando
as actuacións moi principalmente no ámbito educativo. Mais a política lingüística
non pode ficar reducida ás aulas. Aínda que a acción educativa é fundamental para
a conformación das destrezas do idioma e mais para o seu prestixio e o seu
recoñecemento no imaxinario social, a acción de uso e os recursos deben
orientarse asemade a outros espazos fundamentais na vida pública: os medios de
comunicación de masas, as industrias do lecer e da cultura, as novas tecnoloxías, a publicidade, a vida empresarial, o funcionariado, a administración pública, a xustiza, a igrexa, a universidade, o mundo do traballo, o comercio, a economía, conscientes de que a lingua é tamén unha marca de calidade, tarxeta de presentación identitaria nos espazos da globalización. Traballar a prol da lingua significa concitar, estimular e avivar todos os sectores que configuran o corpo social.

A Real Academia Galega observa con preocupación os pronunciamentos e as
polémicas que, partidarias as máis das veces, nacidas ben do exceso de celo,
ben do prexuízo lingüístico, deben ser superadas pola acción dun goberno que
aspire a ser de todos os cidadáns. Tamén resulta preocupante que as primeiras
decisións lingüísticas anunciadas pola Xunta de Galicia sexan todas
desprotectoras da lingua galega.

Convidamos aos responsables do novo goberno a que escoiten as institucións
que, como a presente, veñen traballando de vello polo idioma, con información,
metodoloxía e estudos certos, na procura dun acordo social integrador,
a prol do uso, a dignidade e a continuidade do idioma, que debería sustentarse
en catro principios básicos:

1º Compromiso de arredar a lingua galega da controversia
partidaria. A lingua é de todos e todos teñen cabida para
acadar o seu pleno uso normal.

2º Impulso do multilingüismo. Na anterior lexislatura
potenciouse o trilingüismo en moitos centros escolares
(galego, castelán e inglés), que agora podería ampliarse
a unha cuarta lingua, sen esquecer o acceso ás linguaxes
das novas tecnoloxías.

3º Reafirmación e desenvolvemento do Plan Xeral
de Normalización da Lingua Galega, que no seu día,
por unanimidade, apoiou o Parlamento de Galicia
(Doc. núm. 17629, BOPG núm. 622 do 07.09.04).

4º Compromiso de impulsar unha cooficialidade simétrica
dentro da Constitución, na que todos os cidadáns teñan
dereitos e deberes co castelán e co galego, única forma
de acadar a igualdade cidadá.

Os poderes públicos están obrigados a meditar serenamente a qué escenario
queren levar a sociedade galega, tendo sempre presente que a lingua galega
non é un problema, senón unha oportunidade.

12 comments Maio 12th, 2009

Os reintegratas, de uñas coa Mesa

Ai, ai, ai… As voltas que dá a vida. Os reintegratas están en pé de guerra coa Mesa pola Normalización Lingüística . Unha entidade que está “dirigida por uma gente egoísta e prepotente, que antepõe os interesses de uma organização às do objectivo que defende, unha organización que “fomenta a divisão“, un grupo que ten unha “forma de agir absolutamente unilateral“, segundo se escoita por aí de boca de recoñecidos activistas reintegracionistas.

E a que se debe o mal rollito? Pois a que os reintegratas lles parece fatal, fatal, requetemal que a Mesa organice a manifestación do 17 de maio sen ter en conta as súas ideas, que os convide á protesta cando xa está todo sachado e mondado (a data, os lemas, o manifesto…) . Aos reintegratas debe parecerlles excesivamente light a postura da Mesa e por iso fundaron unha nova plataforma chamada Galego Sempre Mais (sen acento -porque non distinguen entre “máis“, “mais” e “mas“- e inspirándose do lema que máis se escoitou a raíz da catástrofe do Prestige).

