Arquivo de Xaneiro 2009

Exclusiva: ilovefeijoo concédelle a súa primeira entrevista a alema.org

Saltou á fama de repente por un blog no que confesa abertamente o seu amor por Alberte Núñez Feijoo e hoxe é a convidada de honra de alema.org en rigorosísima exclusiva. Luguesa e de 23 anos, ilovefeijoo asegura que está “sobrepasada” pola repercusión que tivo a súa bitácora. Ten enriba da mesa tres ofertas para ser entrevistada, pero ela di que prefire manterse no anonimato. “Estudo e moito para que se me coñeza (se se me ha coñecer) por outra cousa; non por isto”, afirma. Con todo, ilovefeijoo tivo a amabilidade de conceder a súa primeira entrevista a alema.org. Así foi a brevísima conversa que mantivemos.

alema: Cal é o teu prognóstico para as eleccións galegas? Cres que Feijoo será presidente?

ilovefeijoo: Pois non estou moi metida en política como tal, pero si percibo sensacións. Teño dúas amigas que si a siguen e das que falei no blog. A María, a do PP, véxoa máis ilusionada; a Evita, percíboa un tanto decepcionada co que votou. Non sei se as sensacións son suficientes e depende de algo máis. Eu estou máis preto de votar que nunca, posto que nunca votei, pero Feijóo, aínda que vai polo bo camiño, ainda me ten que convencer de todo. E convencerme de que paga a pena votar.

alema: Pódese votar un candidato só por unha cuestión de sex-appeal?

ilovefeijoo: Non o creo, pero si pode captar a atención. Posiblemente se non tivera percibido en Feijóo unha persoa afable, unha mirada distinta… pois non me tivera fixado no que di. Pero a través diso conseguiuno e fun a dous mitins e gustoume a súa maneira de abordar a igualdade, a súa maneira de facer as cousas con certa lóxica como collendo o touro polos cornos co AVE ou coas prazas públicas de gardería. Non sei, me gustou ver o seu arroxo (dise así?) e posiblemente nunca o tivera visto se non fora acompañado dun físico agradable, dun atractivo que me mereceu atención.

alema: Que opinión tes de Touriño e de Quintana?

ilovefeijoo: Pois é difícil velos por separado, aínda que eles supoño que son os primeiros que lles gustaría verse por separado. Creo que perderon demasiado o tempo en tonterías, e cando alguén que goberna perde o tempo, pois nos fai perder o diñeiro aos demais. A Touriño véxoo moitas veces como tratando de sobrevoalo todo, como se as cousas non tiveran nada que ver con el. Coño! É o Presidente, digo eu, algo terá que ver. Algo terá que ver co emprego, co AVE ou co coche que lle poñen para viaxar. E a Quintana, pois así de primeiras, véxoo un pouco repetitivo e sobreactuado…

alema: Ata onde estás disposta a chegar por Feijoo?

ilovefeijoo: Ha ha ha. Pois fun xa a dous mitins, fixen o blog, estou a atender a campaña electoral e vou ler o seu programa. Por agora non é pouco…

alema: Verás. Este blog está especializado en cuestións de lingua galega, e ti dixeches na túa bitácora que pasabas ao galego porque el o falaba. Cal pensas que debe ser a estratexia de Feijoo con respecto ao galego?

ilovefeijoo: Creo que os gobernantes teñen que garantir cando se trata de educación, coñecemento, e cando se trata de vida, liberdade. Somos máis libres canto máis coñecemento temos porque así temos máis liberdade para escoller. No meu blog eu escollo libremente a lingua e podo facelo a diferenza dos madrileños, por exemplo. É unha riqueza. Os galegos temos que coñecer o galego e o castelán e deberiamos coñecer o inglés tamén. Non estou de acordo con ningún monolingüismo, si coa liberdade para exercelo

alema: Que opinión tes sobre o reintegracionismo? Cres que algún día o galego e o portugués deben converxer nunha mesma ortografía ou similar?

ilovefeijoo: O que creo é que non debemos ser alleos nin desaproveitar que somos veciños de Portugal, en todos os ámbitos. A min paréceme moi ben que a xente exerza a súa liberdade como o fan os “reintegratas”, o malo é a imaxe que moitas veces (seguro que uns poucos) deixan de todos. Vexo o teu blog e paréceme excelente e argumentado. Vexo pintadas e sucidade, o que lle fai un fraco favor á súa causa, e que molesta o conxunto de todos os cidadáns. En todo caso, se ha de ser, que miren os portugueses cara a Galicia, non os galegos cara a Portugal. Que carai!

