Arquivo de 21 Novembro 2008

Carme Hermida: “Empregáronse moitas medias verdades e moita demagoxia para descualificar a norma oficial”

A Carme Hermida, profesora de Lingua Galega na USC e membro do ILG, non lle gusta demasiado meterse en leas normativistas, pero moi amablemente accedeu a responder unhas cantas preguntas deste humilde blogueiro. Esta filóloga móstrase partidaria de “recoller o legado” das xeracións que nos precederon, sen que iso implique “desprezar o portugués”, unha lingua “diferente” pero tamén “moi próxima” do galego. Carme tamén ve como algo negativo a existencia de dúas normas escritas para o o noso idioma.

Por que non comparte vostede as teses reintegracionistas para o galego?

Antes de contestar teño que explicar o que eu entendo por reintegracionismo: tendencia lingüística que nega a existencia independente da lingua galega e que propón para ela hoxe solucións propias da etapa medieval ou, no caso de non habelas, do portugués actual.

Non comparto as teses reintegracionistas porque considero que o galego actual é o resultado e a consecuencia da vida e do uso das xeracións que nos precederon. Como herdeira desas xeracións o meu deber é recoller o seu legado e, na medida das miñas posibilidades, melloralo. O que de ningún xeito podo facer é desprezar ese legado e pretender volver –lingüisticamente- a unha etapa pasada.

Considerar que o galego actual ten que buscar as solucións en si non implica desprezar o portugués. Todo o contrario, o portugués ten que ser a lingua primeira á que debamos acudir para buscar solucións lingüísticas que non atopamos na casa.

De tódolos xeitos, quixera deixar constancia de que a miña asunción das solucións da normativa oficial para o galego identificado ten moito de militancia disciplinada: apóioas e deféndoas porque me parecen as mellores para a situación actual do galego, pero non son estas as que ideoloxicamente me parecen mellores, sobre todo no tocante á ortografía. Eu son partidaria de solucións foneticistas: eliminar o h, a distinción entre b/v, g-gu, c-z e c, qu, etc. Así eliminariamos de vez esa distinción clasista entre quen escribe con faltas e quen o fai sen elas, universalizariamos a escrita correcta e poderiamos dedicarlles no sistema escolar moito máis tempo a aspectos autenticamente relevantes da lingua: aprender a redactar con corrección, ler comprensivamente, etc. Conste que estas consideracións non as fago influídas polas palabras de Gabriel García Márquez, senón que me declaro seguidora de Aurelio Ribalta, foneticista galego que na porta da súa consulta de Madrid tiña escrito ‘petade kos kotenos’ e a veciñanza pensaba que era grego.

Considera que o reintegracionismo emprega acusacións falsas para desacreditar a norma vixente para o galego?

Dende a perspectiva científica en que me movo non considero axeitado o uso da palabra acusacións. Dito isto, coido que nos argumentos usados para descualificar a normativa oficial se empregaron moitas medias verdades, algunha falsidade e moita demagoxia.

Que lle parece a creación da chamada Academia Galega da Língua Portuguesa?

Nesta democracia imperfecta en que vivimos, un dos dereitos fundamentais é o de asociación. A creación desa Academia paréceme un lexítimo exercicio dese dereito.

O galego é unha variante do portugués?

Dende unha perspectiva diacrónica o portugués deriva do galego. Sincronicamente o galego e portugués son dúas linguas diferentes, aínda que lingüisticamente moi próximas.

Ata que punto pode ser perigoso ter dúas normas para o noso idioma? Cre que o reintegracionismo pode ser un factor que incida negativamente na normalización do galego?

Vou iniciar a resposta facendo referencia a un feito moi distanciado no tempo. Na Revista de Galicia editada na Coruña no 1880 recriminóuselle a un colaborador que no escribise en galego sobre o galego. A resposta deixou sen réplica ó reclamante: mentres non houbese en galego unha norma que establecese a maneira correcta de escribir en galego prefería facelo en castelán. ¡E daquela só estaba en cuestión se a forma correcta era d’o, do, de o ou d-o!

Cando unha lingua está nunha situación de ‘anormalidade’ e de inferioridade social, cando a súa supervivencia pasa por manter a lealdade dos seus falantes e por captar usuarios que por condicionantes sociais desertaron dela, a existencia de dúas normas só vai servir para asentar o seu desprestixio social e potenciar o seu abandono.

Unha lingua normalizada, con prestixio social e co respaldo dun ou varios estados, pódese permitir dúas ou máis normas sen que iso inflúa nas súas posibilidades de supervivencia. E quero lembrar aquí que ata o momento para o portugués funcionan dúas normas, a de Portugal e a do Brasil. E unha das últimas entregas de Harry Potter tivo tres versións, a de España, a da Arxentina e a de México.

As diferenzas entre a fonética galega e a fonética portuguesa son determinantes para consideralas linguas independentes?

Non. Tan importantes como as diferenzas fonéticas son as morfolóxicas, as sintácticas, as léxicas e as semánticas. O que fai que o portugués non sexa comprendido polo común dos galegos e galegas non é a ausencia de sonoras nin de vogais nasais nin a presenza do ene velar…., senón iso xunto coas outras solucións diverxentes.

[Ata aquí a primeira parte da entrevista. Na segunda parte, que será publicada mañá, Carme Hermida dará o seu punto de vista sobre algunhas cuestións que suscitan algunha polémica arredor da fonética galega]

12 comments Novembro 21st, 2008


AVISOS

Últimos comentarios

E ti que galego falas na escala de alema? aquí

Mini-chat

Latest on Mon, 00:28

aita: hai alguén aquí? teño unha dúbida: cando se usa 'ó' e cando 'ao'

magnummare: ... un que funcione, porque xa vexo que o teu no vai moi ben... XD XD

magnummare: Señor alema!! com introduciu iso que ten ai de "este blog en portugues automatico"? grasias de antebraso!! :P

Yuji: Obrigado Aloquete. Vou colocar na minha lista pra quando pedir livros galegos! :) Ah sim, e achei um artigo seu sobre literatura galega em Portugal, [...]

Aloquete: Yuji, um romance magnífico é PAPAVENTOS, de Xavier Queipo. Cosmopolita, mas galego de cima a baixo.

» Escribe algo



Featured Advertiser

Artigos recentes

 

Categorí­as

Tags

Meta