Papá Noel, os Reis Magos e o Apalpador
Agora que se aproxima o Nadal e que xa é imposible escapar á febre consumista, quixera facer unha reflexión arredor dos costumes destas datas, tanto arriba como abaixo do Miño. En primeiro lugar, direi que me parece positiva (aínda que con matices que explicarei máis adiante) a campaña que están levando a cabo os da Gentalha co seu famoso Apalpador, un personaxe típico galego que non viría mal recuperar ante a invasión, por exemplo, de Papá Noel.

Pero non deixa de ser curioso que é precisamente alá abaixo, en Portugal, onde máis éxito ten o home das barbas brancas e do traxe vermello, máis coñecido como Pai Natal por aquelas terras. En Portugal non existen nin Apalpadores nin tampouco Reis Magos, unha tradición que en principio só se mantén en España, nalgúns países Latinoamericanos e nalgúns estados alemáns. É dicir, que os cativos galegos reciben regalos na mañá do 6 de xaneiro seguindo usos e costumes españois. Debería suprimirse esa festividade do calendario galego, logo? As famosas cabalgatas son invasións españolistas? Cumpriría recordar que en Portugal os agasallos só os trae case en exclusiva o Pai Natal…
E xa que estamos co Pai Natal e co Natal e tal… Por que os reintegracionistas apostan pola forma “Natal” cando aquí o que máis se emprega é “Nadal”? Eu non coñezo ningún lugar do país onde se diga “Natal”… Agora que… pode ser que os reintegracionistas escriban “Natal” e lean “Nadal” pero non creo… E xa postos… Como deberiamos de chamar en galego a Papá Noel? Papá Noel? Pai Noel? Papá Nadal? Pai Nadal? Santa Claus?
.

Conste que tamén nos nomes dos Reis Magos tamén nos afastamos da lusofonía. Aquí todo o mundo os coñece como Melchor, Gaspar e Baltasar. Pois ben, en portugués chámanse Belchior (coma se estiveses acatarrado), Gaspar e Baltazar. Os tres, polo que me contan, están bastante chatiados desde que o 6 de xaneiro deixou de ser feriado en Portugal.

Con respecto ao Apalpador só lle vexo un par de eivas: a primeira, que non é unha tradición común a todo o país (só pervive en zonas de alta montaña e aldeas terremotas) e a segunda, que é un personaxe un pouco de posguerra… Xa non estamos, afortunadamente, en épocas de fame…
[O Apalpador é] um gigante com ofício de carvoeiro, que, no Natal, baixava das devesas onde morava para as aldeias, com a intençom de apalpar as barrigas das crianças para comprovar se estavam bem mantidas. O Apalpador vigiava que vivessem com fartura, desejava-lhes que no vindouro ano continuassem a nom passar fame, e deixava-lhes umha presa de castanhas quentes como presente e lembrança da sua visita.
Sinceramente credes que os nenos pijos van tragar cunha movida como a do Apalpador? Eu creo que non, pero vaia… A ver se non vai ser tan prexudicial como andar estudando as partes do carro… Urban powa!
35 comments Decembro 8th, 2008