Xa coa gravadora apagada, ilovefeijoo confesoume que soubera da campaña ‘bueno é galego’ e que a apoiaba plenamente pero que non ía asinar en facebook ata pasados uns días para que non a recoñezan. E un último aviso: alema non pode garantir a veracidade sobre a identidade real de ilovefeijoo (ela asegúrame que tivo que mirar nun dicionario a definición de “fake“) pero, sexa como for, hai que quitar o sombreiro por semellante iniciativa blogueira. Os meus parabéns! :D

—————————————————————-

Agradecementos: a mourullo, porque parte das preguntas a ilovefeijoo son del ;-) Graciñas, padriño!

17 comments Xaneiro 31st, 2009

Impar ao ver un impar

Xogando aos dados coa normativa, sae un 5 e descubro outra palabra conflitiva: impar. Efectivamente, o número 5 é un número impar, aínda que en portugués non é unha palabra grave, senón aguda. Para os nosos veciños, hai ‘números pares’ e ‘ímpares‘ (e non ‘impares’). E o reintegracionismo segue fielmente ese troco de acento e prefire a palabra co acento en im-.

Curiosamente, ‘impar’ significa dúas cousas completamente distintas en galego RAG. Por un lado, designa os numeros que non son pares (para entendérmonos), e por outro, equivale a facer contraccións involuntarias do diafragma, ou o que é o mesmo… “hipar” en castelán internacional de España ou “soluçar” en portugués internacional de Portugal.



Os galegos impamos (temos impo) ou saloucamos (ou salucamos); os portugueses soluçam ou têm soluços. O verbo ‘impar’ e o substantivo ‘impo’ son considerados en Portugal como “rexionalismos”, afastados da norma estándar (só os usa unha minoría da poboación). E os verbos ’saloucar’ ou ’salucar’ e os substantivos ’salouco’ ou ’salucos’, tan galegos eles, non existen en portugués.

Unha vez máis, as nosas formas non son nin portuguesas nin castelás. Son propias, xenuínas… e son elas as que debemos potenciar e non outras. ;-)

——————————————————————–

Por certo, soluços‘ para min é unha das palabras portuguesas máis difíciles de pronunciar.

3 comments Xaneiro 30th, 2009

Ermitas Valencia: “As discusións pola norma crean incerteza arredor do galego”

Aos seus 31 anos, Ermitas Valencia é a máxima responsable de Normalización Lingüística nun concello, o da Coruña, que está entre os máis castelanizados de Galicia. De feito, A Coruña, Ferrol e Vigo son os únicos municipios do país onde os galegofalantes habituais son menos do 20% da poboación. Concelleira, membro do consello nacional do BNG e flamante asinante da causa ‘bueno é galego’, Ermitas Valencia non ve utópico pensar que A Coruña volva ser algún día maioritariamente galegofalante. Asegura ademais que “non ten dúbidas” de que o galego e o portugués son a mesma lingua, pero cre tamén que as liortas a causa da norma non fan máis que xerar “máis incerteza” arredor do idioma.

Que panorama encontraron os equipos de normalización lingüística cando empezaron a traballar en serio na Coruña?

O SNL do Concello da Coruña leva funcionando desde fai escasamente un ano. A situación non é fácil, nen pola situación na que collimos a administración municipal, na que o galego non existía, nen pola situación de acoso que na actualidade existe a calquera actividade que busque mellorar a situación do idioma.

Canto dano lle fixo o ‘vazquismo’ á consideración social do idioma?

Na Coruña, por desgraza, aos 40 anos de franquismo témoslle que sumar 20 de vazquismo. Estas dúas etapas non se diferenciaron en nada no tocante ao idioma.

Cales foron ao seu entender os mellores acertos feitos en normalización lingüística na Coruña e, sobre todo, onde queda máis traballo por facer?

