Quedo perplekso polos prefiksos e sufiksos compleksos
Non. Non toleei. Coa frase do titular de hoxe só pretendo esaxerar a pronuncia que recomenda a RAG para algúns cultismos. Si, si. Consultando o VOLG a raíz da última polémica dos crucifixos nas escolas, descubro que ‘crucifixo’ non se le /kruθi’fiʃo/ senón /kruθi’fikso/. Abraiante, a que si? O caso é que hai outras moitas palabras que seguen esta curiosa norma.
Todo o mundo le “complexo” con “x”, pero iso non é o correcto segundo a RAG. “Complexo” debe lerse “complekso”, igual que “prefixo” debe lerse “prefikso” e “perplexo” debe pronunciarse “perplekso”. E digo máis… seguindo as recomendacións das propias NOMIG (Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego) ata sería mellor ler “compleso”, “crucifiso”, “prefiso”, “sufiso”, “perpleso”, etc. (con “s” e non con “x”) dado que a pronuncia do /k/ no grupo culto /ks/ non é obrigatoria.
O grafema x ten máis dun valor en galego moderno: nas palabras patrimoniais pronúnciase prepalatal fricativo xordo (eixe, madeixa, xente, xaneiro); nos cultismos conserva o valor latino de [ks] (sexo, taxativo). Pero a tendencia normal da lingua é pronunciar nestes casos [s̪] (aproximar, exame, éxito etc.), especialmente cando vai en posición implosiva (exterior, externo). (NOMIG, páxina 24)
En serio isto é así? En serio temos que pronunciar “complekso” ou “compleso” en vez de “complexo” con “x”? Non queda un pouco ridículo dicir “un autor prolikso” ou “un autor proliso” en vez de “un autor prolixo” (nada que ver con ‘pró lixo’, por certo)? Non é un paradoxo ler “paradokso” ou “paradoso”? Entendo perfectamente que esa sería a pronuncia etimoloxicamente axeitada, o que pasa é que a realidade da fala é outra. O vulgar acabou hai tempo de matar o culto nesas palabras.
28 comments Novembro 25th, 2008


