Traxe, paxe, garaxe… e bricolaxe?
Seguro que, coma min, medrastes recordando a norma do xénero das palabras terminadas en -axe. Si, si, iso de que son do xénero feminino agás “traxe, paxe, personaxe e garaxe”. Pois ben, preparádevos porque hai que ampliar a lista. Todo xurdiu a raíz dunha publicidade que recibín na casa de Bricoking… o famoso “rei do bricolaxe“. “O bricolaxe?”, pensei. Pois si. É correcto, Gayoso. “O bricolaxe”.
Só hai que consultar no VOLG para comprobar que, efectivamente, bricolaxe é unha palabra do xénero masculino, a pesar de que en varios dicionarios de galego que consulto vén como palabra feminina (no digalego, nun pequeniño que teño de Santillana,…). E home, eu entendo que quen ten a última palabra é o VOLG que para iso é a listaxe (que non o listaxe) oficial da Real Academia Galega.
A non ser que sexa unha errata do VOLG, que todo pode ser… Non o sei… O caso é que Bricoking cando puxo “o rei do bricolaxe” nos seus rótulos e publicidades oficialmente non cometía ningún erro. Será cousa, pois, de facer unha amplación da regra das palabras terminadas en -axe.
20 comments Novembro 23rd, 2008



