Mauro Fernández: “Hai datos no MSG que apuntan a unha estabilización do galego”
A raíz dos comentarios nun artigo no blog do ‘Voto con Botas’, coñecín unha opinión cualificada sobre o escándalo do Mapa Sociolingüístico Galego (MSG): a de Mauro Fernández. Este catedrático de Lingüística Xeral na Universidade da Coruña foi responsable científico do primeiro MSG e polo tanto coñece ben ata que punto se poden comparar ou non os datos de estudos elaborados en 1992 e en 2004 e se son acertadas ou non as interpretacións que fixo recentemente o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística en conferencia de prensa. Mauro Fernández, ex-director do Instituto Cervantes nas Filipinas e experto nos crioulos dese arquipélago, non ve o panorama tan negro como describe Carlos Callón e, tal e como interpreto eu a resposta á primeira pregunta, tamén discrepa con el sobre a consideración do ‘bueno’ como parte do galego.

Vostede acusa a Carlos Callón de “actitude tramposa” á hora de interpretar os datos do segundo volume do Mapa Sociolingüístico de Galicia… Onde se producen os principais erros de interpretación do presidente da Mesa?
Bueeeno! [= marcador discursivo do galego, claro] Isto empeza con bala. Os erros e os problemas están xa no texto do MSG 2004, de aí os toma o presidente da Mesa. Cales son eses erros? O máis relevante para a súa pregunta procede de que no MSG 2004 faise unha comparación entre conxuntos de datos que non se deben comparar. Os datos recollidos polo Seminario en 2004 compáranse cos recollidos en 1992. Esa comparación crea a aparencia dun enorme retroceso do galego, de 30 puntos na lingua habitual, en tan só 12 anos; e ese retroceso leva a considerar que houbo un fracaso total das políticas de normalización. Pero o quid do asunto está en que as mostras son tan diferentes que a comparación perde sentido. Vou poñer un exemplo na dirección contraria do que realmente pasa, para que se vexa mellor a diferenza que hai entre comparacións válidas e non válidas. Imaxinemos que na enquisa do 2004 participaran só individuos maiores de 50 anos. É ben sabido (por moitos traballos anteriores) que hai unha clara asociación entre o galego e a idade dos individuos: hai máis galego-falantes iniciais e habituais entre a xente vella ca entre a xente nova. E isto non pasa porque vaiamos falando máis galego a medida que envellecemos, senón porque se dá unha quebra que empezou hai moito tempo na transmisión da lingua de pais a fillos.
Pois ben, se eliminamos a xente nova das nosas enquisas, os menores de 50 anos por exemplo, teremos como resultado porcentaxes moi altas de galego-falantes. Se esa enquisa, sesgada cara á xente máis vella, a tomamos como representativa de toda Galicia, e a comparamos con outra anterior na que había xente de todas as idades, está claro cal vai ser o resultado da comparación: na segunda vai haber moitos máis galego-falantes que na primeira. Poderíamos entón convocar á prensa, e anunciar que nos últimos doce anos produciuse un aumento espectacular do galego? Iso sería uso erróneo da estatística, e se sei de antemán que é erróneo, pois é facer trampas.
No caso que comentamos o que sucedeu realmente foi o contrario: na enquisa do 2004 matáronnos (simbolicamente, claro) a todos os maiores de 54 anos, e iso invalida a comparación. Hai ademais outros problemas, algúns deles moi técnicos, pero paréceme que aquí chega con este. Isto non quere dicir que todo o que está no MSG 2004 sexa malo; hai bastantes cousas aproveitables. Só estou a falar desas comparacións non válidas entre os datos do 2004 e os de 1992.
A que responde a actitude de Callón, ao seu entender, logo? Por que tería a Mesa interese en presentar os datos máis negativos sobre o futuro do galego?
É o alemamalo quen fai esta pregunta? Espero que non teña vostede nada persoal contra o presidente da Mesa. Eu pensaba que el estaba ao tanto destas eivas do MSG 2004, e por iso dixen que aínda que me parecía comprensible a súa actitude, era facer trampas. Estas trampas na interpretación dos datos prodúcense moitas veces; un vello chiste do gremio dos estatísticos di que se vostede come un polo enteiro e eu non como nada, a media estatística indicaría que cada un dos dous comeu medio polo.
Cabe a posibilidade de que o presidente da Mesa non tivera lido as críticas que se publicaron a finais de 2007, cando apareceu o primeiro volume, ou que as tivera esquecido. Nese caso, non procedería falar de actitude tramposa, obviamente.
