‘Vai-te foder!’ vs. ‘Que te jodan!’
Sempre me sorprendeu o modo en que os portugueses o mandan a un a tomar polo cu. “Vai-te foder!”, din. E non me deixa de parecer curioso. Teoricamente, cando lle desexas mal a alguén non lle desexas que practique sexo, algo teoricamente pracenteiro. O que fan normalmente os españois é máis duro, pois invitan a algo que supostamente fai máis dano: un ‘Que te jodan!’ implica dano forzosamente, posto que ‘joder’ equivale a ‘fastidiar’.
O que está claro tamén é que son varias as linguas que recorren ao sexo anal para maldicir a alguén. Nós temos o “que che dean polo cu” ou “vai tomar polo cu”, que en portugués se di “vai tomar no cu” (coa preposición ‘en’ e non ‘por’), tal e como nos recordou a cantante brasileira Cris Nicolotti o verán pasado.
Logo xurdiron unha rea de eufemismos para non citar a palabra “cu” e maldicir do mesmo xeito: “vai tomar vento”, “vai tomar por aí” ou o popularizado por lurinha “vai tomar por onde se empezan os cestos”.
E falando de cus, atención a esta definición que aparece no Estraviz.
Ser um cu aberto: ter por costume deixar as portas abertas.
É ben sabelo porque así de primeiras, para que non coñeza a expresión esa… non sei… máis ben parece algo sacado do guión dunha película X. E, xa saben, eu sonlles de cidade…
48 comments Outubro 28th, 2008


