A resposta de Quintana abre unha chea de novos interrogantes
Pasaron as horas e xa por fin puiden dixerir a resposta de Anxo Quintana ás preguntas que lle fixo o Osiño Gominola sobre o reintegracionismo. En primeiro lugar, quixera agradecerlle ao vicepresidente da Xunta que encaixase con bo humor unhas cuestións tan “peliagudas” (como el dixo) que lle expuxo a nosa mascota. Iso si, tamén teño que dicir que, lonxe de resolver algunhas dúbidas, polo menos a min, ábrenseme outras moitas.
Discrepo coa maioría da xente cando di que a resposta do portavoz nacional do BNG estaba dentro do previsto. Eu creo que Anxo Quintana ofreceu un apoio claro e contundente á causa reintegracionista, ao asegurar que é un movemento “positivo”, “interesante” e que coloca o galego “hacia onde debe de camiñar”. Ou dito doutro modo (ou así o entendo eu): o galego, segundo o vicepresidente da Xunta, debe de tirar cara ao reintegracionismo. Aí é nada. Que eu saiba, é a primeira vez que o líder do principal partido nacionalista do país lles fai unha chiscadela tan clara e contundente aos seareiros do reintegracionismo, moitos dos cales son militantes e/ou simpatizantes do BNG.
Pero non só iso. Quintana, ao meu entender, vai máis alá ao cuestionar a saúde da chamada normativa de consenso, que segundo dixo “casi ninguén está cumplindo“. E aí é onde empezan a xurdirme as dúbidas. Quen non cumpre a normativa de consenso, a pesar de que había unha base tan “amplia“? O pobo? Os medios de comunicación? Os políticos? O propio BNG? Por que non se aplica? E se temos que camiñar cara ao reintegracionismo, para que respectar esa normativa de consenso? A mágoa foi que o vicepresidente non respondeu unha das preguntas clave que lle fixo o Osiño Gominola. É bo para unha lingua que teña dúas normas escritas?
En fin, son consciente de que non cabía esperar algo máis extenso dunha resposta nun video-blog persoal, pero creo tamén que debería abrirse o camiño para que o BNG manifeste oficialmente, en serio e sen ambigüidades cal é o seu plan para a normativa do galego. Ten previsto asumir o Bloque nas súas comunicacións, por exemplo, a normativa reintegracionista? Unha norma ou dúas normas? Vale a norma actual ou hai que avogar por máis cambios a curto ou medio prazo? As eleccións están aí e penso que o electorado debe votar cunha idea clara do que propón o BNG neste sentido (e noutros tamén, claro).
——————————————————————–
PD: Como me parece un documento histórico, permitinme o luxo de transcribir literalmente as frases pronunciadas por Quintana (as máis importantes, vaia).
“O galego e o portugués son idiomas dun mesmo tronco e creo que todos debemos de estar interesados e non solo que ese tronco se perda senón en fortalecelo no futuro, e hacia ese camiño, hacia ese horizonte debe camiñar o galego. Eu creo que un bo paso sería que sexéremos capaces de cumplir os acordos, e houbo un acordo bastante amplio, un consenso bastante amplio, para unha normativa de consenso que por desgracia casi ninguén está cumplindo, e casi ninguén está aplicando. E o feito de que exista o reintegracionismo, que nos coloca sempre no horizonte, o camiño hacia onde o galego debe de camiñar, paréceme moi interesante e un movemento moi positivo para o país”.
(Anxo Quintana, 3 de decembro de 2008)
13 comments Decembro 3rd, 2008


