Renunciarían os reintegratas á súa ortografía se así llelo pedisen os galegos?
Fagamos un exercicio de ciencia-ficción. Imaxinemos por un momento que as loitas normativistas, de momento circunscritas sobre todo á Internet, acaban por chegar ata a sociedade en xeral… E imaxinemos tamén que se poñen enriba da mesa, ante a opinión pública, argumentos a favor e en contra do independentismo (os que defendemos a independencia da lingua galega) e do reintegracionismo (os que defenden a súa condición de dialecto do portugués)… E que, cunha sociedade plenamente informada, acaba por convocarse unha consulta popular para que a sociedade galega se pronuncie. Credes que os galegos tirarían polo rollo reintegrata? E, sobre todo… Acataría o reintegracionismo un hipotético “non” á súa ortografía? Ou continuaría turrando á marxe dos galegos?
Unha tendencia crecente do reintegracionismo é a de deslexitimar as institucións que crearon e que acatan e/ou promoven a ortografía ILG-RAG… E, xa vedes, ata evito dicir ortografía “oficial” para non caer na trampa dos que negan a validez da escrita do galego estándar. Para eles, non abonda que a práctica totalidade dos nosos representantes políticos (de esquerdas, de centro e de dereitas) apoien unha lingua independente do portugués… Se cadra sería preciso que o pobo falase tamén?
E se o pobo falase expresamente sobre a cuestión? Acatarían o seu ditame? Ou sempre habería un argumento para promover a división entre os galegofalantes, co dano que lle fai iso á lingua galega? Porque se hai algo no que podemos estar de acordo é que a existencia de varias normas en conflito para un mesmo idioma o único que fai é crear máis e máis atrancos para a supervivencia, recoñecemento e normalización desa mesma lingua… Ou se cadra non, quen sabe…
O certo é que volvo preguntarme en alto. Pode un modelo de lingua (neste caso, o reintegracionismo) actuar e seguir actuando á marxe da vontade dos propios falantes, do propio pobo galego? En caso de que o pobo galego dixese claramente un “non” ás propostas reintegratas, desmantelarían a Academia Galega da Língua Portuguesa e similares ou continuarían as actividades “subversivas”, contra o poder establecido? É o reintegracionismo un “non” polo “non”?
Eu, desde logo, téñoo claro. Eu, se houbese unha consulta popular, e a maioría da cidadanía do meu país dixese que si que quere o reintegracionismo, non o dubidaría un instante: buliría para escribir todo con ortografía lusófona. A pesar de estar en contra, acataría, aceptaría o resultado da maioría só para que a miña lingua non estivese toda a vida con modelos ortográficos contrapostos e enfrontados. Faría o mesmo o reintegracionismo?
Sinceramente, eu creo que non. Ao reintegracionismo non lle bastaría nunca a opinión da maioría, sempre habería algún condicionante externo, sempre habería un “lavado de cerebro” ou un “pucheirazo“, sempre aparecería unha escusa para ir contra a corrente… É o reintegracionismo un movemento que irremediablemente irá sempre de costas á sociedade, aos que manteñen vivo este idioma?
Ti que opinas…?
20 comments Outubro 18th, 2008


