Eu (tamén) estou en contra do Acordo Ortográfico para a lingua portuguesa
Co ano novo, o Brasil converteuse no primeiro país que aplica oficialmente o chamado “Acordo Ortográfico” de 1990, un texto que teoricamente serve para unificar a escrita en todos os países de lingua portuguesa, pero que na realidade está a xerar moito conflito… sobre todo en Portugal, onde ven como teñen que achantar (precioso verbo galego, por certo) con moitas normas procedentes de Ultramar, cando os brasileiros case non teñen que facer trocos na súa forma de escribir.
Eu persoalmente entendo perfectamente os receos dos sectores que se opoñen ao Acordo en Portugal, onde o texto foi publicado no Diário da República, aínda que non ten data definitiva para a súa aplicación. Alí o Acordo Ortográfico está nunha especie de limbo, ninguén sabe moi ben de que maneira se vai poñer en práctica. As editoriais, os medios de comunicación, as institucións educativas,… están un pouco “a velas vir”.
Poñamos só un exemplo. Os portugueses escriben e pronuncian “tecto” para referirse ao “teito”. Coa aplicación da nova norma, teñen que suprimir, como fan os brasileiros, a letra “c” e escribir “teto“. Os portugueses distinguen entre “tectos” e “tetos“… Alguén pode explicar por que non poden seguir facéndoo? En portugués algunhas consoantes mudas serven para abrir vogais, cousa que non acontece no Brasil. Os portugueses teñen que tragar ademais con acentuacións estrañas que non se corresponden coa súa fala.
Pero se o Acordo Ortográfico é innecesario para os portugueses, imaxinade o inútil tamén que é para os galegos (dado que a distancia entre galego e portugués é maior ca a que hai entre portugués europeo e portugués brasileiro). Non ten absolutamente ningún sentido escribir “teto” para ler “teito” porque tamén nós os galegos distinguimos entre “teitos” e “tetos”, afortunadamente. Ademais, a apertura das vogais tamén é distinta entre o galego e as propostas do Acordo Ortográfico.
En fin… A miña solidariedade co portugués europeo nestes difíciles momentos. A min persoalmente sempre me gustou máis o acento do portugués internacional de Portugal ca o do portugués internacional do Brasil, sentíndoo moito… Ademais, contrariamente a moitos galegos, tamén considero moitísimo máis fácil de comprender para nós o portugués de abaixo ca o portugués de Ultramar, pero en fin… Para gustos, cores.
Por certo: unha última cousa. Por que os países africanos de lingua portuguesa aínda non aplicaron o acordo? Tamén eles se senten “invadidos” pola ortografía brasileira ou será que están esperando a que alguén lles dea un cheque para traballar co Acordo Ortográfico?
19 comments Xaneiro 2nd, 2009


