Como sentará en Arzúa que digan que son de ‘Arçua’?
En Arzúa non sesean case. Desde logo non teñen o fenómeno do seseo total… é dicir, pronuncian con normalidade o fonema /θ/ de zapato. E fano empezando polo nome da súa vila. Din Arzúa, cun z coma un mundo… Pero atención! O topónimo non é así no “portugués da Galiza”, denominación de moda para referirse ao reintegrata. É “Arçua”. E unha de dúas: ou obrigamos a sesear a todos os arzuáns ou creamos a primeira c cedilha do mundo que se le coma un z.
![]()
A cedilla emprégase en portugués, catalán e francés para representar o fonema /s/. Así que, forzosamente, os que escriben Arçua terían que pronunciar “Arsúa”. Outros, os do portugués da Galiza fixe, os que son máis “permisivos” coa pronuncia orixinaria galega, non terían inconveniente en escribir Arçua e ler “Arzúa”, pero crearían inmediatamente un fenómeno lingüístico único: ler unha letra cun fonema para o que esa letra non estaba “deseñada” orixinalmente. O albanés e o turco empregan a cedilla para ler “ts”, igual que fixeron en orixe portugués, catalán, castelán e francés, que acabaron por pronunciar a cedilla como “s”. Pero non hai ningunha lingua no mundo que escriba ç e lea /θ/. Ningunha, salvo o portugués da Galiza fixe.
O curioso do caso é que a cedilla é un invento castelán, mira ti. O nome da letra (cedilla), indiscutiblemente, é xa un castelanismo en si mesmo, pero é que todo apunta a que foi a lingua castelá a primeira que empezou a grafar coa letra ç e que logo o fenómeno empezou a estenderse polas linguas veciñas. Así pois, o espírito (maligno, of course) do castelán está presente no portugués nunha letra que o propio español acabou por abandonar por vela pouco útil. O que é a vida. O castelán pasa do ç inventado por el e o portugués (o de verdade e o da Galiza fixe) aférrase a el como algo sinal de identidade irrenunciable. En fin…
85 comments Outubro 9th, 2008


