Só un inciso para recordar que tal día coma hoxe, pero hai exactamente 150 anos, casaban en Madrid, na igrexa de San Ildefonso, os nosos amigos Rosalía de Castro e Manuel Murguía. Pois nada, meus! Que sexan outros 150 máis!

Outubro 10th, 2008
Os galegos somos únicos, sen dúbida. Non temos un único modelo de lingua, aínda que deberiamos… máis que nada para darlle credibilidade ao conto, pero vaia… O caso é que non. Que temos un país de filólogos onde cada un escribe e fala o que lle peta coa máxima autoridade que lle concede a un ser… un mesmo. Eu e as miñas circunstancias. Velaquí unha escala de gradación de 0 a 10, poñendo no 0 o máximo castelán e nun 10 o máximo portugués. Dúas linguas que tiran polo galego… ata rompelo se cadra?
0) Castelán con moito, moito galego (o verdadeiro “castrapo”). Os usuarios desta variedade de galego falan un castelán tan inzado de galeguismos que ben merece a categoría 0 na escala de alema. Algo de galego ten que ter dicir constantemente: “no doy hecho“, “me cogió en el colo“, “voy cantar una gallegada“ e cousas desas.
(1) Galego urbano con fonética pésima. É un galego que pode pasar por correcto pero que xeralmente patina con descaro na lingua oral. É o galego dos que non falan con enes velares, os que non distinguen entre vogais abertas e pechadas, os que non saben pronunciar o noso x… Un pouco pigho ou relambido, vaia. É a categoría 1 na escala de alema.
(2) Galego con palabras soltas do castelán (ou galego “chapurrado”). O galego de categoría 2 na escala de alema é o galego da xente normal, da rúa, dos que están á marxe das loitas normativistas, dos que non van de filólogos pola vida. Impórtalles un carallo que lles digan que non falan unha lingua “pura” e non se cren menos galegos por dicir “pueblo“, “abuelo“… ou mesmo “ghueves” e “ghuevos“, por que non?
(3) RAG de estilo libre. Os usuarios do galego categoría 3 na escala de alema son conscientes de que hai unha norma oficial pero tampouco se paran nas excepcións das excepcións á regra. Esfórzanse por ser o máis correctos posibles pero tampouco se matan ou montan un drama cando cometen un erro lingüístico. Din “nembargantes”, “a partires”, “sinceiro”, “urbán” e adoitan ser un pouco preguiceiros.
(4) RAG menos mínimos. Son os que dominan a norma da RAG pero que se negan a incorporar os últimos cambios aprobados en 2003. Non entenden o de “grazas” e resístense a aplicar as fórmulas que agora son preferentes na norma. É dicir, manteñen a segunda forma do artigo (”canta-la canción”) e continúan escribindo ‘ó’ en vez de ‘ao’. Os galegofalantes da categoría 4 na escala de alema resístense aos cambios que eles consideran “lusistas”.
(5) Puristas da RAG. Entenden que a norma RAG é a que hai que seguir en todos os casos e procuran cinguirse a ela. Posiblemente haxa cousas coas que non estean de acordo, pero entenden tamén que o debate arredor das normas deixa o galego nunha mala posición. Os usuarios da categoría 5 na escala de alema, a do medio da clasificación, adoitan ser tamén bastante pesados e repugnantiños (ou repunantiños
).
(6) Mínimos-máximos. Son os que quedaron descolgados do acordo, da “concordia” de 2003. Non defenden unha ortografía portuguesa pero seguen discrepando da acentuación (escriben “memória” en vez de “memoria”) e utilizan un guión para separar verbos e pronomes tipo “vou-no facer”. Eses son os trazos máis distintivos dos galegofalantes da categoría 6 na escala de alema.
(7) Reintegratas fixe. A partir da categoría 7, empezan os distintos niveis de reintegracionismo. Cruzamos a fronteira entre ñ e nh, entre l e lh… Os do primeiro nivel son os que presentan a cara máis guai do reintegracionismo. Escriben “cançom“ (máis que “canção“) pero len “canción” ou como moito “canzón“ pero tampouco queren afastarse de todo do galego “normal” por dicilo así. Empregan sempre que poden palabras galegas e prefiren fuxir da incorporación masiva (maciça) de palabras portuguesas.
(8) Reintegratas de estilo libre. Os usuarios da categoría 8 están un pouco perdidos ao non existir unha norma clara no reintegracionismo e optan pola improvisación ou por unha adaptación persoal do asunto. Hainos que escriben “ũa” en vez de “umha” ou “uma” e “ò” en vez de “ao“.
(9) Reintegratas integristas. Estes usuarios tenden a ver castelán por todos os lugares e pretenden eliminalo do galego right now. Sesean porque consideran o ceceo un legado do español, escriben procurando introducir palabras e expresións portuguesas, aínda que non sexan de uso corrente a este lado da fronteira, e son os que empregan unha variante do reintegracionismo máis artificial para a maioría.
(10) Portugués. Para os últimos na escala de alema, non hai diferenza ningunha entre galego e portugués e o único destino que lle queda ao galego é adaptarse ao portugués padrão (oral e escrito) e deixarse de caralladas. Son os que opinan, por exemplo, que a norma AGAL é “portunhol 2“. Son dos que din que aquí se fala “português da Galiza” e creno de verdade, é dicir, detrás deles non hai ningún obxectivo de marketing.
Bueno, agora toca que vos definades vós. Abro unha enquisa e os comentarios para que vos pronunciedes. Son consciente de que todos somos dunha categoría ou doutra en función das circunstancias ou mesmo é posible que non nos sintamos plenamente identificados cunha categoría en concreto, pero vaia… intentei facer un esforzo de síntese e gradación para describir o problemón que temos con este idioma.

Loading ...
Outubro 10th, 2008