Martinho Monte(i)ro tira abaixo mitos reintegratas nunha entrevista na TVG
Non. Hoxe non lle vou dar caña ao señor Martinho Monte(i)ro Santalha, presidente da Academia Galega da Língua Portuguesa, polo seu xeito de falar. Empezaría a ser repetitivo se digo que o máximo representante dos reintegratas non sabe falar en reintegrata (na súa entrevista na TVG, empregou palabras tan pouco reintegratas como “denominación”, “dicir”, “dificultades”, “cambios, “gracias”, “presión”, “dice”… ata dixo “academia” en vez de “academía” algunha vez).
Si que me gustaría destacar, pola contra, algunhas das cousas que dixo nos algo máis de 10 minutos que lle dedicaron, cousas que ao meu entender entran algo en contradición co ideario reintegracionista.
Sobre todo dúas:
1) Cando lle preguntan os xornalistas pola fonética, o presidente da AGLP asegura que a nivel fonético “non hai que cambiar tanto porque en xeral é bastante correcta”. Isto é ben oposto ao que se nos vendeu ultimamente: penso sobre todo na cuestión do “yeísmo”, pecado mortal para algúns reintegratas, ou no seseo, cuestión que o reintegracionismo segue sen resolver (aínda que polo uso do ceceo do señor Monte(i)ro é de entender que podemos continuar ceceando libremente). Pero quedemos co importante: a fonética dos galegos é “bastante correcta”. Recálcoo para que nos nos colla nada de sorpresa cando a súa academia comece a establecer normas, que as acabará establecendo (ou iso se supón, vaia). Recordemos que non é a mesma fonética tampouco a dun reintegrata de nivel 7 da escala de alema que o dun de nivel 9 ou 10…
2) Cando lle preguntan os xornalistas a Monte(i)ro por se poden xerar confusión os cambios ortográficos, vén a resposta que máis me chamou a atención. Di o presidente da AGLP que os cambios que houbo na normativa (da RAG, sobreenténdese) non foron para tanto, e que se “esaxera” cando se di que foron moitos. Pois isto tampouco é o que nos di o reintegracionismo. A mensaxe que se reiterou nos últimos tempos é que a normativa da RAG é unha trapallada suxeita a moitas alteracións. En que quedamos? Aí o señor Monte(i)ro máis ben parecía un académico da RAG e non da AGLP.
Polo demais, máis do mesmo… poucas novidades nunha entrevista que culminou con Monte(i)ro recoñecendo que as autoridades políticas do noso país (neste caso, a Dirección Xeral de Política Lingüística) teñen que cumprir “as leis”. Non sei se entender logo que o señor Monte(i)ro comprende que as institucións públicas galegas acatan a lei cando non outorgan subvencións, por exemplo, a medios ou entidades que non empregan a norma ILG-RAG… É certo. E agora que o penso… Por que non haberá ningún grupo político que defenda no Parlamento a admisión dunha normativa diferente á oficial? Se a cousa fose tan “vital” para o noso idioma, por que ninguén lle botou valentía e presentou unha iniciativa no Parlamento?
16 comments Outubro 20th, 2008



