Arquivo de 27 Marzo 2009

Paren todos xa esta desfeita

Resulta algo difícil expresarse cando un pensa que as súas palabras poden ser interpretadas como ataques persoais ou campañas anti- algo, pero non podo calar máis ante o auténtico despropósito que se xerou arredor da lingua galega e que alcanza xa proporcións que na miña opinión empezan a ser preocupantes. E o peor de todo é que non me convence a postura de ningún dos actores desta telenovela por capítulos na que ninguén quere asumir a máis mínima parte de culpa; ao contrario, son sempre os outros os que se equivocan, e entre unha cousa e outra queda a casa sen varrer.

No plano político, creo que os tres partidos con representación parlamentaria deben poñerse a traballar xa para recuperar o antes posible o consenso arredor do idioma, e afastar dunha santa vez o galego das loitas políticas. Iso cáusalle ao galego un dano terrible que non nos podemos permitir. E sobre todo: que ninguén se atribúa en exclusiva nin a defensa do idioma ou nin tampouco das “liberdades”. O galego está -ten que estar- por riba de todas esas historias. E dáme igual quen foi quen rompeu o consenso e por que, se foi primeiro o ovo ou a galiña. Agora o que importa é o presente e o futuro.

Con respecto ao famoso decreto do galego, penso que todos teñen que estar á altura para que non se acaben creando guetos por cuestión de idioma, que é o peor que podería suceder. O principal, tal como di a propia Lei de Normalización Lingüística (aprobada por unanimidade), é que os rapaces terminen o ensino obrigatorio dominando ben as dúas linguas de forma escrita e oral, e iso implica impartir as materias “importantes” tamén en galego. Iso é básico e fundamental.

O PP equivocouse ata o fondo na campaña e na pre-campaña facendo do galego unha arma política de desgaste (sobre todo porque agora ten enriba da mesa un marrón de difícil solución), pero non nos enganemos: entre os partidos do bipartito tamén houbo moitas liortas internas por este asunto. A Secretaría Xeral de Política Lingüística, controlada polo PSdeG-PSOE, traballou pola súa conta, o cal lle valou bastantes ataques por parte do BNG e das súas “entidades satélite” e viceversa. E iso fixo callar entre a cidadanía a sensación de dous gobernos enfrontados.

É certo que o bipartito non (só) perdeu as eleccións pola cuestión lingüística, pero si que foi un dos factores determinantes. Senón non se explica como un partido como UPyD se colocase como cuarta forza política do país e nunha soa atacada.

E dese feito tamén a Mesa debería sacar algunhas conclusións: porque cometeu erros, aínda que non se presentase ás eleccións. Houbo por aí no pasado algunha que outra campaña desacertada, pero o peor pode estar por chegar, ao meu entender, se non hai un cambio de rumbo e autocrítica. Á Mesa tócalle saír da loita partidaria, meditar as mensaxes apocalípticas que poden virlle na súa contra e poñerse a traballar con todos, cos que ao pobo galego lles deu o apoio inequívoco para gobernar e cos que estarán na oposición.

Hai moitas cousas que matan o galego: as liortas políticas, o negativismo en exceso (e tamén a pasividade irresponsable), o vitimismo, a asociación da defensa do galego con certas opcións (moi respectables, pero algunhas delas demasiado radicais), as pelexas pola norma (e ata polo topónimo do país), a complacencia (por non dicir o apoio expreso) para entidades que queren converter o galego no “português da Galiza”,… E diría máis: para defender o galego mesmo habería que escoitar os que -descertadamente, na miña opinión- cargan contra el… porque a falta de diálogo tamén os fará medrar. Atrincheirarse só leva a radicalizar as posturas, polo que cumpriría non pecharse a nada para conseguir o maior consenso posible.

En fin. Se non se corrixen estas eivas, entón si que o galego irá costa abaixo e sen freos.

32 comments Marzo 27th, 2009


AVISOS

Últimos comentarios

E ti que galego falas na escala de alema? aquí

Mini-chat

Latest on Mon, 00:28

aita: hai alguén aquí? teño unha dúbida: cando se usa 'ó' e cando 'ao'

magnummare: ... un que funcione, porque xa vexo que o teu no vai moi ben... XD XD

magnummare: Señor alema!! com introduciu iso que ten ai de "este blog en portugues automatico"? grasias de antebraso!! :P

Yuji: Obrigado Aloquete. Vou colocar na minha lista pra quando pedir livros galegos! :) Ah sim, e achei um artigo seu sobre literatura galega em Portugal, [...]

Aloquete: Yuji, um romance magnífico é PAPAVENTOS, de Xavier Queipo. Cosmopolita, mas galego de cima a baixo.

» Escribe algo



Featured Advertiser

Artigos recentes

 

Marzo 2009
L M M X V S D
« Feb   Abr »
 1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
3031  

Categorí­as

Tags

Meta