Principal periódico reintegracionista redacta titulares ‘à moda espanhola’
O ‘Novas da Galiza’, o principal periódico escrito en norma(s) reintegracionista(s) inclúe unha chea de titulares redactados ao estilo español internacional de España. Esta publicación, dispoñible para subscritores por só 24 euros ao ano, non emprega de forma sistemática o modo de titular típico da lusofonía, consistente en resumir dun xeito telegráfico o esencial da información, sen incluír partes “prescindibles” como artigos ou mesmo algunhas preposicións. Un escándalo con maiúsculas!
Explícoo con exemplos. Na portada do último ‘Novas da Galiza’ dispoñible na internet, o principal titular é o seguinte: “O BNG fortalece o seu tecido empresarial utilizando o poder das conselharias”. Pois ben, este tipo de titulares son altamente incompatibles co estilo lusófono, que optaría pola solución “BNG fortalece tecido empresarial utilizando poder das conselharias”. O mesmo acontece co subtitular.
Outro titular ao chou, xa en páxinas interiores, di: “O projecto de lei de serviços sociais abre portas à gestom privada das prestaçons”. Outro claro exemplo de titular redactado à moda espanhola. O seu equivalente sería: “Projecto de lei de serviços sociais abre portas a gestom privada”.
Noutras noticias que aparecen no periódico, nótase o esforzo por redactar correctamente os titulares, aínda que falta decisión á hora de suprimir artigos ou partículas que a lusofonía considera innecesarias.
Este tipo de redacción españolizante repítese insistentemente polas páxinas do periódico e, por ese motivo, véxome na obriga de suxerirlles aos responsables de ‘Novas da Galiza’ que en futuros números teñan en consideración estas observacións.
18 comments Outubro 29th, 2008




