A campaña do ‘bueno é galego’, a piques de saltar aos medios convencionais
É con enorme pracer que vos comunico que os medios de comunicación convencionais están empezando a mostrar interese pola campaña ‘bueno é galego‘. De momento non vos podo dar máis datos… Só que dentro de moi pouco habedes ver como a nosa loita traspasa as fronteiras deste blog, de Facebook, da Internet en xeral… para achegarse ao gran público, á opinion pública galega. Eu non teño dúbidas. É aí onde empezará o triunfo da nosa causa. Estou seguro. En fin, prometo que cando teña máis datos sobre cando será o salto aos medios da campaña, hei publicalo a todo meter neste blog mediante un post urxente.
Entrementres, e para ir quecendo motores e xa que falamos de medios de comunicación convencionais, tráiovos unha novidade con respecto a ‘bueno’. Ides escoitar esa palabra (adorada por moitos e repudiada por moitos menos) en portugués internacional de Portugal! É por medio deste anuncio que ten como protagonista a Flipy, o de ‘El Hormiguero’, convertido en reintegracionista hardcore grazas a ese invento que moitos reintegratas repudian e que se chama dobraxe.
Infelizmente, os protagonistas do spot só din ‘bueno’ para referirse á marca da lambetada de chocolate, pero si que houbo algo no que caín despois de ver o anuncio un par de veces. O portugués, igual ca o galego, pronuncia a palabra ‘bueno’ cun e aberto que non ten o castelán, polo que xa temos outro motivo para a súa inclusión no galego. ‘Bueno’ non se pronuncia igual en español internacional de España /’bweno/ ca en galego internacional de Galicia /bwɛno/ (cun e tan aberto que ás veces mesmo parece un /a/!) ou en portugués internacional de Portugal /bwɛnu/.
Ah! E unha última cousa, xa á marxe de cuestións lingüísticas. Non entendo como Flipy, coa coña que ten e tal, puido aceptar facer un anuncio tan chorra, tan hortera, tan cursi, tan pouco enxeñoso, tan coñazo… sendo el tan simpático como é. Non o entendo. Ao meu modo de ver, este anuncio dana a súa imaxe pública e nunca debeu aceptar facelo. Pero bueno… os cartos son os cartos e a ninguén lle amarga un doce, incluídos os Kinder.

14 comments Novembro 28th, 2008


