Andressolo, ex-reintegrata:
“Insultáronme e ameazáronme ducias de veces polas miñas parodias”
Andressolo é todo un personaxe. E tanto é así, que ás veces se confunde o que conta nas súas parodias con quen é el na realidade. Igual que moitos de vós, souben de Andressolo polos seus sketches sobre o reintegracionismo, sen dúbida os seus vídeos máis populares. Con todo, hai cousas de Andressolo que moita xente non sabe. A primeira, que foi reintegrata ata os 19 anos. A segunda, que debaixo das súas barbas hai un tipo non nacionalista ao que ás veces “linchan” polo seu traballo. Señoras e señores. Ladies and gentlemen. Chegou o momento. Esta é a verdadeira cara de Andressolo.

Para moitos xa é vostede todo un referente do humor na rede, cunha cantidade inmensa de vídeos e en varios idiomas! Ata que punto é importante para vostede a lingua á hora de facer humor?
Para min a importancia da lingua á hora de facer humor só ten que ver co cómodo que me atopo eu nese idioma. Por iso o 90% son en castelán. Non é que fale mal o inglés ou o galego, pero cando se trata da espontaneidade que require a improvisación (e case todos os meus vídeos son improvisados) pois un pouco máis de soltura supón moito en canto a como queda a cousa. Despois está o tipo de humor, que depende moito da lingua que use. Caricaturizo os británicos en inglés mellor que en castelán, evidentemente. E danse xogos de palabras que non se poden facer noutras linguas. Tamén uso bastante o spanglish e galinglish. O galego só o uso en vídeos que o requiren, con moi poucas excepcións. Ou sexa,que case todos os meus vídeos en galego son parodiando o nacionalismo rancio, porque de entrada o que me sae é o castelán.
E eu que pensaba que case toda a súa produción era en galego…!
A maioría dos meus vídeos sempre foron en castelán. Non só cando empecei a facer vídeos (hai case tres anos) senón tamén cando empecei a subilos (cando me enteirei da existencia de Youtube, 10 meses máis tarde) e durante toda a miña traxectoria audiovisual. Podes comprobalo indo á miña canle de Youtube e mirando os meus primeiros vídeos. A relación de vídeos en galego sempre foi de 1 por cada 7-10 en castelán. O que pasa é que a maioría dos máis vistos son en galego. Foi o de parodiar o nacionalismo galaico o que me fixo máis “popular” (impopular para moitos), porque ate agora case os únicos que o parodiaban eran os españolistas fachas. Con isto deuse unha circunstancia graciosa, que é que gañei inimigos e amigos sen merecer nengún. Digo iso porque moitos pensan que son nacionalista (asombroso, con semellantes parodias!) e uns me poñen verde por iso mentras outros me animan a seguir promovendo a causa galaica. Eu non me canso de aclarar que non son nacionalista, pero parece que as barbas poden máis…
Si, moitos cren que as súas parodias son chiscadelas de ollo ao reintegracionismo… Eses Galizas con z marcados e palabras acabadas en -zón…
Eu fun reintegrata cando era nacionalista, que foi dende neno até os 19 anos. Despois non só o nacionalismo me resulta totalmente alleo senón que o reintegracionismo me parece unha opción elitista e absurda. Eu penso que o galego é o que falan os galegos, non o que din catro iluminados. As linguas evolucionan, e moitas veces sofren cambios pola influencia (imposta ou non) doutra cultura. En castelán dise “bistec”, que vén de “beef steak” en inglés. Paréceme absurdo loitar contra iso, aínda que se dea por unha expansión medioinvasiva da cultura anglosaxona.
Cando estaba no instituto escribía pasquíns en reintegrado que despois distribuía. Os estudantes (que eran galegos) preguntaban que lingua era aquelo. Para a maioría dos galegos e galegas un “ç” ou un “lh” resulta estraño. E dicir “reparaçom” tamén. Entón que carallo ten iso de galego? O feito de que no pasado o galego fose máis similar ao portugués non nos ten por que facer dar marcha atrás no tempo. Tamén antes era máis similar ao latín. E o latín foi imposto polos invasores romanos; así que se o problema co galego popular é que está influenciado pola imposición do castelán, por que non rexeitamos o uso de linguas romances na península?