Penso que o camiño que levamos andado aínda é pequeno para poder facer unha avaliación dos acertos. A miña idea é que, a pesar da situación, a maioría da poboación, que non é precisamente a que ten o control dos medios, ten un sentimento positivo cara ao idioma, polo que estamos constatando que todas as actividades que requiren participación directa da cidadanía están sendo un éxito. A nivel da administración interna do Concello, a cousa vai máis lenta.

Algún día A Coruña será unha cidade maioritariamente galegofalante ou ese obxectivo é case utópico?

Para nada é unha utopía. Se aplicaramos unha boa planificación nas políticas de normalización eu estou convencida de que o galego se recuperaría axiña en todo o país.

Pode darse por concluída a batalla do topónimo?

A nivel legal, sempre que o BNG estea no goberno municipal, non haberá máis recursos. No día a día, aínda hai moito nostálxico con poder que, en canto pode, plántache o L ao mínimo descoido.

Cal é a mellor resposta ante recentes campañas nas que se asegura que o castelán está discriminado en Galicia?

Convidar a cidadanía en xeral, aos que lles preocupa a situación do galego pero sobre todo aos que non, a reflexionar sobre a realidade que ven todos os días ou que demostran informes, como o último do Consello de Europa.

Ata que punto as liortas normativistas poden ser un factor en contra da normalización?

Na miña opinión, a día de hoxe, as discusións normativistas están moi restrinxidas ás persoas cun interese especial pola lingua. Penso que non é un tema que estea na sociedade. En xeral, existen moitas dúbidas na xente á hora de escribir en galego, e discusións arredor da norma do galego non fan máis que criar maior incerteza arredor do idioma.

Que opina do reintegracionismo? O galego e o portugués son o mesmo idioma? Que lle parece a creación da Academia Galega da Língua Portuguesa?

Se viviramos nun país normal, unha norma o máis achegada ao portugués sería o mellor futuro para o idioma. Eu non teño dúbidas de que sexan o mesmo idioma e coido que deberíamos intentar achegar o galego ao portugués, respectando sempre as peculiaridades do primeiro. A creación da Academia Galega da Língua Portuguesa penso que pode ser positivo á hora de dar a coñecer a riqueza da lusofonía no noso país e tamén para que a lusofonía nos teña en conta a nós.

Por que se decidiu a apoiar a campaña do ‘bueno é galego’? :)

Eu sempre falei en galego e levo dicindo “bueno” toda a vida, así que, penso que vai ser máis fácil que os señores da rúa Tabernas o acepten no seu dicionario a que eu deixe de dicer “bueno”. :)

54 comments Xaneiro 29th, 2009

O xefe de gabinete da Vicepresidencia da Xunta apoia a causa ‘bueno é galego’

Seguen producíndose adhesións importantes á causa ‘bueno é galego‘. Un dos últimos apoios a título persoal foi o do actual xefe de gabinete da Vicepresidencia da Xunta, Manuel Martínez Barreiro. É ata o momento o máis alto cargo do Goberno que se suma a esta iniciativa, que se aproxima perigosamente ás 1.000 sinaturas :D .

Aproveito para informarvos de que Alberte Núñez Feijoo, Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana teñen nas súas contas de facebook unha petición de alema para que se unan tamén. Quen dos tres o fará primeiro? Cal dos tres pasará á historia por apoiar primeiro unha causa xusta e nobre coma esta?

1 comment Xaneiro 29th, 2009

A proscrición do ‘bueno’ frea a expresividade dos novos escritores galegos

Alejandro Tobar é un mozo lugués de 25 anos que acaba de publicar a súa primeira novela, titulada “Cremalleiras“. Toda ela está escrita nun pulcro galego RAG, pero a proscrición do ‘bueno’ obrigouno a ter que dar algunha explicación ante os seus lectores. A continuación mostro por primeira vez un pedazo dunha novela onde figura un ‘bueno’ xenuíno galego, que -recordemos- segue sen ser recoñecido como galego polas nosas autoridades lingüísticas.

(…) A fe que si, non tardou en responder, pero de seguida rectificou: bueno… depende, a que película? Non sei, algunha que estea no cine, respondeu a moza. Ah, ben. Logo, si. E despedíronse: aburiño. (…) [Clica aquí para ver o documento]

O caso é que a pé de páxina, Alejandro Tobar opta por poñer a seguinte aclaración.

