Portugal “isólase” coa Televisión Dixital Terrestre… pero aquí ninguén protesta e se hai culpas, para o “Estado espanhol”
A Televisión Dixital Terrestre está chegando a Portugal tarde, mal e arrastro. E con sorpresiña incluída. Agora resulta que o goberno portugués quere usar para a transmisión dos sinais de TDT o sistema de compresión MPEG-4, distinto ao MPEG-2, que é o que se está implantando en España. Queda manifestamente claro, por se quedaba algunha dúbida, que aos portugueses non lles importa un c*** que as súas televisións poidan ser vistas aquí algún día, dado que a este lado da raia os decodificadores que se venden só captan o MPEG-2, máis cutre si en canto ao número de canais pero cuns decodificadores bastante máis baratos no mercado ca os do MPEG-4.

O que me gustaría agora é que todos aqueles que pelexan por que as televisións portuguesas se poidan emitir aquí -entre os cales me inclúo, como xa expresei en numerosas ocasións- comecen a dar a vara onde a teñen que dar. É dicir, ante os organismos portugueses que toman esa decisión tan… “isolacionista”. Agora xa non serve botarlle as culpas ao “Estado espanhol”, que é o fácil. Se a chegada das teles portuguesas a Galicia se adía, hai un único culpable: o Estado portugués e esta decisión estúpida e tan pouco integradora (que tamén critican os propios portugueses que xa compraron decodificadores para ver a televisión española).
Infelizmente, sei de antemán que a miña proposta non vai ter éxito ningún. Aquí, ou se lle bota a culpa ao malo malísimo de sempre ou non hai nada que facer. No outro lado da reintegración nunca hai que protestar nin pedir responsabilidades.
No PGL xa o din ben clariño: esa “dificuldade técnica nom deve ser escusa para adiar o processo para a recepçom das tvs portuguesas na Galiza”. Non, claro que non…! A solución ao problema é moi sinxela: Queredes teles portuguesas? Pois que pague a Xunta os reemisores de MPEG-2 ou que o fagan os cidadáns individualmente comprando os decodificadores para MPEG-4. Hai que ter un papo…!
35 comments Decembro 4th, 2008


