Perigo: uvas velenosas
As autoridades sanitarias acaban da informar a todos os alérxicos ao españolismo que baixo ningún concepto consuman as famosas “uvas da sorte” esta noitevella, nin ás 0.00 horas (Hora Central Europea) nin ás 0.00 horas (Hora oficial de Londres e Lisboa). Análises recentes acaban de demostrar que tomar 12 uvas ao son das badaladas é un costume tipicamente español, o cal pode provocar síntomas inesperados en alérxicos ao españolismo, tales como vómitos, febre, subas de tensión, mareos, etc.

Polo tanto, se vostede é alérxico ao españolismo ou sospeita que poida selo, por favor, non consuma as famosas uvas da sorte en ningún caso. No seu lugar, recoméndase brindar con champán ou cava, ao remate da conta atrás do ano novo, que é o costume que se segue na maior parte do mundo. Recorde igualmente que é aconsellable tamén presenciar unha sesión de fogos de artificio ou polo menos tirar un petardo, para afastar calquera posibilidade de españolite aguda.
O costume de tomar as uvas da sorte, segundo contan as crónicas, xurdiu en Elxe en 1909, en pleno reinado de Afonso XIII. Nese ano, os viticultores da comarca do Baix Vinalopo tiveron un excedente de colleita e, para darlle saída, estenderon o meigallo de que, quen non comera 12 uvas nas badaladas de Noitevella, tería mala sorte para todo o ano entrante. As autoridades sanitarias, aínda que detectaron trazas de catalanidade no costume (hai que recordar que Elxe pertence aos “Països Catalans”), insisten en que os alérxicos ao españolismo non deben consumir as uvas, pola contaminación que supuxo o traslado desta tradición ao resto do territorio español.
Esperando que entenderan ben estas sinxelas instrucións sanitarias, desexámoslles un feliz 2009 a todos.
8 comments Decembro 31st, 2008