Bueno non é unha forma propiamente galega, malia que se emprega decotío na oralidade. Ao ser ademais unha forma da que se apropian tanto os vascos como os cataláns para as súas falas, non vexo por que non mantela no galego escrito, mesmo cando existiría a outra opción, máis lusista, do «bo[m]», que, amais lembra à gala «bon». Bebendo doutras fontes, se cadra tamén existiría aínda outra posibilidade, tomada da narrativa oteriana (véxase ‘Os camiños da vida’): Boeno. Así e todo, aquí queda «bueno». [Clica aquí para ver o documento]

A partir de aí, Tobar segue utilizando con toda naturalidade o ‘bueno’ galego… pero é necesario ter que recorrer a circunloquios absurdos para non recoñecer a galeguidade desta interxección? Por que ten que verse freada a expresividade dos personaxes dunha novela, do propio autor… por un estigma sen sentido? Por que ten que ser ‘bueno’ unha palabra indigna do galego? Cantos escritores reprimiron os seus ‘buenos’ para non caer nunha suposta incorrección?

Alejandro teno claro. Vai seguir utilizando ‘bueno’ nos seus textos literarios. Os galegos, di, “agregámoslle novas acepcións” á interxección, polo que na súa opinión a causa ‘bueno é galego’ debe triunfar. E non é o único escritor que o pensa e así o manifestou coa súa adhesión no facebook. A campaña, por certo, está a piques xa de alcanzar a cifra máxica dos mil asinantes. :D

9 comments Xaneiro 28th, 2009

O Concello e os seus ‘pelouros’

Temos con todo o relativo aos municipios outra chea de discrepancias entre o galego e o portugués. As ‘câmaras municipais’ de alá son denominadas aquí ‘concellos’, tras unha longa batalla (que aínda dura) contra *axuntamentos e *aiuntamentos. Os concelleiros de aquí son alí ‘vereadores‘. E as concellerías galegas son ‘pelouros‘ portugueses.

Si, si… pelouros! Unha palabra que en galego quere dicir ‘pedra’ significa outra cousa completamente distinta en portugués. Volven unha vez máis os temidos falsos amigos. A definición de ‘pelouro’ está clara no idioma dos nosos veciños: “cada um dos ramos de serviço em que se divide a administração de uma câmara municipal ou junta de freguesia” (O vereador abandonou o pelouro de Veterinária na Câmara Municipal de Seixal”) ou figuradamente “funções; atribuições” (”O meu pelouro abrange a coordenação da política económica).

Fale vostede de ‘pelouro’ en Galicia e descubrirá que ninguén entenderá eses significados. Nin sequera o dicionario Estraviz recolle esa acepcións, aínda que si outras ben curiosas coas que estou de acordo, por certo. Efectivamente, eu teño escoitado iso de “pareces un pelouro” co signficado de “persoa desguedellada”. Polo Estraviz coñezo ademais que pelouro pode significar tamén “persoa ruín” e ata “muller de mala vida” (!).

Igualmente existe outra palabra moi empregada en Portugal referida ao eido municipal que é ‘autarquia‘. De feito, alí as eleccións municipais son coñecidas máis ben como eleições autárquicas, outro termo que aquí nos soa a chinés. Igual que as freguesías, unha unidade administrativa portuguesa que non existe en Galicia.

Unha vez exposto isto, gustaríame deixar unhas cantas preguntas no aire. Os nosos concellos deben ser câmaras? Os nosos concelleiros deben ser vereadores? Debe promoverse en Galicia a instauración de autarquias ou freguesias, en vez de concellos e parroquias (que en portugués é ‘paróquia‘, cun só erre)? E, sobre todo, alguén imaxina que algún día que un edil sexa aquí responsable dun pelouro? :D

—————————————————————–

PD Por certo: un pelourinho non é un pelouro pequeno como entenderiamos nós. É a “coluna levantada em lugar público, onde outrora se expunham e se castigavam os criminosos“. Nós para iso xa temos outra palabra: ‘picota’, aínda que imaxino que haberá quen diga que é outro castelanismo… :roll:

27 comments Xaneiro 27th, 2009

‘Apanha ó coco’ no café-bar «O’ noso Lar»

Se cadra foi a tendencia das linguas a “decorar” as vogais con signos ortográficos a que fixo que proliferasen polo noso país unha chea de bares e cafeterías que tiñan como denominador común escribir o artigo determinado masculino con apóstrofo. E algúns deles aínda sobreviven, a pesar de normativas e normas. A ver. Quen non viu algunha vez algún bar, mesón ou taberna chamado “O’ noso lar” ou polo estilo, con ese O’ que recorda os apelidos irlandeses tipo O’Hara ou O’Toole e que seguro que lle había molar ao finado John Balan?

