Por favor inventen algo para chamar a nova policía autonómica (cando a teñamos, claro)
Os vascos teñen a súa Ertzaintza; os cataláns, os Mossos d’Esquadra… E nós cando teñamos policía autonómica, imos quedar con esa denominación tan sosa? Os nosos polis non van ter un nome propio, a diferenza do que pasa noutros lugares? A cousa non é para tomala a broma. Se os gali-axentes non dispoñen dunha forma de identificación propia, dunha marca diferenciadora, como habemos distinguilos dos outros?
Hai que poñerse mans á obra. Ou os partidos, agora que estamos en pre-campaña, lanzan propostas a este respecto ou haberá que organizar un concurso de ideas, con premio incluído para quen invente o mellor nome para a nosa policía… e para os seus axentes.
A ver. Alá abaixo temos a GNR. A flamante Guarda Nacional Republicana que tantas multas lles pon aos galeguiños. Pero nós, como non somos república, poderiamos optar por un híbrido do tipo a Garda Nacional Galega ou Garda Galega. O que pasa é que, neste último caso, as siglas serían GG (lido gagá) e, claro, así non mola.
Máis alternativas. Gali-policía (seguindo a estela das galescolas). Pero non… Tampouco chista. Nin tampouco valería iso de Poligal, que seica é unha empresa como nome rexistrado xa.
Cabería tamén recorrer a unha figura igual que fixeron os cataláns. Alí unha mesma expressión Mossos d’Esquadra (en galego “Mozos de Escuadra”) serve tanto para os polis como para o corpo. E aí si que poderiamos botarlle imaxinación. Non sei.. Se cadra por aí hai algunha figura protectora das aldeas, algún personaxe que sacaba o trabuco nos tempos de Maricastaña cando viñan os lobos, os ladróns ou a Santa Compaña… Non enxalzamos o Apalpador como alternativa ao Papá Noel e aos Reis Magos? Pois quizais haxa por aí un personaxe etnográfico que podería servir para designar os novos policías.
Só unha cousa: nada de boinas por favor, que seguro que nos din que queremos copiar os ertzainas, e ademais hai tempo que pasaron de moda.

25 comments Decembro 22nd, 2008


