Contra a teima de ler ‘i’ a conxunción ‘e’
Estase poñendo de moda en certos círculos unha movida que non me mola nada, nada. Pronunciar coma se fose un “i” a conxunción “e”… A única pronuncia correcta nese caso é “e” e cun e aberto coma un mundo, e en absoluto un “i” pechado aportuguesado ou castelanizado, porque vai ti saber de onde quitaron a moda agora de dicir ese “i” que non vén a nada… Son consciente de que é posible chegar a pronunciar algo parecido a “i” cando hai unha vogal despois, pero máis ca o típico i é o que se chama unha semiconsoante (a semiconsoante /j/), de tal forma que “e eu tamén” pode pronunciarse /ɛ ew ta’mɛŋ/ ou /jew ta’mɛŋ/ pero nunca /i ew ta’mɛŋ/.
O caso é que non vexo motivo ningún para renunciarmos a ese trazo fonético tan típico galego como é pronunciar coma “e” a conxunción “e”. Hai detrás disto un intento forzado por achegarnos á lusofonía? Recordemos que o portugués si que escribe “e” pero le “i” en todos os casos. Non ven o artificial que é dicir por exemplo “i logo!” en vez de “e logo!”? Os portugueses, por certo, xa non empregan ese xiro. Sempre dirían “E então?” (lido /i ẽ‘tãw/) con ese sotaque tan fermoso.
Non se decatan? Eliminar ese “e” é matar unha parte esencial da fonética galega! Please stop the madness! Pregúntome que opinará disto a AGLP… Haberá nisto consenso no seo do reintegracionismo?
29 comments Novembro 13th, 2008