Ao meu modo de ver, este enfrontamento non fai máis que corroborar as miñas teses, sobradamente expostas. O reintegracionismo sempre, sempre, sempre quere máis. Son coma criançinhas tal e qual… Dáslles o dedo e queren o brazo enteiro.

De todos os xeitos, e por non cargar as tintas só nun lado, tamén hei de dicir que non entendo cal é o rollete que ten a Mesa cos reintegratas, entre outras cousas porque nunca houbo un pronunciamento -digámolo así- “oficial” arredor desa cuestión… A primeira vista, parece que a Mesa nunca foi “belixerante” co reintegracionismo, a pesar de que algunhas das iniciativas máis hardcore dos reintegratas van, ao meu entender, na dirección contraria do que propón a Mesa e, sobre todo, do que está disposto a asumir a sociedade galega.

Xa pasou máis de medio ano desde que me dirixín a Carlos Callón para preguntarlle polo reintegracionismo. Aínda non obtiven resposta.
A ver se sabemos algo despois do 17M…

80 comments Maio 4th, 2009

‘El-Rei’ tampouco fala galego (ou si?)

O xornal ‘El Mundo’ conta na súa edición dixital que o portavoz de ERC no Congreso Joan Tardà criticou o rei de España porque “en 30 anos non foi capaz de facer un curso de catalán ou euskera”. Fíxense no final da frase: “un curso de catalán ou euskera”. De galego, a xornalista autora do texto nin sequera fala, a pesar de que Tardà si que citou o noso idioma expresamente. Esquecemento, desleixo por parte da autora do texto? Sexa como for, non é a primeira vez que sempre que se interpela por agravios comparativos aparece en primeiro lugar o catalán, en segundo o euskera e en terceiro (e só se cadra) o galego? Misterios sen resolver.

E falando de resolución de misterios. Efectivamente, sodes moi listiños… e moitos de vós acertastes que foi o presidente de “esta nuestra comunidad“, o señor Feijo[ó]o, o que pronunciou a famosa frase:

O galego (…) aproxima-nos aos povos da lusofonia que, pela influência da grande nação vizinha e irmã, levaram o português por meio mundo.”

Evidentemente, o novo inquilino de Monte Pío dixo a frase en galego, e só optei por traducila ao portugués para “despistar” un pouco (hehe). Con este xogo, o que quería demostrar é que hai base para o consenso. Nesa frase estamos de acordo todos: desde o PP ata Nós-UP. Agora hai que poñerse a traballar para que os cativos aprendan na escola unhas nocións mínimas de portugués para achegarnos en serio á lusofonía (pero sempre desde a nosa independencia, claro). Oxalá sexa posible que se constrúan novos consensos arredor do idioma e consigamos despolitizar dunha santa vez todo o debate arredor do galego. E iso vai por todos: conviría que o propio Feijoo deixase de andar todo o tempo escaravellando na ferida da lingua cada vez que lle fan unha entrevista. Ante unha cuestión tan delicada, era preferible un pouco máis de prudencia.

Unha última cousa: non me resisto a falar da gripe porcina. Agora andan dicindo que os porcos, os pobres, tampouco teñen tanta culpa… pero polo que parece de momento o que impera é chamarlle “gripe porcina” ao que en inglés se chama swine flu. En portugués, estase empregando a forma “gripe suína porque a pesar de que en portugal hai “porcos”, igual que aquí, é máis corrente o adxectivo “suíno” (inexistente en galego) que “porcino”. Os portugueses tamén lles chaman “suínos” aos porcos, cousa que nós non facemos. En galego, non hai suínos, pero si persoas suíñas (ou sexa, hipócritas, falsas). :D  Eu tiña por costume dicir “tal fulano é un suíña”… pero parece ser que se trata dun adxectivo variable (suíño, suíña) e se cadra foi unha das palabriñas “xenuinamente galegas” que levaron os da AGLP a Lisboa. :D

