E digo eu… e non vai sendo horiña de que Sónia Araújo empece a falar galego?
A falsa retirada de Gayoso do Luar, espallada pola rede coma a pólvora, fixo que papase por primeira vez en moito tempo boa parte do programa estelar dos venres na TVG. E iso conseguiu tamén que reparase na participación dos dous portugueses colaboradores máis ou menos fixos do espazo: o mago Luís de Matos e a apresentadora Sónia Araújo.
Debo de dicir de antemán que sempre me pareceu un acerto que a TVG convidase unha estrela portuguesa da televisión, como é Sónia, para que fixese de condutora dun programa en Galicia. Iso que quede por diante. O que xa non me parece tan ben é que a Sónia non fixese un esforzo por falar en galego no tempo que estivo aquí (leva case dous anos traballando para a Galega). Se fose unha colaboración esporádica, entenderíao… Non vería motivos para que presentase en portugués. Pero creo tamén que, pasado un tempo, non estaría mal que a rapariga se adaptase um bocadinho á lingua dos telespectadores, á lingua da cadea para a que traballa.
Porque… Imaxinades un presentador galego falando en galego durante un tempo prolongado nunha televisión portuguesa ou brasileira ou de calquera país lusófono? A que non? A que ese presentador, antes ou despois, acabaría facendo un esforciño (que a Sónia parece que non fai) por adaptarse á maneira de falar da súa audiencia? O galego é logo menos idioma ca o portugués e non merece tal esforzo? Deixando claro que o portugués debe de ser para nós unha lingua estranxeira especial (diso que non caiba dúbida), entenderiamos unha Sónia Araújo á española, á francesa, á inglesa ou á italiana? É dicir, aceptariamos unha presentadora, por exemplo, que falase en español e que non fixese o esforzo de aprender galego?
![]()
No polo oposto de Sónia está o seu compatriota Luis de Matos. O mago comezou a súa andaina na TVG cometendo un dos erros máis comúns entre os portugueses. Pasar directamente ao castelán diante de interlocutores galegos. Por aí ía mal, francamente. Menos mal que corrixiu esa tendencia e no programa que vin o venres si que se lle notaba un esforzo por falar galego, con palabras galegas, con fonética galega… mellor ou peor… pero polo menos había vontade, ou iso notei eu.
En fin, oxalá que a Sónia siga o exemplo e tamén se anime a soltarse no noso idioma. Máis que nada para dar a entender que o galego é unha lingua que merece ser aprendida tamén para os que falan portugués, e non só sempre á inversa.

44 comments Xaneiro 11th, 2009


