Chuza!, ferida de morte?
Asisto con impotencia e bastante pena ao declive do que para min era un dos inventos máis guais que hai na rede. Chuza! é a miña terra (alí foi onde naceu alema) e é por iso que me doe máis no que se converteu. Nun principio, era un lugar máis para compartir e promover noticias, pero a cousa derivou nun cúmulo de despropósitos que escorrenta a calquera minimamente moderado e non só iso: tamén proxecta por veces unha imaxe nefasta da rede galega.

Para triunfar en Chuza! non se necesita moito: temas lingüísticos (a ser posible favorables ao reintegracionismo) e políticos (case sempre as ideas que defenden grupos nada representativos da sociedade galega ou directamente soberanistas) aderezados de certas doses de lercheo-que-non-ofenda (menos mal) e obviamente nada que poida cheirar de lonxe ao que algúns cualifican de “españolismo” (como comentar a operación de fociño da Letizia). Chega un tempiño relativamente curto para percibir cales son as noticias que son do gusto do “público” chuceiro… Fóra da “liña editorial predominante”, as posibilidades de éxito son poucas.
Este panorama pouco plural en Chuza! está provocando que nos últimos tempos sexan bastantes os usuarios que deixan de pasar por alí… A xente cunha mínima moderación acaba sentíndose excluída do invento ou, mellor dito, non se ve representada nel, o que é aínda peor. As noticias vótanse case sempre non en función do seu interese senón de quen as envía, hai grupos clarísimos de poder que funcionan coordinadamente e os temas repítense unha e outra vez.
Pois iso mesmo é o que ve a xente que entra en Chuza! Unha comunidade cada vez máis radicalizada, máis batasunizada, máis reitegrata pero en plan chungo,… en fin. Que a única rede social de promoción de noticias en galego reflicte tamén unha imaxe bastante distorsionada do idioma e ata do país. Ou é que todos os internautas galegofalantes responden ao perfil prototípico chuceiro? Disque non hai peor cousa para a normalización dun idioma que asocialo a unha ideoloxía determinada… imaxinen os efectos que pode traer por riba que esa ideoloxía sexa radical e sectaria..
Estou de acordo con Cesare e con outros que xa nin perden o tempo en dar explicacións. Grupos e ideoloxías extremadamente minoritarios encontraron en Chuza! unha ferramenta ideal para expoñerse, inconscientes se cadra dun risco importante: a falta de pluralidade acabará por facer pouco atractivo o invento, a xente deixará de usalo como referencia e cada vez será máis difícil que novos usuarios se sumen ao carro…
Non sei. O único que espero é que a deriva dos últimos meses acabe reconducíndose polo ben de todos. Oxalá Chuza! volva aos tempos do bo rollito que había cando eu nacín alí. Oxalá Chuza! consiga ser un referente de verdade dunha sociedade diversa que non enterra con tópicos este idioma.
——————————————————————————
PD: E moito ollo porque o virus parece que se estende tamén a Vieiros.
33 comments Outubro 27th, 2008


