Arquivo de 3 Xaneiro 2009

Modesto: “Radicalidade hóuboa sempre; antes era marxinal e agora é ‘mainstream’”

De Modesto chamoume a atención a época na que se movía pola rede cun avatar que mostraba o chamado dedo da mala educación, en sinal de rebeldía total. Agora non. Anda literalmente á súa bóla. Coas súas cousas en modes.to, unha macroweb que inclúe pailan.org, unha plataforma, como di el, “revolucionaria de verdade”. Nótase ben que acabou ata o carallo dos revolucionarios…! :D . Pois ben, hoxe este seareiro das series de televisión e do festival de Eurovisión visita alema.org para dar o seu punto de vista arredor dos asuntos que realmente nos interesan nesta páxina…

alema: Antes de nada, benvido a alema.org. E xa que é vostede o primeiro entrevistado deste ano, permítame atacar coa que vai ser a pregunta recorrente do 2009: cre vostede que hai máis de 2.009 reintegratas?
Modesto: Se atendemos ás restricións que fai vostede no concepto “reintegratas”, penso que non. Son poucos, pero fan moito ruído.

alema: Que tal se leva vostede con eles?
Modesto: Eu lévome ben. En xeral, son boa xente. Hai algún spammer polo medio, tamén algún iluminado… pero supoño que como en todos os eidos da vida.

alema: En que aspectos discrepa (se é que discrepa) co reintegracionismo?
Modesto: Penso que a idea de aproximación entre o galego é o portugués é correcta, pero que hai que darlle tempo. Non se pode dar un paso tan difícil dun xeito tan precipitado, pois córrese o perigo de provocar rexeitamento. Se até hai xente que pensa que a normativa actual é moi aportuguesada! (Si, xa sei que son os usuarios de ‘El Correo Gallego’, pero algunha representatividade terán na sociedade galega). Tampouco estou en absoluto de acordo cos aires que algúns reintegratas se dan de posuidores da verdade absoluta e os demais, pobriños, non abrimos os ollos á realidade e seguimos en Matrix, polo que nos teñen que convencer unha e outra vez.

alema: Sendo como son, segundo vostede, menos de 2.009… Ve viable ou posible que algún día teñamos dúas normas (unha RAG e outra reintegrata) para o galego?
Modesto: Podería ser, pero non polo número de reintegratas, senón polo ensino da lingua portuguesa nas escolas, que penso se debería facer, e conseguir un uso “internacional” do galego para nos entendermos coa lusofonía, sen renunciar á nosa propia norma.

alema: E por que non ensinar portugués directamente? ;-)
Modesto: Xa é o que digo, que se debería ensinar portugués nas escolas, do mesmo xeito ca castelán ou inglés.

alema: Daquela, para vostede, galego e portugués non son a mesma lingua…
Modesto: Fórono, pero xa non o son. Son linguas moi próximas, pero non a mesma lingua. Por motivos políticos, quizais, pero motivos políticos reais.

alema: Como ve vostede a creación da Academia Galega da Língua Portuguesa?
Modesto: Pois do mesmo xeito ca a Academia Galega da Lingua Inglesa ou do Romaní, unha institución necesaria para os falantes desa lingua en Galiza. Tamén daría pé a unha Academia Gallega de la Lengua Castellana.

alema: Falando do castelán… Que lle parece a vostede a campaña de “bueno”?
Modesto: É unha campaña que eu non apoio explicitamente no Facebook, como xa saberá, pero que pode ter a súa xustificación polo seu uso coloquial. De feito, tamén se usa en euskara. Esta mesma mañá [por onte], na comparecencia de Ibarretxe escapáronselle varios “bueno”.

alema: Parécelle que por usar “bueno” lle facemos unha “traizón” ao galego, ou?
Modesto: Non me parece unha traizón, aínda que, por ser unha palabra doutra lingua, debería pasar un tempo até a súa aceptación, como pasa con outros barbarismos.

alema: Cento e pico de anos de presenza na literatura galega non lle parecen dabondo!? :D
Modesto: Iso pregúntellelo aos académicos. :D

alema: Bueno, cambiando de tema… Como vostede saberá, eu nacín en Chuza!, aínda que agora estou no exilio. Como ve vostede o ambiente pola miña terra natal?
Modesto: Xa levo moito tempo sen pasar por aí, pero as veces que mirei estaba bastante botada a perder.

alema: E cre que ten solución o invento?
Modesto: Xa hai máis dun ano que Berto dixera que Chuza! acabaría morrendo. Non sei se é así, ou se se debe reinventar… Iso está na súa man.

alema: A min chegou a asustarme vostede un pouco… Recorda cando tiña un avatar que era talmente o dedo da mala educación? A quen mandaba vostede a tomar vento exactamente?
Modesto: A algúns individuos que tiñan como entretemento votar negativo a todos e cada un dos meus comentarios, entre outras cousas.

alema: Si, é perigoso iso de votar negativo os comentarios… É case como votar negativo as ideas… non?
Modesto: As ideas, ou as persoas…

alema: Vostede cre que acaba por facerse un xuízo directamente ás persoas…
Modesto: Nalgúns casos si, noutros a ideoloxías en xeral.