O caso é que sempre me pregunto de onde sairía a “moda” esa… Unha moda que xa quedou algo  desfasada ante a evidencia de que nós non necesitamos poñer un apóstrofo nunha palabra de tanto uso coma un artigo. De calquera xeito, habería que renderlles unha homenaxe a todos aqueles que, en épocas de represión, non se cortaron e puxeron os nomes dos seus bares na lingua que falaban. Con apóstrofo e sen apóstrofo.

E por que recordei o famoso O’? Pois foi o outro día, ao acompañar un amigo a unha tenda de xoguetes, onde vin este brinquedo: apanha ó coco.

Quedei moi sorprendido porque, en teoría, en portugués a letra ‘o’ cun acento agudo é unha interxección que se emprega moi habitualmente para chamar a xente (do tipo “Ó Jorge, quando vais a Lisboa então?“). De feito, case parece que ese ‘ó’ é un engadido ao nome :D Descoñecía que podía usarse como se fai no xoguete que mostra a foto. Será unha gralha ou será que galegos e portugueses compartimos unha tendencia innata a poñer obxectos estraños enriba do artigo ‘o’? :D

————————————————————-

PD: Non nos valen traducións ao portugués. Ten que haber xoguetes en galego, como demandaron -sen que lles fixeran moito caso- os movementos que loitan pola normalización do idioma. :-P

196 comments Xaneiro 26th, 2009

Isto é unha desfeita!

Ao escoitarmos esa expresión, os galegos temos ben claro do que se está falando. Unha desfeita é, segundo os nosos dicionarios un “grave dano, destrución, estrago…” e como sinónimo ofrécese “desastre”. É unha palabra xenuinamente galega. É dicir, que non ten equivalente en castelán. Non existen “desechas” en castelán. É máis: o termo utilízase decote en español internacional de Galicia: “Los chicos hicieron una desfeita en el parque“.

Pola contra, esta mesma palabra ten un significado diferente en portugués: “insulto, ofensa, desconsideração”… Ou sexa, que cando un portugués escoita a frase “isto é unha desfeita” non pensa o mesmo que pensamos nós, porque para el é simplemente un “insulto”. O dicionario Estraviz recolle esta acepción en 7º lugar, ao final de todo, a pesar de que por regra xeral ningún galego entendería unha desfeita coma un insulto.

E ao que vou. Aquí non hai interferencia ningunha doutro idioma, aparentemente. O castelán, que se saiba, non tivo por que influír para que unha mesma palabra, “desfeita”, evolucionase cara a significados dispares en Galicia e en Portugal (no Brasil, por certo, pode significar tamén “derrota”).

É realista que, despois dunha evolución completamente lexítima polas dúas partes, o galego teña que incluír entre os significados de “desfeita” a acepción de “insulto”? Eu, sinceramente, creo que non. Como tampouco creo que algunha vez o termo “desfeita” chegue a significar “desastre” en Portugal ou no Brasil.

Con isto quero alertar de que o significado das nosas palabras pode quedar diluído nunha hipotética reintegración, cando non superposto. A vantaxe de termos unha lingua independente é que nos permite consolidar os nosos propios usos, sen ter que absorber outros que non son propios, nin que os demais teñan que asumir os nosos.

52 comments Xaneiro 25th, 2009

Outro ‘bug’ reintegrata: a palabra ‘chefe’

A ortografía está deseñada para atender as necesidades dunha lingua e cando se pretende metela á forza noutra que tomou un camiño diferente xorden algúns problemiñas… Un deles vén co dígrafo “ch” que en Portugal adoita pronunciarse maioritariamente como nós pronunciamos o x (sh ou /ʃ/). Xa sei que moitos han dicir que no norte o ch tamén se pronuncia como o facemos nós (tch ou /tʃ/), pero cumpriría recordar que é unha variedade dialectal pouco estendida (eu diría máis, en vías de extinción porque a xente nova “pasa” olimpicamente dese fonema).

