Segue o escándalo: reintegracionistas recoñecen en privado o baixo nivel lingüístico do presidente da AGPL
Lonxe de remitir, continúa o escándalo denunciado por este blog sobre o mal que fala en reintegrata o presidente da Academia Galega da Língua Portuguesa. Destacados reintegracionistas recoñecen en privado as “patadas” lingüísticas cometidas por José-Martinho Monte(i)ro nas súas intervencións ante a prensa. É máis: nos foros da AGAL hai quen pensa que a análise feita onte por alema quedou curta e que o presidente da nova academia mete máis gambas ca as denunciadas por este blog.

Isto é, por exemplo, o que escribe Venâncio nos foros da AGAL:
Uma pergunta inocentíssima. Qual é o presidente duma ACADEMIA GALEGA que se exprime assim? Dou uma ajudinha: não é o da RAG.
«A idea procede do professor Carvalho Calero»,
«mas tamém na práctica»,
«com respecto à introducción de léxico novo»,
«despois morreu»,
«um pouco como em hibernación»,
«as perspectivas de futuro»,
«hai alguns meses»,
«crear as condiciós sobretodo de carácter económico»,
«a organización da Academia»,
«o momento actual»,
«pero é a mesma língua»,
«solidário de essa concepción linguística»,
«ainda que poda»,
«moi silenciosa»,
«gente que ao melhor considera»,
«nesses aspectos concretos sempre pode haver diferências»,
«que tamén nos interessa moito»,
«a GALICIA é umha parte»,
«hai umha gran desinformación»,
«a conservación da ortografia»,
«as reacciós em geral»,
«non hai moito que fazer».Nota. Eu acho perfeito que o Presidente dessa Academia Galega se exprima assim. Mais: reconheço aí, apesar de tudo, a minha língua. O que detesto é que tentem enganar-me.
O mesmo usuario dos foros da AGAL comenta pouco despois a conveniencia de usar o futuro do subxuntivo ou non nunha frase concreta pronunciada polo presidente da AGLP, pero deixa claro que é maior listaxe de erros sinalados por este blogueiro, e que esa listaxe mesmo inclúe o uso do topónimo-pecado-mortal “Galicia”. E iso que o Venâncio non para a analizar cuestións fonéticas, coma o ceceo de Monte(i)ro.
Con todo, este xeito de expresarse do presidente da AGLP podería formar parte dunha “estratexia” da propia Academia. Fíxense o que comenta Venâncio no mesmo foro:
A Academia Galega prepara uma diglossia: escreve-se duma maneira e pronuncia-se doutra. Há dois consistentes sistemas de referência: um escrito, outro oral. Não dou pormenores. Há aqui pelo fórum interessantíssimos exemplos. Lembro só um: vai escrever-se fi-lo e ler-se figem-no. Sobre as implicações pedagógicas do empreendimento, vou silenciar.
O que vén a dicir o Venâncio é que o reintegracionismo “permitiría” que a xente falase en galego non reintegrata (se cadra para captar un maior número de “adeptos”) pero que á hora de escribir habería que empregar a norma portuguesa. O exemplo non pode ser máis claro: escribir fi-lo para ler figem-no (ou “fíxeno” en versión galego RAG).
Conscientes dos receos que as súas propostas para o galego oral poden suscitar entre a cidadanía, o reintegracionismo estaría disposto a pasar por alto moitas cousas que no pasado criticaba con dureza da norma RAG. O que se pretende é implantar primeiro unha norma escrita portuguesa para nunha segunda fase, a medio ou longo prazo, ir eliminando trazos fonéticos que o propio reintegracionismo considera impropios do galego.
Ou sexa, “vender” unha cara amable do movemento reintegrata para gañar adeptos e despois ir quitando pouco a pouco as “impurezas” do galego oral moderno para aproximalo máis á lusofonía.
Con todo, esta estratexia non sería compartida por todo o movemento reintegracionista, pois hai moitos “activistas” que opinan que non se pode implantar unha norma escrita separada dos consecuentes cambios fonéticos. Estes sectores son os que máis critican en privado as “patadas” do señor Monte(i)ro.
16 comments Outubro 8th, 2008


