Arquivo de 18 Marzo 2009

A RAG necesita urxentemente un cambio de rumbo e de política de comunicación

A Real Academia Galega divulgou na tarde deste mércores un comunicado de prensa en resposta á grave acusación que fixo onte o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, que asegurara o día anterior que o segundo volume do Mapa Sociolingüístico Galego -con datos demoledores sobre a evolución do uso do galego- chegara ás librarías despois das eleccións do 1 de marzo. Pero nese comunicado, a RAG só se limita a dicir unha cousa: que o citado volume se publicou en xaneiro, ben antes dos comicios. “Coidamos que esta información é suficientemente clara para desbotar calquera asomo de dúbida respecto á actitude da Real Academia Galega”, din. Fin do comunicado. E tan panchos, e a outra cousa.

Pois non. A RAG non acerta co seu comunicado. Lamentablemente, a institución académica non se decata de que iso, se foi xaneiro ou marzo, sendo un dato importante, non é nin de lonxe o máis grave do asunto. Non. O realmente escandaloso é que ese estudo, que mobilizou unha cantidade importante de recursos públicos, non tivo ningunha repercusión social no seu lanzamento. Ninguén soubo que existía. As súas conclusións non apareceron en ningún medio de comunicación. Ninguén da RAG saíu ante a opinión pública para explicarnos as conclusións do estudo: nin os datos negativos e nin os datos positivos. Nada.

E xorde outra pregunta importante: ninguén na Xunta, a que pagaba o estudo, sabía da existencia del? E se o sabían, houbo intención de calalo? A quen hai que responsabilizar de que teñamos que coñecer, a mediados de marzo, e por boca do presidente da Mesa, un estudo feito cos cartos de todos e que apareceu por arte de maxia nas librarías? A RAG saca as mesmas conclusións que sacou Callón na súa rolda de prensa? É verdade, segundo a Real Academia, que o galego está “no peor momento da súa historia”?

Definitivamente, este é un cúmulo de despropósitos polos que a institución debe responder ao máximo nivel, non só a través dunha simple nota de prensa. E o escándalo -porque para min isto é un super-escándalo- debería afectarlles tamén aos partidos do goberno saínte. A Secretaría Xeral de Política Lingüística, aínda en funcións, non debería de dar unha explicación logo? Ou é que tampouco sabía nada de nada? Ou haberá que acabar botándolle as culpas á editorial Galaxia, empresa privada que publica o estudo, pola súa nula repercusión?

Gran parte desta situación lamentable é froito dunha pésima política de comunicación que a RAG vén arrastrando desde hai anos, por non dicir décadas. As súas actividades pasan completamente desapercibidas para a cidadanía, que non interactúa coa institución como debería de ser. Non se escoitou un triste pronunciamento da Real Academia en moitos momentos nos que era necesaria que fose escoitada a súa opinión.

A súa web, desfasada e pouco participativa, non inclúe -por falta de 20 millóns das antigas pesetas, seica- un dicionario online para consultar; simplemente ofrece unha lista de palabras correctas, toleradas e incorrectas. O único dicionario online da RAG que hai, do ano da pataca e desactualizado, está colgado na páxina web da Xunta, sen que o bipartito se molestase en actualizalo. Tampouco existe un foro onde a RAG responda as nosas dúbidas lingüísticas, como acontece en calquera país moderno e civilizado.

O carácter rancio e estático da institución reflíctese na inclusión -ainda hoxe- do ditador Franco, ese que tanto fixo polo galego, na listaxe de académicos non numerarios, o cal -penso eu- non debe de ser demasiado compatible coa Lei da Memoria Histórica que digamos…

Pois ben, con todos estes ingredientes non é estraño que haxa xente que renegue da RAG ou que simplemente non lle interese o máis mínimo. E mesmo que aparezan ovellas descarriadas que recorren á desesperada ao reintegracionismo, ao que a RAG tampouco responde como debera, como xa manifestei noutras ocasións.

A Real Academia Galega debe cambiar de rumbo xa. Non debe esperar nin un minuto máis. Ten que modernizarse, facerse accesible aos cidadáns, ser o verdadeiro motor da lingua e da cultura galegas.

——————————————————-

PD: Para un próximo capítulo deixo a miña opinión sobre a actuación da Mesa pola Normalización Lingüística, outra institución que ao meu entender tamén necesita algúns cambios de estratexia. Alguén preguntou: e poden colocarse a Mesa e a RAG nun mesmo plano? Eu considero que si. Unha por acción e outra por omisión, as dúas forman parte destas movidas lingüísticas ás que habería que ir poñendo fin dunha maldita vez. O conflito constante, a negatividade reiterada, o vitimismo excesivo, a falta de autocrítica, tamén son  elementos de desmotivación. Eu, persoalmente, empezo a fartarme xa de vivir no drama permanente.

8 comments Marzo 18th, 2009


AVISOS

Últimos comentarios

E ti que galego falas na escala de alema? aquí

Mini-chat

Latest on Mon, 00:28

aita: hai alguén aquí? teño unha dúbida: cando se usa 'ó' e cando 'ao'

magnummare: ... un que funcione, porque xa vexo que o teu no vai moi ben... XD XD

magnummare: Señor alema!! com introduciu iso que ten ai de "este blog en portugues automatico"? grasias de antebraso!! :P

Yuji: Obrigado Aloquete. Vou colocar na minha lista pra quando pedir livros galegos! :) Ah sim, e achei um artigo seu sobre literatura galega em Portugal, [...]

Aloquete: Yuji, um romance magnífico é PAPAVENTOS, de Xavier Queipo. Cosmopolita, mas galego de cima a baixo.

» Escribe algo



Featured Advertiser

Artigos recentes

 

Marzo 2009
L M M X V S D
« Feb   Abr »
 1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
3031  

Categorí­as

Tags

Meta