Super-mega-escándalo: pretenden demonizar a Anxo Lorenzo por usar grafías medievais galegas
Os amigos de seioque descubriron un novo filón co que meterse co actual secretario xeral de Política Lingüística. E é que Anxo Lorenzo twittea empregando nn para representar o ñ porque non controla os acentos nin os ñ na Blackberry. Ou sexa, escribe Marinnan (en vez de Mariñán) ou Corunna (en vez de Coruña). O gran pecado de Lorenzo, segundo denuncian os amigos de seioque, é que emprega nn e non nh, como se fai en Portugal, é dicir, a grafía lusista. Con todo, conviría recordar e deixar claro que a grafía nn é propia do galego, moito máis que o dígrafo nh para representar o actual e galeguísimo ñ. O nn xa se empregaba na época medieval, como recordan as Normas Ortográficas do Idioma Galego, que cito a continuación:
Tendo en conta que a grafía románica se forma a partir da latina e que moitas palabras románicas son de etimoloxía transparente, os escribas medievais, alfabetizados en latín, adoptaban as letras do alfabeto romano para a representación dos sons románicos correspondentes aos latinos. Pero as consoantes palatais presentan un problema especial, porque o latín, mesmo o latín medieval, as ignoraba, e as que xorden nas linguas románicas teñen, en xeral, orixe múltipla. Isto é o que sucede co /¥/ e co /≠/. O /¥/ galego resulta da palatalización de L nos grupos latinos LI + vogal (FILIUM > fillo), LLI + vogal (ALLIUM > allo), LLE + vogal (MALLEUM > mallo), -LL- + -¸ final de palabra (MARCELLI > Marcelle), e tamén dos grupos romances C’L, G’L, T’L e B’L (OCULUM > oclu > ollo, TEGULAM > tegla > tella, SITULAM > sitla > sella, TRIBULUM > triblu > trillo). O /≠/ procede da palatalización de N nos seguintes grupos: NI+ vogal (SENIOREM > señor), NE + vogal (VINEAM > viña), MNI + vogal (SOMNIARE > soñar), LNE + vogal (BALNEUM > baño), -GN- (LIGNA > leña); tamén acaba reaparecendo como /≠/ nas secuencias -INU, -INA > -iño, -iña (VINUM > v¸)o > viño, GALLINAM > gal¸)a > galiña). Isto é o que provoca na scripta arcaica (latinizante) certa vacilación de letras: l, ll (e ocasionalmente li) para /¥/ (filo, fillo, filio) e n, nn, ñ (e ocasionalmente ni, nni) para /≠/ (senor, sennor etc.). Aínda así, esta vacilación sería tolerable se non houbese tamén fonemas non palatais que precisasen daquelas letras; pero estes fonemas tamén os había: eran o /l/ explosivo, procedente de LL, e o /n/ explosivo, procedente de NN, que se representaban tamén por l e por n (ela, pano) ou, conforme á etimoloxía, por ll e por nn (ella, panno). Había ademais as secuencias [li], [ni], [lj] e [nj], romances ou en cultismos, grafadas normalmente como li e ni (valia, folia, capelania, animalia, armenio); e había tamén [¥i] e [≠i], grafados, normalmente, li ou lli, ni ou nni (collia, grunnia).
Esta scripta en que non se fai discriminación gráfica entre /l/ e /¥/ nin entre /n/ e /≠/, baseada na etimoloxía (con abundancia de solucións ultracorrectas), dura en territorio galego ata o século XIV. Isto significa que as grafías ll ~ l e nn ~ n tanto podían representar un son alveolar (coitello ~ coitelo, castello ~ castelo, fallar ~ falar, anno ~ ano, donna ~ dona, enganno ~ engano) coma palatal (fillo ~ filo, batalla ~ batala, consello ~ conselo, sanna ~ saña ~ sana, sennor ~ señor ~ senor). En territorio portugués sucedía o mesmo, mais aquí empezaron a usarse desde o reinado de Afonso III (1248-1279) lh e nh (tomadas da lingua de oc), co valor específico de /¥/ e /≠/; desta maneira quedaban reservados l e n (ou mesmo ll e nn) para /l/ e /n/. Esta reforma ortográfica debida a Afonso III de Portugal é case descoñecida nos documentos medievais galegos, que a partir do século XIV tenden a especializar l e n para os fonemas alveolares e ll e nn (ou a súa forma abreviada ñ) para os fonemas palatais. Xa queda advertido que ll e nn eran meros grafemas sen
máis motivación ca a etimolóxica (e non sempre, porque había moitas palabras que se grafaban con ll e nn de modo ultracorrecto); deste xeito quedaban dispoñibles para seren utilizados co valor especializado de /¥/ e /≠/. Estas grafías foron as utilizadas de forma practicamente unánime na tradición escrita galega ata hoxe.
Conclusións:
1) Ñ é galego
2) NN é galego arcaico ou medieval
3) NH é portugués
4) NH en galego só serve para representar un son velar (unha, dunha, etc). Polo tanto, se alguén escribe Corunha ten que lerse igual que se rimase con “unha”.
5) En ausencia de Ñ nun teclado, é mellor grafar NN para evitar confusións.
Anxo Lorenzo, xa que logo, empregando o NN, estaba sendo patriota galego.
Que conno! ![]()
17 comments Novembro 1st, 2009