Insisto, para min as linguas as definen os falantes, non os eruditos elitistas. Creo que queda claro o que penso do tema en vídeos coma “Galiza primitiva” ou “Conselhería de reintegraçom”.
Como acepta en xeral a xente, e os reintegratas en particular, os teus vídeos? Houbo algunha persoa que se rebotase contigo?
Pois depende moito. Por unha banda depende de como entendan o vídeo (na maioría dos meus vídeos buscar un significado é de tolos, porque é humor absurdo, pero en moitos dos galegos hai algo de ironía… ás veces, claro).
Os reintegratas reaccionan de diferentes xeitos, igual que os nacionatas. Hai quen me apoia pensando que penso coma eles, hai quen non se aburre de entrar nos meus vídeos “galeguistas” para me insultar e hai quen se decata de que non pensamos igual pero que acepta as diferenzas de pensamento e bota unhas risas cos vídeos sen moralizar máis.
Xente que se rebotara comigo, pois moita. O macho galaico é un ser rabudo e tan macho coma o macho ibérico. Xa me ameazaron ducias de veces. Acabarei hostiado por bromear e dicir “Galiza” en vano… E enriba esa xente vai de progre!
Por certo, este ano, a pregunta común a todos os entrevistados de alema.org é: Hai máis de 2.009 reintegratas? Vostede que pensa?
Pois dubido que os haxa, a verdade. Ou igual si, pero como eu xa non ando en círculos dese tipo non me decato. Creo que para a maioría dos galegos pasan bastante desapercibidos, agás nas pintadas nos carteis das estradas, con “correccións” que promoven tanto o galego como por exemplo convertir “San Xosé” en “Sam José”; o cal todos sabemos como len a maioría dos galegos. XD
Tamén me gustaría contarlle que estamos levando unha campaña en facebook para que a RAG admita a interxección “bueno” como plenamente galega… a vostede que lle parece?
A min sempre me parece ben que as normativas lingüísticas reflexen o xeito de falar do povo. E en Galicia todo cristo di “bueno” como interxección. De facer unha campaña eu me preocuparía máis dos animais que viven en granxas ou laboratorios, da xente que pasa fame ou da situación social das mulleres, pero bueno, cada tolo co seu tema ;D
En que se inspira para facer os seus vídeos? Como é o proceso desde que xorde a idea ata que se pon a gravar?
O proceso de produción adoita ser:
Fumarme un bong de hachís ou marihuana (non sempre é preciso, pero ocorre no 80% dos meus vídeos polo menos).
Ocórreseme un xogo de palabras, vexo algo na habita que me da unha idea, venme á testa unha parida calquera… e inmediatamente lle dou ao REC e empezo a improvisar.
Cando me sinto “inspirado” non agardo a ter unha idea. Pulso o REC directamente e coa presión de que estou gravando xa se me ocorren torrentes de ideas. Cando máis ocorre isto é cando tomo LSD, lorazepam e cannabis xuntos. Neses días (tristemente pouco frecuentes) podo pasar horas e horas improvisando. O 13 de Outubro de 2007 grabei 50 vídeos en 5 horas. E moitos pasaron a criba e foron subidos (13 enteiros e outros 13 en forma de videomix). De feito teño unha lista de reprodución adicada só aos vídeos gravados ese día.
Ás veces a primeira toma improvisada non me convence, pero a idea ou certas partes si; entón repito o vídeo inmediatamente despois, improvisando de novo pero incluindo cousas da toma anterior. Ás veces simplemente improviso varias veces e escollo a que máis me gusta, ou corto as mellores partes e as monto. Outras veces (poucas) repito tantas veces o vídeo que xa me aprendo de memoria o que dicía (case como ter guión). Isto pasou por exemplo con “Marea negra”, que repetín case 40 veces. Pero moitas veces ao repetir perde a chispa da primeira toma e queda unha merda tremenda. Eu aprecio moito a frescura que da a espontaneidade. Vese que me trabuco e que sigo, ou que precisamente dun erro saco ideas para seguir co vídeo, que toma un rumbo dictado pola inmediatez en troques de seguir unha pauta marcada.
