Ermitas Valencia: “As discusións pola norma crean incerteza arredor do galego”
Aos seus 31 anos, Ermitas Valencia é a máxima responsable de Normalización Lingüística nun concello, o da Coruña, que está entre os máis castelanizados de Galicia. De feito, A Coruña, Ferrol e Vigo son os únicos municipios do país onde os galegofalantes habituais son menos do 20% da poboación. Concelleira, membro do consello nacional do BNG e flamante asinante da causa ‘bueno é galego’, Ermitas Valencia non ve utópico pensar que A Coruña volva ser algún día maioritariamente galegofalante. Asegura ademais que “non ten dúbidas” de que o galego e o portugués son a mesma lingua, pero cre tamén que as liortas a causa da norma non fan máis que xerar “máis incerteza” arredor do idioma.

Que panorama encontraron os equipos de normalización lingüística cando empezaron a traballar en serio na Coruña?
O SNL do Concello da Coruña leva funcionando desde fai escasamente un ano. A situación non é fácil, nen pola situación na que collimos a administración municipal, na que o galego non existía, nen pola situación de acoso que na actualidade existe a calquera actividade que busque mellorar a situación do idioma.
Canto dano lle fixo o ‘vazquismo’ á consideración social do idioma?
Na Coruña, por desgraza, aos 40 anos de franquismo témoslle que sumar 20 de vazquismo. Estas dúas etapas non se diferenciaron en nada no tocante ao idioma.
Cales foron ao seu entender os mellores acertos feitos en normalización lingüística na Coruña e, sobre todo, onde queda máis traballo por facer?
Penso que o camiño que levamos andado aínda é pequeno para poder facer unha avaliación dos acertos. A miña idea é que, a pesar da situación, a maioría da poboación, que non é precisamente a que ten o control dos medios, ten un sentimento positivo cara ao idioma, polo que estamos constatando que todas as actividades que requiren participación directa da cidadanía están sendo un éxito. A nivel da administración interna do Concello, a cousa vai máis lenta.
Algún día A Coruña será unha cidade maioritariamente galegofalante ou ese obxectivo é case utópico?
Para nada é unha utopía. Se aplicaramos unha boa planificación nas políticas de normalización eu estou convencida de que o galego se recuperaría axiña en todo o país.
Pode darse por concluída a batalla do topónimo?
A nivel legal, sempre que o BNG estea no goberno municipal, non haberá máis recursos. No día a día, aínda hai moito nostálxico con poder que, en canto pode, plántache o L ao mínimo descoido.
Cal é a mellor resposta ante recentes campañas nas que se asegura que o castelán está discriminado en Galicia?
Convidar a cidadanía en xeral, aos que lles preocupa a situación do galego pero sobre todo aos que non, a reflexionar sobre a realidade que ven todos os días ou que demostran informes, como o último do Consello de Europa.
Ata que punto as liortas normativistas poden ser un factor en contra da normalización?
Na miña opinión, a día de hoxe, as discusións normativistas están moi restrinxidas ás persoas cun interese especial pola lingua. Penso que non é un tema que estea na sociedade. En xeral, existen moitas dúbidas na xente á hora de escribir en galego, e discusións arredor da norma do galego non fan máis que criar maior incerteza arredor do idioma.
Que opina do reintegracionismo? O galego e o portugués son o mesmo idioma? Que lle parece a creación da Academia Galega da Língua Portuguesa?
Se viviramos nun país normal, unha norma o máis achegada ao portugués sería o mellor futuro para o idioma. Eu non teño dúbidas de que sexan o mesmo idioma e coido que deberíamos intentar achegar o galego ao portugués, respectando sempre as peculiaridades do primeiro. A creación da Academia Galega da Língua Portuguesa penso que pode ser positivo á hora de dar a coñecer a riqueza da lusofonía no noso país e tamén para que a lusofonía nos teña en conta a nós.
Por que se decidiu a apoiar a campaña do ‘bueno é galego’?
Eu sempre falei en galego e levo dicindo “bueno” toda a vida, así que, penso que vai ser máis fácil que os señores da rúa Tabernas o acepten no seu dicionario a que eu deixe de dicer “bueno”. ![]()
54 comments Xaneiro 29th, 2009



