Carme Hermida: “O sistema fonético dunha lingua é o que ofrece máis resistencia ás influencias externas”
Carme Hermida é unha das filólogas que máis controla de fonética galega, coñecementos que leva anos transmitindo na Facultade de Ciencias de Comunicación da USC, a que forma os futuros xornalistas do país. Velaquí a segunda parte da entrevista que lle concedeu a alema.org, onde repasa algunhas das cuestións que máis debate suscita entre independentistas e reintegracionistas en materia de lingua galega oral.
Considera o ‘yeísmo’ un fenómeno imparable e xa plenamente galego? Non cre que vai sendo hora de constatar a defunción do fonema /ʎ/?
Antes de contestar a esta pregunta gustaríame facer unha precisión. Coido que unha das misións que temos as persoas que investigamos sobre a lingua galega é describir a súa realidade e nomeala de acordo co que diso se derive. Isto é, non podemos facer seguidismo da terminoloxía que se emprega para describir o castelán.
Verbo do tema da pregunta, non quero falar de ‘yeísmo’ senón de deslateralización da consoante lateral palatal /ʎ/. En todo caso o ‘yeísmo’ sería un termo máis axeitado para a consonantización da semiconsoante –i- de maio ou apoiar.
Se temos en conta que a lateral só a emprega a xeración de falantes de máis idade, cando estes falezan desaparecerá ese fonema, que deberá ser substituído polo fricativo palatal sonoro /ʝ/ no cadro de consoantes do galego.
¿É a deslateralización un castelanismo? Eu atrévome a dicir que non por dúas razóns: porque o sistema fonético dunha lingua é o que ofrece máis resistencia ás influencias externas; e porque, mesmo en caso de abandono da lingua propia por outra, durante varias xeracións pervive o sistema fonético da lingua abandonada –ben se ve no mantemento do sistema das sete vogais ou do ene velar en falantes de castelán de varias xeracións. Tendo isto en conta, paréceme bastante improbable que un fenómeno non xeneralizado no castelán fose tan facilmente aceptado polos falantes de galego.
Xa que logo, creo que a deslateralización obedece a unha reestruturación do sistema consonántico do galego e que debe ser asumido como unha evolución natural da lingua.
Algúns reintegracionistas opinan que non sesear en galego é un castelanismo máis. Que opina diso?
Opinar, afortunadamente, pode opinar cadaquén como mellor lle pareza.
Non hai tempo nin este parece o espazo axeitado para achegar as razóns estruturais polas que se explica a aparición do ceceo. En todo caso, se o non seseo é un castelanismo teriamos que aplicarlle esa mesma consideración a calquera evolución fonética do galego diverxente do portugués: desaparición das sibilantes sonoras, betacismo –igualación fonética de b/v- , mantemento da africada de chamar, etc. Neses casos, así e todo, non se adoita empregar esa consideración porque as solucións do norte de Portugal concordan coas do galego.
O reintegracionismo acusa a norma vixente actual de promover un modelo fonético castelanizante para o galego culto. Non considera inxusta esta crítica?
O galego estándar actual –que é unha escolla da sociedade- é probable que faga seguidismo do castelán no momento en que, por exemplo, prescindiu da gheada e do seseo. Mais isto non pode ser imputado á normativa actual que sinala ben claramente que tanto o seseo como a gheada son solucións normativas.
¿Tamén se nos vai acusar de castelanistas cando na proposta ortofónica do galego se indique que porco, ovo, morto se deben pronunciar con vogal aberta –en portugués son pechados- e que esta, esa, pena, moeda son pechadas –en portugués, abertas?
15 comments Novembro 22nd, 2008