Hai uns 4 vídeos que teñen guión. Considérome pouco dogmático e non me poño límites no xeito de facer vídeos. Case todos son improvisados, e é o que xeralmente prefiro, pero non me corto de escribir un guión se me apetece.
Despois está o traballo de selección, que é unha brasa. Fixen uns 4.000 vídeos, e xa ves que só un 10% está no Youtube. Improvisando poden saír cousas moi boas pero, como é comprensíbel, sae moita merda tamén.
Pódese vivir de ser Andressolo? Ten esperanza de poder algún día facer humor como fai e vivir diso?
Ha! Máis ben pódese morrer de ser andressolo. Entre o mal que adoito estar animicamente e a cantidade de xente que me quere linchar non creo que sexa unha boa opción estudar andressoloxía.
O de facer humor como fago e vivir diso claro que me gustaría. Pero é un xeito de facer humor que non encaixa moito coas cousas con saída comercial. Ou non sei, tampouco é que o tentase. De feito, levo un ano pensando en mandar algo a produtoras pero dáme medo que me digan que si e rematar cun traballo remunerado… XD
A verdade é que o tema de ter trastorno bipolar faime arrecuar moito, porque teño épocas moi malas e non me sinto capaz de currar. Ás veces paso meses case sen facer vídeos.
Ofrecéronme ir a un casting para presentar un programa na TV, pero non fun porque non vía moi posíbel facer o Andressolo aí (aparte de que hai veces que non me sinto capaz animicamente). E a min o que me gusta é iso, non chupar cámara.
Pero que fas en Londres, tío?
Estou tramitando a introdución de grelos e nabizas na dieta dos nenos ingleses nas escolas. Por agora xa convencín a Gordon Brown de que así van crecer sendo máis nacionalistas e que loitarán pola súa patria en próximas guerras imperialistas coma verdadeiros machos galaicos. A raíña é máis reticente pero hoxe xa conseguín que comera os meus grelos con patacas “a la Andressolo” e que dixera “Wow, this is absolutely brilliant!” Aínda que non é difícil facer que un inglés pronuncie esas palabras… só tes que cagar na súa boca e verás que aínda así repite “Wow, this is absolutely brilliant!”
Cando remate a operación, Gran Bretaña estará sen sabelo criando unha nova xeración de loitadoiros do Frente de Libertaçom do Grelo que, aos 18 anos, emigrarán á Galiza para loitar contra os españolistas e arrasar as súas prantacións de espinafre, plantando grelos no seu lugar.
A ver… Quen carallo é Andressolo? Defínase
Son un vertebrado, mamífero e, por desgracia, humano. Adícome a facer fotos, música electrónica e vídeos, ademáis de andar pola fraga ou sitios libres de xente. Nacín en Vigo, pero dende os 16 anos andiven por sitios moi variados. O de cara onde vou… xa me gustaría sabelo. Vou á deriva.
E unha última curiosidade… De onde sacou o seu alcume?
Cando tiña 15 anos eu era un punk que, supoño que debido á rebeldía xuvenil, estaba contra o uso de drogas (como non probara nada e o referente que tiña era o resto de consumidores de drogas, pensaba que anulaban á xente e que “dificultaban a revolución”… ignorante de min!). Unha noite estaba co grupo de okupas que andaba e todos estaban de tripi, fumaos e borrachos. Entón empecei a improvisar letras versioneando ao “cantautor punk” Manolo Kabezabolo, que adoita cantar promovendo o uso e abuso recreacional das drogas. Pero as miñas eran letras cómicas e cándidas contra as drogas. Os colegas rachaban coa risa e nomeáronme Andressolo Cabezatolo. Despois diso aprendín a raspar a sexta corda da guitarra e din concertos en toda Galicia, en Xixón, Portugalete, Vitoria e Granada. Foi todo un éxito, sorprendentemente. Daí vén o de Andressolo.
63 comments Xaneiro 20th, 2009