Pero bueno… imos ao asunto. Unha das palabras que inclúen ch en portugués é “chefe“, e esa tamén a proposta reintegrata para o termo. O que pasa é que no portugués “chefe” se le “xefe” (ou /ʃɛf/, con x, igual ca nós). Pero seguindo a proposta do reintegracionismo deberiamos de pronunciar “tchefe” /tʃɛfe/). Alguén se imaxina en Galicia alguén dicindo “tchefe”? Existe algunha terremota onde se diga “tchefe”?

Bastantes problemas temos para erradicar o castelanismo “ghefe” polo galego “xefe”Non verán tarefa imposible que alguén poida dicir “tchefe“? Ou peor… “tchefa“, “tchefia” (pronunciado “tchefía“, con acento no i), “tchefatura“… ou incluso “tchefiar“, que é un galicismo flagrante que o portugués absorbeu e que é completamente descoñecido para nós… Carmela, ilústranos.

Iso si, agradécese esta definición da palabra que aparece no Estraviz:

Pessoa a quem se quer dirigir a palabra, mas de quem se desconhece o nome, a profissom.

Eu suxeriría tamén engadir tamén estoutra ;-) :D

Forma cariñosa de designar a parella de alguén.

Por certo: aviso. Non debe existir “chefaço” como aumentativo do “chefe” en portugués, segundo din no ciberdúvidas. Unha mágoa: “xefazo” mola. E outra cousa, falando do ciberdúvidas… Hai algúns lingüistas de alí que condenan o uso do feminino “chefa en portugués.

O feminino de chefe é igualmente chefe, ou seja, chefe é um nome utilizado nos dois gé[ê]neros, masculino e feminino. Sublinhe-se que, em contextos muito particulares, que envolvem, por exemplo, ironia ou zombaria, a palavra “chefa” pode ser encontrada.

Ou sexa que “chefa“, segundo estes, é só para mofa ou ironía… Non podo estar máis en contra.
Anda, mira… non son portugués, non o falo habitualmente e ata me atrevo a “opinar”… :D Que atrevemento! :D

59 comments Xaneiro 24th, 2009

CPLP: Burra grande, ande ou non ande

Un amigo meu portugués adoita dicir que a relación que ten Portugal coas súas antigas colonias, o seu desexo de establecer vínculos de amizade e cooperación, responde en parte a unha mala conciencia histórica da antiga metrópole por deixar tiradas e sumidas na miseria as súas posesións africanas en plena Revolución dos Caraveis.

O caso é que 22 anos despois daquela data histórica, Portugal deulles impulso ás súas relacións cos seus ex-dominios africanos mediante a creación da chamada Comunidade de Países de Língua Portuguesa, da que tamén forma parte O Brasil, o estado que máis falantes achega (a gran maioría dos seus 186 millóns de habitantes fronte aos 10 millóns de Portugal).

Actualmente, a CPLP conta con oito estados membros cunha característica común: teñen o portugués como lingua oficial (aínda que Timor Leste, o último incorporado a este club da lusofonía, ten o tétum como lingua cooficial… e principal tamén). Pero ollo! Non todos os integrantes da CPLP gozan do mesmo ‘grao de lusofonía’, por dicilo así.

En Mozambique, por exemplo, o país lusoafricano máis poboado, fala o portugués o 40% da poboación, aínda que só o 6,5% son falantes nativos. En Angola, emprega a lingua de Camões o 60% da poboación. O resto son falantes de linguas coma o kongo, o chokwe ou o mbundu (coas súas variedades do norte e do sur).

Na pobrísima Guinea-Bissau, onde só o 40% da xente sabe ler e escribir, o portugués oficial comparte protagonismo con linguas locais e o crioulo, lingua que por certo cada vez ten máis peso en Cabo Verde. En San Tomé e Príncipe tamén se recoñecen as linguas locais que falan boa parte dos seus 150.000 habitantes. E de Timor Leste, mellor non falar… Alí o portugués é falado por ben pouca xente (menos do 5% da súa poboación de dun millón de habitantes), a pesar de que é oficial.