Cal pode ser razón da insistencia nos datos máis desfavorables? Tal vez se deba a que a MNL é unha entidade de promoción do galego, e como tal é normal que nos alerte dos perigos para o galego e que trate de axitar conciencias. Pero iso debe facerse con rigor.
Dada a distribución do galego por idades, é evidente que a medida que van morrendo os máis vellos, vai habendo menos galego-falantes. Isto é así aínda que ninguén máis abandone a súa lingua no futuro. Pero se ninguén máis abandona a lingua no futuro, do que procede falar en interpretación correcta é de “estabilización”, e non de “retroceso”, aínda que o saldo final sexa de menos galego-falantes. Imaxine estoutra “construción cuantitativa”: “tres de cada catro persoas que morren son galego-falantes”. Ten todos os visos de ser certa pero é irrelevante, morren por vellos, e non por falar galego. Se chamamos á prensa por iso e denunciamos as políticas lingüísticas, facemos trampas.
De todos os xeitos, non cre que a RAG debeu de facer unha presentación pública e que fosen os autores do estudo os que ofrecesen os datos que a eles lles parecen máis relevantes e que a cidadanía coñecese o estudo pola RAG e non pola Mesa?
Estou de acordo. Pero parécenme suspicaces as atribucións de intencionalidade política. Tampouco se presentou nunca na RAG o terceiro volume do MSG 1992, publicado no 96, que indicaba unhas actitudes favorables cara ao galego, especialmente na poboación máis nova. Querían ocultar algo? É inverosímil; eu sempre pensei que foi un asunto de axenda (sen descartar unha posible desidia) por parte de quen tiña a responsabilidade de organizar a presentación; e pasados varios meses xa estaba “amortizado” o traballo e non procedía presentalo. É moi posible que nesta ocasión pasase o mesmo.
Está o galego tan mal como se pinta desde algúns sectores? Cal cre vostede que son os nosos puntos fortes e fracos?
O MSG04 contén certos datos favorables, algúns deles que apuntan precisamente a esa estabilización da que falaba antes. Se nos fixamos nos datos correspondentes ao grupo de idade máis novo, e os comparamos co que lle sigue en idade, vemos que xa non hai ese descenso que se dá en cambio en todos os outros grupos de idade: as porcentaxes de galego-falantes son practicamente as mesmas nos dous grupos. Hai máis cousas positivas: xeneralizouse a competencia na lectura en na escritura, por exemplo.
As políticas lingüísticas dificilmente van converter aos castelán-falantes en galego-falantes, aínda que hai casos, naturalmente. Pero se o obxectivo é ese, estamos abocados á unha melancolía infinita. Os éxitos da normalización deben medirse pola normalidade con que os castelán-falantes aceptan introducir o galego en certas parcelas das súas vidas, por exemplo nas relación coa administración, no ensino, etc.; pero non é todas, pois… que gañarían facendo iso? Nestes asuntos a xente móvese por cálculos de coste-beneficio (non necesariamente económico, senón tamén emocional, manter a rede de amizades que xa se ten, etc.) E isto pásalles tanto aos que manteñen o galego como aos que manteñen o castelán. O máis importante é que os castelán-falantes consideren que o galego é tamén parte do seu capital lingüístico, unha parte esencial que é exclusivamente nosa, que nos liga co noso pasado e que nos permite ser diferentes, sen necesidade de exhibir permanentemente esa diferenza.
Coa nova etapa política que se abre, cal pensa que debe ser a actitude que tomen os axentes que traballan a favor da lingua?
A actitude, en calquera etapa política, debe ser a mesma: de defensa, de promoción, e de non agresión a ninguén, nin de palabra nin de obra. Preparo o escudo para protexerme das críticas que me van caer en riba polo que vou dicir, pero aí vai, pois os atacantes nese blog aportan polo xeral unha boa dose de humor. Eu diría que unha parte esencial da normalización consiste tamén en asumir que do feito que o galego sexa a lingua propia de Galicia, que o é sen dúbida, non se deriva que o castelán sexa unha lingua allea.
Que opinión ten sobre o reintegracionismo? Cre que ten algún futuro?
A miña opinión coincide bastante coa súa. Non son partidario, pero tampouco hostil. En canto a se ten futuro, vexo improbable que a corto prazo se converta en norma oficial. Pero seguirá tendo usuarios; neste momento paréceme que se usa como un signo de distinción. Por fortuna, hai vida máis alá da norma oficial, ou non?
43 comments Marzo 25th, 2009