alema: Non sei se lle pasa o mesmo que a min… Pero eu ultimamente vexo moita radicalidade…
Modesto: Radicalidade hóuboa sempre, pero antes era marxinal e agora é mainstream, por dicilo dalgún xeito. Digamos que moita da xente moderada acabou abandonando o barco. Tamén me resulta moi curioso (acabo de mirar) que usuarios supostamente radicais chucen cousas de ‘La Voz de Galicia’, por exemplo… Supoño que é parte desa fase adictiva de ter que chuzar cousas a todo trapo.

alema: Concordo no que di vostede… Hai unha tendencia a responder con silencio ante certas bravuconadas… Pero non acerto a saber por que non hai máis reacción da xente…
Modesto: Non hai maior desprezo que a falta de aprezo… Ademais, considero iso como unha etapa superada. Xa non me interesa mobilizarme ou rebelarme, como xa fixera no seu momento.

alema: Falemos da súa actividade actual, das súas iniciativas na rede. Un blog, un pod… Por que o de “pailán”?
Modesto: Era o alcume que me puxo outro inesquecíbel da rede… Nemigo. Foi na súa honra -e o dominio estaba libre-.

alema: Mmm… Nemigo… que tempos…! :D Pero vostede identifícase co de pailán ou non? Mire que eu lle son moi pijo de nuestro señor:D
Modesto: Non, claro que non me identifico. Pero é un xeito de dicir que todos somos pailáns, incluído o que “abriu a veda” :D

alema: Por que se identifica sempre o galego ben falado co galego da aldea? E logo nas cidades non falamos ben galego?
Modesto: Digamos que se fala un galego máis contaminado polo castelán, entón, no aspecto fonético non é tan puro.

alema: Pero non é preferible que se fale un galego urbano a que non se fale nada galego nas cidades? É que se están todo o santo día dicindo que o galego urbano é unha merda, acabará por asociarse galego = pailanismo, con perdón. Non hai que fomentar que haxa máis pijos galegofalantes?
Modesto: Por suposto que si. Eu non dixen o contrario.

alema: Quen carallo fala ben galego? Cal é o seu modelo?
Modesto: Como penso que dixo vostede no seu blog, a dobraxe actual que se fai en galego segue un bo modelo, aínda que creo que o galego non estará completamente normalizado até que non sexamos capaces de falar sen complexos nas nosas formas dialectais correspondentes, como fan, por exemplo, os ingleses.

alema: Déame un par de ideas máis para normalizar este idioma, ande…
Modesto: Cando resulte inconcebíbel que exista xente como Galicia Bilingüe, por exemplo. Cando teñamos máis medios de comunicación…

alema: Fágame un prognóstico para as eleccións galegas… En que medida pode influír que Ibarretxe as convocase para o 1 de marzo tamén?
Modesto: Eu penso que nun país normal iso non debería influír.

alema: Faga a súa aposta, veña… Como quedará o parlamento galego nas próximas eleccións?
Modesto: Aínda que son moi malo para as apostas, voume fiar máis ou menos das enquisas. Poñamos 35 PP, 25 PSdeG, 15 BNG, con números “redondos”. Pero non se fíe das miñas previsións.

alema: Bueno… e xa para terminar… Dime un confidente que a vostede non lle gusta a tortilla (castelanismo evidente, por certo). Como é posible? :D
Modesto: Pois non me gusta a tortilla (o soño de todo independentista) do mesmo xeito que hai xente á que non lle gusta o chocolate, algo que se supón que lle gusta a todo o mundo.

Próxima entrevista, coming up soon: Prosciutto

12 comments Xaneiro 3rd, 2009

Aviso:
O domingo, ás 11.00, falarase de
alema.org na Radio Galega!

Ladies and gentlemen. Cóntanme que este domingo 4 de xaneiro, a partir das 11.00 horas, van falar de alema.org na Radio Galega, no programa Extrarradio, que presentan Belén Regueira e Eduardo Herrero. Que nerrrvios! En fin, estades avisados. Se estades no estranxeiro ou se non tedes aparello (de radio), podedes escoitar o programa tamén a través da internet. :D

7 comments Xaneiro 3rd, 2009


AVISOS

Últimos comentarios

E ti que galego falas na escala de alema? aquí

Mini-chat

Latest on Mon, 00:28

aita: hai alguén aquí? teño unha dúbida: cando se usa 'ó' e cando 'ao'

magnummare: ... un que funcione, porque xa vexo que o teu no vai moi ben... XD XD

magnummare: Señor alema!! com introduciu iso que ten ai de "este blog en portugues automatico"? grasias de antebraso!! :P

Yuji: Obrigado Aloquete. Vou colocar na minha lista pra quando pedir livros galegos! :) Ah sim, e achei um artigo seu sobre literatura galega em Portugal, [...]

Aloquete: Yuji, um romance magnífico é PAPAVENTOS, de Xavier Queipo. Cosmopolita, mas galego de cima a baixo.

» Escribe algo



Featured Advertiser

Artigos recentes

 

Categorí­as

Tags

Meta