Bueno, iso éche o que hai. Pero o que xa roza o ridículo, ao meu entender, é a pretensión da CPLP de facer membros a todo meter, seguindo a máxima de “burra grande, ande ou non ande”. Por moitas voltas que lle dea á cabeza non sei que carallo pintan como “observadores asociados” o Senagal, as illas Mauricio e Guinea Ecuatorial, onde o portugués seguro que é proporcionalmente menos falado ca en Timor Oriental.

O de Guinea Ecuatorial chama especialmente atención… a cobertura que se lle dá ao ditador Teodoro Obiang, que converteu “de palabra” o portugués en idioma oficial do país. Coma sen non tiveran idiomas oficiais dabondo: español, francés, fang, bube e annobonés… e agora tamén portugués, segundo sinala a CPLP, a pesar de que non habería ningún documento oficial que así o acredite.

Pero atención aos países e territorios que están “en lista de espera” para converterse en membros asociados: Andorra, Marrocos, Filipinas, Croacia, Romanía, Ucraína, Indonesia (estado opresor de Timor Leste)… e tamén a antiga colonia de Malaca e Goa (onde entre as dúas debe haber menos falantes de portugués que reintegratas hai en Galicia).

E no medio deste panorama hai dúas peticións para ser membros de pleno dereito: unha é Macao (onde falan portugués unhas 3.000 persoas, 0,6% dos seus 500.000 habitantes) e agárrense… outra é Galicia, segundo informa a wikipedia. E aquí véxome na obriga de citar a wikipedia portuguesa e este apartado da definición de CPLP redactado, estou por apostar, por un reintegracionista totalmente imparcial.

O Movimento Lusófono galego defende a ingressão de Galiza na CPLP. Com uma ampla tradição científica apoiada nos grandes filólogos e romanistas internacionais que afirmam que a língua hoje falada na Galiza é Português, este movimento surge[2] após um Decreto-Lei espanhol em 1983 que separa ortograficamente a língua do sistema ortográfico internacional, apanhando os rasgos mais identitários da ortografia espanhola como, por exemplo, o ñ em vez do nh, i.e. fariña em vez de farinha (espanhol harina). Esta norma criada na década de 80[3] continua a ser promulgada pelo Governo Regional da Galiza e reprime[4] a todos os cidadãos que utilizarem a normal internacional do português.

O sindicato maioritário[5] galego, a Confederação Intersindical Galega faz parte da Comunidade Sindical dos Países de Língua Portuguesa com o estatuto de observador.

Em declarações recentes[6], a responsável pela cultura no governo autónomo da Galiza Junta da Galiza, tem assinalado a vontade do seu governo, de estudar a possível entrada da Galiza na CPLP.

Embora haja muitas tentativas[7], personalidades e colectivos que defendam a integração oficial da Galiza na CPLP, só há três a nível nacional que a defendam abertamente: a Associação de Amizade Galiza-Portugal, a AGAL e o Movimento Defesa da Língua.

En fin… Non vou facer moitos fincapé arredor deste pequeno panfleto propagandístico: só dubido da “ampla tradição científica” que afirma que a lingua falada en Galicia “é português, do vitimismo ante a suposta “represión” aos que escriben aquí en “norma internacional” do portugués, da intención da Xunta (non concretizada xamais) de estudar a posible “entrada” de Galicia na CPLP,…

E digo máis… Dado que na CPLP poden entrar territorios onde o número de falantes é ridículo… Por que non creamos nós unha Comunidade de Países Galegofalantes (a CPG), onde participen todos os estados que acolleron os emigrantes galegos que espallaron o noso idioma around the world? Estou seguro de que en Suíza ou na Arxentina hai máis galegofalantes que persoas falan portugués en Goa ou en Macao. Que carallo!

54 comments Xaneiro 23rd, 2009

Todos contra o ‘centro urbán’!