49 comments Abril 28th, 2009

Insignificante día histórico

O 14 de abril seica houbo aquí unha xuntanza na Academia das Ciencias de Lisboa onde participaron por primeira vez “todas” as academias existentes da lingua portuguesa, incluída “a nossa“, en palabras do presidente da AGAL, Alexandre Banhos (tamén asistente ao “evento”). Os señores da AGLP (Academia Galega da Língua Portuguesa) ‘e hijuelasandan super-contentos, felices porque cren que participaron nun día histórico… pero, coma sempre, nada máis lonxe da realidade. O “evento” no que presuntamente se consagra o galego como dialecto da lingua portuguesa non tivo aquí, en Portugal, ningún eco mediático. Nin unha palabra. E mira que busquei… pero nada. Nada de nada.

Bueno si… Algunha intoxicación, pero leve, na prensa angolana que chega a titular, seguindo as pautas do reintegracionismo: “A Galícia [nin sequera 'Galiza'], comunidade autónoma da Espanha de menos de 3 milhões de habitantes, quer adoptar o acordo ortográfico. Nada máis falso por outra parte, porque ninguén dubida de que o noso país non está para lerias de acordos ortográficos lusófonos… e menos coa que está caendo. Eis unha mostra máis de que o reintegracionismo é unha forma clarísima de gastar enerxías gratuitamente, cando non fonte de alimentación de extremismos no bando contrario.

En fin. Tampouco quero facer moito sangue, porque creo que agora as prioridades son outras. As enerxías hai que gastalas en recuperar consensos e non en perder o tempo con propostas completamente irrealizables e que rexeitaría a sociedade. O galego necesita unión máis que nunca e non andar discutindo sobre a norma constantemente. Só hai que ver como aproveita a FAES (órgano de pensamento do PP que dirixe Aznar) a resposta bo-rollitista de Anxo Quintana sobre o reintegracionismo (que tamén advertín que ía traer consecuencias). Os inimigos do galego, incluído o autor do papeliño da FAES, atacan recordando as liortas que hai arredor da lingua e ven o noso idioma como unha carallada… ou como algo “inventado” polo ILGa (sóalles o argumento?).

Por certo: vaise cumprindo o que alema foi anunciando meses atrás a pesar das críticas de moitos. O reintegracionismo light (norma AGAL incluída) está tan, tan, tan pasado de moda que ata o presidente da propia AGAL escribe directamente en portugués padrão textos destinados para o público galego. Á Associaçom Galega da Língua quédanlle xa dous telexornais para converterse en Associação. A lei de alema volve cumprirse: “O reintegracionismo chama sempre a máis reintegracionismo”.

PD: Aproveito para recordar, xa que estamos, o discurso que leu o señor Banhos, presidente da AGAL, na Asemblea da República portuguesa. Quen carallo fala así en Galicia? Este é o modelo de lingua que debermos de adoptar? En fin…

23 comments Abril 20th, 2009

Previous Posts


AVISOS

Últimos comentarios

E ti que galego falas na escala de alema? aquí

Mini-chat

Latest on Mon, 00:28

aita: hai alguén aquí? teño unha dúbida: cando se usa 'ó' e cando 'ao'

magnummare: ... un que funcione, porque xa vexo que o teu no vai moi ben... XD XD

magnummare: Señor alema!! com introduciu iso que ten ai de "este blog en portugues automatico"? grasias de antebraso!! :P

Yuji: Obrigado Aloquete. Vou colocar na minha lista pra quando pedir livros galegos! :) Ah sim, e achei um artigo seu sobre literatura galega em Portugal, [...]

Aloquete: Yuji, um romance magnífico é PAPAVENTOS, de Xavier Queipo. Cosmopolita, mas galego de cima a baixo.

» Escribe algo



Featured Advertiser

Artigos recentes

 

Marzo 2010
L M M X V S D
« Dec    
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
293031  

Categorí­as

Tags

Meta