Luchi non se aclara coa ‘pelu’
A miña amiga Luchi ten un establecemento de beleza en Boqueixón, e este Nadal precisamente vai facer dez anos de traballo no seu humilde local. Pode dicirse que o seu chiringo é unha mostra do correr do tempo. Pero hai algo que non cambia. A Luchi gústalle atender a súa clientela en galego, idioma que ela fala habitualmente, igual ca a maioría das clientas. Pero publicitar o seu establecemento como é debido cústalle algunha que outra complicación (mental e económica, claro).
Cando a Luchi se instalou no local, e a pesar de que as clientas empregaban o castelanismo ‘peluquería‘, animouse a poñer o rótulo do establecemento en correcto galego, para dar exemplo e “normalizar”.

En correcto galego… daquela. Porque isto foi hai sete anos, pero como hai cousa de cinco os cambios da normativa aconsellaban trocos… pois ela non se cortou un pelo e cambiou ela tamén… pola súa militancia lingüística e con spray, como fan os reintegratas.

O caso é que pasou o tempo e chegou aos seus oídos que o de “perruquería” nin o de “perrucaría” son válidos agora en galego, e que ela xa non pode ser “perruqueira”. O último look na moda lingüística é “salón de peiteados” e a súa profesión, “peiteadora”, aínda que ela di que máis que peitear fai de todo: corta, pon mechas, etc. Pero en fin, traga… pero xura que será a última vez.

…Porque tres cambios de cartel en dez anos xa parecen demasiados… Con todo, ela é escéptica. Teme que en breve lle digan que “salón” xa non é, e que acabe por ser outra cousa: ata “salom“… ou “salão“… ou “saloon“… ou xa directamente “cabeleireira“, inspirado no feito de que en en Portugal os que van cortar o pelo van a unha tenda chamada “cabeleireiro“, que pode ser “cabeleireira” sendo unha muller quen a rexenta.



En fin… é evidente que o caso de Luchi a perruqueira/peiteadora/cabeleireira é completamente ficticio, e que eu non teño amigas en Boqueixón.
Pero esta fábula si que serve para afondar no que discutiamos o outro día: o desprestixio que supón andar cambiando normas, vocabularios, dicionarios,… E máis para unha lingua que está en proceso de asentamento.
Está ben que haxa consenso e que todas as “correntes” se sintan representadas e tal. Pero ata aquí chegamos. Nin un paso máis. A reforma de 2003 debe ser xa a última en moito, moito tempo ou corremos o risco de que a xente vexa o galego como unha carallada, como algo cambiante sen razón aparente (máis que a de complicarlle a vida á xente), como unha versión inestable dun programa informático.
O galego xa leva máis dun cuarto de século normativizado e o que menos necesita son máis cambios. E moito menos xogar ás dobres normas e/ou ao free style. Deixade que Luchi se aclare ou acabará por empregar o cartel que pon na vida real.

20 comments Decembro 19th, 2008


