O castelán en certa publicidade pode chegar a ser contraproducente?
O outro día vin na tele que Coren sacou unha nova campaña para publicitar xamóns ao estilo ‘Central Lechera Asturiana‘. Si, eses que fan dos gandeiros os protagonistas dos spots, entre outras cousas, para gañar a empatía do consumidor. O que pasa é que Coren o que fixo foi gravar catro anuncios: tres deles en castelán e un cuarto en galego. E postos a vender “autenticidade”, cal dos catro pode resultar máis auténtico?
Os catro anuncios, segundo se explica na web de Coren, teñen tres televisións destinatarias: TVG, Antena 3 e TVE. E sospeito que a versión galega aparece exclusivamente na TVG porque o outro día vin unha das versións en castelán nas desconexións publicitarias para Galicia que fai Antena 3. E moito me temo que en TVE acontece o mesmo: é ben posible que a empresa ourensá contratase os anuncios só para a desconexión galega.
E digo eu… Se do que se trata é de gañar a empatía do consumidor e se estes anuncios se emiten en desconexión autonómica… Por que se aposta máis polo castelán ca polo galego? Cren realmente os creativos destes anuncios que saen “naturais” e “auténticos” os granxeiros así? Ou pode acontecer todo o contrario? Quero dicir, que á xente lle pareza forzado o uso do castelán neste caso en concreto…
Non sei. O caso é que o outro día lin que na TVG os anuncios en galego supoñen xa máis do 50% dos emitidos… pero de cando en vez aparecen estes episodios que a min me parecen un pouco “pintorescos”. O lóxico sería que Coren (ou debería de ser ‘Couren’
?) fixese a aposta contraria, ao meu modesto entender. Facer tres anuncios en galego e un en castelán por se algún día se decide a emitir os spots fóra do país. Se o destino da campaña é o público galego, creo que o obxectivo de “proximidade” ou “empatía” non se alcanza nesta campaña.
14 comments Outubro 26th, 2008


