Cuestións polémicas do día a día:
‘papagaio’ vs. ‘loro’
‘cogomelo’ vs. ‘champiñón’
Hai dúas palabras que, para decepción dunha amiga que teño, non existen nos dicionarios de galego (en ningunha das súas variantes): unha é ‘loro‘ e a outra ‘champiñón‘ *. E non lle vale de nada que lle diga que teoricamente esas dúas palabras non son galegas, que para iso xa están ‘papagaio’ e ‘cogomelo’. Ela turra. Di que non é o mesmo un ‘champiñón‘ ca un ‘cogomelo’ nin tampouco é igual un ‘loro‘ ca un ‘papagaio’. E se cadra, a miña amiga ten razón.
Estudando a cuestión polo miúdo descubro que, efectivamente, en castelán non é o mesmo unha ‘seta‘ (un cogomelo común) ca un ‘champiñón‘ (unha variedade concreta de cogomelo pequeno). E tendo en conta que champiñón ven do francés ‘champignon‘… por que nós non podemos admitir esa palabra como galega sendo como é un galicismo que nos chega desde o castelán? Quero dicir… o galego non gaña en precisión sabendo distinguir entre cogomelos e champiñóns? Estou pensando sobre todo nas cartas dos restaurantes…
Do outro lado está o ‘loro‘. Supostamente, un loro é un tipo de papagaio con plumas vermellas. Ademais, a palabra ‘loro‘, segundo a RAE, vén da voz caribeña ‘roro‘… É dicir, nin sequera é estritamente un termo nacido en Castela. Non gañaría o galego en precisión distinguindo entre ‘loros‘ e ‘papagaios’? Aos de Pontevedra seguro que lles molaría, por exemplo, seguir festexando co visto e prace académico o loro Ravachol en vez do papagaio Ravachol, que é como recomendaría a RAG (e a AGAL, AGLP e derivados, intúo).
Hai máis casos coma estes do loro e do champiñón, estou seguro. E entendo que se lles poña freo a estas palabras por consideralas foráneas. O que sucede é que tamén comprendo a aqueles, coma a miña amiga, que defenden a súa inclusión no idioma precisamente para sacarlle maior proveito ao noso bilingüismo co castelán.
Analizádeo con asepsia: e logo non sacamos partido da precisión de moitos termos en inglés que aínda non teñen aquí equivalente? Pensádeo friamente. Por que está mal dicir “comín champiñóns” ou “comprei un loro” e non “gañou moitos cartos coas stock options” ou “traballo nunha empresa especializada en software“?
—————————————
* FE DE ERROS No artigo dise erroneamente que “champiñón” non figura nos dicionarios de galego e non é tal. O VOLGA admite esa palabra como correcta. Onde non aparece a palabra “champinhom” é no dicionario Estraviz. Tampouco os dicionarios de portugués inclúen “champinhom”.
42 comments Novembro 3rd, 2008


