Días de mocos e macacos
Agora que estamos todos ou case todos con catarro espeso e porcalladas desas (a este tempo non hai quen o entenda), é hora de sacar á luz unha palabra portuguesa super-mega-fixe: macaco. E non, hoxe non toca facer a mona, non… Toca falar das bóliñas de caca que se nos forman no nariz e que case todo o mundo aproveita para quitar na soidade do tráfico urbano (flipade porque o acto de andar escarvando no nariz merece un artigo completo na wikipedia). O que xa non sei moi ben é como carallo deberiamos de dicilo nós en galego…
![]()
O que se me ocorre a priori como sinónimo de macaco é o simplista “caca do nariz”, aínda que estou seguro que hai por aí moitas palabras coloquiais galegas para nomear o asunto. Se os portugueses “tiram macacos do nariz“… nós como é que debemos facer logo? Pois “sacar cacolas“, outra palabra que se me ocorre así, improvisando.
Por certo, aquí falamos de “mocos” pero alá abaixo o dos “mucos“ (eles trocan o o polo u) é algo demasiado científico se cadra. Eles aos mocos chámanlle “ranho“, que tamén é unha palabra mogollón de fixe pero que aquí nos soa a outra cousa (parécenos difícil en principio que poida saír un raño do nariz
).
Onde estamos de acordo galegos e portugueses é que en caso do moito moco/ranho o que hai que facer é asoarse (e non *sonarse) ou assoar-se (con dous eses e con guión) en portugués internacional de Portugal.
E unha última cousa, para os máis especialistas… Sacar cacas do nariz compulsivamente ten un nome: rinotillexomanía. Pero que ninguén se asuste. Disque é normal meter o dedo no nariz unhas catro veces ao día. Máis xa é vicio.

33 comments Outubro 14th, 2008


