O Concello e os seus ‘pelouros’
Temos con todo o relativo aos municipios outra chea de discrepancias entre o galego e o portugués. As ‘câmaras municipais’ de alá son denominadas aquí ‘concellos’, tras unha longa batalla (que aínda dura) contra *axuntamentos e *aiuntamentos. Os concelleiros de aquí son alí ‘vereadores‘. E as concellerías galegas son ‘pelouros‘ portugueses.
Si, si… pelouros! Unha palabra que en galego quere dicir ‘pedra’ significa outra cousa completamente distinta en portugués. Volven unha vez máis os temidos falsos amigos. A definición de ‘pelouro’ está clara no idioma dos nosos veciños: “cada um dos ramos de serviço em que se divide a administração de uma câmara municipal ou junta de freguesia” (“O vereador abandonou o pelouro de Veterinária na Câmara Municipal de Seixal”) ou figuradamente “funções; atribuições” (”O meu pelouro abrange a coordenação da política económica“).
Fale vostede de ‘pelouro’ en Galicia e descubrirá que ninguén entenderá eses significados. Nin sequera o dicionario Estraviz recolle esa acepcións, aínda que si outras ben curiosas coas que estou de acordo, por certo. Efectivamente, eu teño escoitado iso de “pareces un pelouro” co signficado de “persoa desguedellada”. Polo Estraviz coñezo ademais que pelouro pode significar tamén “persoa ruín” e ata “muller de mala vida” (!).
Igualmente existe outra palabra moi empregada en Portugal referida ao eido municipal que é ‘autarquia‘. De feito, alí as eleccións municipais son coñecidas máis ben como eleições autárquicas, outro termo que aquí nos soa a chinés. Igual que as freguesías, unha unidade administrativa portuguesa que non existe en Galicia.
Unha vez exposto isto, gustaríame deixar unhas cantas preguntas no aire. Os nosos concellos deben ser câmaras? Os nosos concelleiros deben ser vereadores? Debe promoverse en Galicia a instauración de autarquias ou freguesias, en vez de concellos e parroquias (que en portugués é ‘paróquia‘, cun só erre)? E, sobre todo, alguén imaxina que algún día que un edil sexa aquí responsable dun pelouro?
—————————————————————–
PD Por certo: un pelourinho non é un pelouro pequeno como entenderiamos nós. É a “coluna levantada em lugar público, onde outrora se expunham e se castigavam os criminosos“. Nós para iso xa temos outra palabra: ‘picota’, aínda que imaxino que haberá quen diga que é outro castelanismo… ![]()
27 comments Xaneiro 27th, 2009