Non sei quen sería o responsable da creación e/ou extensión do palabro ‘urbán’ que tanto se ve nos paneis informativos das cidades. Toda unha deshonra para os galegofalantes urbanos (e non ‘urbáns‘) aos que nos importa un pouco a calidade da lingua. E non é unha cuestión dunha cidade en concreto… É unha auténtica praga. É máis: creo que hai máis indicacións de ‘centro urbán‘ ca de ‘centro urbano’ nas vilas e cidades galegas. Velaquí un exemplo.

Non vos laian os ollos? Pero quen carallo inventaría iso de ‘centro urbán’? E sobre todo, como tivo esa capacidade de espallamento? Pero tan difícil será escribir con corrección nos carteis, que supostamente están para quedar aí unha boa temporadiña?

Pois ben. Eu creo que temos que protestar. Non ao estilo reintegrata, co spray na man. Non. Hai que sacar fotos co móbil, hai que enviarlles mails ás administracións que colocan estes carteis (aínda que en moitos casos é difícil saber de quen dependen), hai que mobilizarse xa! Todos contra o ‘centro urbán‘!

A nosa lingua ben merece un respecto. É coma se en castelán fixesen algo parecido a isto.

A que este rótulo non duraría nin dous días en calquera estrada española? Por que temos que aturar nós logo que nos poñan carteis con faltas de ortografía? Non deberían estar galego e castelán en igualdade de condicións? Ou sexa, non debería de haber a mesma esixencia?

O peor de todo é que erros deste tipo son bastante comúns. Nas autovías de titularidade autonómica, como a autovía do Barbanza ou a autovía Santiago-Brión, descoñecen a existencia do punto cardinal “leste”… porque en todos os casos sempre se le o mesmo…: “Boiro (este)”. Como que “este“? En galego dise “leste” e non “este”, que é un demostrativo! E estamos falando de infraestruturas acabadas de inaugurar, coma quen di!

En fin. Que toca protestar… civilizadamente e sen sprays… pero protestar!

17 comments Xaneiro 22nd, 2009

Aos reintegratas non lles laian as feridas

Existe un verbo galego precioso, inexistente en portugués, chamado “laiar”. E é unha palabra tan xenial que mesmo chega a formar parte do español internacional de Galicia, transformado en *”layar“. Moitos galegos emprégana en castelán pensando que é un verbo españolísimopero-te-va-ser-que-no :D . Algo que, por certo, pasa tamén con “esmagar”… [De feito, hai quen pensa que "esmagar" (inexistente en castelán) e "aplastar" non son exactamente o mesmo].

Bueno… ao que vou. Resulta que consulto o dicionario dos reintegratas e vexo que efectivamente aparece a palabra “laiar” pero só co significado de “lamentar-se” ou “dar gemidos. Pola contra, en ningún lugar figura o outro significado molón da palabriña e que si que pode lerse nos dicionarios do galego RAG. “Producir dor [unha ferida ou unha parte do corpo ferida]. Láiame a ferida. Moito me laia a queimadura“, di o dicionario de galego que hai na Xunta (e que irresponsablemente ninguén se encargou de renovar desde os últimos cambios da normativa :( ).

Pois iso… Dado que non existe nos dicionarios portugueses e que no único dicionario reintegrata non aparece, será que “laiar” co significado de “producir dor” non é galego para os amiguiños do nh? Ou será que xa se fixeron tan duros que non lles laian as feridas? :D [Beijinhos]

60 comments Xaneiro 21st, 2009

Previous Posts


AVISOS

Últimos comentarios

E ti que galego falas na escala de alema? aquí

Mini-chat

Latest on Mon, 00:28

aita: hai alguén aquí? teño unha dúbida: cando se usa 'ó' e cando 'ao'

magnummare: ... un que funcione, porque xa vexo que o teu no vai moi ben... XD XD

magnummare: Señor alema!! com introduciu iso que ten ai de "este blog en portugues automatico"? grasias de antebraso!! :P

Yuji: Obrigado Aloquete. Vou colocar na minha lista pra quando pedir livros galegos! :) Ah sim, e achei um artigo seu sobre literatura galega em Portugal, [...]

Aloquete: Yuji, um romance magnífico é PAPAVENTOS, de Xavier Queipo. Cosmopolita, mas galego de cima a baixo.

» Escribe algo



Featured Advertiser

Artigos recentes

 

Categorí­as

Tags

Meta