Ferrín apoia o “bueno”
Esclarecedora, moi esclarecedora foi unha mesa redonda que se organizou o xoves pasado en Vigo en que participaron Xosé Luís Méndez Ferrín, Camilo Nogueira e Xosé Manuel Beiras. O título do encontro era “presente e futuro da esquerda nacionalista”, pero a cousa (como non) foi derivando a materias lingüísticas. Desde logo, o máis destacado da mesa redonda foi o apoio claro e explícito de Xosé Luís Méndez Ferrín á galeguidade do “bueno”, tan defendida nestas páxinas e tan criticada noutros foros.

O escritor ourensán saíu en defensa do “bueno”, recalcando ben a expresión, despois de que un dos asistentes ao encontro fixera unha interpelación bastante desafortunada, tal e como recolle o PGL nesta páxina (onde tamén se pode escoitar o momento pro-bueno de Ferrín). De todos os xeitos, o que máis chicha ten para nós é onde o Portal Galego da Língua relata, co seu particular punto de vista, o apoio de Ferrín ao “bueno”.
O primeiro a responder foi o escritor ourensão Méndez Ferrin. Subindo o tom de voz e elevando a símbolo separador de línguas umha mínima diferença fonética, a pronúncia diversa do ‘e’ copulativo, manifestava a sua particular visom do idioma, implicando isto também umha crítica aberta à fala de algum dos intervenientes anteriores. Do público advertiam-lhe: «Com boeno nom se começa um discurso, boeno é palavra espanhola, todos temos que olhar para o nosso umbigo». Ferrin, longe de admitir a crítica, insistia no espanholismo: «-Boeno!», repetia.
O que non sei é por que o PGL opta pola grafía “boeno” en vez de “bueno”, pero en fin… O caso é que está claro que para Ferrín non hai dúbidas da galeguidade do “bueno”… nin tampouco do carácter singular da lingua galega fronte á portuguesa, aínda que iso non é unha novidade.
Polo demais, e sempre segundo o relato do PGL, a mesa redonda achegou poucos apoios claros dos intervinientes á causa reintegracionista. Camilo Nogueira rexeitou o termo “lusofonía” para referirse á suposta “unidade lingüística” do galego e do portugués, e mesmo cando foi criticado por ir de pro-reintegrata de portas para fóra e falar coma a xente de portas para dentro, asegurou que non quería sentirse “parte dunha minoría”. Tampouco Xosé Manuel Beiras lles deu moitos azos aos reintegratas ao asegurar que na relación entre Portugal e Galicia (termo defendido vivamente por Ferrín) “hai cousas moito máis importantes ca a norma ortográfica”, aínda que o PGL destaca xusto o contrario no seu titular.
18 comments Decembro 20th, 2008


